Contas económicas anuais. Base 2010. Ano 2015
Resumo de resultados 30/11/2017
Introdución
As Contas económicas anuais son unha estatística de síntese de carácter estrutural. O seu obxectivo é ofrecer ao usuario unha representación cuantificada da realidade económica galega, completa, sistemática, sinxela e detallada.
Esta actividade segue as liñas metodolóxicas establecidas para o conxunto dos Estados membros da Unión Europea polo Regulamento do Sistema Europeo de Contas (SEC 2010).
Ofrece información do cadro macroeconómico de Galicia desde o ano 1995 e achega información desagregada para 72 sectores económicos desde o ano 2000. Dentro das súas utilidades están:
- Coñecer a estrutura produtiva da economía galega e fornecer de información útil para a análise da situación económica da rexión.
- Afondar en partes ou aspectos específicos da economía
- Coñecer a evolución temporal dos sectores económicos que conforman a nosa economía
- Os resultados son a base da Contabilidade trimestral, das estimacións do Produto interior bruto municipal e gardan coherencia coa desagregación e maior alcance do Marco Input-Output. Tamén son a base tanto das previsións económicas coma dos estudos sectoriais que se teñen realizado no IGE.
|
Estrutura produtiva de Galicia
A estimación do PIB pola vía da oferta permite coñecer que sectores produtivos contribúen á xeración de valor engadido en Galicia.
O sector servizos achega o 63% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia no ano 2015. Este sector é cada vez máis relevante no PIB: pasou de achegar o 55,4% do PIB en 1995 ao 63% no ano 2015.
O sector industrial achega o 16,7%, o sector primario o 4,8%, a construción un 6,1% e os impostos netos sobre os produtos un 9,3%.
|
Distribución do PIB pola vía da oferta. Galicia. Anos 1995, 2008 e 2015 Porcentaxe (%)
Fonte: IGE (descarga da táboa)
|
A estimación do PIB pola vía da demanda permite coñecer a achega da demanda interna (gasto en consumo final e formación bruta de capital -investimentos-) xunto coa demanda exterior. No ano 2015 a demanda externa é positiva, é dicir, o saldo exterior é positivo e o peso da demanda interna no PIB é máis reducida que outros anos.
O gasto en consumo final, que inclúe tanto o realizado polos fogares como polas Aministracións públicas e Institucións sen fins de lucro ao servizo dos fogares (ISFLSF), representa o 82,3% do PIB. O investimento representa o 16,4%.
|
Distribución do PIB pola vía da demanda. Galicia. Anos 1995, 2008 e 2015 Porcentaxe (%)
Fonte: IGE (descarga da táboa)
|
Pola vía das rendas o PIB expresa a remuneración dos factores produtivos: traballo (remuneración de asalariados), capital (excedente de explotación bruto) e o pagamento de impostos. Dentro do excedente de explotación bruto recóllese tamén a renda mixta, que é a remuneración do traballo autónomo.
A remuneración dos asalariados achega o 43,6% do PIB no ano 2015, mentres que o excedente de explotación bruto achega o 46,3%.
Distribución do PIB pola vía das rendas. Galicia. Anos 1995, 2008 e 2015 Porcentaxe (%)
Fonte: IGE (descarga da táboa)
|
Desagregación por sectores
As contas económicas anuais ofrecen un alto nivel de detalle sectorial, polo que é posible afondar no coñecemento da estrutura produtiva de Galicia analizando as ramas de actividade que a forman.
No ano 2015 o 73,7% do emprego da economía galega está centrada no sector servizos, no sector da industria e enerxía concéntrase o 13,1%, mentres no sector primario e na construción temos un 6,6%. En termos de VEB os servizos achegan o 63% do PIB, teñen un valor elevado do ratio remuneración de asalariados sobre valor engadido, é dicir, a participación das rendas salariais na xeración de valor é elevada.
A maior produtividade do factor traballo está no sector secundario. Industria e enerxía achegan o 16,7% do PIB en 2015, e a participación das rendas salariais no valor xerado no sector é do 43,1%.
No sector primario a produtividade do traballo é inferior á media da economía e a participación do traballo asalariado é baixo no valor engadido. Neste sector a presenza do traballo por conta propia é elevado.
|
Estrutura da economía galega a catro grandes sectores. Ano 2015
Fonte: IGE (descarga das táboas: distribución do PIB, distribución do emprego)
|
A continuación faremos unha desagregación en cada un dos catro grandes sectores.
|
Sector primario
Estrutura do sector primario galego. Ano 2015
Fonte: IGE (descarga da táboa)
|
As Contas económicas anuais ofrecen información de catro ramas de actividade dentro do sector primario. Este sector emprega a 71.881 postos de traballo, dos cales máis da metade son da rama da agricultura e gandaría. No sector da pesca e acuicultura hai case 23.000 postos de traballo.
Neste sector a remuneración de asalariados representa o 23,6% do VEB xerado, porque a taxa de asalarización é baixa, como se aprecia especialmente na rama R01 "Agricultura, gandaría, caza e servizos relacionados con ela". Por outra banda, a produtividade do traballo é inferior á da economía.
Comparando o ano 2015 co inicio da serie contable, ano 2000, vemos como se incrementa a presenza da agricultura e gandaría no sector primario galego en termos de VEB, pero non en termos de emprego. A "Pesca e acuicultura" evolucionan de forma oposta: perden peso en termos de VEB pero gáñano en termos de emprego. No caso da "Silvicultura e explotación forestal" o máis relevante é o incremento do emprego, tanto en termos relativos como absolutos.
|
Estrutura do sector primario. Anos 2000 e 2015. Galicia Porcentaxe sobre o total do sector (%)
Fonte: IGE (descarga da táboa)
|
Sector industrial
Dentro do sector industrial distinguimos dous grandes bloques: o sector enerxético (que se corresponde coas seccións B, D, E da CNAE-09) e a industria manufactureira. A composición interna do sector industrial sufriu modificacións desde o ano 2000: a enerxía achegaba nese ano o 20,3% do VEB xerado, mentres en 2015 pasa a representar o 25,6% do total.
En termos de emprego a industria manufactureira é máis relevante e en 2015 o 92% dos empregos do sector secundario proveñen da industria manufactureira.
|
Distribución do VEB e emprego no sector da industria e enerxía. Anos 2000 e 2015. Galicia Porcentaxe sobre o total do sector (%)
Fonte: IGE (descarga da táboa)
|
Subsector da industria manufactureira
Este subsector está composto por 26 ramas de actividade na difusión das Contas económicas anuais.
A composición da industria manufactureira pon de manifesto a relevancia da fabricación de vehículos automóbiles en Galicia. Esta rama de actividade achega un valor engadido bruto de 1.323 millóns de euros en 2015, o que supón o 18,8% do total da industria manufactureira galega. O emprego nesta rama de actividade é de 15.779 postos de traballo.
|
Distribución do VEB da industria agroalimentaria por subramas. Ano 2015. Galicia Porcentaxe sobre o total da industria agroalimentaria (%)
Fonte: IGE (descarga da táboa)
|
|
Esta publicación pon o foco en sectores senlleiros da economía galega e ofrece unha información moi desagregada. Un exemplo témolo nas seis ramas da industria alimentaria das que ofrecen información as Contas económicas anuais. Se analizamos a súa relevancia no subsector da industria manufactureira resulta de utilidade tratalas conxuntamente.
O valor engadido xerado polas seis ramas da industria alimentaria supera á achega do sector do automóbil (1.426 millóns de euros), e supón a quinta parte do valor xerado pola industria manufactureira. En termos de emprego supoñen o 23,7% e superan os 31.000 postos de traballo.
Dentro da industria alimentaria a participación das seis ramas que a forman en 2015 queda deste xeito: a rama da conserva e do conxelado de peixe (R10B) achega o 29,4% do seu VEB, seguida pola fabricación de bebidas (R11) cun 22,7% e a "R10E Outras industrias alimentarias" cun 18,6% do VEB.
|
Outras industrias relevantes son a fabricación de productos metálicos (640 millóns de euros), a industria téxtil, confección, coiro e calzado (536 millóns de euros) ou as reparacións e instalación de maquinaria e equipamento, que inclúe a reparación naval, e que achegou 419 millóns de euros de valor engadido á economía galega.
Con respecto ao ano 2000, a composición do subsector da industria manufactureira presenta algúns cambios. A achega das industrias alimentarias ao VEB industrial manufactureiro incrementouse en catro puntos mentres a presenza do sector do automóbil sobe 6 décimas.
A "Fabricación de produtos metálicos, agás maquinaria e equipamento" e a "Reparación e instalación de maquinaria e equipamento" achegan no ano 2015 un 9,1% e un 5,9% respectivamente, o que supón un incremento da súa relevancia no subsector con respecto ao ano 2000.
Achega ao VEB da industria manufactureira. Principais ramas. Anos 2000 e 2015. Galicia Porcentaxe sobre o total da industria manufactureira (%)
Fonte: IGE (descarga da táboa)
Estrutura da industria manufactureira. Ano 2015. Galicia
Fonte: IGE (descarga da táboa)
|
Sector da construción
No ano 2015 o sector achega o 6,1% do PIB de Galicia e ten 72.681 postos de traballo, isto é, o 6,6% do emprego total da nosa comunidade. Nos últimos anos o sector perdeu peso no total da economía galega, tanto en termos de valor engadido bruto coma en termos de emprego.
Evolución do sector da construción. 1995-2015. Galicia Postos de traballo, peso no PIB (%)
Fonte: IGE (descarga das táboas: evolución do emprego, evolución do peso no PIB)
|
Sector servizos
As Contas económicas de Galicia achegan información de 37 ramas de actividade do sector servizos. Estas ramas poden agruparse, seguindo a CNAE-09, en 14 seccións.
O "G Comercio e reparación de vehículos" xerou en 2015 máis de 7.265 millóns de euros e 183.000 postos de traballo. Representa o 20% do valor engadido xerado no sector servizos.
As "L Actividades inmobiliarias", que inclúen a valoración do aluguer das vivendas ocupadas polos seus propietarios, representa o 14% do VEB xerado no sector servizos, pero ten escasa relevancia en termos de emprego. Isto fai que os niveis de produtividade sexan moi elevados e a participación da renda salarial no valor xerado moi baixa.
As "Q Actividades sanitarias e de servizos sociais" xeraron 3.775 millóns de euros en 2015, cunha elevada participación das rendas salariais (79,7% do VEB). No caso da "P Educación" esta participación é incluso superior (93,9%).
Estrutura do sector servizos. Ano 2015. Galicia
Fonte: IGE (descarga da táboa)
Con respecto ao ano 2000 gañan xerarquía dentro do sector servizos as "L Actividades inmobiliarias", o "G Comercio e reparación de vehículos" e as "Q Actividades sanitarias e de servizos sociais". Pola contra, están a perder presenza relativa no sector servizos a "P Educación", o "H Transporte e almacenamento" ou a "I Hostalaría". En termos de emprego, gaña peso especialmente a sección "Q Actividades sanitarias e de servizos sociais" e perde peso o emprego no sector do comercio.
Estrutura do sector servizos. Anos 2000 e 2015. Galicia Porcentaxe sobre o VEB total do sector (%)
Fonte: IGE (descarga da táboa)
Estrutura do sector servizos. Anos 2000 e 2015. Galicia Porcentaxe sobre o emprego total do sector (%)
Fonte: IGE (descarga da táboa)
|
Sectores característicos da economía galega
No IGE elaboramos dende o ano 2013 estudos referidos a diversos sectores da economía galega, incluídos nos programas estatísticos anuais na actividade de interese estatístico Análise estatística de sectores produtivos e da estrutura económica en xeral. Ata a actualidade publicáronse cinco estudos e na seguinte táboa resumimos a evolución da súa achega ao PIB galego e a súa relevancia en termos de emprego.
|
|
Peso no PIB e emprego de sectores característicos da economía galega. Anos 2000, 2008 e 2015 Porcentaxe (%), postos de traballo
Fonte: IGE (descarga da táboa)
|
Definicións e máis información
|