Saltar navegación

Gráfico de liñas

O gráfico lineal é unha representación gráfica da relación que existe entre dúas ou máis variables e reflicte con claridade os cambios producidos. Normalmente emprégase para representar, mediante unha ou varias liñas, a evolución dunha variable ao longo do tempo:

Paro rexistrado segundo xénero

Paro_liñas

Acceso á táboa de datos

No eixo horizontal sitúase a variable que indica as unidades temporais, os anos do período que se analiza, meses ou trimestres segundo corresponda e no eixo vertical sitúase a escala da variable da cal queremos estudar a súa variación no tempo. Podemos representar á vez máis dunha serie de datos para comparar a súa evolución no tempo. No exemplo anterior consideramos unha serie de datos para homes e outra para mulleres.

Os valores que alcanza cada variable nunha unidade de tempo sinálanse mediante un punto no interior do gráfico. Este punto corresponde ao cruzamento do valor dos dous eixes. A liña é o resultado da unión de todos os puntos que sinalamos.

Destre gráfico pódese deducir a tendencia xeral ascendente ou descendente dos datos representados, no noso exemplo apreciase unha lixeira tendencia decrecente o primeiro ano, tanto para homes como para mulleres, crecente no período 2007-2013 e decrecente no último ano, para ambos os dous sexos.