Definicións. Servizos as empresas


Actividade económica

É a creación de valor engadido mediante a produción de bens e servizos, intervindo o traballo, o capital e as materias primas

Actividade principal

É aquela que xera maior valor engadido. Se non se dispón desta información, considérase aquela que proporcione o maior valor de produción, ou no seu defecto, a que empregue un maior número de persoas ocupadas.

Asesoría empresarial

Abrangue:

  • Os servizos de asesoramento, orientación e asistencia operativa prestados ás empresas para levar a cabo a súa planificación, estruturación e control global.
  • Os servizos de asesoramento, orientación e asistencia operativa prestados ás empresas para levar a cabo a súa política e estratexia, fusións e adquisicións.

Asesoría en relacións públicas

Inclúe os servizos de asesoramento, orientación e asistencia operativa prestados ás empresas ou persoas para mellorar a súa imaxe e as súas relacións co exterior

Asesoría financeira

Refírese aos servizos de asesoramento, orientación e asistencia operativa prestados ás empresas, relativos ás áreas de decisión e cuestións financeiras. Entre outros poden ser: xestión do capital e da liquidez; determinación da estrutura do capital; asesoramento e proxectos de investimentos financeiros; colaboración na procura de financiamento; operacións de leasing e renting; análise e desenvolvemento de propostas contables e controis orzamentarios; valoración de empresas; realización de estudos económico – financeiros e de viabilidade

Asesoría fiscal

Abrangue:

  • Os servizos de asesoramento ás empresas e particulares co fin de minimizar os seus impostos.
  • Os servizos de elaboración e xustificación de estados financeiros ou documentos en respostas ós requirimentos das autoridades fiscais.
  • Os servizos de asistencia ás empresas na planificación e control dos impostos e na preparación da documentación que require a lexislación.

Asesoría informática

Abarca estudos do equipamento necesario nas empresas; a implantación de redes informáticas; asesoramento na adquisición de hardware e software; deseño e aloxamento de páxinas web; subministro de software

Asesoría inmobiliaria, administración de fincas

Inclúe a captación de fincas; a compra e/ou arrendamento de pisos, fincas, locais e terreos; a xestión da propiedade horizontal; estudo e valoración de permutas; asesoramento e tramitación de hipotecas; taxacións e peritaxes; proxectos e dirección de obras

Asesoría laboral

Recolle os servizos de asesoramento, orientación e asistencia operativa prestados a unha organización sobre administración de recursos humanos, control das funcións e desenvolvemento dos recursos humanos

Asesoría xurídica

Refírese á constitución e legalización de sociedades; redacción e modificación de estatutos; xestión de comunidades de bens; contratos societarios; fusións e escisións; xestión de quebras e embargos; disolución de sociedades; herdanzas e testamentos; doazóns, arrendamentos e suspensión de pagos, entre outras

Auditoría

Refírese aos servizos de exame de libros e rexistros contables e outros documentos dunha organización co fin de determinar se o balance da mesma reflexa con claridade e exactitude a súa situación patrimonial nunha data determinada, e si os resultados das súas operacións durante o exercicio que remata en dita data foran rexistrados segundo os criterios de contabilidade xeralmente admitidos. É dicir, abarca a verificación e legalización das contas anuais

Cifra de negocios

Comprende os importes facturados pola empresa durante o ano/mes de referencia en concepto de venda de bens e prestación de servizos que son obxecto do tráfico da empresa, tanto no exercicio da súa actividade principal, como de calquera actividade secundaria que realice a empresa. As vendas contabilízanse sen incluír o IVE repercutido ao cliente, e en termos netos, deducindo as devolucións de vendas, así como os rappels sobre as vendas. Non se deducen os descontos de caixa nin os descontos sobre as vendas por pronto pago. Comprende todos os importes facturados pola empresa durante o período de referencia, o que comprende todas as vendas comerciais de bens e servizos subministrados a terceiros que son obxecto de tráfico da empresa.

Contabilidade e teneduría de libros contables

Refírese a:

  • Os servizos de verificación de balances anuais, intermedios e doutra documentación contable cun alcance máis restrinxido que o da auditoría.
  • Os servizos de compilación de estados financeiros a partir da información subministrada polo cliente, sen a verificación nin garantía particular.
  • Os servizos de preparación da declaración do imposto de sociedades, cando se efectúa conxuntamente coa compilación de estados financeiros a cambio dunha soa retribución.
  • Os servizos de certificacións, taxacións, preparación de documentos pro forma e outros servizos de contabilidade.
  • Os servizos de rexistro de libros consistentes na clasificación e rexistro nos libros de contabilidade das operacións dunha empresa expresadas en termos monetarios ou noutra unidade de medida.

Grupo empresarial

Conxunto de sociedades xuridicamente independentes que axustan as súas actuacións ás normas e ditados dunha dirección común

Ocupados (Enquisa de servizos ás empresas)

Neste caso o persoal ocupado comprende a todas as persoas que contribúen, mediante o seu traballo, á produción de bens e servizos, ou que realizan actividades auxiliares na empresa. Inclúense como persoal ocupado as persoas con licenza por un período de curta duración, persoal en folga e as persoas que traballan fóra da empresa pero que forman parte da mesma e son pagadas por ela

Persoal a xornada completa

É o persoal ocupado que traballa un número de horas á semana considerado normal no sector ou tipo de empresa estudado

Persoal a xornada parcial

Está formado polas persoas que traballan un número de horas menor que as consideradas normais no sector ou na empresa

Persoal asalariado ou remunerado

Conxunto de persoas que traballan na empresa cun contrato de traballo de carácter fixo (contrato ou vinculación indefinida) ou eventual (contrato de duración determinada) e que percibe por iso unha remuneración fixa ou periódica en forma de soldo, salario, comisión ou pago en especie

Persoal externo dunha empresa

Conxunto de persoas que non figura en nómina e que produce gastos debidos a unha contratación de servizos

Persoal non asalariado

Está formado polas persoas que participan activamente nos traballos da empresa sen percibir unha remuneración fixa de ningún tipo. Inclúense os propietarios, socios autónomos que exercen unha actividade na empresa e as axudas familiares. Non están incluídos os socios exclusivamente capitalistas nin os familiares do propietario que non participen activamente na empresa

Responsable da empresa

É a persoa que dirixe e administra os negocios tendo a suficiente autonomía para a toma cotiá do maior número de decisións necesarias; ademais, é a que leva a firma nunha empresa

Taxa de asalariados

Porcentaxe do número medio de asalariados fronte ao número medio de ocupados totais ao longo do período considerado.

Taxa de estabilidade no emprego

Proporción do número de asalariados con contrato fixo a unha data determinada sobre o número total de asalariados na mesma data

Taxa de externalidade no emprego

Porcentaxe que supón o persoal externo medio no ano sobre o persoal total (externo máis ocupado) medio no ano

Taxa de participación feminina

Porcentaxe do número de mulleres ocupadas a unha data determinada fronte ao número total de ocupados na mesma data

Xestión administrativa e laboral

Inclúe, entre outros, os seguintes conceptos: tramitación de subvencións, expedientes e certificacións; redacción de memorias e proxectos; elaboración e confección de nóminas; xestión de multas e sancións; tramitación de marcas, nomes comerciais, patentes e rótulos; tramitación de licenzas de obras; licenzas de caza e pesca; intervención de armas; matriculación, certificacións, transferencias e baixas de vehículos; permisos e renovacións; alta de establecementos de hostalería

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo