Definicións. Sistema de contas


Asalariados

Nas operacións do Sistema de contas económicas son todas as persoas que, mediante un acordo, traballan para outras unidades institucionais residentes e reciben unha remuneración.

Na información procedente das fontes tributarias defínese coma o número de persoas que reciben unha contraprestación pecuniaria en concepto de rendemento do traballo, contadas de forma única independentemente de que traballasen para unha ou varias empresas ou entidades. Este colectivo está formado polas persoas que reciben percepcións declaradas na clave A do Modelo 190 da "Declaración anual de retencións sobre as rendas de traballo" (empregados por conta allea en xeral).

Na Enquisa aos demandantes de emprego comprende a todas as persoas que na semana de referencia estiveran traballando para un empresario privado ou público a cambio dun soldo, salario, comisión, pagos segundo resultado, gratificación ou calquera outra forma de remuneración en metálico ou en especie. As persoas que traballan na empresa dun familiar percibindo unha remuneración regulamentada deben incluírse nesta categoría. Inclúense tamén como asalariados os socios ou traballadores das sociedades anónimas laborais que teñan unha situación laboral e legal de asalariados. As persoas que cumpran os requisitos para ser asalariados non perden a dita condición aínda no caso de que paguen directamente os impostos por rendemento do traballo persoal e/ou as cotizacións á Seguridade Social. Os xestores, directores ou outros empregados asalariados que non son donos da empresa na que traballan, clasifícanse como traballadores por conta allea, aínda que exerzan as mesmas funcións que os empresarios coma, por exemplo, a contratación ou o despido, en nome das empresas, doutros traballadores.
Como regra xeral, pódese dicir que un asalariado é unha persoa remunerada directa ou indirectamente, en diñeiro ou en especie, en función da cantidade de traballo que realiza (incluído o pago a comisión), con independencia do valor da produción ou da rendibilidade do proceso produtivo. Pode ocorrer que por razóns legais un asalariado teña contrato de autónomo. Neste caso consideraremos á persoa coma asalariada se cumpre as condicións antes descritas. Polo contrario, un traballador independente recibe unha renda que está en función do valor da produción do proceso produtivo do que é responsable, sexa moito ou pouco o traballo aportado.

Na Enquisa de poboación activa os asalariados son persoas con traballo por conta allea ou asalariados todas as que entren nas seguintes categorías:

  • Traballando: persoas que durante a semana de referencia traballaron, incluso de forma esporádica ou ocasional, polo menos unha hora a cambio dun soldo, salario ou outra forma de retribución conexa, en metálico ou en especie.
  • Con emprego pero sen traballar: persoas que, xa tendo traballado no seu emprego actual, estean ausentes do mesmo durante a semana de referencia (por causa de enfermidade, accidente, conflito laboral, suspensión disciplinaria de emprego e soldo, vacacións, licenza de estudos,...) e manteñan un estreito vínculo co emprego. A forza deste vínculo determinase de acordo coa crenza do entrevistado de reincorporarse ou non á empresa e na percepción ou non dalgún tipo de remuneración.
Os membros activos das forzas armadas figuran tamén entre a poboación asalariada. Non se consideran asalariados:
  • Os empresarios e os traballadores independentes, aínda que estiveran contratados como asalariados na súa propia empresa.
  • Os traballadores familiares non remunerados (axudas familiares) e os membros de cooperativas que traballan nelas.
  • As persoas ausentes do seu traballo, con licenza ou suspendidas que estean debilmente vinculadas ao seu emprego.
  • Os traballadores estacionais, ocasionais ou descontinuos por conta allea na época de menor actividade que non estivesen traballando na semana de referencia.
Considérase que os asalariados teñen un contrato ou relación laboral temporal cando o seu remate queda fixado por condicións obxectivas, tales como a expiración dun prazo, a realización dunha tarefa de terminada, etc. Noutro caso, considérase que o contrato, ou relación laboral, é indefinido.

Os asalariados subdivídense en: asalariados do sector público e asalariados do sector privado. Entre os primeiros están incluídos tanto os funcionarios como os contratados laborais, independentemente de que traballen con carácter fixo ou temporal.

Calendario (Series de tempo)

Os efectos englobados dentro deste compoñente obedecen á discrepancia existente entre a dinámica temporal intrínseca dun determinado fenómeno e a que resulta da súa agregación ou mostraxe temporal (efecto alias do ciclo semanal). Por outra parte, determinados fenómenos económicos réxense por un calendario diferente do utilizado como patrón de medida. Así, o caso máis notable é o da Pascua que, ao seguir o calendario lunar, posúe unha ubicación móbil no calendario gregoriano. Consideraranse como efectos de calendario aqueles asociados co ciclo semanal e coa Pascua móbil.

Capacidade de crear valor (VEB/Produción)

Esta ratio define as unidades monetarias de valor engadido (VEB) xeradas por cada unidade monetaria de produción. Será tanto maior cantos menos consumos intermedios se utilicen no proceso de produción, polo que se aproxima ao concepto de eficiencia produtiva. Hai que ter presente que esta ratio non analiza a eficiencia do factor traballo, senón só a utilización de insumos (materias primas e servizos) no proceso produtivo. Exprésase en porcentaxe.

Ciclo (Series de tempo)

Está caracterizado por oscilacións de duración situada entre os dous e os oito anos. É un compoñente de baixa frecuencia, igual que a tendencia, pero orixinada por factores diferentes, entre os que predominan os aspectos de curto prazo ou axuste cara a sendas de crecemento tendenciais.

CNAE-09 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas resultante do proceso internacional de revisión denominado Operación 2007. Foi elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de aprobación da NACE Rev.2. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida
Acceso á Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 2009)

Consumo final efectivo

Comprende os bens e servizos adquiridos por unidades institucionais residentes para a satisfacción directa das necesidades humanas, xa sexan estas individuais ou colectivas. Os bens e servizos para consumo individual son adquiridos por un fogar e utilizados para satisfacer as necesidades e carencias dos membros do mesmo. Os servizos para consumo colectivo préstanse de forma simultánea a todos os membros da comunidade ou dunha parte específica desta.
Todo o gasto en consumo final dos fogares é individual. Todos os bens e servizos subministrados polas Institucións sen fin de lucro ao servizo dos fogares (ISFLSF) considéranse individuais.

Consumos intermedios

Representan o valor dos bens e servizos consumidos como insumos nun proceso de produción (SEC-2010, 3.88 e seguintes). Non se inclúen os activos fixos, cuxo consumo debe rexistrarse como consumo de capital fixo.

Consumos intermedios (Conta Satélite Produción Doméstica)

Representan o valor dos bens e servizos consumidos como insumos nun proceso de produción (SEC-95, 3.69). Esta é a definición empregada nas Contas Económicas Anuais e Trimestrais, así como no Marco Input-Output de Galicia. Agora ben, na Conta Satélite de Produción Doméstica (CSPD) a función produtiva dos fogares amplíase, o que dá orixe a que parte do consumo final deste sector se reclasifique en consumo intermedio ou formación bruta de capital. Por exemplo, na CSPD o pan, os cereais, a carne ou o peixe son considerados consumos intermedios na elaboración doutros produtos, a diferenza do que acontece nas restantes operacións da Contabilidade Nacional, nas que se consideran gasto en consumo final dos fogares. Máis información na metodoloxía da operación.

Conta de asignación da renda primaria

Esta conta trata as unidades residentes como perceptores de renda primaria e non como produtores que xeren a dita renda primaria. No caso do sector fogares os recursos son o excedente de explotación bruto, a renda mixta, a remuneración dos asalariados e as rendas da propiedade que son un recurso para os fogares (por exemplo, os intereses cobrados polos depósitos bancarios). Nos empregos só temos a renda da propiedade (por exemplo, os intereses pagados polos fogares polos créditos hipotecarios). O saldo da conta é o saldo de rendas primarias.

Conta de bens e servizos

Ten por obxecto amosar, por grupos de produtos ou para o total da economía, como se utilizan os bens e servizos dispoñibles. Presenta, no lado dos recursos, a produción e as importacións, e no dos empregos, os consumos intermedios, o consumo final, a formación bruta de capital e as exportacións de bens e servizos. Esta conta debe estar equilibrada por definición. Polo tanto, e dado que a produción se valora a prezos básicos e os empregos a prezos de adquisición, haberá que incluír nos recursos os impostos menos as subvencións sobre os produtos para que o saldo da conta sexa nulo.

Conta de distribución secundaria da renda

A conta de distribución secundaria da renda mostra cómo se asigna o saldo das rendas primarias dos fogares por medio da redistribución, é dicir, mediante os impostos correntes sobre a renda, o patrimonio, etc., as cotizacións e prestacións sociais en efectivo e as outras transferencias correntes. Nesta conta rexístranse as operacións que para os fogares residentes, constitúen unha redistribución da renda en efectivo, tanto en recursos (prestacións sociais, indemnizacións de seguros non vida, …) coma en empregos (impostos correntes, cotizacións sociais, primas netas de seguro…).

O saldo da conta é a renda dispoñible, que reflicte as operacións correntes e que exclúe, explicitamente, as transferencias de capital, as ganancias e perdas de posesión reais e as consecuencias de sucesos como as catástrofes naturais.

Conta de explotación

Presenta aos sectores institucionais como produtores ou xeradores das rendas primarias (na conta de asignación da renda primaria os sectores institucionais son tratados coma perceptores de rendas primarias). Esta conta analiza en que medida o valor engadido pode cubrir a remuneración dos asalariados e os outros impostos menos as subvencións sobre a produción; tamén permite obter, como saldo contable, o excedente de explotación bruto ou renda mixta (no caso das empresas non constituídas en sociedade pertencentes ao sector dos fogares).

Conta de produción

Amosa as operacións relativas ao proceso de produción. Nos recursos inclúe a produción e nos empregos os consumos intermedios. O saldo da conta corresponde ao Valor Engadido Bruto (VEB) valorado a prezos básicos; é dicir, sen tomar en consideración os impostos menos as subvencións sobre os produtos. Na conta de produción do total da economía, esta partida inclúese entre os recursos, o que permite obter o Produto Interior Bruto (PIB) a prezos de mercado.

Conta satélite

Comprende un conxunto de táboas e de indicadores que permiten afondar no coñecemento dun determinado aspecto da economía dun territorio, ampliando a información proporcionada polo sistema de contas económicas. As contas satélite poden presentar algunha das seguintes características:

Cotizacións sociais (D.61) (Base 2005)

As cotizacións sociais poden dividirse en cotizacións efectivas a pagar aos sistemas de seguridade social e as cotizacións imputadas rexistradas polos sistemas privados non baseados en fondos especiais.

As cotizacións sociais efectivas comprenden:

  • Cotización sociais efectivas a cargo dos empregadores (D.6111), son os pagos que estes realizan ás administracións de seguridade social, empresas de seguro e fondos de pensións autónomos ou non autónomos que administran sistemas de seguros sociais, co fin de asegurar a provisión de prestacións sociais aos seus asalariados.
  • Cotizacións sociais a cargo dos asalariados (D.6112). Trátase das cotizacións sociais que pagan os asalariados á seguridade social e aos sistemas privados con e sen constitución de reservas.
  • Cotizacións sociais dos traballadores autónomos e dos desempregados (D. 6113). Son as cotizacións sociais que pagan, no seu propio beneficio, as persoas que non son asalariados, é dicir, os traballadores autónomos (empregadores ou traballadores por conta propia) e os desempregados.
As cotizacións sociais efectivas rexístrase coma emprego na conta de distribución secundaria da renda dos fogares.

As cotizacións sociais imputadas representan a contrapartida das prestacións sociais directas dos empregadores (menos, no seu caso, as cotizacións sociais a cargo dos asalariados). Estas prestacións páganas directamente os empregadores (é dicir, non están vinculadas ás cotizacións efectivas, a cargo dos empregadores) aos seus asalariados ou exasalariados sen a intervención dunha empresa de seguro ou fondo de pensións autónomos e sen constituír un fondo especial ou unha reserva separada a tales efectos.

Cotizacións sociais netas (D.61) (Base 2010 e Revisión estatística 2019)

Son as cotizacións efectivas ou imputadas que pagan os fogares aos sistemas de seguros sociais co fin de asegurar o pago de prestacións sociais. Comprenden:

  • D.611 Cotizacións efectivas a cargo dos empregadores: son os pagos que os empregadores efectúan aos sistemas de serguridade social ou outros sistemas de seguros sociais vencellados ao emprego co fin de garantir o dereito dos seus asalariados ás prestacións sociais. Estas cotizacións poden ser obrigatorias ou voluntarias. Corresponden ao fluxo D.121
  • D.612 Cotizacións sociais imputadas a cargo dos empregadores: representan a contrapartida das prestacións sociais pagadas directamente polos empregadores aos seus asalariados ou antigos asalariados. Corresponden ao fluxo D.122
  • D.613 Cotizacións sociais efectivas a cargo dos fogares: son as cotizacións sociais que pagan, no seu nome, os asalariados, os traballadores por conta propia ou os desempregados aos sistemas de seguros sociais
  • D.614 Cotizacións suplementarias a cargo dos fogares: consisten nas rendas da propiedade obtidas durante o exercicio contable no stock dos dereitos por pensións e outras prestacións distintas das pensións

Cotizacións Sociais/Remuneración dos asalariados

Este cociente mide a cota que representan as cotizacións sociais a cargo dos empregadores no conxunto da remuneración que pagan aos seus asalariados. Exprésase en porcentaxe.

Custo laboral unitario nominal

Este indicador compara a remuneración por asalariado coa produtividade do traballo. Obtense dividindo a remuneración por asalariado entre a produtividade aparente real. A taxa de variación anual toma un valor positivo se o crecemento da remuneración por asalariado supera o crecemento da produtividade.

Custo laboral unitario real

Variación anual do custo laboral unitario. Este indicador compara a evolución da remuneración por asalariado coa evolución da produtividade do traballo e dos prezos. De modo que toma un valor positivo se o crecemento da remuneración por asalariado supera o crecemento da produtividade e dos prezos

Custo laboral unitario real

Este indicador compara a remuneración por asalariado coa produtividade do traballo e dos prezos. Obtense dividindo a remuneración por asalariado entre a produtividade aparente nominal. A taxa de variación anual toma un valor positivo se o crecemento da remuneración por asalariado supera o crecemento da produtividade e dos prezos.

Deflactor do PIB

É o cociente entre o PIB nominal (a prezos correntes do ano considerado) e o PIB real (a prezos constantes dun ano base), expresado en forma de índice, é dicir, multiplicado por 100. Utilízase como índice de prezos alternativo ao IPC (índice de prezos de consumo), xa que mide as variacións de prezos experimentadas por todos os bens e servizos producidos nunha economía durante un período de referencia.

Emprego

En Confianza empresarial defínese coma o conxunto de persoas que mediante contrato traballan para a empresa a cambio dunha remuneración.

Nas Contas económicas anuais e nas Contas económicas trimestrais comprende todas as persoas, tanto asalariados como traballadores autónomos, que realizan unha actividade produtiva incluída dentro da fronteira da produción do sistema. Este concepto de emprego definido no SEC difire basicamente do utilizado nas estatísticas de forza de traballo en que inclúe o emprego dos non residentes que traballan en Galicia e exclúe o emprego dos residentes en Galicia que traballan fóra.

Estacionalidade (Series de tempo)

Trátase dun movemento periódico ou cuasiperiódico de duración inferior ou igual ao ano. Ven determinado, principamente, por factores institucionais, climáticos e técnicos que evolucionan de forma suave, desde unha perspectiva a longo prazo.

Excedente de Explotación Bruto (EEB)/Renda mixta

Corresponde á renda que obteñen as unidades da utilización dos seus propios activos de produción. É o saldo da conta de explotación. No caso das empresas non constituídas en sociedades correspondentes ao sector fogares fálase de renda mixta.

Excedente de explotación/VEB (PIB para o total da economía)

Este cociente mide a cota de valor engadido (VEB) utilizada para remunerar o factor capital. O valor engadido, pola vía das rendas, é o resultado da suma de remuneración dos asalariados, excedente de explotación bruto e impostos netos sobre a produción e as importacións. Na medida en que a ratio excedente de explotación sobre VEB sexa alta significa que a parte de valor xerado destinado a pagar o factor capital será elevada e, polo tanto, a parte que remunera o factor traballo e os impostos será menor. Hai que ter en conta que o excedente de explotación inclúe a remuneración do traballo non asalariado, baixo a denominación de rendas mixtas. Exprésase en porcentaxe.

Exportacións

Consisten nas operacións mediante as que os residentes subministran bens e servizos aos non residentes.

Formación bruta de capital

Comprende as adquisicións menos as cesións de activos fixos realizadas polos produtores residentes (formación bruta de capital fixo) e o valor das entradas en existencias, menos o valor das saídas e o valor de calquera perda corrente dos bens mantidos en existencias (variación de existencias).

Formación bruta de capital (Conta Satélite Produción Doméstica)

Comprende a formación bruta de capital fixo, a variación de existencias e as adquisicións menos cesións de obxectos valiosos (SEC-95, 3.100 e seguintes). Esta é a definición empregada nas Contas Económicas Anuais e Trimestrais, así como no Marco Input-Output de Galicia. Agora ben, na Conta Satélite de Produción Doméstica (CSPD) a función produtiva dos fogares amplíase, o que dá orixe a que parte do consumo final deste sector se reclasifique en consumo intermedio ou formación bruta de capital. Por exemplo, na CSPD os mobles e demais artigos de amoblamento entran dentro da formación bruta de capital, a diferenza do que acontece nas restantes operacións da Contabilidade Nacional, nas que se clasifican como gasto en consumo final dos fogares. Máis información na metodoloxía da operación.

Gasto en consumo final

Nas operacións do Sistema de contas económicas consiste no gasto realizado polas unidades institucionais residentes en bens e servizos que se utilizan para satisfacer directamente as necesidades individuais, ou as necesidades colectivas dos membros da comunidade. Este gasto pode realizarse no territorio económico ou no resto do mundo (SEC-2010, 3.94 e seguintes).

Na Conta Satélite de Produción Doméstica a función produtiva dos fogares amplíase, o que dá orixe a que parte do consumo final deste sector se reclasifique en consumo intermedio ou formación bruta de capital. Deste xeito, a partida incluída nesta operación como consumo final do sector fogares non se corresponde necesariamente coa incluídas nas restantes operacións do Sistema de contas de Galicia. Máis información na metodoloxía da operación.

Na Enquisa de orzamentos familiares, o gasto en consumo final dos fogares corresponde ao gasto efectuado polos fogares co fin de consumir bens e servizos. Comprende:

  • As compras efectuadas de xeito monetario.
  • O valor estimado de certos bens e servizos, tales como:
    • O valor dos produtos procedentes do autoconsumo (tanto se son consumidos polo fogar como se son regalados a outros fogares).
    • O valor de produtos procedentes da autosubministración (cando os consume o fogar).
    • As remuneracións en especie dos empregadores aos seus asalariados.
    • Os alugueiros imputados aos propietarios de vivendas ou aos que as utilizan de forma gratuíta ou semigratuíta.
    • Comidas ou ceas gratuítas ou bonificadas no lugar de traballo ou no establecemento de hostalaría propiedade do fogar.

Horas traballadas

Representa a cifra global de horas efectivamente traballadas durante o período contable, no ámbito das actividades produtivas que se inclúen dentro da fronteira da produción. As horas efectivamente traballadas inclúen as horas extraordinarias, os períodos dedicados ao mantemento, reparación, preparación e limpeza, o tempo en situación de espera por motivos de falta de traballo e o correspondente a períodos breves de descanso no lugar de traballo. Exclúense de ditas horas as remuneradas pero non traballadas, por vacacións, enfermidade, os días festivos, as pausas para as comidas e os tempos de viaxe entre o fogar e o traballo.

Horas traballadas

Son as horas efectivamente traballadas como asalariado ou traballador autónomo durante o período contable ou o ano de referencia. Comprende as horas realmente traballadas (normais e extraordinarias) durante os períodos de traballo; o tempo dedicado no lugar de traballo á preparación de ferramentas, elaboración de fichas de control, etc.; a duración de tempos mortos no lugar de traballo producidos por falta ocasional de traballo; así como o tempo correspondente a breves períodos de descanso no lugar de traballo (almorzo, etc.). Deben excluírse as horas pactadas pero non traballadas por motivos de enfermidades, folgas, vacacións, etc., as interrupcións para as comidas e as horas empregadas no camiño do domicilio ao lugar de traballo.

Horas traballadas asalariadas/Horas traballadas totais

Esta ratio indica o peso das horas traballadas dos asalariados no total de horas traballadas. Por tanto, depende tanto do ratio de asalarización como das xornadas medias dos asalariados. Exprésase en porcentaxe.

Importacións

Consisten en operacións mediante as que os non residentes subministran bens e servizos aos residentes.

Impostos netos sobre a produción e as importacións

Son os impostos que gravan a produción e as importacións de bens e servizos menos as subvencións.

Impostos netos sobre os produtos

Son os impostos a pagar por cada unidade producida ou distribuída dun determinado ben ou servizo menos as subvencións. Inclúen o IVE, os impostos e dereitos sobre a importación e os outros impostos sobre os produtos.

Impostos sobre a produción e as importacións

Son pagamentos obrigatorios sen contrapartida, recadados polas administracións públicas, que gravan a produción e as importacións de bens e servizos, a utilización de man de obra, a propiedade ou o uso da terra, edificios e outros activos utilizados na produción. Divídense en:

  • Impostos sobre os produtos: impostos que hai que pagar por cada unidade producida ou distribuída dun determinado ben ou servizo. Pode consistir nunha cantidade especifica por unidade de ben ou servizo, ou pode calcularse como un porcentaxe específico do prezo ou valor do ben. O Imposto sobre o valor engadido (IVE) ou os impostos especiais son os exemplos máis sobranceiros deste epígrafe.
  • Outros impostos sobre a produción: impostos que soportan as empresas como resultado da súa participación na produción, independentemente da cantidade ou do valor dos bens e servizos producidos ou vendidos. (SEC-2010, 4.41 e seguintes).

Impostos sobre a renda, o patrimonio, etc. (D.5)

Comprenden todos os pagos obrigatorios sen contrapartida, en efectivo ou en especie, recadados periodicamente polas administracións públicas e polo resto do mundo sobre a renda e o patrimonio das unidades institucionais, así como algúns impostos periódicos que non se esixen nin sobre a renda nin sobre o patrimonio (SEC 4.77).

Os impostos correntes sobre a renda, o patrimonio, etc., divídense en:

  • impostos sobre a renda (D.51), comprenden os impostos sobre as rendas, os beneficios e as ganancias de capital. No caso do sector fogares estamos a falar do Imposto sobre a renda persoas físicas (IRPF).
  • outros impostos correntes (D.59), que comprenden impostos sobre o capital, sobre o gasto, pagamentos dos fogares por licencias de tenencia e desfrute de vehículos, etc. No caso dos fogares e no marco tributario actual os tributos que forman parte deste agregado son: imposto sobre o patrimonio, imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM), imposto sobre bens inmobles (IBI), imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, taxas por permisos de caza e pesca e contribucións especiais.
Os impostos correntes sobre a renda e patrimonio, rexístrase coma emprego na conta de distribución secundaria da renda dos fogares.

Impostos sobre os produtos

Impostos que hai que pagar por cada unidade producida ou distribuída dun determinado ben ou servizo.

Outras subvencións á produción

Comprenden as subvencións, distintas das subvencións aos produtos, que poden recibir as unidades de produción residentes como consecuencia da súa participación na produción.

Outras transferencias correntes (Base 2005)

Esta partida comprende as transferencias correntes que afectan aos fogares residentes non incluídas nos apartados anteriores (impostos sobre a renda, prestacións sociais, cotizacións sociais, rendas da propiedade). No que atinxe ao sector fogares, estamos a falar de:

  • Primas netas de seguro no vida (D.71). Son as primas a pagar en virtude de pólizas subscritas polo sector fogares. As pólizas dos fogares individuais son as que estes subscriben pola súa propia iniciativa e no seu propio beneficio, independentemente dos empregadores ou das administracións públicas e fóra de todo sistema de seguros sociais. As primas netas de seguro non de vida comprenden tanto as primas efectivas que deben pagar os tomadores das pólizas para estar cubertos durante o período contable (primas imputables ao exercicio corrente) como as primas complementarias a pagar coas rendas da propiedade atribuídas aos asegurados, previa dedución dos custes do servizo de seguro.
  • Indemnizacións de seguro non vida (D.72). Representan as indemnizacións imputables ao exercicio corrente en virtude de contratos de seguros non de vida; é dicir, os importes que as empresas de seguro están obrigadas a pagar por lesións ou danos sufridos polas persoas ou os bens (incluídos os bens de capital fixo).
  • Transferencias correntes diversas (D.75). Comprende:
    • Transferencias correntes ás Institucións sen fin de lucro ao servizo dos fogares (ISFLSF). Son todas as contribucións voluntarias (excepto as herdanzas), as cotas dos seus membros e a asistencia financeira que as ISFLSF reciben dos fogares. Nesta rúbrica rexístranse entre outras, as cotas periódicas pagadas polos fogares a sindicatos e organizacións políticas, deportivas, culturais, relixiosas e similares clasificadas no sector das ISFLSF e as contribucións voluntarias dos fogares ás ISFLSF.
    • Transferencias correntes entre os fogares. Consisten en todas as transferencias correntes, en efectivo ou en especie, que os fogares residentes efectúan a, ou reciben doutros, fogares residentes ou non residentes. En particular, inclúen as remesas de fondos que os emigrantes ou os traballadores instalados permanentemente fóra do territorio económico fan aos membros da súa familia residentes no seu país de orixe, e as dos pais aos seus fillos residentes noutros lugares. Rexístranse nos empregos e os recursos da conta de distribución secundaria da renda dos fogares.
    • Multas e sancións. As multas e sancións impostas as unidades pertencentes ao sector fogares por tribunais de xustiza ou outras instancias xurídicas considéranse transferencias correntes obrigatorias.
    • Loterías e xogos de azar. Os importes pagados polos billetes de lotería ou as sumas colocadas en apostas comprenden dous elementos: o pago do servizo á unidade que organiza a lotería ou os xogos de azar e unha transferencia corrente residual que se paga aos gañadores. O custe do servizo pode ser moi importante e ten que cubrir os impostos sobre a produción de servizos de xogos de azar. No sistema, considérase que as transferencias teñen lugar directamente entre os que participan na lotería ou nos xogos de azar, é dicir, entre os fogares. Cando participan fogares non residentes, poden darse transferencias netas significativas entre el sector «fogares» e o resto do mundo.
    • Pagos compensatorios. Son as transferencias correntes pagadas por unhas unidades institucionais a outras en compensación polas lesións ou danos causados ás persoas ou as propiedades, excluídas as indemnizacións de seguro non de vida.
    • Outras transferencias correntes. Comprende entre outras as bolsas, bolsas de viaxe e recompensas pagadas aos fogares polas Administracións Públicas (AAPP) ou as ISFLSF, as devolucións feitas polos fogares de gastos efectuados no seu favor por organizacións de asistencia social, as primas de aforro concedidas regularmente polas AAPP aos fogares coma recompensa polos seus aforros durante o período e as transferencias correntes das AAPP aos fogares na súa condición de consumidores, se non se rexistran coma prestacións sociais.

Outras transferencias correntes (D.7) (Base 2010 e Revisión estatística 2019)

No caso do sector fogares comprende:

  • D.71 Primas netas de seguro non vida
  • D.72 Indemnizacións de seguro non vida
  • D.75 Transferencias correntes diversas

D.71 Primas netas de seguro non vida: as primas netas de seguro non vida son as primas a pagar en virtude de pólizas subscritas por unidades institucionais. Son os montantes dispoñibles para a cobertura de diversas continxencias ou accidentes, de orixe natural ou causado polo home, que provocan danos aos bens, ás propiedades ou ás persoas (incendios, inundacións, accidentes, roubos, etc.) ou ben para a cobertura de perdas financeiras ocasionadas por continxencias como enfermidades, desemprego, accidentes, etc.
No caso das pólizas dos fogares individuais son as que estes subscriben pola súa propia iniciativa e beneficio, independentemente dos empregadores e da administración pública e fora de todo sistema de seguros sociais.
Son un recurso do sector Institucións financeiras e un emprego do resto dos sectores (tomadores do seguro), en particular do sector fogares.
D.72 Indemnizacións de seguro non vida: representan as indemnizacións imputables ao exercicio corrente en virtude de contratos de seguro non vida; é dicir, os importe que as compañías de seguros están obrigadas a pagar por lesións ou danos sufridos polas persoas ou os bens.
As indemnizacións teñen a súa orixe nos danos ou lesións que os tomadores do seguro causan a terceiros ou a propiedades destes. Neses casos, considérase que as compañías de seguros pagan directamente as indemnizacións ás partes prexudicadas e non indirectamente a través do tomador do seguro.
Son un emprego do sector Institucións financeiras e un recurso do resto dos sectores (beneficiarios do seguro).
D.75 Transferencias correntes diversas: no caso do sector fogares, comprende:
  • D.751 Transferencias correntes ás institucións sen fin de lucro ao servizo dos fogares: comprende as contribucións voluntarias (agás legados) e axuda financeira que as ISFLSF reciben dos fogares e, en menor medida, doutras unidades.
  • D.752 Transferencias correntes entre os fogares: consisten en tódalas transferencias correntes, en efectivo u ou especie, que os fogares residentes efectúan a, ou reciben de, outros fogares residentes ou non residentes. En particular, inclúen as remesas de fondos que os emigrantes fan a membros da súa familia residentes noutro país
  • D.759 Outras transferencias correntes: inclúe outro tipo de transferencias que os fogares reciben ou efectúan, como bolsas de estudos, pagos de multas e sancións, etc.

Outros impostos sobre a produción

Impostos que soportan as empresas como resultado da súa participación na produción, independentemente da cantidade ou do valor dos bens e servizos producidos ou vendidos.

Persoas/Postos de traballo

Esta ratio amosa a relación entre as persoas empregadas e os postos de traballo.
O concepto de posto de traballo difire do concepto de emprego, nos seguintes aspectos:

  1. Inclúe o segundo, terceiro, ... posto de traballo que ocupa a mesma persoa.
  2. Exclúe ás persoas que non traballan temporalmente, pero que teñen "un vínculo formal co seu posto de traballo", por exemplo, "unha garantía de reincorporación ó traballo ou un acordo sobre a data de reincorporación". Este tipo de acordo entre un empregador e unha persoa en suspensión temporal de emprego ou en permiso de formación non se considera un posto de traballo no Sistema Europeo de Contas (SEC).

Peso da remuneración de asalariados no PIB

Indica que parte do valor engadido xerado por unha economía serve para remunerar o factor traballo

Posto de traballo

Defínese como un contrato explícito ou implícito entre unha persoa e unha unidade institucional residente, para realizar un traballo a cambio dunha remuneración (inclúe a renda mixta dos traballadores autónomos) durante un período definido ou indefinido de tempo.
O concepto de posto de traballo difire do concepto de emprego, nos seguintes aspectos:

  1. Inclúe o segundo, terceiro,... posto de traballo que ocupa a mesma persoa.
  2. Exclúe ás persoas que non traballan temporalmente, pero que teñen "un vínculo formal co seu posto de traballo", por exemplo, "unha garantía de reincorporación ó traballo ou un acordo sobre a data de reincorporación". Este tipo de acordo entre un empregador e unha persoa en suspensión temporal de emprego ou en permiso de formación non se considera un posto de traballo no SEC.

Postos de traballo equivalentes a tempo completo

Defínese como o total de horas traballadas dividido pola media anual das horas traballadas en postos de traballo a tempo completo no territorio económico.

Postos de traballo equivalentes/Postos de traballo

Esta ratio amosa a relación entre os postos de traballo equivalentes a tempo completo e os postos de traballo. Esta relación é indicativa da distintas xornadas medias dos traballadores a tempo completo e a tempo parcial. Exprésase en porcentaxe.

Prestacións sociais (D.62) (Base 2005)

Son transferencias aos fogares destinadas a cubrir unha serie de riscos ou necesidades de carácter social. Estas transferencias poden estar organizados colectivamente por unidades das administracións públicas. En particular, as prestacións sociais inclúen:

  • Prestacións de seguridad social en efectivo (D.621). Son as prestacións a pagar aos fogares polas administracións de seguridade social (excluídos os reembolsos) e que se proporcionan no marco de sistemas de seguridade social.
  • Prestacións sociais de sistemas privados con constitución de reservas (D.622). Son prestacións (en efectivo ou en especie) a pagar aos fogares polas empresas de seguro ou outras unidades institucionais que administran sistemas de seguros sociais privados con constitución de reservas.
  • Prestacións sociais directas dos empregadores (D.623). Son prestacións (en efectivo ou en especie) a pagar aos seus asalariados, ás persoas a cargo destes ou aos seus superviventes, polos empregadores que xestionan sistemas de seguros sociais sen constitución de reservas.
  • Prestacións de asistencia social en efectivo (D.624). Son prestacións pagadas aos fogares por unidades das administracións públicas ou das ISFLSF, co fin de atender as mesmas necesidades que as prestacións dos seguros sociais, pero que non se enmarcan nun sistema de seguros sociais con cotizacións sociais e prestacións de seguros sociais.

Prestacións sociais distintas das transferencias sociais en especie (D.62) (Base 2010 e Rev. 2019)

Comprende as seguintes partidas:

  • D.621 Prestacións da seguridade social en efectivo: prestacións de seguros sociais a pagar en efectivo aos fogares polos fondos da seguridade social. Rexístranse como empregos das Administracións Públicas e recurso dos fogares.
  • D.622 Prestacións doutros sistemas de seguros sociais: prestacións a pagar polos empregadores no contexto doutros sistemas de seguros sociais vencellados ao emprego (distintos da seguridade social). Inclúe, entre outros, as pensións doutros sistemas de seguros sociais (como as da Mutualidad General de Funcionarios Civiles del Estado –MUFACE--), os salarios que se continúan pagando polos empregadores nos períodos de baixa, accidente, enfermidade, etc. Son un recurso dos fogares e un emprego do sector do empregador.
  • D.623 Prestacións de asistencia social en efectivo: transferencias correntes pagadas polas administracións públicas ou as Institucións sen fin de lucro ao servizo dos fogares (ISFLSF) aos fogares, para cubrir as mesmas necesidades que as prestacións de seguros sociais pero que non se enmarcan nun sistema de seguros sociais que requira a participación con cotizacións sociais. Estas prestacións proporciónanse: cando non existe outro sistema de seguros sociais que cubra esa circunstancia ou cando aínda que existan outros sistemas de seguros sociais, o fogar en cuestión non ten dereito á prestación, cando as prestacións de seguros sociais non son suficientes para cubrir as necesidades e, en xeral, no marco da política social. Son un recurso dos fogares e un emprego dos sectores Administración Pública e ISFLSF.

Prezos básicos

É o prezo que os produtores reciben dos compradores por cada unidade dun ben ou servizo producido, restando calquera imposto a pagar e engadindo calquera subvención a recibir pola produción ou venda da unidade de produción (SEC-2010, 3.44).

Prezos constantes

A valoración a prezos constantes significa valorar os fluxos e stocks nun período contable aos prezos vixentes nun período anterior. Permite eliminar o efecto que as eventuais subas ou baixadas de prezos producen na magnitude analizada.

Prezos de adquisición

É o prezo que paga o comprador polos bens e servizos, incluídos os impostos menos as subvencións sobre os produtos e os custos de transporte pagados por separado polo comprador.

Produción

En Confianza empresarial defínese como o conxunto de todos os bens e servizos creados por unha unidade económica durante un período de tempo utilizando para isto man de obra, capital e materias primas.

Nas Contas económicas anuais, Contas económicas trimestrais, no Marco input-output e no Seguimento e análise da construción defínese como unha actividade realizada baixo o control e a responsabilidade dunha unidade institucional que utiliza man de obra, capital e bens e servizos para producir outros bens e servizos (SEC-2010, 3.07 e seguintes). A produción inclúe, independentemente de que sexan actividades ilegais ou ocultas, os seguintes casos:

  • A produción de todos os bens e servizos individuais ou colectivos subministrados a unidades distintas dos seus produtores
  • A produción por conta propia daqueles bens que son consumidos polos propios produtores dos bens ou que incrementan os seus activos (por exemplo, a construción de vivendas por conta propia)
  • A produción por conta propia de servizos de aluguer das vivendas ocupadas polos seus propietarios
  • Os servizos domésticos e persoais producidos polo persoal doméstico remunerado
  • As actividades de voluntariado (non remuneradas) que producen bens.
Na Conta Satélite da Produción Doméstica (CSPD) amplíase a fronteira de produción definida polo SEC para os fogares e utilizada nas Contas Económicas Anuais e Trimestrais, así como no Marco Input-Output de Galicia. Desta maneira, as actividades produtivas dos fogares abarcarán os tipos xa incluídos dentro do concepto SEC, isto é:
  • a produción de mercado realizada por empresas non constituídas en sociedade
  • a produción voluntaria de bens realizada polos fogares e a produción de bens para uso final propio (produción agrícola para autoconsumo, a construción da vivenda propia, os servizos de alugamento de vivendas ocupadas polos seus propietarios, etc.)
máis un terceiro tipo de actividades, non consideradas de tipo produtivo segundo a definición do SEC, que inclúe os servizos domésticos e persoais que se producen e consumen no seo dun fogar (a produción doméstiva). Estes servizos abarcan:
  • a limpeza, decoración e mantemento da vivenda
  • a limpeza, mantemento e reparación dos bens duradeiros do fogar
  • a preparación e o servizo de comidas
  • o coidado, a formación e a educación dos nenos
  • o coidado de enfermos, impedidos ou anciáns
  • o transporte de membros do fogar ou dos seus bens

Produción doméstica

O concepto de produción doméstica utilízase para referirse aos servizos producidos dentro dos fogares polos seus membros, combinando o seu traballo non remunerado con compras de bens duradeiros e non duradeiros. As actividades da produción doméstica , destinadas a autoconsumo dos propios ou doutros fogares, agrúpanse en cinco categorías segundo a súa funcionalidade:

  • función aloxamento: inclúe aquelas actividades que realizan os membros do fogar para o coidado da vivenda; limpeza da vivenda, por exemplo
  • función nutrición: inclúe a preparación de comidas, e todas as actividades relativas a proporcionar alimentos ao fogar
  • función roupa: actividades que realizan os fogares tales como a adquisición e coidado da roupa, etc.
  • función coidados: a produción de servizos de coidado dos nenos, de persoas dependentes dentro do fogar, etc.
  • traballo voluntario: inclúe as actividades voluntarias de prestación de servizos a outros fogares, ou a institucións sen fins de lucro ao servizo dos fogares

Produción/Horas efectivas

É unha medida dos resultados dun proceso de produción, expresada por unidade de insumo. Calcúlase como cociente entre o produción en termos correntes e as horas traballadas. Exprésase en euros.

Produción/Postos de traballo

É unha medida dos resultados dun proceso de produción, expresada por unidade de insumo. Calcúlase como cociente entre a produción en termos correntes e os postos de traballo. Exprésase en euros.

Produtividade

É unha medida dos resultados dun proceso de produción, expresada por unidade de insumo. A produtividade do traballo mídese como o valor engadido bruto (ou PIB para o global da economía) por hora traballada (ou por posto de traballo). É unha medida do peso relativo do factor traballo na actividade.

Produtividade aparente nominal: Calcúlase como cociente entre o valor engadido bruto (ou produto interior bruto no caso do total da economía) en termos correntes e os postos de traballo ou as horas traballadas.

Produtividade aparente real: Calcúlase como cociente entre o produto interior bruto en termos de índice de volume e os postos de traballo ou as horas traballadas.

Produto interior bruto (PIB)

É o resultado da actividade produtiva das unidades de produción residentes.Nas contas económicas estímase por tres vías: oferta, demanda e rendas.

  • Suma do valor engadido bruto (VEB) das ramas de actividade, máis os impostos netos de subvencións sobre os produtos (oferta).
  • Suma da demanda final de bens e servizos das unidades institucionais residentes máis o saldo exterior de bens e servizos (demanda)
  • Suma de remuneración de asalariados, impostos sobre a produción e as importacións netos de subvencións, renda mixta e excedente de explotación bruto (rendas).

Ratio de asalarización

Porcentaxe de emprego asalariado sobre emprego total. Pode calcularse utilizando os postos de traballo ou os postos de traballo equivalentes a tempo completo.

Remuneración de asalariados/VEB (PIB para o total da economía)

Este cociente mide a cota de valor engadido (VEB) utilizada para remunerar o factor traballo asalariado. O valor engadido, pola vía das rendas, é o resultado da suma de remuneración dos asalariados, excedente de explotación bruto e impostos netos sobre a produción e as importacións. Na medida en que a ratio remuneración de asalariados sobre VEB sexa alta significa que a parte de valor xerado destinado a pagar salarios será elevada e, polo tanto, a parte que remunera o factor capital (excedente de explotación bruto) e os impostos será menor. Hai que ter en conta que o excedente de explotación inclúe a remuneración do traballo non asalariado, baixo a denominación de rendas mixtas. Exprésase en porcentaxe.

Remuneración dos asalariados (D.1)

Comprende toda a remuneración en efectivo e en especie a pagar polos empregadores aos seus asalariados como contrapartida do traballo realizado por estes durante o período contable. A remuneración dos asalariados desagrégase en:

  • Soldos e salarios, xa sexan en efectivo ou en especie (D.11)
  • Cotizacións sociais a cargo dos empregadores (D.12)
Na conta de explotación figura a Remuneración de asalariados "inventario" como un emprego dos sectores residentes, mentres que na conta de asignación da renda primaria, aparece a Remuneración de asalariados "rexional" coma un recurso dos fogares residentes.

Remuneración por asalariado

Proporciona a remuneración media dos asalariados. Calcúlase por posto de traballo, por posto de traballo equivalente a tempo completo e por hora traballada.

Renda dispoñible bruta (B.6)

É o saldo da conta de distribución secundaria da renda. Obtense a partir do saldo de rendas primarias sumando as prestacións sociais e as transferencias correntes que son un recurso para os fogares; e restando os impostos sobre a renda, as cotizacións socias e as transferencias correntes que son un emprego para os fogares.

Rendas da propiedade (D.4) (Base 2005)

As rendas da propiedade (D.4) son as rendas que recibe o propietario dun activo financeiro ou dun activo material non producido a cambio de proporcionar fondos ou de poñer o activo material non producido a disposición doutra unidade institucional (SEC 4.42). Inclúen intereses, rendas distribuídas das sociedades, rendas da propiedade atribuídas aos asegurados e as rendas da terra.

As rendas da propiedade aparecen como empregos e como recursos na conta de asignación primaria da renda do sector fogares.

Rendas da propiedade (D.4) (Base 2010 e Revisión estatística 2019)

Xéranse cando os propietarios de activos financeiros e de recursos naturais os poñen a disposición doutras unidades institucionais. No caso do sector fogares poden ser:

  • D.41 Intereses
  • D.42 Rendas distribuídas das sociedades, compostas por D.421 Dividendos e D.422 Rendas retiradas das cuasisociedades
  • D.44 Outras rendas de inversión
  • D.45 Rendas da terra

D.41 Intereses: son as rendas da propiedade que reciben os propietarios de activos financeiros por poñer ditos activos financeiros a disposición doutra unidade institucional, tales como intereses de depósitos, préstamos, bonos e obrigas, letras e instrumentos similares, intereses de arrendamentos financeiros, etc. Esta partida pode ser tanto un recurso coma un emprego dos fogares.
D.421 Dividendos: toda distribución de beneficios polas sociedades aos seus accionistas ou propietarios. Rexístranse como empregos na conta de asignación da renda primaria dos sectores nos que están clasificados as sociedades e como recursos dos sectores nos que están clasificados os accionistas. Pola súa banda, as Rendas retiradas das cuasisociedades (D.422) son os importes que os empresarios retiran efectivamente, para o seu propio uso, dos beneficios realizados polas cuasisociedades que lles pertencen. Rexístranse nos empregos da conta de asignación da renda primaria dos sectores nos que están clasificadas as sociedades e como recursos dos fogares.
As outras rendas da inversión (D.44) inclúen as rendas de inversión atribuíbles aos tomadores de seguro (D.441), as rendas de inversión a pagar sobre os dereitos por pensións (D.442) e as rendas de inversión atribuíbles a partícipes en fondos de inversión (D.443). Son un emprego do sector Institucións financeiras e un recurso principalmente do sector Fogares e tamén, residualmente, dos sectores Sociedades non financeiras e Institucións financeiras.
A partida D.45 Rendas da terra comprende os ingresos que recibe o propietario dun recurso natural por poñelo a disposición doutra unidade institucional. Existen dous tipos diferentes de rendas procedentes de recursos: as rendas da terra (terreos) e as rendas de activos do subsolo (xacementos de minerais e combustibles fósiles). Poden ser tanto un recurso coma un emprego dos fogares na conta de asignación primaria da renda.

Saldo de rendas primarias (B.5)

Este saldo é a suma do excedente de explotación bruto, a renda mixta, a remuneración dos asalariados e o saldo das rendas da propiedade (que poden constituír un recurso ou un emprego para o sector fogares), isto é, o saldo da conta de asignación primaria . As rendas primarias son as rendas que perciben as unidades residentes pola súa participación no proceso de produción (excedente de explotación bruto, renda mixta e remuneración de asalariados) e a renda a cobrar (ou pagar) polo propietario dun activo financeiro ou dun activa material non producido por poñelo a disposición de outra unidade institucional (rendas da propiedade). . A renda primaria é un indicador da capacidade dos fogares residentes dunha rexión de xerar renda como empresarios, asalariados ou perceptores de rendas da propiedade. Indica a capacidade para xerar renda antes da intervención do Estado no proceso de distribución de renda.

Sector Administracións Públicas

O sector das Administracións Públicas (SEC-95, 2.68) inclúe todas as unidades institucionais que son outros produtores non de mercado, cuxa produción se destina ao consumo individual ou colectivo, que se financian principalmente mediante pagos obrigatorios efectuados por unidades pertencentes a outros sectores e/ou que efectúan operacións de redistribución da renda e da riqueza nacional.

Sector fogares

O sector fogares (SEC 2.75) comprende os individuos ou grupos de individuos, tanto na súa condición de consumidores coma, eventualmente, na de empresarios que producen bens ou servizos financeiros ou non financeiros de mercado (produtores de mercado). Ademais, comprende os individuos ou grupos de individuos que producen bens e servizos non financeiros exclusivamente para uso final propio.

Na súa condición de consumidores, os fogares poden definirse coma pequenos grupos de persoas que comparten un mesmo aloxamento e poñen en común unha parte ou a totalidade das súas rendas e patrimonio, e que consumen colectivamente determinados bens e servizos, principalmente o aloxamento e a alimentación. Esta definición pode completarse co criterio da existencia de vínculos familiares ou afectivos.

Os recursos principais destas unidades proceden da remuneración dos asalariados, rendas da propiedade, transferencias efectuadas por outros sectores, ingresos procedentes da disposición de bens e servizos de mercado, ou ingresos imputados pola produción de bens e servizos para consumo final propio.

Sector ISFLSF (Institucións Sen Fins de Lucro ao Servizo dos Fogares)

O sector das Institucións Sen Fins de Lucro ao Servizo dos Fogares (ISFLSF) (SEC-95, 2.87) está formado polas institucións sen fins de lucro dotadas de personalidade xurídica que serven aos fogares e que son outros produtores non de mercado privados. Os seus recursos principais proceden de contribucións voluntarias en efectivo ou en especie efectuadas polos fogares na súa calidade de consumidores, de pagos das administracións públicas e de rendas da propiedade.

Servizos de intermediación finaceira medidos indirectamente (SIFMI)

Son os servizos prestados polos intermediarios financeiros que non cobran de maneira explícita aos seus clientes, senón que o cobro do servizo está incluído nos intereses que obteñen e que pagan, de xeito que os tipos de interese que pagan aos seus acredores son máis baixos dos que cobran aos prestatarios (SEC-2010, capítulo 14).

Soldos e salarios por hora efectiva asalariada

Proporciona os soldos e salarios medios por cada hora efectiva traballada polos asalariados. Exprésase en euros.

Subvencións

Son pagamentos correntes sen contrapartida que as administracións públicas ou as institucións da Unión Europea efectúan aos produtores residentes coa finalidade de influír nos seus niveis de produción, nos seus prezos, ou na remuneración dos factores de produción. Divídense en subvencións aos produtos (subvencións que hai que pagar por unidade dun ben ou servizo producido ou importado) e outras subvencións á produción (comprenden as subvencións, distintas das anteriores, que poden recibir as unidades de produción residentes como consecuencia da súa participación na produción).

Subvencións aos produtos

Subvencións que hai que pagar por unidade dun ben ou servizo producido ou importado

Tendencia (Series de tempo)

Está asociada coas baixas frecuencias, isto é, movementos de larga duración cun período superior aos 32 trimestres (oito anos). Este compoñente asóciase cos determinantes de crecemento económico: progreso técnico acumulado; evolución do stock de capital físico; nivel, composición e cualificación (capital humano) da forza de traballo.

Traballador autónomo

Defínense como os propietarios ou copropietarios das empresas non constituídas en sociedades na que traballan.

Valor engadido bruto (VEB)

Para cada unidade dedicada a unha actividade produtiva, é a diferenza entre a produción e os consumos intermedios. A suma dos valores engadidos brutos, máis os impostos netos de subvencións sobre os produtos, dan como resultado o Produto Interior Bruto polo lado da oferta.

Valoración CIF

Son as siglas en inglés de Cost, Insurance and Freight (custo, seguro e frete). Trátase dun mecanismo de valoración das mercadorías que exceden as fronteiras dun país. O valor CIF corresponde ao prezo dun ben entregado na fronteira do país importador ou o prezo dun servizo prestado a un residente, antes do pago dos dereitos de importación ou outros impostos sobre as importacións, ou das marxes comerciais e de transporte dentro do país importador. Coma indica o seu nome, este prezo comprende:

  • o valor FOB da mercadoría importada
  • os custos do transporte e seguro dende a fronteira exportadora ata a fronteira importadora

Valoración FOB

Son as siglas en inglés de Free On Board (franco a bordo). Trátase dun mecanismo de valoración das mercadorías que exceden as fronteiras dun país. O valor FOB comprende os seguintes conceptos:

  • o valor dos bens a prezos básicos
  • o custo dos servizos de transporte e distribución ata o punto da fronteira dende a que envía a mercadoría, incluído no seu caso o custo da carga noutro medio para proseguir o transporte, pero non así o transporte ata a fronteira importadora
  • os impostos menos as subvencións sobre os bens exportados pagados no país dende o que se envía a mercadoría; nos intercambios intracomunitarios inclúese o IVA e os demais impostos sobre os bens pagados no país exportador

VEB (Conta Satélite Produción Doméstica)

Para cada unidade dedicada a unha actividade produtiva, calcúlase como a diferenza entre a produción e os consumos intermedios. Esta é a definición empregada nas Contas Económicas Anuais e Trimestrais, así como no Marco Input-Output de Galicia. No seo destas operacións, os prezos de mercado son a referencia básica para a valoración da produción (sen considerar os impostos menos as subvencións sobre os produtos, dado que o VEB se valora a prezos básicos). Agora ben, na Conta Satélite de Produción Doméstica o concepto de produción amplíase para considerar aquela que queda á marxe das transaccións de mercado, polo que non pode empregarse o dito método na súa valoración. Neste caso, o VEB aproxímase a partir da estimación dos custos de produción:
Valor Engadido Bruto (VEB)=Valor do traballo (horas*salario/hora)-Outros impostos netos sobre a produción+Consumo de capital fixo
Máis información na metodoloxía da operación.

Xornada media semanal

Proporciona unha media das horas traballadas na semana. Calcúlase como cociente das horas efectivas e dos postos de traballo (considerando semanas de 7 días). Exprésase en horas.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo