Definicións. Poboación


Áreas (Enquisa estrutural a fogares)

As áreas definidas a partir da edición 2008 da Enquisa estrutural a fogares son:

  • Provincia da Coruña
    • Ferrol-Eume-Ortegal: comprende as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
    • Área da Coruña: comprende as comarcas da Coruña e Betanzos.
    • Área da Costa da morte: comprende as comarcas de Bergantiños, Fisterra, Muros, Terra de Soneira e Xallas.
    • A Coruña suroriental: comprende as comarcas de Arzúa, Ordes e Terra de Melide.
    • Área de Santiago: comprende as comarcas da Barcala, O Sar e Santiago.
    • A Barbanza-Noia: comprende as comarcas da Barbanza e Noia.
  • Provincia de Lugo
    • Lugo oriental: comprende as comarcas da Fonsagrada, Os Ancares e Sarria.
    • Lugo sur: comprende as comarcas de Chantada, Quiroga e Terra de Lemos.
    • Lugo central: comprende as comarcas da Ulloa, Lugo, Meira e A Terra Chá.
    • A Mariña: comprende as comarcas da Mariña Central, A Mariña Oriental e A Mariña Occidental.
  • Provincia de Ourense
    • O Carballiño-O Ribeiro: comprende as comarcas do Carballiño e O Ribeiro.
    • Ourense central: comprende as comarcas de Allariz e Maceda, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Valdeorras.
    • Ourense sur: comprende as comarcas da Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana.
    • Área de Ourense: comprende a comarca de Ourense.
  • Provincia de Pontevedra
    • Pontevedra nororiental: comprende as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.
    • Pontevedra sur: comprende as comarcas da Paradanta, O Baixo Miño e O Condado.
    • Área de Pontevedra: comprende a comarca de Pontevedra.
    • Caldas-O Salnés: comprende as comarcas de Caldas e O Salnés.
    • Área de Vigo: comprende a comarca de Vigo.
    • O Morrazo: comprende a comarca do Morrazo.

Carga de poboación

Representa o número medio de persoas equivalentes a tempo completo que realmente soporta un concello; obtense a partir da poboación residente, sumándolle o saldo poboacional entre os non residentes presentes (poboación de entrada) e os residentes ausentes (poboación de saída)

Carga de poboación diúrna

Representa o número medio de persoas equivalentes a tempo completo que pasan o día no concello; obtense a partir da poboación residente, sumándolle o saldo poboacional entre os non residentes que pasan o día (poboación de entrada) e os residentes que non pasan o día (poboación de saída)

Carga de poboación que pernoita

Representa o número medio de persoas equivalentes a tempo completo que pasan a noite no concello; obtense a partir da poboación residente, sumándolle o saldo poboacional entre os non residentes que pasan a noite (poboación de entrada) e os residentes que non pasan a noite (poboación de saída)

Censo de poboación

É o conxunto de operacións que consisten en recompilar, resumir, valorar, analizar e publicar todos os datos de carácter demográfico, cultural, económico e social de todos os habitantes do país e das súas divisións político-administrativas, referidos a un momento ou período dado e a todas as persoas que residen en vivendas, xa sexan familiares ou colectivas.

Crecemento migratorio

Para cada ámbito territorial, é a diferenza entre o número de inmigracións e o número de emigracións. Se é positivo indica que as entradas de poboación superan ás saídas e se é negativo o contrario.

Crecemento vexetativo

É a diferenza existente entre os nacementos e as defuncións ocorridas durante un período de tempo definido.

Defunción

O concepto estatístico de defunción utilizado tradicionalmente en España comprendía a todos os falecidos con máis de 24 horas de vida. A partir de 1975 o concepto ampliouse coa incorporación dos nacidos con vida falecidos durante as primeiras 24 horas. Con este cambio adóptase o criterio recomendado polos organismos internacionais.

Defuncións teóricas (dx)

Número de mortes que ocorren entre as idades exactas x e x+n.

Densidade de poboación

É o cociente entre a poboación dun territorio e a súa extensión superficial, é dicir, o número de habitantes por cada quilómetro cadrado de superficie.

Directiva INSPIRE

A Directiva INSPIRE (Infrastructure for Spatial Information in Europe) determina as regras xerais para o establecemento dunha Infraestrutura de Información Espacial na Unión Europea. Iníciase ante a necesidade de organizar e poñer en común a información espacial das diferentes Infraestruturas de datos Espaciais dos Estados Membros e co obxectivo de superar os problemas de dispoñibilidade, calidade, xestión, accesibilidade e posta en común de toda a xeo-información.

Emigración

Para un ámbito xeográfico determinado é aquela migración que ten orixe nese ámbito e destino fóra do mesmo. Fálase de emigración interna cando o destino é outro concello de Galicia e emigración externa cando o destino é outro concello do resto de España ou o estranxeiro.

Esperanza de vida (ex)

Promedio de anos que lle quedan por vivir a un individuo que chega con vida á idade x, no caso de que as condicións de mortalidade se mantivesen constantes.

Esperanza de vida ao nacer

É o número medio de anos vividos por unha xeración de nacidos baixo unhas condicións de mortalidade dadas.

Esperanza de vida aos 65 anos

Promedio de anos que lle queda por vivir a unha persoa que chega con vida aos 65 anos, no caso de que as condicións de mortalidade se mantivesen constantes.

Esperanza de vida aos 80 anos

Promedio de anos que lle queda por vivir a unha persoa que chega con vida aos 80 anos, no caso de que as condicións de mortalidade se mantivesen constantes.

Estimacións da poboación actual (ePOBa)

Aproximación estatística á poboación residente nun ámbito xeográfico. Toma como poboación de partida a poboación residente nunha determinada área xeográfica a comezos do ano en curso e estima a evolución nese ano dos tres fenómenos demográficos básicos (mortalidade, fecundidade e migración) para obter a poboación residente en dita área a 1 de xaneiro do ano seguinte.

Factores de separación (ax)

Promedio de anos vividos no derradeiro ano de vida polos individuos de sexo s, que falecen con idade cumprida x.

Familia

É o grupo de persoas que, residindo na mesma vivenda familiar (polo tanto formando parte dun fogar), comparten algúns gastos comúns e están vinculadas por lazos de parentesco, xa sexan de sangue ou políticos, e independentemente do seu grao. As diferenzas entre fogar e familia son que o fogar pode ser unipersoal e que os membros dun fogar multipersoal non teñen necesariamente que estar emparentados.
Nos Censos de Poboación de 2001 exclúese a condición de compartir algúns gastos en común.

Fogar

É o conxunto de persoas que, residindo na mesma vivenda, comparten gastos comúns ocasionados pola utilización da vivenda e/ou gastos de alimentación.
Nos Censos de 2001 exclúese a condición de que compartan gastos comúns.

Idade media á maternidade

Media aritmética das idades ás que as mulleres teñen fillos, en grupos quinquenais, ponderada polas taxas específicas de fecundidade de cada grupo de idade.

Idade media á migración

Media aritmética das idades ás que se producen as migracións

Idade media á paternidade

Media aritmética das idades ás que os homes teñen fillos, en grupos quinquenais, ponderada polas taxas específicas de fecundidade dos homes de cada grupo de idade.

Idade media ao primeiro matrimonio

Media aritmética das idades ás que os solteiros contraen matrimonio, en grupos quinquenais, ponderada polas taxas específicas de nupcialidade dos solteiros.

Idade media da nai ao nacemento do primeiro fillo

Media aritmética das idades ás que as mulleres teñen ao seu primeiro fillo, en grupos quinquenais, ponderada polas taxas específicas de fecundidade de cada grupo de idade das nais que teñen o seu primeiro fillo.

Idade media no 1 de xaneiro

Media aritmética das idades dos individuos que compoñen unha poboación.

Índice de dependencia global

Relación entre os grupos de poboación potencialmente dependentes (poboación menor de 15 anos e poboación maior de 64 anos) e o grupo de poboación en idade potencialmente activa (poboación entre 15 e 64 anos).

Índice de dependencia senil

Relación entre a poboación maior (poboación maior de 64 anos) e a poboación en idade potencialmente activa (poboación entre 15 e 64 anos).

Índice de dependencia xuvenil

Relación entre a poboación nova (poboación menor de 15 anos) e a poboación en idade potencialmente activa (poboación entre 15 e 64 anos).

Índice de envellecemento

Relación entre a poboación maior de 64 anos e a poboación menor de 20 anos expresada en %, é dicir, o número de persoas de 65 ou máis anos por cada 100 menores de 20 anos.

Índice de estrutura da poboación en idade activa

Relación entre a poboación entre 40 e 64 anos e a poboación entre 15 e 39 anos.

Índice de masculinidade

Número de homes por cada 100 mulleres nun determinado grupo de individuos.

Índice de recambio da poboación en idade activa

Relación entre a poboación entre 60 e 64 anos e a poboación entre 15 e 19 anos. Mide a capacidade dunha poboación para substituír os individuos que van xubilando.

Índice de sobreenvellecemento

Relación entre a poboación maior de 84 anos e a poboación maior de 64 anos expresada en %, é dicir, o número de persoas de 85 ou máis anos por cada 100 de 65 ou máis anos.

Índice sintético de fecundidade ou número medio de fillos por muller

Representa o número esperado de fillos por muller ao longo da súa vida fértil (de 15 a 49 anos). Obtense como a suma das taxas específicas de fecundidade por idade.

Inmigración

Para un ámbito xeográfico determinado é aquela migración con destino este ámbito e orixe fóra do mesmo. Fálase de inmigración interna cando a orixe é outro concello de Galicia e inmigración externa cando a orixe é outro concello de España ou o estranxeiro.

Inmigración de retorno a Galicia

Movemento migratorio con destino e lugar de nacemento Galicia. Inclúense tanto as inmigracións procedentes do estranxeiro como as procedentes de calquera concello de España.

Inmigración de retorno ao concello de nacemento

Movemento migratorio con destino o concello de nacemento. Inclúense tanto as inmigracións procedentes do estranxeiro como as procedentes de calquera concello de España.

Intervalo interxenésico

É o período de tempo que hai entre dous nacementos consecutivos. Este intervalo calcúlase tanto para os nacidos vivos dentro como fóra do matrimonio, sempre que haxa un nacido vivo anterior.

Intervalo protoxenésico

É o período de tempo comprendido entre a data do matrimonio e a data de nacemento do primeiro fillo nacido vivo.

Matrimonio

O concepto estatístico de matrimonio empregado é o do matrimonio inscrito no Rexistro Civil.

Migración

É o cambio de residencia dun concello a outro. Se o cambio de residencia se realiza entre os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia denomínase migración interior. Cando o movemento é cara ou dende o resto de España ou o estranxeiro fálase de migración exterior.

Migrante

Toda persoa que realizou unha migración.

Morte fetal tardía

A efectos estatísticos, considérase como morte fetal tardía o feto morto con seis ou máis meses de xestación.

Nacemento

No campo demográfico o concepto de nacemento identifícase co concepto biolóxico de nacido con vida.

Orde da migración

Número de veces que a persoa fixo algún cambio de concello de residencia. Distínguese entre a primeira migración e as seguintes. Considérase primeira migración a que ten a súa orixe no concello de nacemento.

Orde de nacemento

É o lugar que ocupa un nacido vivo dentro da secuencia cronolóxica do total de fillos dunha muller.

Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE)

É un rexistro administrativo onde constan as persoas que teñen a nacionalidade española e viven habitualmente fóra de España, independentemente que sexa ou non a súa única nacionalidade.
O PERE elabórase cos datos existentes no rexistro de matrícula de cada oficina consular de carreira ou sección consular das misións diplomáticas. No artigo 2 do Real Decreto 3425/2000, do 15 de decembro sobre inscrición dos españois nos rexistros de matrícula das oficinas consulares no estranxeiro, establécese que:

  1. Os españois que residan habitualmente no estranxeiro e aqueles que trasladen alí a súa residencia habitual deberán inscribirse no rexistro de matrícula da oficina consular ou da sección consular da misión diplomática que corresponda á circunscrición onde se atopen
  2. O pai ou a nai deberán solicitar a inscrición dos seus fillos menores de idade suxeitos a súa patria potestade se están na súa compañía. A mesma obriga incumbe aos titores respecto dos seus pupilos.

Padrón municipal de habitantes

É o rexistro administrativo onde constan os veciños do concello. Os seus datos constitúen proba de residencia no concello e do domicilio habitual nel.

Parto

Coincide co concepto médico-biolóxico, é dicir, expulsión ou extracción do claustro materno do produto da concepción viable; polo tanto queda excluído o aborto ou expulsión do feto non viable. O concepto de parto inclúe tanto os nacementos como as mortes fetais tardías.

Pensións contributivas da Seguridade Social

Son prestacións económicas e de duración indefinida, aínda que non sempre, nas que a concesión está xeralmente supeditada a unha previa relación xurídica coa Seguridade Social (acreditar un período mínimo de cotización en determinados casos, ...), sempre que se cumpran os demais requisitos esixidos. A súa contía determínase en función das achegas efectuadas polo traballador e o empresario, se se trata de traballadores por conta allea, durante o período considerado para os efectos da base reguladora da pensión de que se trate.
As clases de pensións son:

  • incapacidade permanente
  • xubilación
  • morte e supervivencia

Persoa de referencia

Na Enquisa estrutural a fogares a persoa de referencia é aquela persoa de 16 ou máis anos que é considerada polos membros do fogar como o cabeza de familia. Se nun fogar non é posible determinar a persoa de referencia, establecerase que esta sexa a que proporciona a información sobre o resto das persoas do fogar.
En Emprego do tempo considérase persoa de referencia a aquel membro do fogar que sexa designado polo fogar como tal.
No censo de 2011 a persoa de referencia do fogar é a que ocupa o número 1 da lista que se inclúe nos cuestionarios de persoas da vivenda.

Persoas afiliadas á Seguridade Social

A afiliación ao Sistema da Seguridade Social é obrigatoria para todas as persoas incluídas no campo de aplicación da Seguridade Social e única para toda a vida do traballador ou da traballadora e para todo o sistema, sen prexuízo das baixas, altas e demais variacións que con posterioridade á afiliación poidan producirse. É dicir, o traballador ou a traballadora afíliase cando comeza a súa vida laboral e se dá de alta nalgún dos rexímenes do Sistema da Seguridade Social. Esta situación denomínase alta inicial. Se cesa na súa actividade será dado ou dada de baixa pero seguirá afiliado ou afiliada en situación de baixa laboral. Se retoma a actividade producirase unha alta denominada alta sucesiva a efectos estatísticos, pero non terá que afiliarse novamente, dado que, como xa se indicou, a afiliación é única para toda a vida do traballador.

Poboación activa

Son as persoas que, nun período de referencia dado, subministran man de obra para a produción de bens e servizos económicos ou que están dispoñibles e fan xestións para incorporarse a dita produción. Comprende a todas as persoas de 16 ou máis anos que cumpren as condicións necesarias para a súa inclusión entre as persoas ocupadas ou paradas.

Poboación contada a parte

Os homes que cumpren o servizo militar ou prestación social sustitutoria son considerados poboación contada a parte. Este concepto desapareceu en decembro de 2001.

Poboación estacionaria (Lx)

Número total de anos vividos polos individuos con idade cumprida x.

Poboación inactiva

Abrangue todas as persoas de 16 e máis anos non clasificadas como ocupadas ou paradas.
Os inactivos clasifícanse segundo a súa situación persoal nas seguintes categorías funcionais:

  • Persoas que se ocupan do seu fogar.
  • Estudantes.
  • Xubilados ou prexubilados.
  • Persoas que perciben unha pensión distinta á de xubilación ou prexubilación.
  • Persoas que realizan sen remuneración traballos sociais, actividades de tipo benéfico...
  • Incapacitados para traballar.
  • Outra situación. Persoas que, sen exercer ningunha actividade económica, reciben axuda pública ou privada e todas aquelas que non están incluidas en ningunha das categorías anteriores.

Poboación ocupada

Persoas de 16 anos ou máis que durante a semana de referencia tiveron un traballo por conta allea ou exerceron unha actividade por conta propia, nalgunha das seguintes situacións:

  • traballando polo menos unha hora por un soldo, salario ou beneficio empresarial ou ganancia familiar en metálico ou en especie
  • con emprego pero sen traballar por razóns de enfermidade ou accidente, vacacións, festas, mal tempo ou razóns análogas. Tamén se consideran dentro desta categoría as persoas que, estando suspendidas ou separadas do seu emprego como consecuencia dunha regulación de emprego, esperan reincorporarse a súa empresa.

Poboación parada

Persoas de 16 anos ou máis que durante a semana de referencia estiveron sen traballo, dispoñibles para traballar e buscando emprego. Son parados tamén os que atoparon un traballo e están esperando incorporarse, sempre que se verifiquen as dúas primeiras condicións.
Segundo o Regulamento 1897/2000 da Comisión Europea, os únicos métodos de busca de emprego considerados activos son:

  • Estar en contacto cunha oficina pública de emprego co fin de atopar traballo, calquera que sexa a parte que tomase a iniciativa (a renovación da inscrición por razóns puramente administrativas non constitúe unha postura activa).
  • Estar en contacto cunha oficina privada (oficina de emprego temporal, empresa especializada en contratación...) coa fin de atopar traballo.
  • Enviar unha candidatura directamente aos empregadores.
  • Indagar a través de relacións persoais, por mediación de sindicatos, ...
  • Anunciarse ou responder a anuncios de periódicos.
  • Estudar as ofertas de emprego.
  • Participar nunha proba, concurso ou entrevista, no marco dun procedemento de contratación.
  • Buscar terreos, locais ou material.
  • Realizar xestións para obter permisos, licenzas ou recursos financeiros.

Porcentaxe de poboación segundo ámbito xeográfico

Relación entre a poboación dun territorio e a do ámbito xeográfico superior, sendo os niveis considerados, de nivel superior a inferior, os seguintes: España, Galicia, provincias, comarcas e concellos.

Porcentaxes de poboación por grandes grupos de idade

Relación entre os grupos de poboación seguintes e o total de poboación: menores de 20 anos, de 20 a 64 anos e maiores de 64 anos.

Relación de masculinidade ao nacemento

Cociente entre o número de nenos e de nenas nacidos durante un ano.

Residente

Considérase residente a toda persoa física que ten a súa residencia habitual nun dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia

Risco de morte (qx)

Probabilidade, dun individuo que alcanzou a idade exacta x, de falecer antes de alcanzar a idade x+n.

Saldo migratorio

Para cada ámbito territorial, é a diferenza entre o número de inmigracións e o número de emigracións. Se é positivo indica que as entradas de poboación superan as saídas e se é negativo o contrario.

Saldo migratorio externo/exterior

É a diferenza entre a inmigración externa e a emigración externa. Aparecen dous tipos de saldo migratorio externo: co resto de España (diferenza entre as altas procedentes das outras comunidades autónomas e as baixas con destino nas mesmas), e co estranxeiro (diferenza entre as altas procedentes do estranxeiro e as baixas con ese mesmo destino).

Saldo migratorio interno/interior

É a diferenza entre a inmigración interna e a emigración interna. Para cada concello aparecen dous tipos de saldo migratorio interno: o intraprovincial e o do resto de Galicia. O primeiro correspóndese coa diferenza entre as altas no concello procedentes do resto da provincia e as baixas con destino na mesma, e o segundo é a diferenza entre as altas no concello procedentes das restantes provincias de Galicia e as baixas con destino nesas mesmas provincias.

Saldo vexetativo

É a diferenza existente entre os nacementos e as defuncións ocorridas durante un período de tempo definido.

Sistema de referencia espacial

Un sistema de referencia espacial permite asignar coordenadas a puntos sobre a superficie terrestre. Son utilizados en xeodesia, navegación, cartografía e sistemas globais de navegación por satélite para a correcta xeorreferenciación de elementos na superficie terrestre. Estes sistemas son necesarios dado que a Terra non é unha esfera perfecta.

Sistema de referencia ETRS89-LAEA

Sistema de referencia espacial que a Directiva INSPIRE recomenda para a xeración dunha capa vectorial de celas uniformes de 1km de lado que sexa homoxénea para toda Europa. Usa o sistema de coordenadas Lambert Azimutal Equal Area (LAEA).

Superviventes (lx)

Número de individuos que superaron con éxito o risco de falecer antes da idade x.

Taxa bruta de divorcios

Número de divorcios por cada 1.000 habitantes

Taxa bruta de emigración

Emigracións por cada 1.000 habitantes

Taxa bruta de inmigración

Inmigracións por cada 1.000 habitantes

Taxa bruta de mortalidade

Número de defuncións por cada 1.000 habitantes.

Taxa bruta de natalidade

Número de nacementos por cada 1.000 habitantes.

Taxa bruta de nupcialidade

Número de matrimonios por cada 1.000 habitantes.

Taxa bruta de reprodución

Número medio de fillas que tería unha muller en ausencia de mortalidade ao longo da súa vida.

Taxa de actividade

Porcentaxe do número total de activos sobre a poboación total (poboación de 16 ou máis anos).

Taxa de carga poboacional

Para cada un dos conceptos de carga de poboación, defínese como a porcentaxe que representa a carga de poboación respecto á poboacion residente

Taxa de crecemento composto continuo da poboación

Incremento da poboación baseado nun modelo de crecemento exponencial continuo.

Taxa de mortalidade (mx)

Cociente entre o número de defuncións de individuos con idade entre x e x+n e a poboación do mesmo grupo de idade.

Taxa de mortalidade infantil

Defuncións de menores dun ano por cada mil nacidos vivos.

Taxa de mortalidade neonatal

Defuncións de nenos de menos de 28 días por cada mil nacidos vivos.

Taxa de mortalidade perinatal

Defuncións de nenos de menos de 28 días (incluíndo as mortes fetais tardías) por cada mil nacementos (nacidos vivos máis mortes fetais tardías).

Taxa de mortalidade posneonatal

Defuncións de nenos de entre 28 e 365 días por cada mil nacidos vivos.

Taxa de ocupación

Porcentaxe de ocupados sobre a poboación de 16 ou máis anos

Taxa de paro

Porcentaxe de parados sobre o total de activos.

Taxa xeral de fecundidade

Número de nacementos por cada mil mulleres en idade fértil (de 15 a 49 anos).

Taxa xeral de nupcialidade

Número de matrimonios por cada mil individuos de 15 ou máis anos.

Taxas específicas de fecundidade

Cociente entre o número de nacementos dunha determinada cohorte de nais e o total de mulleres nese grupo de idade.

Taxas específicas de mortalidade

Cociente entre o número de defuncións de persoas dun determinado grupo de idade e a poboación total nese grupo de idade.

Taxas específicas de nupcialidade

Cociente entre o número de matrimonios dun determinado grupo de idade e a poboación dese grupo de idade.

Tempo vivido (Tx)

Número total de anos vividos polos superviventes lx desde o aniversario x ata a extinción da xeración.

Turismo, segundas vivendas, estudos, traballo e saúde

Representan os saldos medios de persoas equivalentes a tempo completo entre os non residentes presentes e os residentes ausentes por motivos de turismo, estancias en segundas vivendas, estudos, traballo e problemas de saúde

Vivenda

É o recinto estruturalmente separado e independente que, pola forma en que foi construído, reconstruído, transformado ou adaptado, está concibido para ser habitado por persoas e está dotado de acceso desde a vía pública ou desde recintos comúns privados. Hai dous tipos de vivendas: vivendas colectivas e vivendas familiares.
No Censo de poboación e vivendas considéranse tamén vivendas aqueles recintos que aínda que non estivesen concibidos para ser habitados por persoas constitúen a residencia habitual de alguén no momento censual. Non se consideran vivendas os recintos que, a pesar de estar concibidos inicialmente para a habitación humana, no momento censual están dedicados totalmente a outros fins.

Vivenda colectiva

É a vivenda destinada a ser habitada por un colectivo, é dicir, por un grupo de persoas sometidas a unha autoridade ou réxime común non baseados en lazos familiares nin de convivencia, como por exemplo: residencias de persoas maiores, cuarteis, conventos, institucións para persoas con discapacidade, cárceres, etc. Pode ocupar só parcialmente un edificio, ou máis frecuentemente, a totalidade do mesmo.

Vivenda familiar

É a vivenda destinada a ser habitada por unha ou varias persoas, xeral pero non necesariamente unidas por parentesco, e que non constitúen un colectivo. A pesar de non cumprir estritamente a definición, tamén se consideran vivendas familiares os aloxamentos.

As vivendas familiares inclúense no Censo de Vivendas, con independencia de que estean ocupadas ou non no momento censual.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo