Índices de competitividade exterior
Definicións
Índices de competitividade exterior
Cota de exportación
|
É a porcentaxe das exportacións dun país (ou rexión) con destino a outro país ou grupo de países sobre o total das importacións efectuadas polo país ou grupo de países de destino (incluíndo as importacións entre os países do grupo).
|
|
Deflactor do PIB
|
É o cociente entre o PIB nominal (a prezos correntes do ano considerado) e o PIB real (a prezos constantes dun ano base), expresado en forma de índice, é dicir, multiplicado por 100. Utilízase como índice de prezos alternativo ao IPC (índice de prezos de consumo), xa que mide as variacións de prezos experimentadas por todos os bens e servizos producidos nunha economía durante un período de referencia.
|
|
Grupos de países (Índices de competitividade exterior)
|
Na construción dos Índices de competitividade exterior establecéronse unhas determinadas agrupacións de países, tendo en conta o grao de relación comercial de Galicia cos ditos países e a dispoñibilidade de indicadores desexables de prezos e custos. As agrupacións de países resultantes son as seguintes: - UEM: inclúe a case todos os países que forman parte da Unión Económica e Monetaria europea; en concreto, Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Países Baixos, Grecia, Austria, Irlanda, Finlandia, Eslovaquia, Eslovenia e Estonia
- UE: inclúe a 23 países pertencentes á Unión Europea; en concreto, están presentes nesta agrupación Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Países Baixos, Grecia, Austria, Irlanda, Finlandia, Eslovaquia, Eslovenia, Reino Unido, Dinamarca, Suecia, Polonia, Hungría, República Checa, Estonia, Romanía, Letonia e Lituania
- OCDE: inclúe a meirande parte dos países que conforman a OCDE: Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Países Baixos, Grecia, Austria, Irlanda, Finlandia, Eslovaquia, Noruega, Reino Unido, Dinamarca, Suecia, Polonia, Hungría, República Checa, Estados Unidos, Turquía, Canadá, Xapón, Corea do Sur, Australia, Nova Zelandia, Chile, Eslovenia, Israel e Estonia
- G-8: inclúe aos países que integran o Grupo dos Oito, caracterizados por tratárense de países industrializados cun peso político, económico e militar moi relevante a escala global: Francia, Alemaña, Italia, Reino Unido, Estados Unidos, Canadá, Xapón e Rusia
- Países máis desenvolvidos de América: nesta categoría están incluídos tres dos países máis desenvolvidos en termos económicos de América: Estados Unidos, Canadá e Brasil
- Países máis desenvolvidos de Asia: nesta categoría están incluídos seis dos países máis desenvolvidos de Asia: Xapón, China, India, Corea do Sur, Indonesia e Taiwan
|
|
Índice de competitividade exterior
|
Este índice compara os prezos de Galicia cos prezos dun grupo de referencia de países; en realidade trátase de tipos de cambio efectivo real con respecto a grupos de países. No seu cálculo utilízanse medias xeométricas ponderadas de índices de prezos relativos (compoñente prezos) e índices de tipos de cambio efectivo nominal (compoñente nominal). Os indicadores de prezos utilizados son os seguintes: o índice de prezos de consumo (IPC), o índice de prezos industriais de manufacturas (IPRI), o índice de custos laborais unitarios (ICLU), o deflactor do PIB e os índices de valor unitario do comercio exterior (IVU). En función do indicador de prezos utilizado obtéñense distintos indicadores de competitividade exterior: - Índice de competitividade exterior con prezos de consumo
- Índice de competitividade exterior con prezos industriais
- Índice de competitividade exterior con custos laborais unitarios
- Índice de competitividade exterior co deflactor do PIB
- Índice de competitividade exterior con valores unitarios
|
|
Ratio de penetración das importacións
|
É o cociente entre o total das importacións dun país ou rexión e a súa demanda interna.
|
|
Taxa de apertura
|
É a suma das exportacións e as importacións dun país ou rexión dividido polo seu PIB.
|
|
Taxa de cobertura
|
É a diferenza entre as exportacións e as importacións dun país ou rexión dividido polo seu PIB.
|
|
|