Evolución do número de nacementos, defuncións e do saldo vexetativo
|
Durante o ano 2020 producíronse 15.247 nacementos en Galicia, un 3,0% menos que no ano anterior.
En 2020 a taxa bruta de natalidade galega situouse en 5,65 nacementos por cada mil habitantes. Se relacionamos o número de nacementos coa poboación feminina en idade fértil (taxa xeral de fecundidade) resulta un cociente de 27,91 nacementos por cada mil mulleres de idades comprendidas entre os 15 e 49 anos.
Se comparamos os indicadores galegos coa media para o conxunto do Estado español obsérvase que as taxas de natalidade e fecundidade galegas son máis baixas: en España producíronse, de media, 7,19 nacementos por cada mil habitantes en 2020 e a taxa xeral de fecundidade situouse en 32,48 nacementos por cada mil mulleres en idade fértil.
Por outra banda, se desagregamos os indicadores segundo a nacionalidade da nai obtense que os valores destes son máis altos no caso das nais de nacionalidade estranxeira. A taxa bruta de natalidade das nais españolas en Galicia sitúase en 5,30‰, fronte aos 13,10‰ para as nais estranxeiras. Isto parece indicar que a poboación estranxeira mantén uns patróns de natalidade diferentes aos da poboación nacional, que poden axudar a contrarrestar a diminución dos nacementos da Comunidade Autónoma de Galicia.
No ano 2021 morreron 32.843 persoas residentes en Galicia. Con respecto ao ano anterior rexistráronse case o mesmo número de falecementos (2 falecementos menos).
Atendendo á distribución das defuncións segundo o sexo e a idade, o 50,27% dos falecidos en 2021 maiores de 45 anos eran homes. Por outra banda, o 32,0% dos homes falecidos neste ano non chegaba aos 75 anos, o 27,6% tiña entre 75 e 84 anos cumpridos e o 40,4% restante tiña 85 ou máis anos.
No caso das mulleres, o 15,7% tiña menos de 75 anos, o 20,4% entre 75 e 84 anos e o 63,9% tiña 85 ou máis anos.
Segundo as proxeccións de poboación a curto prazo elaboradas polo INE, Galicia perderá 34.946 habitantes no período 2022-2037, o que supón unha diminución do 1,3% da súa poboación. Por provincias, en Ourense e Lugo daranse as maiores perdas de poboación en termos relativos (un 3% e un 5% respectivamente).
Ademais da baixada no número de habitantes, as proxeccións amosan un progresivo envellecemento da poboación. Así, en Galicia, a porcentaxe de persoas de 65 ou máis anos pasará do 26,1% en 2022 ao 32,4% en 2037.
O índice de envellecemento proxectado para 2037 de Galicia sitúase no 251,9%, o que significa que para esa data por cada 100 menores de 20 anos haberá na nosa Comunidade Autónoma ao redor de 252 maiores de 64 anos (en 2022 o indicador proxectado situouse en 167,3%). As zonas máis envellecidas serán as situadas na área sur da provincia de Ourense e nas comarcas ourensanas limítrofes coa provincia de Pontevedra. Así, no sur da provincia de Ourense (comarcas da Baixa Limia, A Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana) a relación entre menores de 20 e maiores de 64 acadará o valor de 484,6 en 2037. Similar evolución se observará na área integrada polas comarcas do Carballiño e O Ribeiro, onde o índice de envellecemento proxectado para 2037 situarase en 383,1. Na área oriental da provincia de Lugo o índice de envellecemento proxectado acadará un valor de 404,5% en 2037.
Segundo as proxeccións de fogares, en 2022 Galicia conta con pouco máis dun millón de fogares (1.073.030 fogares para ser exactos). Dentro de quince anos, esta cifra aumentará a 1.101.149, o que supón un incremento relativo do 2,6% entre ambos anos.
En 2022 a tipoloxía máis habitual en Galicia é o fogar constituído por unha parella con fillos, que supón case o 34% da cifra agregada. En 2037 esta tipoloxía seguirá sendo a de maior presenza no entramado demográfico galego, pero experimentará unha redución do 3,3% entre o primeiro ano da proxección (2022) e o derradeiro (2037). Pola contra, os fogares unipersoais e os fogares compostos por unha parella sen fillos incrementaranse no período considerado un 7,4% e un 8,4% respectivamente.
O tamaño medio dos fogares galegos experimentará unha diminución no período analizado, pasando de 2,49 a 2,39 habitantes por fogar entre 2022 e 2037. Todas as áreas xeográficas de Galicia experimentarán unha diminución do tamaño medio dos seus fogares no período de proxección, excepto as comarcas que compoñen a área de Lugo sur, que experimentarán un leve incremento: de 2,38 membros por fogar en 2022 a 2,44 membros en 2037.
A taxa bruta de mortalidade situouse en Galicia en 2020 nas 12,17 defuncións por cada mil habitantes. A taxa masculina supera en 6,3 décimas á feminina (12,50‰ para os homes fronte a 11,87‰ para as mulleres). No caso de España a taxa bruta de mortalidade en 2020 situouse nos 10,40 falecementos por cada mil habitantes.
O índice de dependencia global é a relación entre os grupos de poboación economicamente dependentes (poboación menor de 15 anos e maior de 64 anos) e o grupo de poboación potencialmente activa (poboación de 15 a 64 anos).
En 2037 por cada 100 persoas en idade de traballar residirán en Galicia 70,7 persoas potencialmente inactivas, o que supón un incremento de 10,9 puntos porcentuais con respecto ao índice de dependencia global do ano 2022 (59,8%).
Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies