Definicións. Ciencia e tecnoloxía


Actividades de innovación

Actividades financeiras, de desenvolvemento e de comercialización levadas a cabo pola empresa e que teñen por obxectivo, ou xeraron unha innovación.

  • As actividades innovadoras poden resultar nunha innovación, ser pospostas ou abandonadas.
  • Poden ser levadas a cabo dentro da empresa, contratarse a terceiros ou unha combinación de ambos.
  • Poden xerar coñecemento ou información aínda que non se introduza ningunha innovación no período.
Trátase do conxunto de actividades que conducen ao desenvolvemento ou introdución de innovacións. Considéranse as seguintes actividades:
  • Investigación e desenvolvemento experimental (I+D) interna.
  • Adquisición de I+D (I+D externa).
  • Enxeñaría, deseño e outras actividades creativas.
  • Márketing e creación de marca.
  • Actividades relacionadas cos dereitos de propiedade intelectual.
  • Actividades relacionadas coa formación de persoal.
  • Desenvolvemento de software e actividades relacionadas co traballo de bases de datos.
  • Actividades relacionadas coa adquisición ou aluguer de bens tanxibles.

Auxiliares

O persoal auxiliar comprende aos traballadores, cualificados ou non, e ao persoal de secretaría e oficina que participa na realización de proxectos de I+D ou que están directamente relacionados con eses proxectos.

CNAE-09 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas resultante do proceso internacional de revisión denominado Operación 2007. Foi elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de aprobación da NACE Rev.2. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida
Acceso á Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 2009)

CNAE-93 Rev.1 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de implantación da NACE Rev. 1.1. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida

Comercio exterior

Comprende as relacións comerciais da Comunidade Autónoma de Galicia con todos aqueles países que non pertencen á UE. As relacións comerciais de intercambio denominaranse "importacións" para as adquisicións e "exportacións" para as entregas. Para a recollida de información estatística, mantense a obriga de presentar a correspondente declaración DUA ante Aduanas.

Comercio intracomunitario

Comprende as operacións comerciais entre a Comunidade Autónoma de Galicia e os países membros da Unión Europea (excluíndo o resto de España). As adquisicións intracomunitarias chamaranse "introducións" e as entregas intracomunitarias "expedicións". A recollida de información estatística réxese polo Sistema Intrastat.

Compra de I+D (Gasto I+D externo)

Son os gastos motivados pola adquisición de I+D fóra da empresa mediante contrato, convenio, etc. Inclúese a adquisición de actividades de I+D realizada por outras empresas (incluídas as do seu mesmo grupo) ou outras organizacións de investigación públicas ou privadas. Exclúense as cotas institucionais para financiar a outras empresas, asociacións de investigación, etc. que non impliquen unha compra directa de I+D.

Cooperación en innovación

Enténdese por cooperación en innovación a participación activa en proxectos conxuntos de innovación (incluído I+D) con outras organizacións. Estas organizacións poden ser tanto empresas como institucións non comerciais. Non implica necesariamente que ambos interlocutores obteñan beneficios comerciais inmediatos na cooperación. A mera contratación fóra da empresa de traballos, sen colaboración activa por parte desta, non se considera cooperación.

EMAS (Eco-Management and Audit Scheme, ou Regulamento Comunitario de Ecoxestión e Ecoauditoría)

É unha normativa voluntaria da Unión Europea que recoñece aquelas organizacións que implementaron un Sistema de Xestión Ambiental (SGMA) e adquiriron un compromiso de mellora continua, verificado mediante auditorías independentes. As organizacións recoñecidas co EMAS teñen unha política ambiental definida, fan uso dun sistema de xestión ambiental e dan conta periódica do funcionamento do devandito sistema a través dunha declaración ambiental verificada por organismos independentes. A súa creación data do ano 2001 e foi obxecto de posteriores modificacións, a última delas acaecida en 2009.

Empresa EIN

Este termo engloba ás empresas innovadoras (aquelas que introduciron nos tres últimos anos produtos tecnoloxicamente novos ou mellorados no mercado, ou ben puxeron en marcha procesos tecnoloxicamente novos ou mellorados nos seus métodos de produción de bens ou de prestación de servizos), máis as empresas con innovacións en curso ou non exitosas.

Empresa estatística

Defínese a empresa como a combinación máis pequena de unidades xurídicas que constitúe unha unidade organizativa de produción de bens e servizos e que desfruta dunha certa autonomía de decisión, principalmente á hora de empregar os recursos correntes dos que dispón. A empresa exerce unha ou máis actividades en un ou máis lugares. Unha empresa pode corresponder a unha única unidade xurídica.
No concepto de empresa estatística non sempre se dá a analoxía entre empresa e unidade legal, é dicir, algunhas empresas estatísticas poden estar compostas por dúas ou máis unidades legais. A empresa estatística pode ser:

  • Unha unidade legal independente, que non forma parte do grupo empresarial, polo que se supón que dispón de autonomía de decisión.
  • Un grupo empresarial formado para unha ou varias unidades legais.
  • Un subconxunto dunha ou varias unidades legais dun grupo empresarial.

Empresa innovadora

Empresa que introduciu unha ou máis innovacións no período de observación, tanto si a innovación é responsabilidade da empresa individualmente como se foi unha responsabilidade compartida con outra.

Expedicións (comercio intracomunitario)

Comprenden todas aquelas operacións a través das cales un produto con orixe en Galicia é vendido aos países da UE, excluíndo o resto de España.

Exportacións (comercio exterior)

Comprenden todas aquelas operacións a través das cales un produto con orixe en Galicia é vendido a países que non forman parte da UE.

Gasto en I+D

O gasto en I+D interna comprende todos os gastos correntes máis o gasto bruto de capital fixo para o I+D executada dentro dunha unidade estatística durante o período de referencia, calquera que sexa a fonte de financiamento. Os gastos en I+D divídense en gastos correntes e gastos de capital.
Gastos correntes: os gastos correntes son os custos laborais do persoal en I+D e os outros gastos¬ correntes tales como os servizos e outras partidas de gasto (incluído o equipo) utilizados e consumidos ao longo dun ano.
Gastos de capital: son as compras e outros custos asociados á adquisición ou formación de activos fixos que se utilizan de maneira repetida ou continuada na execución do I+D durante máis dun ano.

Gastos en actividades en I+D

Considéranse todas as cantidades destinadas a actividades de I+D realizadas dentro da unidade ou centro investigador (gastos internos) ou fóra destes (gastos externos), calquera que sexa a orixe dos fondos. Os gastos internos comprenden tanto os gastos correntes coma os de capital (exluirase o IVE deducible) realizadas dentro do centro investigador. Os gastos levados a cabo fóra do centro pero en apoio das tarefas internas de I+D (por exemplo, a compra de subministros para I+D) tamén se incluirán como gastos internos en I+D. Os gastos externos inclúen as cantidades pagadas como contraprestación dos traballos de I+D encargados especificamente pola unidade investigadora a outras unidades.

Gastos en actividades innovadoras

Custo total do conxunto de actividades innovadoras, incluíndo os gastos internos e externos en I+D e os gastos relativos ás restantes actividades innovadoras.

Importacións (comercio exterior)

Comprenden todas aquelas operacións nas que unha mercancía elaborada ou orixinal de países que non forman parte da UE é comprada para ser consumida ou transformada en Galicia.

Innovación

Unha innovación é un produto ou proceso de negocio novo ou mellorado (ou unha combinación dos dous) que difire significativamente dos produtos ou procesos de negocio previos da empresa e que foi introducido no mercado ou implementado na empresa.

  • A innovación ten que selo para a empresa, pero non necesariamente para o seu sector ou mercado. Polo tanto, é suficiente que sexa unha novidade ou mellora para a empresa.
  • A innovación púidoa desenvolver a propia empresa, a empresa xunto con outras organización ou puido ser desenvolta por outras empresas ou organizacións.
  • Os cambios de natureza estética ou os simples cambios de organización ou de xestión non deben incluírse.
Unha innovación pode ser de produto ou de procesos de negocio

Innovación de produto

É un ben ou servizo novo ou mellorado que difire significativamente dos bens ou servizos previos da empresa e que foi introducido no mercado.

Innovación nos procesos de negocio

É un proceso de negocio novo ou mellorado para unha ou máis funcións de negocio que difire significativamente do proceso de negocio anterior da empresa e que foi implementado na empresa.

Innovación tecnolóxica (concepto INE)

Nas enquisas do INE sobre investigación e desenvolvemento tecnolóxico considérase innovación tecnolóxica ao resultado das actividades innovadoras. Comprende os produtos (bens ou servizos) e procesos tecnoloxicamente novos, así como as melloras tecnolóxicas importantes dos mesmos. Unha innovación tecnolóxica considérase como tal cando se introduciu no mercado (innovacións de produtos) ou se utilizou no proceso de produción de bens ou de prestación de servizos (innovacións de proceso). Tamén se inclúen nesta categoría as innovacións de tipo organizativo e aquelas que afectan ao proceso de comercialización.

Intensidade de innovación

Defínese coma o cociente entre o gasto en actividades innovadoras e a cifra de negocios, expresado en porcentaxe.

Introducións (comercio intracomunitario)

Comprenden todas aquelas operacións nas que unha mercancía elaborada ou orixinal dun país membro da UE (excluíndo o resto de España) é comprada para ser consumida ou transformada en Galicia.

Investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico (I+D)

Defínese coma o conxunto de traballos creativos que se emprenden de modo sistemático co fin de aumentar o volume de coñecementos, incluído o coñecemento do home, a cultura e a sociedade, así como a utilización desa suma de coñecementos para concibir novas aplicacións.

Investigadores

Son os científicos e enxeñeiros implicados na concepción ou creación de novos coñecementos, produtos, procesos, métodos e sistemas, así como na xestión dos correspondentes proxectos. Tamén están incluídos os xerentes e administradores dedicados á planificación e xestión dos aspectos científicos e técnicos do traballo dos investigadores, así como os estudantes posgraduados cun salario/bolsa de estudo que realizan actividades de I+D.

ISO (Organización Internacional de Normalización)

Nacida tras a Segunda Guerra Mundial, é o organismo encargado de promover o desenvolvemento de normas internacionais de fabricación (tanto de produtos coma de servizos), comercio, comunicación e seguridade para as empresas ou organizacións públicas ou privadas, sexa cal sexa a súa rama de actividade industrial (a excepción da eléctrica e da electrónica). Trátase dun organismo non gobernamental, con sede en Xenebra, integrado por representantes dos organismos de normalización nacionais de 163 países. As normas desenvolvidas por esta organización coñécense como normas ISO e teñen carácter voluntario.

ISO 140001

É unha norma internacional elaborada pola Organización Internacional de Normalización (ISO), que expresa como establecer un Sistema de Xestión Ambiental (SXA) efectivo. A norma está deseñada para conseguir un equilibrio entre o mantemento da rendibilidade e a redución dos impactos no ambiente. Está enfocada cara a calquera organización, de calquera tamaño ou sector, que estea a buscar reducir os impactos no ambiente e cumprir coa lexislación en material ambiental.

ISO 9001

É unha norma internacional elaborada pola Organización Internacional de Normalización (ISO) sobre calidade e xestión continua de calidade. A devandita norma céntrase en todos os elementos de administración de calidade cos que unha empresa ou organización debe contar para ter un sistema efectivo que lle permita administrar e mellorar a calidade dos seus produtos ou servizos.

Licenza

É un acordo contractual entre dúas ou máis partes na que unha parte autoriza a outra a usar a súa propiedade intelectual.

Modelo de utilidade

Son as invencións que, sendo novas e implicando unha actividade inventiva, consisten en dar a un obxecto unha configuración, estrutura ou constitución da que resulte algunha vantaxe practicamente apreciable para o seu uso ou fabricación.

Patente

É a forma que adquire a protección xurídica da actividade innovadora. Unha patente é un título que recoñece o dereito de explotar en exclusiva a invención patentada, impedindo a outros a súa fabricación, venta ou utilización sen consentimento do titular. Como contrapartida, a patente ponse a disposición do público para xeral coñecemento.

Persoal empregado en actividades de I+D

Inclúese como persoal en I+D a todo o persoal empregado directamente en actividades de I+D, sen distinción do nivel de responsabilidade, así como aos que subministran servizos ligados directamente aos traballos de I+D, coma xerentes, administradores e persoal de oficina. Exclúense as persoas que realizan servizos indirectos, coma o persoal de cantina, seguridade, mantemento, etc., aínda que os seus salarios deben contabilizarse coma outros gastos correntes en I+D. Os datos de persoal pódense medir de dúas formas, en número de persoas físicas (a 31 de decembro) e en equivalencia a xornada completa (EXC). Considérase persoal de dedicación plena en I+D ás persoas que empregan cando menos o 90% da súa xornada laboral a actividades de I+D. Considérase persoal de dedicación parcial en I+D a aquelas persoas que dedican aproximadamente entre o 10 e o 90% da xornada laboral a actividades de I+D e o resto a actividades doutro tipo. Polo tanto, considérase persoal empregado en actividades de I+D en equivalencia a dedicación plena á suma do persoal que traballa en réxime de dedicación plena (xornada completa) máis a equivalencia a dita dedicación do persoal que traballa en réxime de dedicación parcial (xornada parcial).

Persoas empregadas

O número de persoas empregadas corresponde co número de persoas que traballan na empresa xunto coas persoas que, a pesar de traballar fóra da empresa, perciben una retribución por parte da empresa (por exemplo, os representantes de comercio e o persoal de entrega de pedidos, reparación e mantemento que traballan por conta da empresa). Inclúe o persoal remunerado e o non remunerado.
O persoal remunerado está formado polos traballadores ligados á empresa por un contrato de traballo e que son retribuídos con cantidades fixas ou periódicas en forma de soldo, salario, comisión ou pago en especie. Tamén se considera como persoal remunerado os propietarios retribuídos polo seus traballo; os estudantes cun compromiso formal polo que contribúen ao proceso de produción da empresa a cambio de remuneración e/ou servizos de educación; os empregados contratados mediante un contrato de fomento das contratacións de persoas desempregadas; os traballadores domiciliarios se hai un acordo explícito de que se lles remunera en función do traballo que realizan e están incluídos en nómina.
O persoal non remunerado está constituído polas persoas que dirixen ou participan activamente nos traballos da empresa sen percibir unha remuneración fixa ou salario. Inclúense os propietarios, socios autónomos que exercen unha actividade na empresa e axudas familiares. Non se inclúen os socios exclusivamente capitalistas nin os familiares do propietario que non participen activamente na empresa, nin as persoas que estean incluídas na nómina de outra empresa na que realicen a súa actividade principal.

Sectores manufactureiros de alta tecnoloxía (clasificación CNAE-09)

Esta categoría está integrada polas actividades industriais correspondentes aos seguintes códigos da CNAE-09:

  • 21. Fabricación de produtos farmacéuticos
  • 26. Fabricación de produtos informáticos, electrónicos e ópticos
  • 30.3. Construción aeronáutica e espacial e a súa maquinaria

Sectores manufactureiros de alta tecnoloxía (clasificación CNAE-93 Rev.1)

Esta categoría está integrada polas actividades industriais correspondentes aos seguintes códigos da CNAE-93 Rev.1:

  • 24.4. Fabricación de produtos farmacéuticos
  • 30. Fabricación de máquinas de oficina e equipos informáticos
  • 32. Fabricación de material electrónico; fabricación de equipo e aparellos de radio, televisión e comunicacións
  • 33. Fabricación de equipos e instrumentos médico-cirúrxicos, de precisión, óptica e reloxería
  • 35.3. Construción aeronáutica e espacial

Sectores manufactureiros de medio-alta tecnoloxía (clasificación CNAE-09)

Esta categoría está integrada polas actividades industriais correspondentes aos seguintes códigos da CNAE-09:

  • 20. Industria química
  • 25.4. Fabricación de armas e municións
  • 27. Fabricación de material e equipamento eléctrico
  • 28. Fabricación de maquinaria e equipamento n.c.n.
  • 29. Fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques
  • 30. Fabricación doutro material de transporte (excepto 30.1. Construción naval e 30.3. Construción aeronáutica e espacial e a súa maquinaria)
  • 32.5. Fabricación de instrumentos e fornecementos médicos e odontolóxicos

Sectores manufactureiros de medio-alta tecnoloxía (clasificación CNAE-93 Rev.1)

Esta categoría está integrada polas actividades industriais correspondentes aos seguintes códigos da CNAE-93 Rev.1:

  • 24.1. Fabricación de produtos químicos básicos
  • 24.2. Fabricación de pesticidas e outros produtos agroquímicos
  • 24.3. Fabricación de pinturas, vernices e revestimentos similares; tintas de imprenta e masillas
  • 24.5. Fabricación de xabóns, deterxentes e outros artigos de limpeza e abrillantamento
  • 24.6. Fabricación doutros produtos químicos
  • 24.7. Fabricación de fibras artificiais e sintéticas
  • 29. Industria da construción de maquinaria e equipo mecánico
  • 31. Fabricación de maquinaria e material eléctrico
  • 34. Fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques
  • 35.2. Fabricación de material ferroviario
  • 35.4. Fabricación de motocicletas e bicicletas
  • 35.5. Fabricación doutro material de transporte

Técnicos

Son persoas que desempeñan tarefas que requiren coñecementos e experiencia técnica en un ou varios campos da enxeñería, das ciencias biolóxicas e físicas ou das ciencias sociais e humanidades. Participan en proxectos de I+D realizando tarefas científicas e técnicas aplicando principios e métodos operativos, xeralmente baixo a supervisión dos investigadores.

Unión Europea (UE)

A Unión Europea (UE) é unha organización internacional que xorde en 1951 como a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro, pola que se creou un mercado común limitado á industria do carbón e do aceiro; a esta institución, precursora da actual UE, pertencían Francia, Alemaña Occidental, Italia, Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo. Este mercado común inténtase ampliar a outras materias económicas e ao sector da enerxía nuclear e así se constitúen a Comunidade Económica Europea e a Comunidade Europea da Enerxía Atómica en 1957. En 1973 únense a estes países Reino Unido, Dinamarca e Irlanda; en 1981 Grecia e en 1986 España e Portugal. En 1992, segundo o Tratado de Maastricht, conságrase a Unión Europea, conferíndolle novos poderes e responsabilidades ás institucións comunitarias e introducindo novas formas de cooperación entre os gobernos dos Estados Membros. En 1995 creouse a Europa dos 15 coa incorporación de Austria, Finlandia e Suecia e en maio de 2004 incorporáronse Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta, Polonia e a República Checa, conformando a Europa dos 25. A partir de xaneiro de 2007, coas novas incorporacións de Bulgaria e Romanía, a UE consta de 27 membros. En xullo de 2013 Croacia convértese no país número 28 da UE. O 31 de xaneiro de 2020 o Reino Unido saíu da Unión Europea

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo