A pirámide de poboación
Unha pirámide de poboación é unha representación gráfica que recolle información sobre a poboación dun territorio por xénero e idade nun determinado período. Permite as comparacións interterritoriais e unha fácil e rápida percepción de varios fenómenos demográficos tales como o envellecemento da poboación, o equilibrio ou desequilibrio entre sexos, e incluso o efecto demográfico de catástrofes e guerras. Ten as seguintes peculiaridades:
- Está composta por dous histogramas enfrontados, un que recolle información sobre a poboación por grupos de idade para os homes e outro para as mulleres.
- A variable independente, a idade, represéntase no eixe vertical e a variable dependente, que é a cantidade ou proporción de persoas dentro de cada grupo de idade, no eixe horizontal.