IGE -

Definicións. Servizos financeiros


Capital social

O capital social determínase na escritura de constitución da sociedade, sendo necesaria a súa achega como garantía real para os acredores. No momento da inscrición da sociedade debe estar a cifra de capital social determinada nos estatutos da sociedade, sendo como mínimo o establecido pola Lei para determinadas sociedades.

Concurso de acredores

Denomínase desta maneira ao procedemento legal que se orixina cando unha persoa física ou xurídica se atopa nunha situación de insolvencia na que non pode facer fronte á totalidade dos pagos que adebeda. Trátase, fundamentalmente, de organizar as finanzas do concursado para conseguir que o maior número de acredores cobre o máximo posible.

Concurso necesario

Concurso no que a solicitude é presentada por calquera dos acredores do debedor e na que se especificará a orixe do crédito, a natureza, importe, datas de adquisición e vencemento, así como a situación do crédito no momento da solicitude.

Concurso voluntario

Concurso no que presenta a solicitude o debedor dentro dos dous meses seguintes á data na que se coñecera ou debera coñecer o seu estado de insolvencia. A insolvencia pode ser actual ou inminente, este último caso prodúcese cando o debedor prevea que non poderá cumprir regular e puntualmente as súas obrigacións.

Cota hipotecaria mensual

Calculada en base á hipoteca media e o tipo de xuro medio, asumindo como prazo o período de contratación do crédito hipotecario obtido da duración dos novos créditos hipotecarios contratados sobre a vivenda.

Crédito

Contrato polo cal unha entidade financeira pon a disposición do cliente certa cantidade de diñeiro, que deberá devolver con intereses e segundo os prazos pactados. A diferenza do préstamo, ese capital non ten que ter necesariamente unha finalidade prefixada (como a compra dun inmoble, no caso dun préstamo hipotecario).

Depósito a prazo

Depósito contratado por un prazo de tempo determinado. Se o contrato contén unha claúsula que así o indique, o importe do depósito só se pode retirar antes de que expire o prazo con autorización da entidade financeira e cunha penalización na súa remuneración.

Depósito á vista

É sinónimo de conta corrente: aquel no que as cantidades depositadas poden retirarse ou transferirse en calquera momento, sen previo aviso á entidade depositaria. Pódese dispoñer dos seus fondos a través de cheques.

Depósitos de aforro

Son depósitos dispoñibles con previo aviso. É sinónimo de conta de aforro. Instruméntase cunha cartilla ou libreta na que os apuntes substitúen aos extractos característicos da conta corrente.

Efectos de comercio en carteira

Refírense aos efectos ou outros documentos negociados a clientes que fosen creados para mobilizar o prezo das operacións de compravenda de bens ou prestacións de servizos, librados ou endosados á orde da entidade, e os efectos que fosen redescontados en firme a outras entidades. Inclúense as cantidades entregadas a conta ou con garantía destes, e os anticipos sobre certificacións de obra.
Os efectos de comercio en carteira con vencemento no mes de referencia corresponde á parte da rúbrica 4.1.1. “Efectos comerciais e anticipos do activo de balance reservado” da Circular 4/1991 do Banco de España, con vencemento no mes de referencia.
Os efectos de comercio en carteira non pagados no mes de referencia corresponden á parte da rúbrica 4.1.1 “Efectos comerciais e anticipos”, que resulte devolta por falta de pagamento no mes de referencia.

Efectos de comercio recibidos en xestión de cobro de clientes

Refírense aos efectos recibidos de clientes para a xestión do seu cobro.
Os efectos de comercio recibidos en xestión de cobro de clientes con vencemento no mes de referencia corresponden á parte da rúbrica 5.2. “Efectos condicionais e outros valores recibidos en comisión de cobro das contas de orde do Estado M.1” da Circular 4/1999 do Banco de España; que corresponda a efectos recibidos en xestión de cobro de clientes con vencemento no mes de referencia.
Os efectos de comercio recibidos en xestión de cobro de clientes non pagados no mes de referencia corresponden á parte da rúbrica 5.2. “Efectos condicionais e outros valores recibidos en comisión de cobro” mencionada no parágrafo anterior, que resulte devolta por falta de pagamento no mes de referencia.

Entidades de crédito

Empresas nas que a actividade consiste en recibir depósitos ou outros fondos reembolsables, aplicándoos á concesión de créditos. Son entidades de crédito a banca, as caixas de aforro e as cooperativas de crédito, os establecementos financeiros de crédito -que non poden captar depósitos- e o Instituto de Crédito Oficial.

Hipoteca

É un contrato mediante o cal se consegue un crédito co garante dun ben, cuxo valor responde do risco do impago. As inscripcións de hipotecas expresan o importe da obrigación asegurada e dos intereses, se se houbiesen estipulado.

Nova lexislación concursal

Como consecuencia da entrada en vigor (o 1 de setembro de 2004) da Lei Orgánica 8/2003, para a Reforma Concursal, e da Lei 22/2003, Concursal, deixou de publicarse a Estatística de Suspensións de Pagamento e Declaracións de Quebra, que foi substituída pola Estatística do Procedemento Concursal. Así, os conceptos xurídicos de suspensión de pagos e declaración de quebra desaparecen e substitúense polo de concurso de acredores, denominándose ás entidades sometidas a este proceso, debedores concursados. A denominación da lei, Lei Concursal, débese á concorrencia dos acredores sobre o patrimonio do debedor común.

Pasivo financeiro

Parte do balance que reflicte a totalidade de fondos e as débedas a terceiros.

Procedemento abreviado

Procedemento que se aplica cando o debedor sexa unha persoa natural ou xurídica que se encontre autorizada a presentar balance abreviado e a estimación inicial do seu pasivo non supere o millón de euros.

Procedemento ordinario

Procedemento normal de tramitación dun expediente de concurso.

Proposta anticipada de convenio

A Lei permite a posibilidade de que tanto o debedor como os acredores, xunto coa solicitude de concurso, presenten proposta de convenio. Na proposta de convenio pódense especificar diferentes alternativas para tratar de evitar a liquidación da empresa e conservar a actividade profesional ou empresarial do concursado.

Quebras

Considérase en estado de quebra todo comerciante ou entidade mercantil que cesa no pagamento corrente das súas obrigas. A declaración formal do estado de quebra faise por providencia xudicial, por solicitude do mesmo quebrado ou por instancia do acredor lexítimo que teña dereito procedente de obrigas mercantís.

Sociedade anónima

Neste tipo de sociedade, o capital, que está dividido en accións, intégrase polas achegas dos socios, os cales non responden persoalmente das débedas sociais. O capital social non pode ser inferior a 60.101 euros.

Sociedade de responsabilidade limitada

Neste tipo de sociedade, o capital, que está dividido en participacións sociais, intégrase polas achegas de todos os socios, os cales non responden persoalmente das débedas sociais. O capital non poderá ser inferior a 3.005 euros e dende a súa orixe está totalmente desembolsado.

Suspensión de pagamentos

Pode presentar a solicitude de suspensión de pagamentos o comerciante ou entidade mercantil que, se posúe bens suficientes para cubrir todas as súas débedas, teña prevista a imposibilidade de facerlles fronte nas datas dos seus respectivos vencementos.

Tipo de xuro

Cantidade que se paga como remuneración pola dispoñibilidade dunha suma de diñeiro tomada en concepto de crédito. Pode ser fixo ou variable (MIBOR, EURIBOR, RPH, outros).


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo