Definicións. Servizos


Accidente de circulación

A Dirección General de Tráfico considera accidentes aqueles que reúnen as seguintes condicións:

  • Que se produzan ou teñan a súa orixe nunha vía aberta á circulación pública.
  • Que, pola súa consecuencia, unha ou varias persoas resulten mortas ou feridas, ou ben se orixinen soamente danos materiais.
  • Que, polo menos, estea implicado un vehículo en movemento.

Apartamento turístico

Enténdese por establecemento de apartamentos turísticos toda unidade produtora cuxa actividade principal é a de aloxamento. Defínese un apartamento turístico (unidade) como o inmoble cuxo uso se cede en aluguer de modo habitual para hospedaxe ocasional.

Autobús

Automóbil concibido e construído para o transporte de persoas, con capacidade para máis de nove prazas incluído o condutor. Inclúese neste termo o trolebús, é dicir, o vehículo conectado a unha liña eléctrica e que non circula por raíl.

Autoestradas

Son as estradas que están especialmente proxectadas, construídas e deseñadas para a circulación de automóbiles e que reúnen as seguintes características:

  • Non teñen acceso ás propiedades lindeiras.
  • Non cruzan a nivel ningunha outra senda, vía, liña de ferrocarril ou tranvía, nin son cruzadas a nivel por ningunha senda ou servidume de paso.
  • Contan con distintas calzadas por cada sentido de circulación, separadas entre si, agás en puntos singulares ou con carácter temporal, por unha franxa de terreo non destinada á circulación ou, en casos extremos, por outros medios.
  • Están especialmente sinaladas como autoestradas e están reservadas a categorías específicas de vehículos automóbiles.

As autoestradas clasifícanse como de peaxe ou libres segundo se lles esixa ou non aos usuarios unha taxa de peaxe.

Autovías

Son as estradas que, aínda que non reúnan todos os requisitos das autoestradas, teñen calzadas separadas para cada sentido da circulación e limitación de acceso ás propiedades lindeiras.

Camión

Automóbil concibido e construído para o transporte de cousas. Exclúese desta definición a motocicleta de tres rodas, concibida e construída para o transporte de cousas, da cal a súa tara non exceda de 400 quilogramos.

Campamento de turismo

Enténdese por campamentos de Turismo, tamén denominados "Cámpings", aqueles espazos de terreo debidamente delimitados, dotados e acondicionados, destinados a facilitar ás persoas, de modo habitual e mediante o pagamento dun prezo estipulado, un lugar para facer vida ao aire libre durante tempo limitado con fins vacacionais ou turísticos e utilizando como residencia, albergues móbiles, caravanas, tendas de campaña ou outros elementos similares facilmente transportables. Os campamentos de turismo clasifícanse de acordo coas súas instalacións e servizos, nas catro categorías seguintes: luxo, primeira, segunda e terceira.

Capital social

O capital social determínase na escritura de constitución da sociedade, sendo necesaria a súa achega como garantía real para os acredores. No momento da inscrición da sociedade debe estar a cifra de capital social determinada nos estatutos da sociedade, sendo como mínimo o establecido pola Lei para determinadas sociedades.

Cifra de negocios

Comprende os importes facturados pola empresa durante o ano/mes de referencia en concepto de venda de bens e prestación de servizos que son obxecto do tráfico da empresa, tanto no exercicio da súa actividade principal, como de calquera actividade secundaria que realice a empresa. As vendas contabilízanse sen incluír o IVE repercutido ao cliente, e en termos netos, deducindo as devolucións de vendas, así como os rappels sobre as vendas. Non se deducen os descontos de caixa nin os descontos sobre as vendas por pronto pago. Comprende todos os importes facturados pola empresa durante o período de referencia, o que comprende todas as vendas comerciais de bens e servizos subministrados a terceiros que son obxecto de tráfico da empresa.

Comercio polo miúdo

Trátase dunha rama do sector servizos na que se enmarcan as empresas cuxa actividade principal corresponde á división 47 (Comercio polo miúdo, excepto de vehículos de motor e motocicletas) da sección G da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE-2009). Esta división comprende a revenda (venda sen transformación) ao público para o seu consumo ou utilización persoal de bens en tendas, grandes almacéns, postos, economatos, venda por correo, a domicilio, venda ambulante, etc. A manipulación que soe realizarse nestes establecementos non afecta ao carácter básico dos produtos e pode incluír, por exemplo, a clasificación, a separación, a mestura e o empaquetado. Os bens vendidos deben limitarse aos denominados, en xeral, bens de consumo ou mercadorías polo miúdo. En consecuencia, exclúense os bens que non soen incluírse no comercio polo miúdo, coma os cereais, os minerais, a maquinaria e equipos industriais, etc. Nesta división intégrase tamén o comercio polo miúdo realizado por intermediarios e as actividades das empresas de poxas polo miúdo. Esta división non comprende:

  • A venda de produtos agrarios polo responsable da explotación.
  • A fabricación e venda de mercadorías, que está clasificada como fabricación nas divisións 10 a 32 da CNAE-2009.
  • A venda de vehículos de motor, motocicletas e os seus repostos.
  • O comercio de cereais, minerais, crudo de petróleo, produtos químicos industriais, ferro e aceiro e a maquinaria e equipo industriais.
  • A venda de alimentos e bebidas para o seu consumo no mesmo local e a venda de comida para levar.
  • O aluguer de artigos de uso persoal e doméstico ao público en xeral.

Concurso de acredores

Denomínase desta maneira ao procedemento legal que se orixina cando unha persoa física ou xurídica se atopa nunha situación de insolvencia na que non pode facer fronte á totalidade dos pagos que adebeda. Trátase, fundamentalmente, de organizar as finanzas do concursado para conseguir que o maior número de acredores cobre o máximo posible.

Concurso necesario

Concurso no que a solicitude é presentada por calquera dos acredores do debedor e na que se especificará a orixe do crédito, a natureza, importe, datas de adquisición e vencemento, así como a situación do crédito no momento da solicitude.

Concurso voluntario

Concurso no que presenta a solicitude o debedor dentro dos dous meses seguintes á data na que se coñecera ou debera coñecer o seu estado de insolvencia. A insolvencia pode ser actual ou inminente, este último caso prodúcese cando o debedor prevea que non poderá cumprir regular e puntualmente as súas obrigacións.

Cota hipotecaria mensual

Calculada en base á hipoteca media e o tipo de xuro medio, asumindo como prazo o período de contratación do crédito hipotecario obtido da duración dos novos créditos hipotecarios contratados sobre a vivenda.

Crédito

Contrato polo cal unha entidade financeira pon a disposición do cliente certa cantidade de diñeiro, que deberá devolver con intereses e segundo os prazos pactados. A diferenza do préstamo, ese capital non ten que ter necesariamente unha finalidade prefixada (como a compra dun inmoble, no caso dun préstamo hipotecario).

Depósito a prazo

Depósito contratado por un prazo de tempo determinado. Se o contrato contén unha claúsula que así o indique, o importe do depósito só se pode retirar antes de que expire o prazo con autorización da entidade financeira e cunha penalización na súa remuneración.

Depósito á vista

É sinónimo de conta corrente: aquel no que as cantidades depositadas poden retirarse ou transferirse en calquera momento, sen previo aviso á entidade depositaria. Pódese dispoñer dos seus fondos a través de cheques.

Depósitos de aforro

Son depósitos dispoñibles con previo aviso. É sinónimo de conta de aforro. Instruméntase cunha cartilla ou libreta na que os apuntes substitúen aos extractos característicos da conta corrente.

Destinos turísticos

Constitúen unha agrupación dos concellos de Galicia en áreas turísticas, tendo en conta a intensidade turística que soporta cada un. Esta clasificación utilízase na actividade Indicadores da intensidade da demanda turística. Defínense 18 destinos:

  • A Coruña e As Mariñas
  • Ancares-Courel
  • Celanova-Limia
  • Costa da Morte
  • Deza-Tabeirós
  • Ferrolterra
  • Lugo e a Terra Chá
  • Manzaneda-Trevinca
  • Mariña Lucense
  • O Ribeiro
  • Ría de Arousa
  • Ría de Muros e Noia
  • Ría de Vigo e Baixo Miño
  • Ría e Terras de Pontevedra
  • Ribeira Sacra
  • Terras de Ourense e Allariz
  • Terras de Santiago
  • Verín-Viana
Deles, oito defínense como destinos costeiros, xa que teñen unha liña de costa significativa: A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Ferrolterra, Mariña Lucense, Ría de Arousa, Ría de Muros e Noia, Ría de Vigo e Baixo Miño e Ría e Terras de Pontevedra. A táboa cos concellos que forman parte de cada destino pode consultarse na metodoloxía da actividade.

Efectos de comercio en carteira

Refírense aos efectos ou outros documentos negociados a clientes que fosen creados para mobilizar o prezo das operacións de compravenda de bens ou prestacións de servizos, librados ou endosados á orde da entidade, e os efectos que fosen redescontados en firme a outras entidades. Inclúense as cantidades entregadas a conta ou con garantía destes, e os anticipos sobre certificacións de obra.
Os efectos de comercio en carteira con vencemento no mes de referencia corresponde á parte da rúbrica 4.1.1. “Efectos comerciais e anticipos do activo de balance reservado” da Circular 4/1991 do Banco de España, con vencemento no mes de referencia.
Os efectos de comercio en carteira non pagados no mes de referencia corresponden á parte da rúbrica 4.1.1 “Efectos comerciais e anticipos”, que resulte devolta por falta de pagamento no mes de referencia.

Efectos de comercio recibidos en xestión de cobro de clientes

Refírense aos efectos recibidos de clientes para a xestión do seu cobro.
Os efectos de comercio recibidos en xestión de cobro de clientes con vencemento no mes de referencia corresponden á parte da rúbrica 5.2. “Efectos condicionais e outros valores recibidos en comisión de cobro das contas de orde do Estado M.1” da Circular 4/1999 do Banco de España; que corresponda a efectos recibidos en xestión de cobro de clientes con vencemento no mes de referencia.
Os efectos de comercio recibidos en xestión de cobro de clientes non pagados no mes de referencia corresponden á parte da rúbrica 5.2. “Efectos condicionais e outros valores recibidos en comisión de cobro” mencionada no parágrafo anterior, que resulte devolta por falta de pagamento no mes de referencia.

Entidades de crédito

Empresas nas que a actividade consiste en recibir depósitos ou outros fondos reembolsables, aplicándoos á concesión de créditos. Son entidades de crédito a banca, as caixas de aforro e as cooperativas de crédito, os establecementos financeiros de crédito -que non poden captar depósitos- e o Instituto de Crédito Oficial.

Establecemento de turismo rural

Considéranse establecementos de turismo rural, aqueles establecementos ou vivendas destinadas ao aloxamento turístico mediante prezo, con ou sen outros servizos complementarios e que estean inscritos no correspondente Rexistro de Aloxamentos Turísticos de cada Comunidade Autónoma. Estes establecementos adoitan presentar unhas características determinadas:

  • están situados nun medio rural,
  • son edificacións cunha tipoloxía arquitectónica propia da zona ou están situados en terreos que manteñen activas explotacións agropecuarias (agroturismo), e
  • ofrecen un número de prazas e cuartos para o aloxamento de hóspedes limitado, ademais de reunir certos requisitos de infraestrutura e dotacións básicas.
Os aloxamentos de turismo rural poden adoptar unha destas dúas modalidades de aluguer ou ambas as dúas:
  • defínese modalidade de aluguer de uso completo como a contratación íntegra do inmoble para uso exclusivo do contratante,
  • defínese modalidade de aluguer de uso compartido como a contratación individualizada de cuartos dentro da propia vivenda familiar.

Establecemento hoteleiro

Son establecementos hoteleiros aqueles establecementos que prestan servizos de aloxamento colectivo mediante prezo con ou sen outros servizos complementarios (hotel, hotel-apartamento ou apartahotel, motel, hostal, pensión, etc.).

Establecemento turístico aberto estimado

Enténdese por establecemento turístico abertos de tempada, aquel no que o mes de referencia está comprendido dentro do seu período de apertura.

Estadía media

Esta variable é unha aproximación ao número de días que, por termo medio, os viaxeiros permanecen nos establecementos e calcúlase como cociente entre as noites e o número de viaxeiros.

Estrada

Vía de comunicación (pola que se viaxa) que utiliza un pavimento estabilizado que non son raíles e pistas de aterraxe, aberta á circulación pública e destinada esencialmente a uso de vehículos de estrada que se desprazan sobre as súas rodas. Inclúense as pontes, túneles, outras estruturas de apoio, enlaces, bifurcacións e intercambiadores, así como as estradas de peaxe. Exclúense as pistas exclusivamente de bicicletas

Grao de ocupación por prazas

Relación, en porcentaxe, entre o total das noites e o produto das prazas, incluíndo as camas supletorias, polos días a que se refiren as noites. Enténdense por camas supletorias todas aquelas que non teñan carácter fixo e que non estean nas prazas declaradas oficialmente polo establecemento e que constan no directorio.

Hipoteca

É un contrato mediante o cal se consegue un crédito co garante dun ben, cuxo valor responde do risco do impago. As inscripcións de hipotecas expresan o importe da obrigación asegurada e dos intereses, se se houbiesen estipulado.

Hotel

É aquel establecemento que, ofrecendo aloxamento con ou sen comedor e outros servizos complementarios, ocupe a totalidade dun ou varios edificios ou unha parte independizada deles, constituíndo as súas dependencias un todo homoxéneo, con accesos, escaleiras e ascensores de uso exclusivo, e que reúna os requisitos técnicos mínimos en función da súa categoría, determinados regulamentariamente.

Índices de comercio polo miúdo

O obxectivo destes índices é proporcionar información sobre as características fundamentais das empresas dedicadas ao exercicio do : comercio polo miúdo, que permitan medir, a curto prazo, a evolución da actividade deste sector. Os resultados preséntanse en forma de índices co obxecto de medir as variacións producidas respecto a un ano tomado como referencia (ano base), no que o índice se iguala a 100.

Investimentos en activos materiais

Defínese a inversión como os incrementos reais no valor dos recursos de capital realizados pola empresa no ano de referencia. Enténdese por incremento real dos recursos produtivos, os aumentos de valor que se produzan nos distintos tipos de activos, que teñan a súa orixe en compras a terceiros de bens novos e usados, en produción propia de activos, ou en traballos realizados pola propia empresa ou por terceiros sobre elementos xa existentes co obxectivo de aumentar a súa capacidade produtiva, o seu rendemento ou a súa vida útil (adquisicións, melloras e produción propia).

Licenza de condución

O Regulamento Xeral de condutores RD 818/2009 de 8 de maio, establece as seguintes clases de licenzas de condución:

  • LVM. Para conducir vehículos para persoas de mobilidade reducida. Non se esixirá esta licenza a quen sexa titular dun permiso de condución das clases A1 ou B en vigor e no caso de que o seu titular obteña un permiso de algunha destas clases, a licenza de condución deixará de ser válida.
  • LVA. Para conducir vehículos especiais agrícolas autopropulsados e os seus conxuntos cuxa masa ou dimensións máximas autorizadas non excedan dos límites establecidos para os vehículos ordinarios ou cuxa velocidade máxima por construción non exceda de 45 Km/h. Non se esixirá esta licenza a quen sexa titular dun permiso de condución da clase B en vigor e no caso de que o seu titular obteña un permiso desta clase, a licenza de condución deixará de ser válida.

Local

Un local correspóndese cunha empresa ou parte da empresa (taller, fábrica, almacén, oficinas, depósito) situada en un lugar determinado topograficamente. En dito local ou a partir del se realízanse actividades económicas as que, salvo excepcións, dedican o seu traballo unha ou varias persoas por conta dunha mesma empresa.

Morto en accidente de circulación

Toda persoa que, como consecuencia dun accidente, faleza no acto ou dentro dos trinta días seguintes.

Motocicleta

Automóbil de dúas rodas, con ou sen sidecar (entendendo como tal o habitáculo pegado lateralmente á motocicleta), e os de tres rodas

Navegación de cabotaxe

É a que, non sendo navegación interior, efectúase entre portos ou puntos situados en zonas nas que España exerce soberanía, dereitos soberanos ou xurisdición.

Navegación exterior

É a que se efectúa entre portos ou puntos situados en zonas nas que España exerce soberanía, dereitos soberanos ou xurisdición e portos ou puntos situados fóra de ditas zonas

Navegación interior

Es la que transcorre integramente dentro do ámbito dun determinado porto ou de outras augas interiores marítimas españolas.

Noites ou prazas ocupadas

Enténdese por noite cada noite que un viaxeiro se aloxa no establecemento.

Nova lexislación concursal

Como consecuencia da entrada en vigor (o 1 de setembro de 2004) da Lei Orgánica 8/2003, para a Reforma Concursal, e da Lei 22/2003, Concursal, deixou de publicarse a Estatística de Suspensións de Pagamento e Declaracións de Quebra, que foi substituída pola Estatística do Procedemento Concursal. Así, os conceptos xurídicos de suspensión de pagos e declaración de quebra desaparecen e substitúense polo de concurso de acredores, denominándose ás entidades sometidas a este proceso, debedores concursados. A denominación da lei, Lei Concursal, débese á concorrencia dos acredores sobre o patrimonio do debedor común.

Operación de transporte

É o desprazamento dunha única clase de mercadoría desde un lugar de orixe, no que se carga a mercadoría, a un de destino, no que se descarga. O desprazamento no mesmo vehículo de dúas clases diferentes de mercadorías considérase dúas operacións de transporte distintas, aínda que o vehículo só realiza un desprazamento.

Operacións baleiras

Son os desprazamentos realizados sen mercadorías entre o lugar de descarga e outro de carga.

Parcelas estimadas (campamentos turísticos)

O número total de parcelas estimadas nun cámping defínese como a suma de: parcelas estimadas, bungalows estimados, caravanas en propiedade do cámping estimadas e a zona non parcelada destinada á acampada libre estimada dos establecementos abertos de tempada.
Defínese parcela como a superficie, numerada e perfectamente delimitada, destinada a acampada.
Defínese bungalow como unha construción fixa dentro do cámping destinada a unidade de aloxamento.
Defínese caravana en propiedade do cámping a unha unidade móbil de aloxamento cuxo uso se cede en aluguer mediante un prezo estipulado.
Zona non aparcelada é unha zona sen aparcelar dentro do cámping destinada a acampada libre.

Parcelas totais ocupadas (campamentos turísticos)

Defínese como a suma de: parcelas ocupadas máis bungalows ocupados máis caravanas en propiedade do cámping ocupada máis a zona sen parcelar ocupada.

Parque de vehículos

Está constituído por todos os vehículos con motor, agás ciclomotores e vehículos especiais, que teoricamente circulan. Deste xeito, inclúen todas as matriculacións que houbese durante todos os anos, menos as baixas producidas e as modificacións debidas ás reformas.

Pasivo financeiro

Parte do balance que reflicte a totalidade de fondos e as débedas a terceiros.

Persoal empregado

Defínese como o conxunto de persoas, remuneradas e non remuneradas, que contribúen mediante a achega do seu traballo, á produción de bens e servizos no establecemento durante o mes que inclúe o período de referencia da enquisa, aínda que traballen fóra dos locais deste.

Prazas estimadas

O número de prazas equivale ao número de camas fixas do establecemento. Non se inclúen, polo tanto, as supletorias, e as de matrimonio dan lugar a dúas prazas. (Hoteis e Turismo rural)
En cámpings o número de prazas corresponde á súa capacidade autorizada en persoas. (Campamentos turísticos)

Prezos constantes

A valoración a prezos constantes significa valorar os fluxos e stocks nun período contable aos prezos vixentes nun período anterior. Permite eliminar o efecto que as eventuais subas ou baixadas de prezos producen na magnitude analizada.

Procedemento abreviado

Procedemento que se aplica cando o debedor sexa unha persoa natural ou xurídica que se encontre autorizada a presentar balance abreviado e a estimación inicial do seu pasivo non supere o millón de euros.

Procedemento ordinario

Procedemento normal de tramitación dun expediente de concurso.

Proposta anticipada de convenio

A Lei permite a posibilidade de que tanto o debedor como os acredores, xunto coa solicitude de concurso, presenten proposta de convenio. Na proposta de convenio pódense especificar diferentes alternativas para tratar de evitar a liquidación da empresa e conservar a actividade profesional ou empresarial do concursado.

Punto turístico

Concello onde a concentración da oferta turística é significativa.

Quebras

Considérase en estado de quebra todo comerciante ou entidade mercantil que cesa no pagamento corrente das súas obrigas. A declaración formal do estado de quebra faise por providencia xudicial, por solicitude do mesmo quebrado ou por instancia do acredor lexítimo que teña dereito procedente de obrigas mercantís.

Remolque

Vehículo de transporte de mercadorías por estrada deseñado para ser remolcado por un vehículo automóbil de estrada. Non inclúe os agrícolas que son os deseñados para usos agrícolas independentemente de que estén autorizados para circular por estradas abertas ao tráfico.

Semirremolque

Remolque construído para ser encaixado a un automóbil, de tal xeito que repouse parcialmente sobre este, e que unha parte substancial do seu peso e da súa carga sexan soportados por dito automóbil.

Sociedade anónima

Neste tipo de sociedade, o capital, que está dividido en accións, intégrase polas achegas dos socios, os cales non responden persoalmente das débedas sociais. O capital social non pode ser inferior a 60.101 euros.

Sociedade de responsabilidade limitada

Neste tipo de sociedade, o capital, que está dividido en participacións sociais, intégrase polas achegas de todos os socios, os cales non responden persoalmente das débedas sociais. O capital non poderá ser inferior a 3.005 euros e dende a súa orixe está totalmente desembolsado.

Suspensión de pagamentos

Pode presentar a solicitude de suspensión de pagamentos o comerciante ou entidade mercantil que, se posúe bens suficientes para cubrir todas as súas débedas, teña prevista a imposibilidade de facerlles fronte nas datas dos seus respectivos vencementos.

Tipo de xuro

Cantidade que se paga como remuneración pola dispoñibilidade dunha suma de diñeiro tomada en concepto de crédito. Pode ser fixo ou variable (MIBOR, EURIBOR, RPH, outros).

Tráfico non regular nos aeroportos

Aquel voo efectuado mediante remuneración que non sexa de servizo regular.

Tráfico regular nos aeroportos

Aquel voo con horario regular e todo o servizo suplementario resultante do tráfico de dito voo (voos extraordinarios, voos de pago preparatorios de dito voo, etc.)

Transporte urbano

O que discorre integramente por solo urbano ou urbanizable ou comunica entre si núcleos urbanos diferentes situados dentro do mesmo municipio. O transporte urbano pódese clasificar en:

  • Transporte por autobús: o destinado a transportar a todo tipo de pasaxeiros en autobuses ou autocares que teñen un itinerario preestablecido con suxeición a calendario e horarios prefixados, tomando aos pasaxeiros en paradas fixas dentro dun mesmo termo municipal. Para realizar este tipo de transporte requírese unha concesión administrativa.
  • Metropolitano: recolle todos os viaxeiros transportados polas compañías metropolitanas de Madrid, Barcelona, Bilbao, Sevilla e Valencia.

Valor engadido bruto (VEB)

Para cada unidade dedicada a unha actividade produtiva, é a diferenza entre a produción e os consumos intermedios. A suma dos valores engadidos brutos, máis os impostos netos de subvencións sobre os produtos, dan como resultado o Produto Interior Bruto polo lado da oferta.

Viaxeiros entrados

Todas aquelas persoas que realizan unha ou máis noites seguidas no mesmo aloxamento.

Zona turística (ata 2011)

Conxunto de concellos nos que se localiza de forma específica a afluencia turística. En Galicia encontramos as seguintes zonas turísticas:

  • Costa Da Morte (A Coruña). Inclúe os concellos de: Arteixo, Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Camariñas, Muxía, Cee, Fisterra, Corcubión.
  • Rías Altas (A Coruña).Inclúe os concellos de: Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Ferrol, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Miño, Bergondo, Sada, Oleiros, A Coruña.
  • Costa A Mariña Lucense (Lugo). Inclúe os concellos de: O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo.
  • Rías Baixas (Pontevedra e A Coruña). Inclúe os concellos de: Carnota, Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Marín, Bueu, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal, A Guarda.

Zona turística (desde 2012)

Conxunto de municipios nos que se localiza de xeito específico a afluencia turística. En Galicia considéranse as seguintes zonas turísticas:

  • Costa da Morte (A Coruña): Carnota, Coristanco, Dumbría, Mazaricos, Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Camariñas, Muxía, Cee, Fisterra, Corcubión, Vimianzo, Zas
  • Rías Altas (A Coruña): Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Ferrol, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Miño, Bergondo, Sada, Oleiros, A Coruña, Abegondo, Aranga, Arteixo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Irixoa, Oza-Cesuras, Paderne, A Capela, Cerdido, Fene, Moeche, Monferro, Narón, Neda, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas, Vilarmaior
  • Costa A Mariña Lucense (Lugo): O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Trabada, O Valadouro
  • Rías Baixas (Pontevedra e A Coruña): Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Marín, Bueu, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal, A Guarda, Dodro, Catoira, Meis, Pontecesures, Valga, A Illa de Arousa, Lousame, Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, Pazos, de Borbén, O Porriño, Ponteareas, Saceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Moraña, Portas, Ponte Caldelas

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo