IGE -

Definicións. Afiliacións á Seguridade Social (media mensual e último día de mes)


CNAE-09 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas resultante do proceso internacional de revisión denominado Operación 2007. Foi elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de aprobación da NACE Rev.2. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida
Acceso á Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 2009)

CNAE-93 Rev.1 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)

É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de implantación da NACE Rev. 1.1. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para:

  • Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
  • Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida

Persoas afiliadas á Seguridade Social

A afiliación ao Sistema da Seguridade Social é obrigatoria para todas as persoas incluídas no campo de aplicación da Seguridade Social e única para toda a vida do traballador ou da traballadora e para todo o sistema, sen prexuízo das baixas, altas e demais variacións que con posterioridade á afiliación poidan producirse. É dicir, o traballador ou a traballadora afíliase cando comeza a súa vida laboral e se dá de alta nalgún dos rexímenes do Sistema da Seguridade Social. Esta situación denomínase alta inicial. Se cesa na súa actividade será dado ou dada de baixa pero seguirá afiliado ou afiliada en situación de baixa laboral. Se retoma a actividade producirase unha alta denominada alta sucesiva a efectos estatísticos, pero non terá que afiliarse novamente, dado que, como xa se indicou, a afiliación é única para toda a vida do traballador.

  • Na Mostra continua de vidas laborais contabilízanse o número de traballadores e traballadoras que estiveron afiliados e afiliadas en alta laboral nalgún momento do ano de referencia.
  • Para as táboas de afiliacións á Seguridade Social facilitadas polo Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones contabilízanse o número de afiliacións. Hai que ter en conta que o número de afiliacións non se corresponde necesariamente co de traballadores e traballadoras, senón co de situacións que xeran obriga de cotizar. É dicir, a mesma persoa contabilízase tantas veces como situacións de cotización teña, xa sexa porque ten varias actividades laborais nun mesmo réxime ou en varios.

Réxime especial agrario

Están incluídos no réxime especial agrario todos os traballadores, calquera que sexa o seu sexo e estado civil, que de xeito habitual e como medio fundamental de vida realicen labores agrarias, sexan propiamente agrícolas, forestais ou pecuarias, dentro do territorio nacional, sempre que estean incluídos como traballadores por conta allea, ou como traballadores por conta propia.

A partir do mes de xaneiro de 2008 desaparece o réxime especial agrario por conta propia e os seus afiliados intégranse no réxime especial de autónomos. É dicir, a partir de xaneiro de 2008, o réxime especial agrario fórmano os traballadores maiores de 16 anos que realicen labores agrarias con carácter retribuído por conta allea, dentro do ámbito de organización e dirección doutra persoa física ou xurídica.

Con efecto o día 1 de xaneiro de 2012 os traballadores do réxime especial agrario (conta allea) inclúense dentro do réxime xeral da Seguridade Social, mediante a creación do sistema especial agrario.

Réxime especial autónomos

Para os efectos deste réxime especial, entenderase como traballador por conta propia ou autónomo, aquel que realiza de xeito habitual, persoal e directa unha actividade económica a título lucrativo, sen suxeición por ela a contrato de traballo e aínda que utilice o servizo remunerado doutras persoas, sexa ou non titular de empresa individual ou familiar.

Presumirase, salvo proba do contrario, que no interesado concorre a condición de traballador por conta propia ou autónomo se el mesmo ostenta a titularidade dun establecemento aberto ao público como propietario, arrendatario, usufrutuario ou outro concepto análogo.

Réxime especial da minería do carbón

Están incluídos no réxime especial da minería do carbón os traballadores por conta allea que prestan os seus servizos a empresas que realicen as seguintes actividades relativas á minería do carbón:

  • Extracción de carbón nas minas subterráneas.
  • Explotación de carbón a ceo aberto.
  • Investigacións e recoñecementos
  • Aproveitamento de carbóns e augas residuais con materias carbonosas.
  • Escollido de carbón en vertedoiros de cascallo
  • Fabricación de aglomerados de carbón mineral
  • Fornos de produción de cok (con exclusión dos pertencentes á industria siderometalúrxica).
  • Transportes fluviais de carbón
  • Actividades secundarias ou complementarias das anteriores

Réxime especial empregados do fogar

Os traballadores comprendidos dentro do campo de aplicación do réxime especial de empregados de fogar son os que se dediquen a servizos exclusivamente domésticos para un ou varios cabezas de familia, sempre que estes servizos sexan prestados na casa que habite o cabeza de familia e que perciban un soldo ou remuneración de calquera clase. Están incluídos os traballos de gardería, xardinería, condución de vehículos e outros análogos nos supostos nos que se desenvolvan formando parte do conxunto de tarefas domésticas.
O encadramento dentro deste réxime, efectuarase dependendo do número de horas traballadas e se se trata dun solo empregador ou varios, de acordo co seguinte:

  • Os empregados de fogar fixos: son os que prestan servizos para un só cabeza de familia durante un tempo igual ou superior a 80 horas de traballo efectivo ao mes
  • Os empregados de fogar descontinuos: son os que prestan os seus servizos para un ou varios cabezas de familia, con carácter parcial ou descontinuo, durante un mínimo de 72 horas de traballo efectivo ao mes, que teñen que realizarse, polo menos, durante 12 días en dito mes
Desde o día 1 de xaneiro de 2012 os traballadores incluídos no réxime especial de empregados do fogar quedan integrados dentro do réxime xeral, mediante a creación do sistema especial para empregados do fogar. Esta integración afecta tanto aos traballadores que prestan servizos con carácter fixo para un titular do fogar familiar, como aos denominados "descontinuos", cuxa actividade realízase para varios titulares de fogares familiares.
Establécese un período transitorio que comprende do 01-01-2012 ao 30-06-2012, para que os empregadores e as persoas empregadas procedentes do réxime especial da Seguridade Social de empregados do fogar, comuniquen á Tesorería General de la Seguridad Social o cumprimento das condicións esixidas para a súa inclusión no sistema especial para empregados do fogar.

Réxime especial traballadores do mar

No réxime especial do mar están incluídos:

  • Traballadores por conta allea, retribuídos a salario ou á parte, empregados en calquera das actividades seguintes:
    • Mariña mercante
    • Pesca marítima en calquera das súas modalidades.
    • Extracción doutros produtos do mar.
    • Tráfico interior de portos e embarcacións deportivas e de recreo.
    • Traballos de carácter administrativo, técnico e subalterno das empresas dedicadas ás actividades anteriores.
    • Traballo de estibadores portuarios.
    • Servizo auxiliar sanitario e de fonda e cociña prestado aos emigrantes españois a bordo das embarcacións que os transportan.
    • Persoal ao servizo das confrarías de pescadores e as súas federacións e das cooperativas do mar.
    • Calquera outra actividade marítimo-pesqueira que a súa inclusión neste réxime sexa determinada polo Ministerio de Trabajo e Inmigración.
  • Os armadores de embarcacións que sexan de máis de 10 toneladas ou leven enrolados máis de cinco tripulantes, se figuran no rol e perciben como retribución polo seu traballo unha participación no "Monte Menor" ou un salario como tripulante, quedan asimilados a traballadores por conta allea, salvo para os efectos de desemprego.
  • Traballadores por conta propia que realizan de xeito habitual, persoal e directa, algunha das actividades que a continuación se enumeran, sempre que a mesma constitúa o seu medio fundamental de vida:
    • Armadores de embarcacións que non excedan as 10 toneladas de rexistro bruto, non leven máis de cinco persoas enroladas incluído o armador, e nas que este vaia enrolado como técnico ou tripulante.
    • Os que se dediquen á extracción de produtos do mar.
    • Os redeiros que non realicen as súas faenas por conta dunha empresa pesqueira determinada.
  • Tamén se poden incluír o cónxuxe e os familiares, hasta o segundo grado de consanguinidade, afinidade ou adopción do traballador autónomo, se traballan, conviven e dependen economicamente de el, salvo proba de que son traballadores por conta allea

Réxime xeral

Quedan incluídos no réxime xeral, entre outros:

  • Os traballadores españois por conta allea da industria e dos servizos e asimilados aos mesmos que exerzan normalmente a súa actividade no territorio nacional.
  • Os traballadores por conta allea e os socios traballadores de sociedades mercantís capitalistas, aínda que sexan membros do seu órgano de administración, se o desempeño deste cargo non leva consigo a realización das funcións de dirección e xerencia da sociedade nin posúan o seu control.
  • Os socios traballadores de sociedades laborais.
  • Os estranxeiros con permiso de residencia e de traballo en España que traballen por conta allea na industria e nos servizos e exerzan a súa actividade en territorio nacional. Os traballadores comunitarios non necesitan permiso de traballo.
  • Persoal (funcionario ou laboral) da administración local.
  • Os condutores de vehículos de turismo ao servizo de particulares.
  • O persoal civil non funcionario, dependente dos organismos, servizos ou entidades do Estado.
  • Laicos ou segrares que presten servizos retribuídos en institucións eclesiásticas.
  • As persoas que presten servizos retribuídos en entidades ou institucións de carácter benéfico social.
  • Persoal contratado ao servizo de notarías, rexistros da propiedade e demais oficinas ou centros similares.
  • Funcionarios en prácticas que aspiren a incorporarse a corpos ou escalas de funcionarios que non estean suxeitos ao réxime de clases pasivas e os altos cargos das administracións públicas que non sexan funcionarios, así como os funcionarios de novo ingreso das comunidades autónomas.
  • Funcionarios transferidos ás comunidades autónomas, que ingresen voluntariamente en corpos ou escalas propios da comunidade autónoma de destino. Persoal interino ao servizo da administración de xustiza.
  • Representantes de comercio.
  • Artistas.
  • Profesionais taurinos.
  • Os seguintes sistemas especiais:
    • Traballadores fixos descontinuos de empresas de estudo de mercado e opinión pública.
    • Traballadores fixos descontinuos de cines, salas de baile e de festa e discotecas.
    • Manipulado e empaquetado de tomate fresco, realizadas por colleiteiros e exportadores.
    • Servizos extraordinarios de hostalería.
    • Industria da resina.
    • Froitas, hortalizas e industria de conservas vexetais.
    • Agrario. Con efecto o día 1 de xaneiro de 2012 os traballadores do réxime especial agrario (conta allea) inclúense dentro do réxime xeral da Seguridade Social, mediante a creación do sistema especial agrario.
    • Empregados do fogar. Desde o día 1 de xaneiro de 2012 os traballadores incluídos no réxime especial de empregados do fogar quedan integrados dentro do réxime xeral, mediante a creación do sistema especial para empregados do fogar

Sistema especial agrario

Están incluídos no sistema especial agrario os traballadores por conta allea que realicen labores agrarias, forestais ou pecuarias que ou sexan complementarias ou auxiliares das mesmas, en explotacións agrarias, así como os empresarias aos que presten os seus servizos.

Sistema especial empregados do fogar

Estarán incluídos neste sistema especial, como empregados do fogar todos os traballadores, calquera que sexa o seu sexo e estado civil, e que reúnan os seguintes requisitos:

  • Ser maior de 16 anos.
  • Que presten servizos exclusivamente domésticos para un ou varios titulares do fogar familiar, ou a un grupo de persoas, que sen constituír unha familia, convivan no mesmo fogar con tal carácter familiar.
  • Que eses servizos sexan prestados na casa que habite o titular do fogar familiar e demais persoas que compoñen o fogar.
  • Que perciba por este servizo un soldo ou remuneración de calquera clase que sexa.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo