Definicións

Organismos públicos

Actividade económica

É a creación de valor engadido mediante a produción de bens e servizos, intervindo o traballo, o capital e as materias primas


Confraría

Corporación de dereito público dotada de personalidade xurídica e capacidade de obrar que actúa como órgano de consulta e colaboración coa administración na promoción do sector pesqueiro.


Consorcio

Ente creado para xestionar servizos públicos baixo o principio de colaboración e cooperación entre administracións públicas. A Lei 5/1997 de Administración Local de Galicia considera ós consorcios de ámbito local como entidades institucionais cando o sector público ten presenza maioritaria neles.


Ente público

Organismo creado pola administración para a realización, en réxime de descentralización administrativa, de actividades da súa competencia. Os entes públicos deben adaptar o seu funcionamento ó ordenamento xurídico privado ou a súa normativa específica.


Entidade local menor

Ente local de ámbito inferior ao municipal creado para a administración descentralizada de núcleos de poboación separados.


Fundación

Organización sen ánimo de lucro que por vontade do seu creador ten afectado de modo duradeiro un patrimonio á consecución de fins de interese xeral.


Mancomunidade

Agrupación voluntaria de concellos para a xestión en común de determinados servizos de competencia municipal. As mancomunidades teñen personalidade e capacidade xurídicas para o cumprimento dos seus obxectivos e réxense por estatutos propios. Outras formas de xestión supramunicipal son as áreas metropolitanas e as denominadas agrupacións de concellos. As primeiras, inexistentes en Galicia na data de referencia do directorio, son entidades locais creadas pola comunidade autónoma en áreas de alta concentración urbana. As segundas son agrupacións de concellos para a realización de fins comúns, pero que non se adaptan legalmente ás tipoloxías anteriores.


Organismos autónomos

Entidade de dereito público creada por lei, con personalidade xurídica e patrimonio propios, para a realización de actividades concretas dentro das competencias adscritas á organización administrativa da que dependen. Serán administrativos ou comerciais en función das operacións a desenvolveren e de que adopten ou non procedementos empresariais de xestión.


Sociedade mercantil participada

Sociedade con participación minoritaria do sector público.


Sociedade mercantil pública

Sociedade con capital participado íntegra ou maioritariamente pola administración, os seus organismos autónomos e outras entidades de dereito público.



Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal.
Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies
     De acordo
   Compartir: