Saltar la navegación

Outras aplicacións das pirámides: as afiliacións á SS

A pirámide é un tipo de representación gráfica que  se emprega fundamentalmente para representar a estrutura por xénero ou idade dunha poboación.

Podemos empregar a pirámide para representar outros datos que non sexan "estritamente" as cifras poboacionais de un territorio?

Neste apartado e no seguinte trataremos de ver un par de aplicacións, que ademais se poden replicar no caso do concello posto que a fonte dos datos proporciona datos a nivel municipal.

Afiliacións á Seguridade Social

A afiliación ao Sistema da Seguridade Social é obrigatoria para todas as persoas incluídas no campo de aplicación da Seguridade Social e única para toda a vida do traballador e para todo o sistema, sen prexuízo das baixas, altas e demais variacións que con posterioridade á afiliación poidan producirse. É dicir, o traballador afíliase cando comeza a súa vida laboral e dase de alta nalgún dos réximes do Sistema da Seguridade Social. Esta situación denomínase alta inicial. Se cesa na súa actividade será dado de baixa pero seguirá afiliado en situación de baixa laboral. Se retoma a actividade producirase unha alta denominada alta sucesiva a efectos estatísticos, pero non terá que afiliarse novamente, dado que, como xa se indicou, a afiliación é única para toda a vida do traballador.

Na páxina web do IGE difúndense con periodicidade trimestral datos das afiliacións en alta laboral segundo o concello de residencia do afiliado. Ademais, estes datos proporciónanse por sexo e grupos quinquenais de idade, o que nos vai permitir representalos nunha pirámide.

Na seguinte táboa aparecen os datos das afiliacións en alta laboral en Galicia por sexo e grupos quinquenais de idade correspondentes ao último día do mes de decembro de 2013, que podes descargar tamén na seguinte ligazón:

Afiliacións á SS por sexo e grupos quinquenais de idade. Galicia. Ano 2013

Podemos representar estos datos nunha pirámide empregando a aplicación dispoñible na páxina web do IGE, para o que teriamos que ter unha táboa como a que aparece na seguinte ligazón.

Estudo de caso

A partir dos datos anteriores constrúe nunha folla de cálculo a pirámide das afiliacións á Seguridade Social en alta laboral de Galicia correspondentes a decembro de 2013 e trata de responder ás seguintes preguntas:

  1. A quen corresponde unha maior porcentaxe de afiliacións? Aos homes ou ás mulleres? A situación é similar en todos os grupos de idade?

  2. Cal é a porcentaxe de afiliacións de menores de 30 anos?

  3. E a de maiores de 55 anos?
  4. Cal é o grupo de idade no que hai unha maior porcentaxe de afiliacións?

Cal é a pirámide das afiliacións no teu concello?

No seguinte formulario podes consultar os datos das afiliacións á Seguridade Social segundo o concello de residencia do afiliado por sexo e grupos quinquenais de idade de decembro de 2013 para os concellos galegos:

Provincia da Coruña
Provincia de Lugo
Provincia de Ourense
Provincia de Pontevedra