Principais resultados

1 A construción no ano 2024

No 2024, o sector da construción en Galicia avanzou a un ritmo do 4,8%, acadando o Valor Engadido Bruto (VEB) os 5.232,2 millóns de euros. O sector representa o 6,4% do Produto Interior Bruto (PIB). O emprego no sector situouse nos 84.319 postos de traballo equivalentes a tempo completo, o 7,9% do total.

En España, o sector da construción medrou a un ritmo do 4,8% en 2024, representando o 5,2% do PIB. O emprego supón o 7,2% do total de postos de traballo equivalentes a tempo completo.

O seguinte gráfico mostra o crecemento anual do VEB da construción e do PIB para Galicia e España en termos reais.

Índices de volume. Taxa de variación anual (%)

Fonte: IGE. Contas económicas trimestrais. Revisión Estatística 2024; INE. Contabilidad nacional trimestral. Revisión estadística 2024

No 2024, os postos de traballo equivalentes a tempo completo medran un 0,7% en Galicia e un 3,7% en España encadeando así catro anos consecutivos de subida tanto en Galicia como en España.

2 O sector no segundo trimestre de 2025

O VEB do sector da construción acadou un ritmo de crecemento do 6,6% interanual no segundo trimestre de 2025, encadeando tres trimestres consecutivos con incrementos superiores ao 6%.

VEB Construción. Datos corrixidos de efectos estacionais e de calendario. Taxa de variación interanual (%)

Fonte: IGE. Contas económicas trimestrais. Revisión Estatística 2024; INE. Contabilidad nacional trimestral. Revisión estadística 2024

Os datos de emprego mostran un menor crecemento que os da actividade cun aumento do 1,6% dos postos de traballo equivalentes a tempo completo, como consecuencia, a produtividade increméntase.

As afiliacións medias á Seguridade Social no sector da construción rexistran un crecemento do 1,8%, sendo o número medio de afiliacións do sector 82.706 neste trimestre.

Afiliacións no sector da construción. Taxa de variación interanual (%)

Fonte: Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones. Afiliacións á Seguridade Social

O paro rexistrado estase reducindo máis dun 10% en taxa interanual tódolos meses dende maio de 2023, quedando en 6.808 persoas paradas neste sector no mes de agosto de 2025.

Paro rexistrado no sector da construción

Unidade: miles de persoas

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Paro rexistrado

Segundo a EPA, a poboación ocupada no sector da construción neste segundo trimestre de 2025 diminúe un 4,9%.

Poboación ocupada no sector da construción

Unidade: miles persoas

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa

2.1 Edificación residencial

Dende o punto de vista da demanda, o subsector da edificación residencial experimenta un incremento no segundo trimestre de 2025, tal e como viña facendo nos anteriores trimestres. Dende a óptica de oferta, as series periodificadas de licenzas e visados tamén rexistran taxas positivas con respecto ao segundo trimestre de 2024.

Demanda

A compravenda de vivendas, principal indicador de demanda, continúa aumentando no segundo trimestre de 2025, rexistrando taxas superiores ás do trimestre anterior.

O número de compravendas efectuadas sobre vivendas da Estadística de transmisiones de derechos de la propiedad do Instituto Nacional de Estadística (INE) aumentan un 33%. Por outra banda, os datos de compravenda de vivendas totais da Estatística registral inmobiliaria do Colegio de Registradores indican un aumento do 32,4%. As dúas estatísticas indican que é a compravenda de vivenda usada a que máis inflúe na evolución do conxunto, representando máis do 70% das compravendas, se ben, son as compravendas de vivenda nova as que máis aumentan. Segundo o Colegio de Registradores, as compravendas de vivenda usada aumentaron un 31% e a vivenda nova incrementouse un 37,1%. Segundo os datos do INE, as compravendas de vivenda usada aumentaron un 29,9% e as de vivenda nova aumentaron un 43,4%.

Compravenda de vivendas. Taxa de variación interanual
Unidade: porcentaxe
Estadística de transmisiones de derechos de la propiedad
Estadística registral inmobiliaria
Tempo Galicia España Galicia España
2023 -11,6 -10,2 -11,6 -16,7
2024 22,4 9,7 22,4 18,4
….2024/I 13,5 -5,8 13,8 -5,9
….2024/II 3,3 -3,5 3,8 -3,8
….2024/III 26,0 19,2 25,7 18,9
….2024/IV 48,3 34,2 47,3 32,9
….2025/I 15,3 20,7 14,6 19,9
….2025/II 33,0 18,7 32,4 17,0
Fonte: INE. Estadística de transmisiones de derechos de la propiedad; Colegio de Registradores. Estadística registral inmobiliaria

Segundo a Estadística de constitución de hipotecas do INE, o número de vivendas hipotecadas, sen ter en conta aquelas con cambios nas condicións, mostra un crecemento do 97,2% no segundo trimestre de 2025.

Transaccións inmobiliarias e hipotecas. Taxa de variación interanual
Unidade: porcentaxe
Transaccións inmobiliarias. Vivendas
Hipotecas en vivendas (sen cambios nas condicións)
Tempo Galicia España Galicia España
2023 -7,4 -11 -29,8 -20,6
2024 17,9 12 28,2 8,9
….2024/I 8,9 1,5 4,7 -9,3
….2024/II 17,1 11,3 -12,0 -9,6
….2024/III 17,7 16,8 53,7 21,4
….2024/IV 26,6 18,8 76,1 38,5
….2025/I 11,3 14,7 39,9 21,8
….2025/II .. .. 97,2 57,9
Fonte: Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana. Transacciones inmobiliarias; INE. Estadística de Hipotecas
(..) Non dispoñible

Neste segundo trimestre, segundo a información da estatística do INE, o importe medio das hipotecas en vivenda foi de 123.539 euros, un 76,8% do importe medio estatal. Con respecto ao mesmo trimestre do 2024, o importe medio aumenta tanto en Galicia coma en España (8,5% e 13,6% respectivamente).

A Estadística registral inmobiliaria do Colegio de Registradores sinala que o importe medio das hipotecas creceu en taxa interanual un 6,8% en Galicia e un 9,1% en España. A cota media mensual aumenta un 1,5% en Galicia e un 3,3% en España. Esta mesma fonte indica que o tipo medio de xuro pasou do 3,22% no trimestre anterior ao 3,08% no segundo trimestre. O prazo medio das hipotecas incrementouse en Galicia (2,8%) e en España (2%), acadando os 295 e 303 meses respectivamente.

Os prezos da vivenda en Galicia incrementáronse no último trimestre máis do que o viñan facendo nos trimestres anteriores. Se atendemos aos datos publicados polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana, o prezo da vivenda (€/m2) rexistrou un crecemento dun 10,8% neste trimestre, superior ao 7,3% do trimestre anterior. Segundo o indicador do INE, o prezo da vivenda aumenta un 12,7%, (11,2% no trimestre anterior). Por tipo de vivenda, segundo o Índice publicado polo INE, o prezo da vivenda nova increméntase un 10,5% en Galicia e un 12,1% en España no segundo trimestre de 2025, mentres que a vivenda usada se increménta un 13,1% en Galicia e un 12,8% en España.

Prezos da vivenda: Vivenda libre. Taxa de variación interanual
Unidade: porcentaxe
Índices de prezos da vivenda (INE)
Euros por m2 (Ministerio)
Tempo Galicia España Galicia España
2023 3,6 4,0 3,4 3,9
2024 7,4 8,4 5,1 5,8
….2024/I 5,1 6,3 4,1 4,3
….2024/II 6,7 7,8 4,0 5,7
….2024/III 7,3 8,1 6,4 6,0
….2024/IV 10,5 11,3 6,1 7,0
….2025/I 11,2 12,2 7,3 9,0
….2025/II 12,7 12,7 10,8 10,4
Fonte: Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana. Valor tasado de la vivienda; INE. Índice de precios de la vivienda

O gráfico seguinte mostra a alza nos prezos da vivenda nos últimos trimestres, tanto co indicador do INE como co do Ministerio.

Prezos da vivenda. Taxa de variación interanual (%)

Fonte: Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana. Valor tasado de la vivienda; INE. Índices de precios de la vivienda

O tipo de xuro de referencia do mercado hipotecario (Euribor), presenta un descenso continuado dende abril de 2024, baixando do 3% no mes de setembro dese ano e acadando o valor de 2,114% en agosto de 2025.

O tipo de xuro dos préstamos hipotecarios, publicado polo Banco de España, situouse no 2,8% no segundo trimestre de 2025.

Tipos de xuro das hipotecas

Fonte: Banco de España; Colegio de Registradores. Estadística Registral Inmobiliaria

A pesar da baixada dos tipos de xuro, o incremento do prezo da vivenda dificulta a accesibilidade á vivenda. O esforzo financeiro aumentou 0,2 puntos porcentuais no segundo trimestre de 2025 respecto ao trimestre anterior.

Esforzo financeiro (%)

Fonte: IGE. Accesibilidade á vivenda

O comportamento do emprego total da economía afecta á demanda de vivenda, debido a súa repercusión sobre a renda dispoñible dos fogares. Segundo a EPA, as persoas ocupadas totais aumentaron un 2,6% en taxa interanual no segundo trimestre de 2025. Pola súa banda, as afiliacións totais á Seguridade Social (media do mes) acadan un crecemento do 1,7% no segundo trimestre de 2025.

Segundo os rexistros das oficinas de emprego, o paro rexistrado total está baixando dende o mes de abril de 2021. No segundo trimestre de 2025 o paro rexistrado total diminuíu un 8,7%. O total de persoas paradas, medido pola EPA, amosa unha baixada do 11,4% no segundo trimestre de 2025.

Oferta

Dende a perspectiva da oferta residencial, as series de licenzas e visados presentan comportamentos diferentes con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior. Segundo as licenzas municipais de obra, a superficie a construír aumenta un 38,2% no segundo trimestre de 2025. Pola contra, segundo os visados de dirección de obra dos Colexios de Arquitectos Técnicos, a superficie redúcese un 7%. No caso dos visados só se consideran os meses de abril e maio, por non estar dispoñible xuño de 2025.

Edificación residencial: superficie total vivendas. Taxa de variación interanual
Unidade: porcentaxe
Tempo Licenzas Visados
2023 12,0 6,2
2024 16,2 56,0
….2024/I 38,6 45,4
….2024/II 19,0 33,1
….2024/III 9,3 110,9
….2024/IV 8,0 47,0
….2025/I 19,9 60,6
….2025/II 38,2 -7,0
Fonte: IGE. Estatística de construción de edificios; Colegios de Arquitectos. Obras en edificación
Nota: a taxa dos visados do segundo trimestre de 2025 está calculada empregando os meses de abril e maio por non estar dispoñible xuño de 2025

No segundo trimestre de 2025, o número medio mensual de vivendas visadas foi de 608, inferior á media mensual de 2024 (651 vivendas). No caso das licenzas concedidas polos concellos, a media mensual no segundo trimestre de 2025 foi de 439 vivendas a crear de nova planta, sendo 298 vivendas a media do 2024.

Tendo en conta que a realización das obras se estende ao longo de máis ou menos ano e medio, se periodificamos os datos de licenzas e de visados obteríamos os resultados que se mostran no cadro seguinte. A superficie aumenta un 25% segundo as licenzas e un 39,8% segundo os visados no segundo trimestre.

Edificación residencial periodificada: superficie total vivendas. Taxa de variación interanual
Unidade: porcentaxe
Tempo Licenzas Visados
2023 -5,4 1,8
2024 9,8 17,2
….2024/I -8,8 5,3
….2024/II 2,5 15,0
….2024/III 17,7 23,9
….2024/IV 30,1 25,2
….2025/I 31,7 27,8
….2025/II 25,0 39,8
Fonte: IGE. Elaboración propia
Nota: a taxa dos visados do segundo trimestre de 2025 está calculada empregando os meses de abril e maio por non estar dispoñible xuño de 2025

No seguinte gráfico móstrase o comportamento da serie de visados periodificada.

Edificación residencial: visados de obra nova periodificados (superficie a construír). Taxa de variación interanual (%)

Fonte: IGE. Elaboración propia

2.2 Edificación non residencial

As dúas principais fontes de información deste subsector indican comportamentos diferentes no segundo trimestre de 2025. Así, a superficie diminúe un 48,3% segundo os visados de dirección de obra dos Colexios de Arquitectos Técnicos, mentres que se incrementa un 98,7% segundo a información das licenzas municipais de obra.

Edificación non residencial: superficie. Taxa de variación interanual
Unidade: porcentaxe
Tempo Licenzas Visados
2023 -45,1 -44,7
2024 -0,2 20,1
….2024/I -5,7 164,4
….2024/II -46,8 -28,1
….2024/III -16,3 38,5
….2024/IV 85,3 -6,4
….2025/I 9,1 -36,0
….2025/II 98,7 -48,3
Fonte: IGE. Estatística de construción de edificios; Colegios de Arquitectos. Obras en edificación
Nota: a taxa dos visados do segundo trimestre de 2025 está calculada empregando os meses de abril e maio por non estar dispoñible xuño de 2025

As series periodificadas de visados e licenzas, máis contemporáneas co nivel de actividade, tamén indican un comportamento diferente, cunhas taxas do -10,9% os visados e do 32,5% as licenzas.

Edificación non residencial periodificada: superficie. Taxa de variación interanual
Unidade: porcentaxe
Tempo Licenzas Visados
2023 -18,7 -42,4
2024 -30,8 32,0
….2024/I -31,5 29,2
….2024/II -31,7 46,3
….2024/III -39,7 29,5
….2024/IV -18,8 23,9
….2025/I 10,5 -1,9
….2025/II 32,5 -10,9
Fonte: IGE. Elaboración propia
Nota: a taxa dos visados do segundo trimestre de 2025 está calculada empregando os meses de abril e maio por non estar dispoñible xuño de 2025

Edificación non residencial: visados de obra nova periodificados (superficie a construír). Taxa de variación interanual (%)

Fonte: IGE. Elaboración propia

2.3 Licitación oficial

Segundo os datos do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, no segundo trimestre de 2025, o importe licitado en construción polas administracións (edificación e enxeñería civil) en Galicia rexistrou un incremento interanual do 52,1%. As obras de enxeñería civil, que supuxeron un 59,9% da actividade licitadora da Administración neste trimestre, increméntanse un 18%.

Licitación oficial. Taxa de variación interanual
Unidade: porcentaxe
Licitación oficial total
Licitación oficial en enxeñería civil
Tempo Galicia España Galicia España
2023 -2,3 -10,8 -11,3 -10,4
2024 -18,2 7,7 -6,4 1,8
….2024/I -36,1 16,6 -41,0 18,6
….2024/II -21,8 -17,5 -17,9 -32,8
….2024/III 5,9 19,2 4,1 5,5
….2024/IV -20,5 21,1 37,0 26,5
….2025/I 71,4 -8,9 40,3 -16,9
….2025/II 52,1 23,1 18,0 39,8
Fonte: Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible. Licitación oficial en construcción