Definicións. Inventario Forestal Continuo de Galicia: caracterización socioeconómica da mostra asociada


Demandas de emprego rexistradas

Son as solicitudes de postos de traballo rexistradas nas oficinas públicas de emprego realizadas polos traballadores en idade laboral que desexan traballar por conta allea. Inclúen as de traballadores que non teñen emprego, tanto daqueles que non traballaron anteriormente e buscan emprego por primeira vez como as dos que tiveron un emprego anterior, e as de traballadores ocupados que buscan emprego para substituír ou complementar o que teñen. 

MUFACE (Mutualidad General de Funcionarios Civiles del Estado)

Organismo público encargado de xestionar o Réxime Especial da Seguridade Social dos Funcionarios Civís do Estado.

Paro rexistrado

Este concepto, establecido na Orden ministerial do 11 de marzo de 1985, está constituído polo total de demandas en alta existentes a fin de mes, excluíndo, entre outras, as que correspondan ás seguintes situacións:

  • Pluriemprego: demandantes que solicitan outro emprego compatible co que exercen.
  • Mellor emprego: demandantes que, estando ocupados, solicitan un emprego para cambialo polo que teñen.
  • Colaboración social: demandantes perceptores de prestacións por desemprego que participan en traballos de colaboración social.
  • Xubilados: demandantes que son pensionistas de xubilación, pensionistas por grande invalidez ou invalidez absoluta e demandantes de idade igual ou superior a 65 anos.
  • Emprego conxuntural: demandantes que solicitan un emprego para un período inferior a 3 meses.
  • Xornada < 20 horas: demandantes que solicitan un traballo con xornada inferior a 20 horas semanais.
  • Estudantes: demandantes que están cursando estudos de ensinanza oficial regrada sempre que sexan menores de 25 anos ou que, superando esta idade, sexan demandantes de primeiro emprego ou ben demandantes asistentes a cursos de formación profesional e ocupacional, cando as súas horas lectivas superen as 20 á semana, teñan unha bolsa polo menos de manutención e sexan demandantes do primeiro emprego.
  • Demandas suspendidas: demandantes con demanda suspendida en canto permanezan nesta situación.
  • Compatibilidade prestacións: demandantes beneficiarios de prestacións por desemprego en situación de compatibilidade de emprego por realizar un traballo a tempo parcial.
  • Traballadores eventuais agrícolas subsidiados.
  • Rexeitamento de accións de inserción laboral: demandantes que rexeitan accións de inserción laboral axeitadas ás súas características segundo se establece no artigo 17, apartado 2 do Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

A posta en marcha do novo Sistema de Información dos Servizos Públicos de Emprego (SISPE) en maio de 2005 produce unha ruptura da serie de paro rexistrado que se viña publicando ata o momento. A implantación deste novo sistema afecta a estimación do paro rexistrado, non porque cambie a definición, senón pola actualización e xestión automatizada da información e porque se corrixiron os erros que se viñan cometendo con certos colectivos.

Pensións contributivas da Seguridade Social

Son prestacións económicas e de duración indefinida, aínda que non sempre, nas que a concesión está xeralmente supeditada a unha previa relación xurídica coa Seguridade Social (acreditar un período mínimo de cotización en determinados casos, ...), sempre que se cumpran os demais requisitos esixidos. A súa contía determínase en función das achegas efectuadas polo traballador e o empresario, se se trata de traballadores por conta allea, durante o período considerado para os efectos da base reguladora da pensión de que se trate.
As clases de pensións son:

  • incapacidade permanente
  • xubilación
  • morte e supervivencia

Persoas afiliadas á Seguridade Social

A afiliación ao Sistema da Seguridade Social é obrigatoria para todas as persoas incluídas no campo de aplicación da Seguridade Social e única para toda a vida do traballador ou da traballadora e para todo o sistema, sen prexuízo das baixas, altas e demais variacións que con posterioridade á afiliación poidan producirse. É dicir, o traballador ou a traballadora afíliase cando comeza a súa vida laboral e se dá de alta nalgún dos rexímenes do Sistema da Seguridade Social. Esta situación denomínase alta inicial. Se cesa na súa actividade será dado ou dada de baixa pero seguirá afiliado ou afiliada en situación de baixa laboral. Se retoma a actividade producirase unha alta denominada alta sucesiva a efectos estatísticos, pero non terá que afiliarse novamente, dado que, como xa se indicou, a afiliación é única para toda a vida do traballador.

Residente

Considérase residente a toda persoa física que ten a súa residencia habitual nun dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia

Réxime Especial de Autónomos e Autónomas

Enténdese como traballador e traballadora por conta propia ou autónomo/a, aquela persoa que realiza de xeito habitual, persoal e directa unha actividade económica a título lucrativo, sen suxeición por ela a un contrato de traballo e aínda que utilice o servizo remunerado doutras persoas, sexa ou non titular dunha empresa individual ou familiar. Presuporase, salvo proba do contrario, que a persoa afiliada é un traballador ou traballadora por conta propia ou autónomo/a se ostenta a titularidade dun establecemento aberto ao público como propietaria, arrendataria, usufrutuaria ou outro concepto análogo. Estarán incluídos neste réxime especial, entre outras, as seguintes categorías de traballadores e traballadoras:

  • Traballadores e traballadoras maiores de 18 anos que, de forma habitual, persoal e directa, realizan unha actividade económica a título lucrativo, sen suxeición a contrato de traballo.
  • O cónxuxe e familiares ata o 2º grao inclusive por consanguinidade, afinidade ou adopción que colaboren co traballador ou coa traballadora autónoma de forma persoal, habitual e directa e non teñan a condición de asalariados/as.
  • Os escritores e as escritoras de libros
  • Profesionais que exerzan unha actividade por conta propia, que a incorporación a un Colexio Profesional cuxo colectivo se integrara no Réxime Especial de Traballadores/as Autónomos/as.
  • Os socios e as sociais de sociedades regulares colectivas e de sociedades comanditarias.
  • Os socios e as socias traballadoras das Cooperativas de Traballo Asociado, cando estas opten por este réxime nos seus estatutos.
  • Comuneiros/as ou socios/as de comunidades de bens e sociedades civís irregulares.
  • Quen exerza funcións de dirección e xerencia que implique o desempeño do cargo de conselleiro/a ou administrador/a, ou preste outros servizos para unha sociedade mercantil capitalista, a título lucrativo e de forma habitual, persoal e directa, sempre que posúa o control efectivo, directo e indirecto, daquela.
  • Os socios e socias traballadoras das sociedades laborais, cando a súa participación no capital social (xunto co do seu cónxuxe e parentes, cos que conviva) acade ao menos o 50%.

En xaneiro de 2008 desapareceu o Réxime Especial Agrario por Conta Propia e os seus afiliados e afiliadas integráronse no Réxime Especial de Autónomos/as.

Réxime Xeral

É o réxime que conta con maior número de persoas afiliadas dentro da estrutura do Sistema da Seguridade Social. Estarán incluídos no Réxime Xeral, entre outras, as seguintes categorías de traballadores e traballadoras:

  • Os traballadores e as traballadoras españolas por conta allea da industria e dos servizos e asimilados a estes, que exerzan normalmente a súa actividade no territorio nacional.
  • Os socios e socias traballadoras de sociedades laborais e de sociedades mercantís capitalistas.
  • Os traballadores e as traballadoras españolas non residentes en territorio nacional ao servizo da Administración española no exterior.
  • Os estranxeiros e as estranxeiras con permiso de residencia e de traballo en España que traballen por conta allea na industria ou nos servizos e exerzan a súa actividade en territorio nacional.
  • Persoal (funcionario ou laboral) da Administración Local.
  • Laicos ou segrares que presten servizos retribuídos en institucións eclesiásticas.
  • As persoas que presten servizos retribuídos en entidades ou institucións de carácter benéfico social.
  • Funcionarios e funcionarias en prácticas que aspiren a incorporarse a corpos ou escalas que non estean suxeitos ao réxime de clases pasivas, así como os altos cargos das administracións públicas que non sexan funcionarios; tamén, os funcionarios e as funcionarias de novo ingreso das Comunidades Autónomas.
  • Funcionarios e funcionarias transferidas ás Comunidades Autónomas, que ingresen voluntariamente en corpos ou escalas propios da Comunidade Autónoma de destino; tamén se inclúe o persoal interino ao servizo da Administración de Xustiza.
  • Os seguintes Rexímenes Especiais integrados:
    • Representantes de comercio.
    • Artistas.
    • Profesionais taurinos.
  • Os seguintes Sistemas Especiais:
    • Traballadores e traballadoras fixas descontinuas de empresas de estudos de mercado e opinión pública.
    • Traballadores e traballadoras fixas descontinuas de cines, salas de baile e de festa e discotecas.
    • Manipulado e empaquetado de tomate fresco, realizado por colleiteiros/as exportadores/as.
    • Servizos extraordinarios de hostalería.
    • Industria da resina.
    • Froitas, hortalizas e industria de conservas vexetais.
    • Agrario: con efecto o día 1 de xaneiro de 2012 os traballadores e as traballadoras do Réxime Especial Agrario (conta allea) inclúense dentro do Réxime Xeral da Seguridade Social, mediante a creación do Sistema Especial Agrario.
    • Empregados e empregadas do fogar: desde o día 1 de xaneiro de 2012 os traballadores e as traballadoras incluídas no Réxime Especial de Empregados/as do Fogar quedan integradas dentro do Réxime Xeral, mediante a creación do Sistema Especial para Empregados/as do Fogar.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo