IGE -

Definicións. Características básicas dos fogares


Áreas (Enquisa estrutural a fogares)

As áreas definidas a partir da edición 2008 da Enquisa estrutural a fogares son:

  • Provincia da Coruña
    • Ferrol-Eume-Ortegal: comprende as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
    • Área da Coruña: comprende as comarcas da Coruña e Betanzos.
    • Área da Costa da morte: comprende as comarcas de Bergantiños, Fisterra, Muros, Terra de Soneira e Xallas.
    • A Coruña suroriental: comprende as comarcas de Arzúa, Ordes e Terra de Melide.
    • Área de Santiago: comprende as comarcas da Barcala, O Sar e Santiago.
    • A Barbanza-Noia: comprende as comarcas da Barbanza e Noia.
  • Provincia de Lugo
    • Lugo oriental: comprende as comarcas da Fonsagrada, Os Ancares e Sarria.
    • Lugo sur: comprende as comarcas de Chantada, Quiroga e Terra de Lemos.
    • Lugo central: comprende as comarcas da Ulloa, Lugo, Meira e A Terra Chá.
    • A Mariña: comprende as comarcas da Mariña Central, A Mariña Oriental e A Mariña Occidental.
  • Provincia de Ourense
    • O Carballiño-O Ribeiro: comprende as comarcas do Carballiño e O Ribeiro.
    • Ourense central: comprende as comarcas de Allariz e Maceda, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Valdeorras.
    • Ourense sur: comprende as comarcas da Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana.
    • Área de Ourense: comprende a comarca de Ourense.
  • Provincia de Pontevedra
    • Pontevedra nororiental: comprende as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.
    • Pontevedra sur: comprende as comarcas da Paradanta, O Baixo Miño e O Condado.
    • Área de Pontevedra: comprende a comarca de Pontevedra.
    • Caldas-O Salnés: comprende as comarcas de Caldas e O Salnés.
    • Área de Vigo: comprende a comarca de Vigo.
    • O Morrazo: comprende a comarca do Morrazo.

Fogar principal

Considérase fogar principal aquel no que un dos seus membros ten a titularidade da vivenda que ocupa, xa sexa en propiedade ou alugamento. No caso de que a vivenda estea cedida, o fogar principal será aquel no que estea a persoa a favor da que se fixo a cesión.

Fogar privado

Persoa ou conxunto de persoas que ocupan en común unha vivenda principal ou parte dela, e consomen e/ou comparten alimentos ou outros bens con cargo a un mesmo orzamento.

Habitación

No Censo de vivendas de 2001 considéranse, ademais dos dormitorios, todas as pezas que teñan catro metros cadrados ou máis, incluíndo a cociña pero sen incluír os cuartos de baño, os vestíbulos, os corredores nin as terrazas abertas.

No módulo Vivendas familiares: características e medio da Enquisa de condicións de vida das familias defínese como o espazo situado nunha vivenda familiar que cumpre:

  • Está pechado por paredes e dispón dunha superficie mínima de catro metros cadrados e dous metros de altura sobre a maior parte da súa superficie.
  • Utilízase ou pode utilizarse para fins residenciais.
A definición anterior inclúe os dormitorios, salas de estar, comedores, salóns, despachos, salóns de xogo, cuartos destinados ao servizo doméstico, salóns-cociña, así como as cociñas cando teñan catro metros cadrados ou máis. Non se inclúen os trasteiros, cuartos de baño e aseo, sotos e faiados, terrazas, corredores, vestíbulos, vestidores, despensas e lavadoiros, nin as cociñas cando teñan menos de catro metros cadrados. Tamén se exclúen as habitacións do fogar destinadas exclusivamente a fins profesionais.
Realizouse un cambio na definición de habitación no módulo de vivendas familiares da edición de 2010 con respecto aos anos 1999 e 2005. Nestas dúas edicións considéranse habitacións os espazos da vivenda dedicados a dormitorios, comedores, salón, cuartos de estar, salas de xogos, estudos e despachos (non destinados exclusivamente a fins profesionais).

Infraocupación

Considérase que existe infraocupación cando hai catro ou máis habitacións na vivenda por persoa.

Ingreso medio mensual do fogar

É a media mensual dos ingresos netos monetarios de todos os membros do fogar no ano natural anterior á realización da enquisa, sexan estes regulares ou non.

Membro do fogar

Na Enquisa estrutural a fogares para establecer se unha persoa é membro ou non dun fogar, tense en conta se pernoita habitualmente catro ou máis noites á semana na vivenda (persoa presente) ou se non o fai (persoa ausente).
As persoas presentes son membros do fogar se levan tres ou máis meses presentes, tanto se ocupan outra vivenda permanentemente coma se non, e se levan menos de tres meses presentes e non ocupan outra vivenda permanentemente.
As persoas ausentes son membros do fogar se levan menos de tres meses ausentes e non ocupan outra vivenda permanentemente.
Existen as seguintes excepcións:

  • Persoal doméstico interno, que é membro do fogar salvo que teña outro fogar que considere como o seu fogar principal.
  • Persoas desprazadas temporalmente a outro lugar, que son membros do fogar no que está o seu núcleo familiar. Entre eles están:
    • Varóns que cumpren o servizo militar (ata o ano 2001)
    • Enfermos en sanatorios.
    • Persoas en viaxes de negocio ou ocio.
    • Pescadores no mar.
    • Persoal navegante de compañías aéreas ou marítimas, nacionais ou estranxeiras.
    • Persoal desprazado por coidado de familiares.
  • Estudantes e traballadores desprazados temporalmente, que se consideran membros do fogar se pensan volver reunirse co núcleo familiar cando finalice a causa pola que se desprazaron. No caso de descoñecer esta circunstancia, son membros do fogar se levan ausentes menos dun ano.

Segunda vivenda

No Censo de vivendas considérase como segunda vivenda (ou vivenda secundaria) a vivenda familiar que é utilizada só parte do ano, de forma estacional, periódica ou esporádica (por exemplo, durante as vacacións ou fins de semana), ou ben, sendo utilizada de maneira continuada e non estacional ao longo de todo o ano, non constitúe residencia habitual dun grupo de persoas (por exemplo, para alugamentos sucesivos de corta duración).

No módulo Vivendas familiares: características e medio da Enquisa de condicións de vida das familias enténdese toda vivenda non principal destinada ao traballo, estudos, espallamento ou ben comprada por investimento, calquera que sexa o seu réxime de tenza: en propiedade con e sen hipoteca, alugada ou cedida pola empresa ou organización na que traballa algún membro do fogar ou por outros fogares ou institucións, etc.

Sobreocupación

Considérase que unha persoa reside nunha vivenda con sobreocupación cando a vivenda non ten un número de habitacións igual a:

  • unha habitación para o fogar,
  • unha habitación por parella no fogar,
  • unha habitación por persoa solteira de 18 ou máis anos,
  • unha habitación por parella de solteiros do mesmo sexo entre os 12 e 17 anos de idade,
  • unha habitación para cada persoa solteira de entre 12 e 17 anos de idade non incluída na categoría anterior,
  • unha habitación por parella de nenos menores de 12 anos.

Superficie útil da vivenda

É a superficie comprendida dentro dos muros exteriores da vivenda que é habitable. Inclúe, polo tanto, non só a superficie destinada a habitacións, senón tamén a superficie dos corredores, vestíbulos, cuartos de baño e outros espazos. Non inclúe os muros, tabiques, terrazas abertas, xardíns, así como sotos e trasteiros... que non sexan habitables.

Vivenda con deficiencia grave

Aquela que presenta simultaneamente os seguintes problemas: goteiras, humidades, podremia en solos ou ventás e deficiencias de illamento térmico e/ou acústico.

Vivenda familiar

É a vivenda destinada a ser habitada por unha ou varias persoas, xeral pero non necesariamente unidas por parentesco, e que non constitúen un colectivo. A pesar de non cumprir estritamente a definición, tamén se consideran vivendas familiares os aloxamentos.

As vivendas familiares inclúense no Censo de Vivendas, con independencia de que estean ocupadas ou non no momento censual.

Vivenda familiar principal

Vivenda familiar que se utiliza toda ou a maior parte do ano como residencia habitual dunha ou máis persoas.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo