Definicións. Índices de competitividade exterior


Cota de exportación

É a porcentaxe das exportacións dun país (ou rexión) con destino a outro país ou grupo de países sobre o total das importacións efectuadas polo país ou grupo de países de destino (incluíndo as importacións entre os países do grupo).

Deflactor do PIB

É o cociente entre o PIB nominal (a prezos correntes do ano considerado) e o PIB real (a prezos constantes dun ano base), expresado en forma de índice, é dicir, multiplicado por 100. Utilízase como índice de prezos alternativo ao IPC (índice de prezos de consumo), xa que mide as variacións de prezos experimentadas por todos os bens e servizos producidos nunha economía durante un período de referencia.

Grupos de países (Índices de competitividade exterior)

Na construción dos Índices de competitividade exterior establecéronse unhas determinadas agrupacións de países, tendo en conta o grao de relación comercial de Galicia cos ditos países e a dispoñibilidade de indicadores desexables de prezos e custos. As agrupacións de países resultantes son as seguintes:

  • Unión Económica e Monetaria (UEM): Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos e Portugal.
  • Unión Europea (UE): Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos, Portugal, Bulgaria, Dinamarca, Hungría, Polonia, República Checa, Romanía e Suecia.
  • Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE): Alemaña, Australia, Austria, Bélxica, Canadá, Chile, Colombia, Corea do Sur, Costa Rica, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estados Unidos de América, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Islandia, Israel, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, México, Noruega, Nova Zelandia, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Suecia, Suíza, Turquía e Xapón.
  • G-7: Alemaña, Canadá, Estados Unidos de América, Francia, Italia, Reino Unido e Xapón.
  • Países de América: Arxentina, Brasil, Canadá, Chile, Colombia, Estados Unidos de América e México.
  • Países de Asia: Arabia Saudí, China, Corea do Sur, India, Indonesia, Taiwán e Xapón.

Índice de competitividade exterior

Este índice compara os prezos de Galicia cos prezos dun grupo de referencia de países; en realidade trátase de tipos de cambio efectivo real con respecto a grupos de países. No seu cálculo utilízanse medias xeométricas ponderadas de índices de prezos relativos (compoñente prezos) e índices de tipos de cambio efectivo nominal (compoñente nominal). Os indicadores de prezos utilizados son os seguintes: o índice de prezos de consumo (IPC), o índice de prezos industriais de manufacturas (IPRI), o índice de custos laborais unitarios (ICLU), o deflactor do PIB e os índices de valor unitario do comercio exterior (IVU). En función do indicador de prezos utilizado obtéñense distintos indicadores de competitividade exterior:

  • Índice de competitividade exterior con prezos de consumo
  • Índice de competitividade exterior con prezos industriais
  • Índice de competitividade exterior con custos laborais unitarios
  • Índice de competitividade exterior co deflactor do PIB
  • Índice de competitividade exterior con valores unitarios

Ratio de penetración das importacións

É o cociente entre o total das importacións dun país ou rexión e a súa demanda interna.

Taxa de apertura no comercio exterior

É a suma das exportacións e as importacións dun país ou rexión dividido polo seu PIB.

Taxa de cobertura no comercio exterior

É a diferenza entre as exportacións e as importacións dun país ou rexión dividido polo seu PIB.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo