ÍNDICE


Introdución

A Renda municipal dos fogares achega información da renda dispoñible bruta dos fogares por concello de residencia. Este agregado é o importe que os fogares teñen dispoñible para o gasto en consumo final ou o aforro, e constitúe o resultado final da redistribución da renda (principalmente a través de impostos e prestacións sociais) sobre as rendas primarias obtidas polos fogares pola súa participación nos procesos de produción.

Esta operación estatística permite coñecer a achega á renda dispoñible tanto da fase de obtención de rendas primarias (traballo autónomo e asalariado) como dos procesos redistributivos da renda (a través de impostos correntes sobre a renda e o patrimonio, as cotizacións e prestacións sociais e as transferencias correntes).

Na difusión de resultados inclúense, así mesmo, datos da renda dispoñible por habitante. A poboación utilizada neste cálculo é a poboación a 1 de xullo de cada ano proporcionada polas Cifras Poboacionais de referencia que elabora o IGE. Para os anos anteriores a 2020, por non estar dispoñible o dato a 1 de xullo, estímase a poboación como o promedio da poboación a 1 de xaneiro do ano t e a 1 de xaneiro do ano t+1.

Publícase a serie 2010-2022 das contas de asignación da renda primaria e distribución secundaria da renda e a serie 2000-2022 do agregado Renda dispoñible bruta por habitante. Os datos son coherentes coas Contas do sector fogares. Revisión estatística 2024.

Nota: Os datos de 2022 son provisionais.


Datos municipais

Renda dispoñible bruta por habitante

Oleiros é o concello galego cunha maior renda dispoñible por habitante no ano 2022

No ano 2022, o valor da renda disponible bruta por habitante para Galicia foi 17.169 euros. Só 25 dos 313 concellos galegos acadaron un valor da renda por habitante superior á media galega.

Oleiros é o concello con maior renda por habitante, sendo esta de 25.802 euros. O concello da Coruña, cunha renda por habitante de 21.704 euros en 2022, é o segundo concello galego con maior renda. Neste ano é un 26,4% superior a renda media galega.

Outros tres concellos, ademais dos dous anteriores, teñen unha renda media por habitante que supera en quince puntos ou máis á media galega no ano 2022: Santiago de Compostela, Nigrán e Bergondo. Os concellos de Teo, Ourense, Lugo, Ames e Pontevedra completan os 10 concellos con máis renda por habitante.

 

Concellos con maior renda media por habitante. Ano 2022.
Unidade: euros por habitante
Espazo Renda dispoñible bruta por habitante Indice (Galicia=100)
15058 Oleiros 25.802 150,3
15030 Coruña, A 21.704 126,4
15078 Santiago de Compostela 21.247 123,8
36035 Nigrán 20.606 120,0
15008 Bergondo 20.034 116,7
15082 Teo 19.530 113,8
32054 Ourense 19.383 112,9
27028 Lugo 18.953 110,4
15002 Ames 18.951 110,4
36038 Pontevedra 18.951 110,4
Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares (descarga da táboa)

Distribución da renda dispoñible bruta total

Os concellos das sete grandes cidades de Galicia concentran o 41,7% da renda.

Un 36,6% dos habitantes de Galicia residen nos sete concellos máis poboados. Esta concentración ten influencia sobre o reparto da renda municipal, non só pola relación entre o número de habitantes e a renda total dun concello, senón porque tamén nos dá idea da concentración das actividades produtivas, xeradoras de renda e emprego, que actúan como elemento de fixación de poboación. Así, nestes sete concellos concéntrase o 41,7% da renda galega. De feito, a renda total dos residentes na Coruña e Vigo supón o 23,1% do total da renda (e o 20,0% da poboación).

Renda dispoñible bruta nos concellos das sete grandes cidades. Ano 2022.
Unidade: persoas, miles de euros, euros por habitante
Espazo Poboación Renda dispoñible bruta Renda dispoñible bruta por habitante
15030 Coruña, A 245.674 5.332.207 21.704
15036 Ferrol 64.418 1.080.853 16.779
15078 Santiago de Compostela 98.761 2.098.421 21.247
27028 Lugo 97.792 1.853.403 18.953
32054 Ourense 103.467 2.005.530 19.383
36038 Pontevedra 82.426 1.562.076 18.951
36057 Vigo 294.296 5.358.296 18.207
12 Galicia 2.694.762 46.267.590 17.169
Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares (Renda dispoñible bruta, Renda dispoñible bruta por habitante); Poboación (Cifras poboacionais de referencia)

A maioría dos concellos teñen como principal fonte de renda a remuneración de asalariados.

No ano 2022 a remuneración de asalariados é a principal fonte de renda de 239 concellos galegos (o 76,4% dos concellos). No ano 2022 increméntase o número de concellos cuxa principal fonte de renda son os salarios, feito que está moi relacionado co incremento da actividade económica rexistrada en Galicia con respecto ao ano 2021. En 72 concellos, principalmente das provincias de Lugo e Ourense, son as prestacións sociais as que achegan un maior volume de recursos, aspecto moi vencellado ao envellecemento da poboación destes concellos.

No período 2010-2022 hai dous concellos nos que a principal fonte de renda son as rendas mixtas, é dicir, a remuneración do traballo non asalariado. Estes concellos son: Portomarín e A Illa de Arousa.

Número de concellos por principal fonte de renda.
Ano Remuneración Asalariados Rendas Mixtas Prestacións Sociais
2010 238 5 72
2011 226 4 85
2012 205 4 106
2013 199 12 104
2014 201 11 102
2015 207 2 105
2016 212 2 100
2017 227 2 84
2018 232 2 79
2019 237 0 76
2020 225 0 88
2021 235 0 78
2022 239 2 72
2010 - 2022 221 2 90
Nota: O valor para 2010-2022 correspóndese co valor máis frecuente (moda) no período. Fonte: IGE. (Renda municipal dos fogares)

 

A relación entre as cotizacións sociais e as prestacións sociais

Na maioría dos concellos galegos as cotizacións sociais satisfeitas polos residentes son inferiores ás prestacións sociais recibidas.

A relación entre cotizacións sociais e prestacións sociais indícanos en que contía as prestacións cobradas en cada concello estarían cubertas polas cotizacións sociais pagadas polos fogares de dito concello.

A nivel de toda Galicia, no 2022, as cotizacións sociais pagadas cobren o 66,2% das prestacións sociais que reciben os galegos. Só en tres concellos, Oleiros, Oroso e Ames, son maiores as cotizacións sociais pagadas que as prestacións sociais recibidas polos residentes. Estes concellos caracterízanse por ter un peso da Remuneración dos asalariados na Renda dispoñible bruta elevado.

En 2022 o peso das prestacións sociais na renda dispoñible é do 31,7%

No 2022 as prestacións sociais supoñen o 31,7% da renda dispoñible bruta total de Galicia. Por concellos este peso é desigual, nos concellos máis envellecidos (principalmente da provincia de Ourense e Lugo) as prestacións sociais chegan a supoñer máis do 50% da renda do concello. Pola contra, en concellos como Oleiros, Oroso, Ames e Brión non superan o 25% das rendas.

 

Datos comarcais

Renda dispoñible bruta por habitante

No ano 2022 a comarca da Coruña é a que presenta unha maior renda bruta por habitante, superando en máis de 22 puntos porcentuais a media galega. Séguenlle en relevancia as comarcas de Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. As comarcas de Ourense e de Lugo son as únicas da súa respectiva provincia cunha renda por habitante superior á media galega. Na provincia de Pontevedra, só as comarcas de Vigo e Pontevedra teñen unha renda dispoñible bruta por habitante superior á media galega.

 

Comarcas con maior renda media por habitante. Ano 2022.
Unidade: euros por habitante
Espazo Renda dispoñible bruta por habitante Indice (Galicia=100)
1506 A Coruña 20.965 122,1
1514 Santiago 20.160 117,4
2704 Lugo 18.377 107,0
3205 Ourense 17.981 104,7
3607 Pontevedra 17.867 104,1
3610 Vigo 17.691 103,0
1505 Betanzos 16.962 98,8
1507 Eume 16.930 98,6
2707 A Mariña Oriental 16.856 98,2
1508 Ferrol 16.372 95,4
Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares (descarga da táboa)

En dúas comarcas galegas a principal fonte de renda son as prestacións sociais


Nas comarcas de Baixa Limia e Terra de Caldelas as prestacións sociais que reciben os fogares son a principal fonte de renda. Nestas comarcas a masa salarial é inferior ao volume de prestacións recibidas o que implica que as cotizacións sociais pagadas polos fogares non chegan a superar en ningún caso o 40% das prestacións recibidas. Máis dun terzo da poboación destas dúas comarcas supera os 65 anos segundo os Indicadores demográficos do IGE.

Aínda que en 2022 non hai ningunha comarca cuxa principal fonte de renda proceda das rendas mixtas, este tipo de recurso supera o 25% da Renda dispoñible bruta total en catro comarcas galegas: Terra de Soneira, Xallas, Meira e Sarria.

 

Datos provinciais

A Coruña é a provincia galega cunha maior renda dispoñible bruta, con 18.296 euros por habitante no ano 2022. Séguelle Pontevedra, con 16.611 euros; Lugo con 16.343 euros e por último a provincia de Ourense ten a menor renda por habitante, con 15.633 euros. Nas catro provincias a renda sube con respecto ao ano 2021.

A estrutura dos ingresos e dos gastos é diferente nas catro provincias. Nas provincias de Lugo e Ourense a achega das prestacións sociais á Renda dispoñible bruta é maior e, pola contra, a das rendas do traballo asalariado é inferior. A provincia de Lugo é a que rexistra un maior peso das rendas mixtas (procedentes do traballo non asalariado), un 20,5%, da renda dispoñible bruta no ano 2022.

Na provincia da Coruña destacan, en termos comparativos coas outras provincias galegas, as rendas da propiedade que supoñen o 5,0% da renda. Estas rendas obtéñense como propietarios dun activo financeiro (intereses ou dividendos) ou dun activo material non producido (rendas da terra).

                    Fonte: IGE. Renda municipal dos fogares (descarga da táboa)


Definicións, fontes e máis información

Definicións

Máis información: