Resumo de resultados


Enquisa de poboación activa. Módulo sobre a mocidade no mercado laboral. Ano 2016. Resumo de resultados

Resumo de resultados 29/09/2017

O dia 9 de novembro de 2017 modificáronse algúns datos tras detectarse que estaban intercambiados os valores de homes e mulleres.

Datos correspondentes ao ano 2016

Introdución

A Enquisa de poboación activa (EPA) é unha investigación por mostraxe, continua e dirixida ás vivendas familiares que o Instituto Nacional de Estadística (INE) realiza desde 1964. En xullo de 2008 firmouse un convenio de colaboración entre o INE e o Instituto Galego de Estatística (IGE) para a duplicación da mostra no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

A finalidade principal da EPA é coñecer a actividade económica no relativo ao seu compoñente humano. Está orientada a dar datos das principais categorías poboacionais en relación co mercado de traballo (ocupados, parados, activos e inactivos) e a obter clasificacións destas categorías segundo diversas características. Tamén posibilita confeccionar series temporais homoxéneas de resultados.

Cada ano realízase un módulo específico no que se trata algún tema relacionado co mercado laboral e que completa a información da EPA. O módulo de 2016 ten como obxectivo obter información sobre a situación da mocidade no mercado laboral. En concreto investíganse aspectos relacionados coa formación e o emprego das persoas de 16 a 34 anos: se realizaban algún traballo mentres cursaban estudos, se os estudos cursados se adecúan ao seu traballo actual, o método utilizado para atopar o traballo actual, as esixencias do emprego, etc.

Experiencia laboral cursando estudos

A maioría dos mozos e mozas de 16 a 34 anos (74,7%) que residía en Galicia en 2016 non compatibilizou a formación co emprego, isto é, non realizou ningún tipo de traballo mentres cursaba os seus estudos. En total, foron uns 363,7 miles de mozos e mozas, fronte aos 115,3 mil (o 23,7%) que sí compatibilizou estudos e traballo. Entre estes últimos, o 42,2% realizou só traballos remunerados, o 37,7% só traballos non remunerados e o 20,1% desempeñou ambos tipos de traballo.

Persoas de 16 a 34 anos segundo realizasen ou non algún traballo mentres cursaron a súa formación por sexo. Galicia. Ano 2016
Miles de persoas

Nota: só se inclúen as persoas de 16 a 34 anos que completaron, polo menos, os estudos primarios. A pregunta vai referida ao traballo realizado durante os estudos correspondentes ao nivel de formación máis elevado que acadara a persoa.

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Persoas de 16 a 34 anos segundo realizasen ou non algún traballo mentres cursaron a súa formación por grupo de idade. Galicia. Ano 2016
Miles de persoas

Nota: só se inclúen as persoas de 16 a 34 anos que completaron, polo menos, os estudos primarios. A pregunta vai referida ao traballo realizado durante os estudos correspondentes ao nivel de formación máis elevado que acadara a persoa.

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Aprécianse diferenzas por sexo e idade no tocante á compatibilización dos estudos co emprego. Así, é maior a porcentaxe de mulleres que traballaba mentres estudaba que a de homes: 26,1% fronte a 21,3%. Ademais, a medida que aumenta a idade tamén aumenta a porcentaxe de mozos que compaxina estudos e emprego: só o 13,2% dos mozos e mozas entre 16 e 24 anos traballou mentres estudaba no 2016, fronte ao 31,3% dos que teñen entre 30 e 34 anos.



Para unhas 48,4 mil persoas, o traballo formaba parte do plan de estudos que estaban a cursar e, ademais, tiña carácter obrigatorio. Esta cifra supón o 42% dos mozos e mozas de entre 16 e 34 anos que en 2016 compatibilizaron emprego e estudos. Para outro 50,8% (unhas 58,5 mil persoas) o traballo que realizaron mentres estudaban non formaba parte do plan de estudos.

Persoas de 16 a 34 anos que traballaron mentres cursaban a súa formación segundo que a experiencia laboral formase parte ou non do plan de estudos. Galicia. Ano 2016
Porcentaxe (%)

Nota: só se inclúen as persoas de 16 a 34 anos que completaron, polo menos, os estudos primarios. A pregunta vai referida ao traballo realizado durante os estudos correspondentes ao nivel de formación máis elevado que acadara a persoa.

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Método de búsqueda de emprego e utilidade dos estudos

O método principal para atopar emprego entre os mozos e mozas que en 2016 residían en Galicia foi a través de familiares, amigos e coñecidos: o 37,6% das persoas asalariadas de 16 a 34 anos atopou emprego desta forma. Outro 25% conseguiu un traballo solicitando o emprego directamente a un empresario.

O 38% das persoas ocupadas de entre 16 e 34 anos de Galicia considera que a súa formación lle axudou a enfrontarse ás demandas do seu traballo actual. Pola contra, outro 26% considera que non lle axudou en nada.

Persoas ocupadas de 16 a 34 anos, segundo consideren que a súa formación lles axudou a enfrontarse ás demandas do seu traballo actual. Galicia. Ano 2016
Miles de persoas, porcentaxe (%)

Nota: os ocupados analfabetos que non cursasen estudos nas catro últimas semanas non se clasifican nesta táboa. No caso de que cursasen estudos durante as catro últimas semanas e o nivel de formación destes estudos sexa superior ao máximo nivel de formación acadado, serán os estudos en curso os que se teñan en conta.

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Persoas asalariadas de 16 a 34 anos, segundo o método utilizado para atopar o seu emprego actual. Galicia. Ano 2016
Miles de persoas, porcentaxe (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Esixencias do emprego actual

Persoas ocupadas de 16 a 34 anos, segundo tivesen que cambiar ou non o seu lugar de residencia co fin de comezar a traballar no seu emprego ou negocio actual. Galicia. Ano 2016
Porcentaxe (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Persoas ocupadas de 16 a 34 anos, segundo que o traxecto da casa ao traballo dure ou non máis dunha hora. Galicia. Ano 2016
Porcentaxe (%)

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

O 13,7% das persoas ocupadas de entre 16 e 34 anos que en 2016 residían en Galicia tivo que cambiar o seu lugar de residencia por mor do seu emprego ou negocio actual (en total, unhas 31,8 miles de persoas). Ao 6,6% dos ocupados e ocupadas dese grupo de idade lévalles máis dunha hora chegar ao traballo dende a casa (unhas 15,3 mil persoas).

121,9 mil persoas de 16 a 34 anos non ocupadas que en 2016 residían en Galicia estarían dispostas a cambiar de residencia coa finalidade de conseguir un emprego. Esta cifra supón o 47,8% dos mozos e mozas comprendidos nese grupo de idade que están sen emprego.

Ademais, unhas 74,4 mil persoas de 16 a 34 anos non ocupadas en Galicia estarían dispostas a marchar ao estranxeiro coa finalidade de conseguir un traballo (o 29,2% dos mozos e mozas dese grupo de idade que non estaban a traballar en 2016).

Persoas de 16 a 34 anos non ocupadas, segundo estivesen ou non dispostas a cambiar de residencia coa finalidade de conseguir un emprego, por sexo. Galicia. Ano 2016
Miles de persoas

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Persoas de 16 a 34 anos non ocupadas, segundo estivesen ou non dispostas a cambiar de residencia coa finalidade de conseguir un emprego, por grupo de idade. Galicia. Ano 2016
Miles de persoas

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Definicións e máis información

Definicións

Acceso ás táboas de datos:

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo