Estudo de salarios / Salarios nas fontes tributarias

Estudo de salarios. Salarios nas fontes tributarias

Introdución

Neste apartado utilízase a estatística "Mercado de trabajo y Pensiones en las fuentes tributarias" realizada pola Axencia Tributaria para facer unha análise dos salarios dende a óptica do perceptor, utilizando como variables de clasificación a provincia e a Comunidade Autónoma, o sexo, a idade, a rama de actividade e os tramos de salario. A estatística achega información desde o ano 1999 ata o ano 2020.

A estatística ten carácter censual e está baseada nas declaracións anuais do Modelo 190 que presentan todas as persoas físicas, xurídicas e demais entidades que, estando obrigadas a reter ou ingresar a conta polo imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, satisfagan ou abonen algunha renda no ano de referencia da estatística.

Esta estatística permite coñecer o perfil demográfico da poboación asalariada por sexo, a masa salarial por tramos de idade e polo tanto, o salario medio para cada tramo. Ademais, tamén proporciona a clasificación dos asalariados para 10 ramas de actividade co seu correspondente salario medio.

Á hora de interpretar os resultados debe terse en conta que nesta estatística ao longo do ano as persoas poden obter percepcións salariais de máis dunha empresa e dous ou máis tipos de percepcións1. Ademais o número de asalariados anuais calcúlase como a suma de persoas que ao longo do ano tiveron algunha percepción salarial; e o salario medio anual como a suma dos salarios anuais dividida polo número de asalariados. En consecuencia, o salario medio anual tende a ter un nesgo á baixa en comparación con outras estatísticas nas que o denominador é o número de asalariados calculado como media anual. Un incremento da temporalidade, por exemplo, fará que o salario medio calculado neste apartado diminúa máis que un salario por hora traballada, por exemplo.


1As persoas asalariadas poden clasificarse segundo o grupo de poboación ao que pertencen. Estes grupos son os seguintes: poboación que só percibe salario, poboación que percibe salario e pensión, poboación que percibe salario e prestación por desemprego e poboación que percibe salario, pensión e prestación por desemprego. Para cada un destes grupos pode calcularse o salario medio anual.

Salario medio anual. España e Galicia

No ano 2020 rexístrase o salario medio anual máis alto da serie desta estatística en Galicia (19.900 euros). A evolución recente deste indicador está marcado pola emerxencia sanitaria, que reduciu o número de persoas que recibiron un salario (1.023.742) con respecto a 2019 (1.056.283). A retribución total tamén se reduciu, pero porcentualmente menos que o número de persoas que percibiron un salario. O salario medio anual rexistrou unha alza de 21 euros, cando en España se reduciu 63 euros (pasa de 20.566 euros a 20.503). Desde o ano 2007 as diferenzas entre o salario medio anual en Galicia e en España reducíronse. Esta diferenza marcou o máximo no ano 2007 (1.344 euros anuais) e o mínimo no ano 2020 (603 euros anuais). En Galicia, o ano 2014 foi o último ano con decrecemento do salario medio e, desde esa data, o salario medio anual medrou máis que en España.

O salario medio anual das mulleres medrou 209 euros no ano 2020, mentres no caso dos homes caeu 151 euros. Este comportamento é similar ao ocorrido no conxunto do Estado no que tamén se produce crecemento dos salarios medios anuais das mulleres e caídas dos homes. Esta evolución reduce a diferenza entre os salarios medios de homes e mulleres, que en 2020 se sitúa en 4.167 euros anuais en Galicia e 4.593 euros en España. O salario medio das mulleres galegas, aínda que é máis baixo que o español, aproxímase máis ao da media de España que no caso dos homes.

Salario medio anual segundo o sexo. España e Galicia
Euros

Salario medio anual. Ambos sexos. España e Galicia
Euros

Salario medio anual segundo o sexo. España e Galicia
Euros

Percepcións salariais segundo o grupo de poboación ao que pertencen as persoas asalariadas. Galicia

Da poboación que recibiu rendas salariais en Galicia, máis de 638 mil galegos recibiron en 2020 só este tipo de rendas. Neste ano destaca o incremento do colectivo que percibiu rendas salariais e prestacións de desemprego, nas que se inclúen as que proveñen dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE). A porcentaxe de persoas asalariadas que só reciben rendas salariais sitúase no 62%, dato máis baixo da serie contable mentres un terzo do colectivo de asalariados percibiu prestacións por desemprego en 2020. Completan a distribución do colectivo aqueles asalariados que percibiron pensións (38.808) e os que percibiron salarios, pensións e prestacións por desemprego (10.854).

O tipo medio de retención situouse no 14,74%, nivel similar ao que se rexistra desde 2015. No colectivo que percibe rendas salariais e pensións o tipo é máis alto (16,16%).

Retribución anual media procedente de salarios e tipo de retención. Galicia
Euros, porcentaxe

Persoas asalariadas segundo o grupo de poboación ao que pertencen. Galicia
Porcentaxe

Persoas asalariadas, percepcións salariais e retencións segundo o grupo de poboación. Galicia
Persoas, euros, porcentaxe

Salario medio anual por ramas de actividade. España e Galicia

No ano 2020 o maior salario medio rexístrase no sector das Entidades financeiras e aseguradoras e o menor nos Outros servizos persoais e de ocio. Con respecto a 2019 os sectores Industria extractiva, enerxía e auga, Información e comunicacións e Servizos sociais tiveron crecementos do salario medio anual. No caso dos servizos sociais este crecemento provén dun incremento dos salarios totais superior ao crecemento do número de asalariados. O resto dos sectores tiveron unha caída do salario medio que é especialmente acusada (-14,7%) no caso dos Outros servizos persoais e de ocio.

En canto ás diferenzas de nivel no salario medio por sectores, Galicia supera a España no sector Construción e actividades inmobiliarias e no sector primario (no que o emprego asalariado ten pouca entidade en Galicia). No resto de sectores o salario medio anual é superior en España, e as maiores diferenzas prodúcense en Información e comunicacións e Entidades financeiras e aseguradoras.

Salario medio anual por sectores. España e Galicia
Euros

Salario medio anual por sectores. Galicia
Euros

Salario medio anual por sectores. Ano 2020. España e Galicia
Euros

Lenda dos gráficos; CNAE-2009:

  • 1: Agricultura, gandería, silvicultura e pesca (A)
  • 2: Industria extractiva, enerxía e auga (B, D, E)
  • 3: Industria (C)
  • 4: Construción e actividades inmobiliarias (F, L)
  • 5: Comercio, reparacións e transporte (G, H)
  • 6: Información e comunicacións (J)
  • 7: Entidades financeiras e aseguradoras (K)
  • 8: Servizos ás empresas (N, M)
  • 9: Servizos sociais (P, Q, O)
  • 10: Outros servizos persoais e de ocio (I, R, S)

Persoas asalariadas e percepcións salariais por grupos de idade. España e Galicia

Nos seguintes gráficos amósase a estrutura comparada das persoas asalariadas e da masa salarial por grupo de idade de Galicia e España. O grupo de idade máis numeroso é o que vai dos 36 a 45 anos, tanto en Galicia como en España, porén a porcentaxe que representa este grupo é superior en Galicia. Isto ocorre cos grupos de maior idade en detrimento dos de menor idade, nos que a porcentaxe en España é maior: no grupo de idade de 18 a 25 anos concéntrase o 7,1% das persoas asalariadas en Galicia por un 9,3% en España.

Persoas asalariadas por grupos de idade. Ano 2020. España e Galicia
Porcentaxe

Masa salarial por grupos de idade. Ano 2020. España e Galicia
Porcentaxe

Pirámide coa comparación do volume de persoas asalariadas e a masa salarial por sexo e grupos de idade. Ano 2020. Galicia
Porcentaxe

Pirámide coa comparación do volume de persoas asalariadas e a masa salarial por sexo e grupos de idade. Ano 2020. España
Porcentaxe

Coa representación en forma de pirámide de idades da masa salarial e das persoas asalariadas por sexo, preténdese amosar nunha imaxe fixa as diferenzas estruturais demográficas entre Galicia e o conxunto de España na composición da poboación asalariada por idades e sexo e o correspondente reparto da masa salarial entre os grupos de persoas asalariadas.


As observacións máis salientables resúmense nos seguintes puntos:

  • A poboación asalariada galega está máis envellecida que a española. A proporción da poboación asalariada que ten máis de 55 anos supera á media española en un punto porcentual. En contraste, os novos (menores de 36 anos) teñen maior peso en España que en Galicia: un 30% fronte a un 27%.

  • Na poboación nova asalariada (menor de 36 anos) existe unha gran diferenza entre o peso da súa masa salarial e o peso poboacional no conxunto de persoas asalariadas: en Galicia esta diferenza é de 9,1 puntos e en España de 10,6 puntos. En Galicia implica que o 26,6% da poboación asalariada recibe o 17,4% da masa salarial.

  • No resto de grupos de idade a proporción de masa salarial supera á de poboación, sendo o grupo de 46 a 55 anos o que presenta unha situación máis favorable: o 27% das persoas asalariadas absorben o 31,5% da masa salarial.

  • Por sexos, no grupo de 36 a 45 anos as mulleres (14,3% da poboación asalariada) perciben o 13% da masa salarial.

  • Pola contra, no grupo de 46 a 55 anos, os homes (13,9% da poboación asalariada) perciben o 18,7% da masa salarial.

Salario medio anual por sexo e grupos de idade. Galicia

Salario medio anual por sexo e grupos de idade. Galicia
Euros

Por idade, os catro colectivos incluidos nos tramos de idade desde 26 a 55 anos teñen un salario medio anual inferior en 2020. Esta caída é próxima ao 2% nos tres grupos de idade incluídos no intervalo 18-45 anos e inferior ao 1% no grupo de 46 a 55 anos. Os incremento do salario medio anual nos maiores de 56 anos supera os 100 euros anuais.

Salario medio anual por grupos de idade. Ambos sexos. Galicia
Euros

O salario medio é superior nos homes en todos os niveis de idade, porén as diferenzas acurtáronse en todos os grupos excepto no primeiro (de 18 a 25 anos). Xa se comentou que en 2020 o salario medio anual medrou nas mulleres mentres caeu no caso dos homes. Por idade, no caso dos homes a caida foi xeralizada en todos os grupos, mentres que nas mulleres hai crecemento nos tramos de idade máis altos. Nos grupos de idade entre 26 e 45 anos o salario medio anual das mulleres foi inferior ao rexistrado en 2019, pero este descenso é de menor intensidade que no caso dos homes.

Salario medio anual por grupos de idade. Homes. Galicia
Euros

Salario medio anual por grupos de idade. Mulleres. Galicia
Euros

Datos provinciais

Salario medio anual por provincias

Ata o ano 2020, o perfil da evolución do salario medio anual é similar nas catro provincias: forte crecemento ata o ano 2008, moderación nos anos 2009 e 2010 e diminución ata o ano 2013, no que o salario medio se estabiliza con lixeiras variacións á alza ou á baixa. Desde 2015 rexístranse crecementos nas catro provincias ata o ano 2019. No ano 2020 o comportamento é dispar: en Lugo o salario medio anual medrou o 1,7%, en Ourense o 0,9%; mentres as provincias de A Coruña e Pontevedra rexistraron unha caida do salario medio anual.

A Coruña é a única provincia na que o salario medio supera á media galega; séguelle a bastante distancia Pontevedra e Lugo, sendo o nivel medio de Ourense inferior. No caso de Pontevedra no ano 2001 o salario medio aproximábase moito á media galega (unha diferenza de 189 euros anuais), no ano 2020 a diferenza amplíase ata os 795 euros e a distancia coa Coruña sitúase nos 2.067 euros anuais.

Salario medio anual. Galicia e provincias
Euros

Evolución do salario medio anual. Galicia e provincias
Euros

Evolución do índice do salario medio anual (Ano 2000=100). Galicia e provincias
Euros

Tramos de salario. Índice de Gini por sexo e por provincias

A curva de Lorenz amosa graficamente a concentración do ingreso ou da riqueza dun espazo determinado (o máis usual é o conxunto de persoas ou fogares dun país ou rexión). Canto máis cerca esté a curva da recta que une os puntos (0,0) e (100,100), máis igualitaria será a distribución da renda, sendo o caso extremo cando a distribución coincida coa recta, na que todos os individuos percibirían a mesma renda.
Cos datos obxecto de análise, relaciónanse as porcentaxes acumuladas de poboación asalariada coas porcentaxes acumuladas de masa salarial nun ano.

A partir da curva de Lorenz calcúlase o índice de Gini, que proporciona unha medida cuantitativa do grao de concentración dos ingresos (ou da riqueza) dun determinado país, rexión ou grupo social. Este coeficiente varía entre 0 e 1, onde o 0 indica a igualdade máxima e o 1 cando un só individuo acapara todo o ingreso. Polo tanto, este coeficiente permítenos facer comparacións no grao de desigualdade entre os grupos obxecto de estudo e a súa evolución no tempo.

Curva de Lorenz. Ano 2020. España e Galicia

Coa información relativa aos 13 tramos de percepcións anuais por salario, determinados como múltiplos das percepcións mínimas interprofesionais anuais, calcúlase o índice de Gini para ter unha aproximación ao grao de desigualdade no tempo e no ámbito territorial (Galicia e provincias).

En primeiro lugar represéntase a curva de Lorenz de Galicia e de España. A imaxe das dúas curvas superpostas indica que a distribución salarial en España é lixeiramente máis desigual que en Galicia.

Se comenzamos polos salarios máis baixos, vese que en Galicia hai un 39,3% da poboación asalariada que percibe un 12,8% da masa salarial (en España o 42,7% das persoas asalariadas percibe o 12,6% das rendas) e que o 76,5% absorbe o 48,4% dos salarios en Galicia, e en España o 74,2% do colectivo asalariado o 42% da masa salarial.

Se nos situamos nas rendas salariais máis elevadas, en Galicia un 9,7% das persoas asalariadas reciben o 28,8% da masa salarial, en cambio en España un 11,7% recibe o 35,5% dos salarios totais.

As rendas salariais están máis concentradas en España que en Galicia, é dicir, a distribución do ingreso é menos desigual na nosa Comunidade autónoma.

Como se deduce do gráfico no que se representa o índice de Gini referido ao ano 2020, a desigualdade nos ingresos por salarios, é maior nas mulleres que nos homes nas catro provincias, sendo Lugo a que rexistra a diferenza máis elevada. Ou dito doutro xeito, as diferenzas salariais son máis elevadas nas mulleres asalariadas que nos homes asalariados.

En canto á evolución temporal, o grao de desigualdade increméntase no ano 2020, cambiando a tendencia mostrada desde 2017.

Índice de Gini segundo o sexo. Ano 2020. Provincias

Evolución do índice de Gini en Galicia.

Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

Axencia Tributaria. Mercado de Trabajo y Pensiones en las fuentes tributarias


Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal.
Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies
     De acordo
   Compartir: