Clasificación das actividades de innovación na Enquisa de innovación empresarial (IGE)
|
Na Enquisa de innovación empresarial do IGE, as empresas clasifícanse segundo as actividades de innovación levadas a cabo en Galicia nas seguintes categorías: - Empresas con actividades de I+D: agrupa a aquelas unidades que levan a cabo traballos creativos para aumentar o volume de coñecementos e o seu emprego, para idear produtos e procesos novos ou mellorados, incluído o desenvolvemento de software, así como as innovacións de comercialización ou de organización, levadas a cabo dentro da empresa (I+D interna) ou compradas a outra empresa do grupo ou organismo privado ou público de investigación (I+D externa)
- Empresas con actividades para innovacións de produto ou de proceso: inclúe ás unidades que realizaron algunha das seguintes actividades:
- Adquisición de maquinaria, equipo e software para producir produtos ou procesos novos ou mellorados (non incluídos en I+D)
- Adquisición doutros coñecementos externos (non incluídos en I+D)
- Formación para desenvolver e/ou introducir produtos novos ou mellorados
- Introdución no mercado de innovacións de produto
- Outros preparativos para as innovacións de produto e de proceso (definición das especificacións técnicas, montaxe e enxeñaría, probas de produción, etc.)
- Empresas con actividades para innovacións de organización ou comercialización: aglutina ás unidades que realizaron algunha das seguintes actividades:
- Preparativos para as innovacións de organización
- Preparativos para as innovacións de comercialización
|
|
CNAE-93 Rev.1 (Clasificación Nacional de Actividades Económicas)
|
É a Clasificación Nacional de Actividades Económicas elaborada segundo as condicións recollidas no Regulamento de implantación da NACE Rev. 1.1. O obxectivo desta clasificación é establecer un conxunto xerarquizado de actividades económicas que poida ser empregado para: - Favorecer a implementación de estatísticas nacionais que poidan ser diferenciadas de acordo coas actividades establecidas
- Clasificar as unidades estatísticas e entidades segundo a actividade económica exercida
|
|
Empresa (enquisas IGE)
|
Combinación máis pequena de unidades xurídicas que constitúe unha unidade organizativa de produción de bens e servizos e que goza dunha certa autonomía de decisión.
|
|
Empresa activa en innovación
|
É toda empresa innovadora ou potencialmente innovadora.
|
|
Empresa innovadora
|
É a que introduce unha innovación durante o período de tempo analizado na Enquisa de innovación empresarial do IGE (3 anos).
|
|
Empresa potencialmente innovadora
|
É unha empresa que ten innovacións en fase de desenvolvemento, ou ben que emprendeu actividades de innovación pero que foron abandonadas, durante o período de tempo analizado na Enquisa de innovación empresarial do IGE (3 anos).
|
|
Esforzo innovador
|
É o cociente entre os gastos totais en innovación da empresa e os seus ingresos de explotación.
|
|
Establecemento (empresas)
|
Empresa ou parte dunha empresa sita nun lugar delimitado topograficamente, no que se realizan unha ou varias actividades económicas ás que dedican o seu traballo unha ou varias persoas por conta dunha mesma empresa. Se polas propias características da actividade esta non se realiza nun lugar fixo, o establecemento é o lugar dende o que se organiza ou coordina tal actividade. Non se contabilizan como establecementos os almacéns e as sedes sociais ou os domicilios legais dos titulares das empresas no caso de que existan unicamente como soporte xurídico das actividades.
|
|
Innovación (concepto IGE)
|
Na Enquisa de innovación empresarial do IGE, considérase innovación a toda introdución dun produto (ben ou servizo) ou dun proceso, novo ou significativamente mellorado, ou a introdución dun método de comercialización ou de organización novo aplicado ás prácticas de negocio, á organización do traballo ou ás relacións externas. Nesta definición hai que destacar: - Grao de orixinalidade: ademais das novas introducións, tamén serán innovacións os cambios que teñan un grao de novidade importante ou significativa para a empresa. Isto significa que se exclúen os cambios menores ou que non supoñen un grao de novidade suficiente
- Grao ou ámbito de novidade: o requisito mínimo para que unha innovación sexa considerada como tal é que o produto, proceso, método comercial ou método organizativo sexa novo (ou significativamente mellorado) para a empresa. Isto indica que, ademais dos produtos, procesos e métodos desenvolvidos por primeira vez pola empresa, tamén deberán ser considerados aqueles que adopta a empresa pero que foron desenvolvidos previamente por outras empresas ou organizacións
- Grao de éxito comercial: considéranse todas as innovacións introducidas, independentemente de que tiveran ou non éxito comercial
Nesta enquisa son considerados catro tipos de innovacións: de produto, de proceso, organizativas e comerciais.
|
|
Innovación de procesos
|
É a adopción pola empresa de métodos novos ou significativamente mellorados de produción, distribución ou de actividades de apoio.
|
|
Innovación en produtos (bens ou servizos)
|
É a introdución por parte da empresa dun ben ou servizo novo ou significativamente mellorado nas súas características básicas, especificacións técnicas, software incorporado ou outros compoñentes intanxibles, finalidades desexadas ou nas prestacións.
|
|
Innovacións de comercialización ou marketing
|
É a introdución pola empresa de métodos de comercialización, novos ou significativamente mellorados, que impliquen melloras importantes no deseño ou presentación, na distribución, na promoción ou nos prezos dos produtos da empresa.
|
|
Innovacións de organización
|
É a introdución pola empresa de métodos de organización, novos ou significativamente mellorados, aplicados ás prácticas da empresa, á organización do traballo ou ás súas relacións externas.
|
|