Definicións. Gasto do turismo


Establecemento de turismo rural

Considéranse establecementos de turismo rural, aqueles establecementos ou vivendas destinadas ao aloxamento turístico mediante prezo, con ou sen outros servizos complementarios e que estean inscritos no correspondente Rexistro de Aloxamentos Turísticos de cada Comunidade Autónoma. Estes establecementos adoitan presentar unhas características determinadas:

  • están situados nun medio rural,
  • son edificacións cunha tipoloxía arquitectónica propia da zona ou están situados en terreos que manteñen activas explotacións agropecuarias (agroturismo), e
  • ofrecen un número de prazas e cuartos para o aloxamento de hóspedes limitado, ademais de reunir certos requisitos de infraestrutura e dotacións básicas.
Os aloxamentos de turismo rural poden adoptar unha destas dúas modalidades de aluguer ou ambas as dúas:
  • defínese modalidade de aluguer de uso completo como a contratación íntegra do inmoble para uso exclusivo do contratante,
  • defínese modalidade de aluguer de uso compartido como a contratación individualizada de cuartos dentro da propia vivenda familiar.

Establecemento hoteleiro

Son establecementos hoteleiros aqueles establecementos que prestan servizos de aloxamento colectivo mediante prezo con ou sen outros servizos complementarios (hotel, hotel-apartamento ou apartahotel, motel, hostal, pensión, etc.).

Estadía media

Esta variable é unha aproximación ao número de días que, por termo medio, os viaxeiros permanecen nos establecementos e calcúlase como cociente entre as noites e o número de viaxeiros.

Grao de ocupación por prazas

Relación, en porcentaxe, entre o total das noites e o produto das prazas, incluíndo as camas supletorias, polos días a que se refiren as noites. Enténdense por camas supletorias todas aquelas que non teñan carácter fixo e que non estean nas prazas declaradas oficialmente polo establecemento e que constan no directorio.

Noites ou prazas ocupadas

Enténdese por noite cada noite que un viaxeiro se aloxa no establecemento.

Persoal empregado

Defínese como o conxunto de persoas, remuneradas e non remuneradas, que contribúen mediante a achega do seu traballo, á produción de bens e servizos no establecemento durante o mes que inclúe o período de referencia da enquisa, aínda que traballen fóra dos locais deste.

Prazas estimadas

O número de prazas equivale ao número de camas fixas do establecemento. Non se inclúen, polo tanto, as supletorias, e as de matrimonio dan lugar a dúas prazas. (Hoteis e Turismo rural)
En cámpings o número de prazas corresponde á súa capacidade autorizada en persoas. (Campamentos turísticos)

Viaxeiros entrados

Todas aquelas persoas que realizan unha ou máis noites seguidas no mesmo aloxamento.

 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo