ÍNDICE


Principais resultados

1 Introdución

O IGE realiza dende o ano 2011 unha explotación do ficheiro de pensións contributivas do sistema da Seguridade Social xestionadas polo Instituto Nacional de la Seguridad Social (INSS) e polo Instituto Social de la Marina (ISM). Ficheiro recibido polo convenio de colaboración existente entre os ditos organismos e o IGE (BOE, núm. 55, do 5 de marzo de 2022).

Esta explotación analiza o número de pensionistas e o importe medio destas pensións, cun nivel de desagregación xeográfica de concello.

A análise do colectivo de titulares de pensións contributivas do sistema da Seguridade Social xestionadas polo INSS e polo ISM está restrinxido a residentes na Comunidade Autónoma de Galicia. Inclúense todas as clases de prestacións: xubilación, incapacidade, xubilación procedente de incapacidade, viuvez, orfandade e a favor de familiares.

Non se inclúen, polo tanto, aquelas persoas que teñen un sistema de previsión social distinto á Seguridade Social, como por exemplo, os funcionarios de clases pasivas.

A data de referencia dos datos é o 31 de decembro de cada ano.

2 Evolución do número de pensionistas e do importe medio

No ano 2025, en Galicia, 687.195 persoas perciben pensións contributivas da Seguridade Social. Destas, 349.558 son mulleres e 337.637 homes. O número de persoas que perciben pensións contributivas da Seguridade Social aumentou un 8,3% entre os anos 2011 e 2025.

O importe medio calcúlase como a media da suma dos importes percibidos en pensións contributivas da Seguridade Social por cada pensionista. En Galicia, no ano 2025 este importe sitúase en 1.295,68 euros, un 4,8% superior ao importe medio percibido no ano anterior. O importe medio percibido incrementouse un 65% entre os anos 2011 e 2025 en Galicia. Por sexo, en 2025, os homes perciben 1.462,96 euros de media, e 1.134,10 euros no caso das mulleres.

Número de pensionistas e importe medio por pensionista. Galicia. Anos 2011, 2024 e 2025.
Unidade: persoas, € e porcentaxe
2011
2024
2025
Variación 2024-2025 (%)
Variación 2011-2025 (%)
Sexo Número Importe Número Importe Número Importe Número Importe Número Importe
Total 634.686 785,46 682.886 1.236,50 687.195 1.295,68 0,63 4,79 8,27 64,96
   • Homes 314.858 905,42 335.858 1.402,71 337.637 1.462,96 0,53 4,30 7,23 61,58
   • Mulleres 319.828 667,35 347.028 1.075,64 349.558 1.134,10 0,73 5,43 9,30 69,94
Fonte: IGE. Pensións da Seguridade Social por concello de residencia da persoa pensionista (descarga da táboa).


No ano 2025, o 40,1% destes pensionistas reside na provincia da Coruña; o 32,5% na provincia de Pontevedra, e o 27,4% restante distribúese de forma homoxénea entre Lugo e Ourense. Esta distribución do número de pensionistas está relacionada coa poboación de cada provincia, xa que, no ano 2025, o 41,8% da poboación de Galicia reside na provincia da Coruña; o 34,9% na provincia de Pontevedra; o 12,0% na provincia de Lugo, e o restante 11,2% na provincia de Ourense.

O importe medio por persoa en pensións contributivas da Seguridade Social sitúase por riba da media galega (1.295,68 euros) nas provincias da Coruña e Pontevedra. Pola contra, o valor máis baixo rexistrase na provincia de Ourense, onde se sitúa nos 1.154,63 euros.

                       Fonte: IGE. Pensións da Seguridade Social por concello de residencia da persoa pensionista (descarga da táboa).


A evolución, entre 2011 e 2025, do número de persoas que perciben pensións contributivas da Seguridade Social é desigual por provincias: medrou en Pontevedra (14,7%) e A Coruña (11,4%), e descendeu en Lugo (4,0%) e Ourense (0,4%).

Neste mesmo período, o incremento do importe medio das pensións foi xeneralizado nas catro provincias: A Coruña un 64,5%, Lugo un 66,4%, Ourense un 65,0% e Pontevedra un 63,2%.

Número de pensionistas e importe medio por pensionista. Galicia e provincias. Anos 2011 e 2025.
Unidade: persoas, €
2011
2025
Espazo Número Importe Número Importe
Galicia 634.686 785,46 687.195 1.295,68
   • A Coruña 247.467 813,30 275.659 1.338,03
   • Lugo 99.943 733,05 95.977 1.219,48
   • Ourense 92.882 699,62 92.547 1.154,63
   • Pontevedra 194.394 817,96 223.012 1.334,66
Fonte: IGE. Pensións da Seguridade Social por concello de residencia da persoa pensionista (descarga da táboa).

3 Número de pensionistas e importe medio segundo grupo de idade

No ano 2025, en Galicia, o 82,1% das persoas que perciben pensións contributivas teñen 65 ou máis anos. O grupo de idade máis frecuente é o de 65 a 74 anos, tanto no caso dos homes (128.332 persoas) como no das mulleres (113.655 persoas).

A análise do importe medio por pensións contributivas por grupo de idade amosa que, no ano 2025, os homes presentan importes medios superiores ás mulleres en todos os grupos de idade. Ademáis, os importes máis elevados, tanto para homes como para mulleres, concéntranse no grupo de idade de 65 a 74 anos. Neste grupo de idade, o importe medio percibido polos homes é un 24,9% superior ao das mulleres.

Número de pensionistas e importe medio por pensionista, segundo o sexo e grupo de idade. Galicia. Ano 2025.
Unidade: persoas, €
Número
Importe
Idade Ambos Sexos Homes Mulleres Ambos Sexos Homes Mulleres
Total 687.195 337.637 349.558 1.295,68 1.462,96 1.134,10
0-44 20.082 11.139 8.943 652,43 689,22 606,61
45-54 29.746 16.339 13.407 976,32 1.014,18 930,17
55-64 73.232 40.607 32.625 1.232,38 1.389,43 1.036,90
65-74 241.987 128.332 113.655 1.492,59 1.646,76 1.318,51
75-84 205.618 99.714 105.904 1.310,98 1.512,85 1.120,92
85 e máis 116.530 41.506 75.024 1.091,92 1.231,06 1.014,94
Fonte: IGE. Pensións da Seguridade Social por concello de residencia da persoa pensionista (descarga da táboa).


No ano 2025, a metade das persoas pensionistas residentes en Galicia (343.598 persoas) perciben un importe medio igual ou superior a 1.018 euros mensuais; un 10% percibe máis de 2.501,69 euros, metres que outro 10% percibe menos de 639,1 euros.

A distribución dos importes medios presenta unha maior variabilidade entre os homes que entre as mulleres. Ademais, as diferenzas entre ambos os sexos acentúanse nos tramos máis elevados da distribución. O percentil 75 alcanza os 1.877,64 euros nos homes e os 1.289,25 euros nas mulleres, o que indica que o 25% dos homes perciben importes medios superiores a 1.877,64 euros, mentres que o 25% das mulleres supera os 1.289,25 euros.

                       Fonte: IGE. Pensións da Seguridade Social por concello de residencia da persoa pensionista (descarga da táboa).

4 Importe medio por concellos

Os concellos co importe medio de pensións contributivas da Seguridade Social máis elevado concéntrase principalmente nas zonas dos sete grandes concellos, xunto coa Mariña Lucense, a zona de Valdeorras, As Pontes de García Rodríguez, Bueu, a zona do Barbanza e Baiona. En 52 concellos galegos se supera o importe medio de Galicia, 1.295,68 euros.

No 60% dos concellos galegos o importe medio por persoa en pensións contributivas da Seguridade Social non acada os 1.135,9 euros.