IGE -

Definicións. Sector exterior


Bens de capital

Bens utilizados como medios de produción no proceso produtivo de bens e servizos.

Bens de consumo

Son bens que se consideran propios do consumo das familias. Poden ser alimentarios ou non alimentarios.

Bens intermedios

Son bens destinados a formar parte do consumo intermedio no proceso de produción de bens e servizos. Distínguese entre bens intermedios enerxéticos e non enerxéticos.

Categoría dos establecementos hoteleiros

Os establecementos hoteleiros na Enquisa do gasto dos non residentes clasifícanse en 1 e 2 estrelas, 3 estrelas, 4 estrelas e 5 estrelas. Para unha descrición pormenorizada dos criterios utilizados na asignación do número de estrelas aos establecementos hoteleiros, pode consultar o Decreto 267/1999, do 30 de setembro, polo que se establece a ordenación dos establecementos hoteleiros de Galicia (DOG nº 201).

CNAE-09 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas resultante do proceso internacional de revisión denominado Operación 2007. Foi elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de aprobación da NACE Rev.2. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida
Acceso á Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 2009)

CNAE-93 Rev.1 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de implantación da NACE Rev. 1.1. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida

Comercio exterior

Comprende as relacións comerciais da Comunidade Autónoma de Galicia con todos aqueles países que non pertencen á UE. As relacións comerciais de intercambio denominaranse "importacións" para as adquisicións e "exportacións" para as entregas. Para a recollida de información estatística, mantense a obriga de presentar a correspondente declaración DUA ante Aduanas.

Comercio intracomunitario

Comprende as operacións comerciais entre a Comunidade Autónoma de Galicia e os países membros da Unión Europea (excluíndo o resto de España). As adquisicións intracomunitarias chamaranse "introducións" e as entregas intracomunitarias "expedicións". A recollida de información estatística réxese polo Sistema Intrastat.

Cota de exportación

É a porcentaxe das exportacións dun país (ou rexión) con destino a outro país ou grupo de países sobre o total das importacións efectuadas polo país ou grupo de países de destino (incluíndo as importacións entre os países do grupo).

CUCI

Son as siglas da Clasificación Uniforme para o Comercio Internacional. A versión da CUCI utilizada na elaboración dos índices de valor unitario encadeados con anterioridade ao ano 2010 correspóndese coa terceira revisión da mesma (CUCI Rev. 3) e, a partir de xaneiro dese ano, a CUCI Rev. 4. A dita clasificación reagrupa en categorías a clasificación TARIC (coa que se clasifican orixinariamente os datos de comercio exterior e intracomunitario), atendendo aos materiais empregados, a etapa de elaboración e ao seu uso final.

Deflactor do PIB

É o cociente entre o PIB nominal (a prezos correntes do ano considerado) e o PIB real (a prezos constantes dun ano base), expresado en forma de índice, é dicir, multiplicado por 100. Utilízase como índice de prezos alternativo ao IPC (índice de prezos de consumo), xa que mide as variacións de prezos experimentadas por todos os bens e servizos producidos nunha economía durante un período de referencia.

Establecemento hoteleiro

Son establecementos hoteleiros aqueles establecementos que prestan servizos de aloxamento colectivo mediante prezo con ou sen outros servizos complementarios (hotel, hotel-apartamento ou apartahotel, motel, hostal, pensión, etc.).

Expedicións (comercio intracomunitario)

Comprenden todas aquelas operacións a través das cales un produto con orixe en Galicia é vendido aos países da UE, excluíndo o resto de España.

Exportacións (comercio exterior)

Comprenden todas aquelas operacións a través das cales un produto con orixe en Galicia é vendido a países que non forman parte da UE.

Grupos de países (Índices de competitividade exterior)

Na construción dos Índices de competitividade exterior establecéronse unhas determinadas agrupacións de países, tendo en conta o grao de relación comercial de Galicia cos ditos países e a dispoñibilidade de indicadores desexables de prezos e custos. As agrupacións de países resultantes son as seguintes:

  • UEM: inclúe a case todos os países que forman parte da Unión Económica e Monetaria europea; en concreto, Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Países Baixos, Grecia, Austria, Irlanda, Finlandia, Eslovaquia, Eslovenia e Estonia
  • UE: inclúe a 23 países pertencentes á Unión Europea; en concreto, están presentes nesta agrupación Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Países Baixos, Grecia, Austria, Irlanda, Finlandia, Eslovaquia, Eslovenia, Reino Unido, Dinamarca, Suecia, Polonia, Hungría, República Checa, Estonia, Romanía, Letonia e Lituania
  • OCDE: inclúe a meirande parte dos países que conforman a OCDE: Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Países Baixos, Grecia, Austria, Irlanda, Finlandia, Eslovaquia, Noruega, Reino Unido, Dinamarca, Suecia, Polonia, Hungría, República Checa, Estados Unidos, Turquía, Canadá, Xapón, Corea do Sur, Australia, Nova Zelandia, Chile, Eslovenia, Israel e Estonia
  • G-8: inclúe aos países que integran o Grupo dos Oito, caracterizados por tratárense de países industrializados cun peso político, económico e militar moi relevante a escala global: Francia, Alemaña, Italia, Reino Unido, Estados Unidos, Canadá, Xapón e Rusia
  • Países máis desenvolvidos de América: nesta categoría están incluídos tres dos países máis desenvolvidos en termos económicos de América: Estados Unidos, Canadá e Brasil
  • Países máis desenvolvidos de Asia: nesta categoría están incluídos seis dos países máis desenvolvidos de Asia: Xapón, China, India, Corea do Sur, Indonesia e Taiwan

Importacións (comercio exterior)

Comprenden todas aquelas operacións nas que unha mercancía elaborada ou orixinal de países que non forman parte da UE é comprada para ser consumida ou transformada en Galicia.

Índice de competitividade exterior

Este índice compara os prezos de Galicia cos prezos dun grupo de referencia de países; en realidade trátase de tipos de cambio efectivo real con respecto a grupos de países. No seu cálculo utilízanse medias xeométricas ponderadas de índices de prezos relativos (compoñente prezos) e índices de tipos de cambio efectivo nominal (compoñente nominal). Os indicadores de prezos utilizados son os seguintes: o índice de prezos de consumo (IPC), o índice de prezos industriais de manufacturas (IPRI), o índice de custos laborais unitarios (ICLU), o deflactor do PIB e os índices de valor unitario do comercio exterior (IVU). En función do indicador de prezos utilizado obtéñense distintos indicadores de competitividade exterior:

  • Índice de competitividade exterior con prezos de consumo
  • Índice de competitividade exterior con prezos industriais
  • Índice de competitividade exterior con custos laborais unitarios
  • Índice de competitividade exterior co deflactor do PIB
  • Índice de competitividade exterior con valores unitarios

Índices de valor unitario (IVU)

Son números índices que serven de indicadores dos prezos do comercio exterior. Non son os verdadeiros índices de prezos do comercio exterior de bens da Comunidade Autónoma de Galicia, posto que os prezos aos que fan referencia non son bens singulares perfectamente diferenciados, senón conxuntos ou clases de bens máis ou menos homoxéneos.

Introducións (comercio intracomunitario)

Comprenden todas aquelas operacións nas que unha mercancía elaborada ou orixinal dun país membro da UE (excluíndo o resto de España) é comprada para ser consumida ou transformada en Galicia.

MERCOSUR

A República Arxentina, a República Federativa do Brasil, a República do Paraguai e a República Oriental do Uruguai subscribiron o 26 de marzo de 1991 o Tratado de Asunción, creando o Mercado Común do Sur, MERCOSUR, que constitúe o proxecto internacional máis relevante no que se atopan comprometidos estes países. Así, o obxectivo primordial do Tratado de Asunción é a integración dos catro Estados partes, a través da libre circulación de bens, servizos e factores produtivos, o establecemento dun arancel externo común e a adopción dunha política comercial común, a coordinación de políticas macroeconómicas e sectoriais e a harmonización de lexislacións nas áreas pertinentes, para lograr o fortalecemento do proceso de integración. En 2006 tres dos Estados partes (Arxentina, Brasil e Uruguai) subscribiron o protocolo de adhesión de Venezuela ao MERCOSUR, a formalización veuse demorada ata 2012 pola oposición de Paraguai á entrada de Venezuela. En xuño de 2012 decretouse a suspensión de Paraguai e en agosto de 2012 ingresa Venezuela. En decembro de 2013 Paraguai reincorporouse ao bloque. A partir de 2014 Arxentina, Brasil, Venezuela, Uruguai e Paraguai. A partir de 2018 Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai.

OCDE

Son as siglas da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico, a cuxa convención inaugural asistiron vinte países o 14 de decembro de 1960. Dende aquela dez países máis convertéronse en membros da organización. Os países participantes da mesma son Australia, Austria, Bélxica, Canadá, República Checa, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemaña, Grecia, Hungría, Irlanda, Islandia, Italia, Xapón, Corea do Sur, Luxemburgo, México, Holanda, Nova Zelanda, Noruega, Polonia, Portugal, Eslovaquia, Turquía, España, Suiza, Suecia, Reino Unido e Estados Unidos. No ano 2010 incorpórase Chile e no ano 2011 incorpóranse Eslovenia, Israel e Estonia. No ano 2017 incorpórase Letonia. No ano 2019 incorpórase ao grupo Lituania. No ano 2021 incorpórase ao grupo Colombia e no ano 2022 incorpórase Costa Rica.

OPEP

A Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) é unha organización permanente e intergubernamental creada na Conferencia de Bagdag en setembro de 1960 por Irak, Irán, Kuwait, Arabia Saudita e Venezuela. Aos 5 países fundadores uníronselles posteriormente 8 países máis: Qatar (1961), Indonesia (1962), Libia (1962), Emiratos Árabes Unidos (1967), Alxeria (1969), Nixeria (1971), Ecuador (1973) e Gabón (1975), aínda que estes dous últimos deixaron a organización en 1992 e 1994 respectivamente. No ano 2007 incorpórase Angola, no ano 2008 incorpórase de novo Ecuador e no ano 2009 deixa a organización Indonesia. O obxectivo da OPEP é coordinar e unificar as políticas petrolíferas dos seus países membros para asegurar uns prezos estables e xustos para os produtores de petróleo, unha oferta de petróleo eficiente, económica e regular ás nacións consumidoras e un retorno xusto do capital investido nesta industria. En 2016 incorpórase Indonesia. No ano 2017 entra no grupo Gabón e novamente deixa de formar parte do grupo Indonesia. No ano 2018 entra no grupo Guinea Ecuatorial. No ano 2019 sae do grupo Qatar e incorpórase o Congo. No ano 2021 sae do grupo Ecuador.

Oriente Medio

Líbano, Siria, Iraq, Irán, Israel, Cisxordania/Franxa de Gaza, Xordania, Arabia Saudí, Kuwait, Bahrein, Qatar, Emiratos Árabes Unidos, Omán, Iemen.

Paquete turístico
É o gasto realizado na adquisición dun conxunto de servizos, entre os que deben atoparse algunha opción de aloxamento e desprazamento, que se venden por un prezo global, sen que o comprador sexa consciente de canto paga por cada un dos seus compoñentes.
Ratio de penetración das importacións

É o cociente entre o total das importacións dun país ou rexión e a súa demanda interna.

TARIC (Arancel Aduaneiro Comunitario Integrado)

É a clasificación que se utiliza a nivel nacional para clasificar cada produto no contexto do comercio intracomunitario e con terceiros países. Esta clasificación coincide a 8 díxitos coa Nomenclatura Combinada que é a clasificación utilizada a nivel europeo.

Taxa de apertura

É a suma das exportacións e as importacións dun país ou rexión dividido polo seu PIB.

Taxa de cobertura

É a diferenza entre as exportacións e as importacións dun país ou rexión dividido polo seu PIB.

UE15

Está composta polo seguinte listado de países: Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, España, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Reino Unido e Suecia.

UE25

Componse dos países da UE-15, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta, Polonia e República Checa.

UE27

Intégrana os países da UE25, Bulgaria e Romanía.

UE27_2007

Intégrana os países da UE25, Bulgaria e Romanía.

UE27_2020

Intégrana os países da UE28 sen Reino Unido.

UE28

Intégrana os países da UE25, Bulgaria e Romanía e Croacia

Unión Europea (UE)

A Unión Europea (UE) é unha organización internacional que xorde en 1951 como a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro, pola que se creou un mercado común limitado á industria do carbón e do aceiro; a esta institución, precursora da actual UE, pertencían Francia, Alemaña Occidental, Italia, Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo. Este mercado común inténtase ampliar a outras materias económicas e ao sector da enerxía nuclear e así se constitúen a Comunidade Económica Europea e a Comunidade Europea da Enerxía Atómica en 1957. En 1973 únense a estes países Reino Unido, Dinamarca e Irlanda; en 1981 Grecia e en 1986 España e Portugal. En 1992, segundo o Tratado de Maastricht, conságrase a Unión Europea, conferíndolle novos poderes e responsabilidades ás institucións comunitarias e introducindo novas formas de cooperación entre os gobernos dos Estados Membros. En 1995 creouse a Europa dos 15 coa incorporación de Austria, Finlandia e Suecia e en maio de 2004 incorporáronse Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta, Polonia e a República Checa, conformando a Europa dos 25. A partir de xaneiro de 2007, coas novas incorporacións de Bulgaria e Romanía, a UE consta de 27 membros. En xullo de 2013 Croacia convértese no país número 28 da UE. O 31 de xaneiro de 2020 o Reino Unido saíu da Unión Europea

Zona Euro (UEM)

En 1992 a UE decidiu embarcarse nunha unión económica e monetaria (UEM) que suporía a introdución dunha moeda europea única xestionada por un Banco Central Europeo. A moeda única (o euro) fíxose realidade o 1 de xaneiro de 2002, cando os billetes e moedas substituíron ás moedas nacionais en 12 dos 15 países da Unión (Bélxica, Alemaña, Grecia, España, Francia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Países Baixos, Austria, Portugal e Finlandia). En xaneiro de 2007 incorpórase Eslovenia á zona Euro; en xaneiro de 2008 incorpóranse Chipre e Malta; en xaneiro de 2009 incorpórase Eslovaquia; en xaneiro de 2011 Estonia; en xaneiro de 2014 Letonia e en xaneiro 2015 Lituania.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo