IGE -

Definicións. Mostra continua de vidas laborais


Base de cotización para continxencias comúns por conta allea

Contía establecida pola lei que, salvo excepcións, debe coincidir coa remuneración bruta mensual, sen horas extraordinarias. Para o cálculo da base de cotización para continxencias comúns compútase a remuneración que corresponda ao mes de cotización e súmaselle a parte proporcional ás pagas extraordinarias e outros conceptos retributivos con devengo superior ao mensual ou que non teñan carácter periódico. Se esta base non está comprendida entre a contía mínima e máxima correspondente ao grupo de cotización do traballador, este cotizará pola base mínima (se a cantidade resultante é menor) ou máxima (se é maior).

Código da conta de cotización

Código ao cal figuran asociados os datos identificativos do empresario e ao que se vinculan os traballadores por conta allea. Cada empresa pode ter un ou varios códigos de conta de cotización pero só hai un principal, os demais (secundarios) están vinculados ao principal. Os empresarios deben dispoñer, polo menos, dun código de conta de cotización por cada provincia onde realicen unha actividade económica e por cada réxime. Os códigos de conta de cotización non identifican necesariamente aos centros de traballo.

Densidade media de cotización posible

Cociente entre o tempo total cotizado en situación de alta laboral e a vida laboral posible da persoa, considerando como data de inicio desta o momento no que se cumpren os 16 anos (idade mínima legar para traballar actualmente en España) e como data de fin o 31/12/2018.

Densidade media de cotización real

Cociente entre o tempo total cotizado en situación de alta laboral e a vida laboral real da persoa, considerando como data de inicio desta o momento no que se accede ao mercado de traballo e como data de fin o 31/12/2018.

Episodio continuado de emprego

Período continuo durante o cal non se produce a interrupción do vínculo laboral da persoa coa Seguridade Social; durante este período, a persoa pode solapar contratos, cambiar de modalidade contractual dentro da empresa ou incluso cambiar de empresa, pero atópase en todo momento en situación de alta laboral (non pode pasar a situación de inactividade nin percibir unha prestación ou subsidio por desemprego). Deste xeito, diferéncianse os períodos nos que a persoa está traballando daqueles nos que non o está.

Pensións contributivas da Seguridade Social

Son prestacións económicas e de duración indefinida, aínda que non sempre, nas que a concesión está xeralmente supeditada a unha previa relación xurídica coa Seguridade Social (acreditar un período mínimo de cotización en determinados casos, ...), sempre que se cumpran os demais requisitos esixidos. A súa contía determínase en función das achegas efectuadas polo traballador e o empresario, se se trata de traballadores por conta allea, durante o período considerado para os efectos da base reguladora da pensión de que se trate.
As clases de pensións son:

  • incapacidade permanente
  • xubilación
  • morte e supervivencia

Persoas afiliadas á Seguridade Social

A afiliación ao Sistema da Seguridade Social é obrigatoria para todas as persoas incluídas no campo de aplicación da Seguridade Social e única para toda a vida do traballador ou da traballadora e para todo o sistema, sen prexuízo das baixas, altas e demais variacións que con posterioridade á afiliación poidan producirse. É dicir, o traballador ou a traballadora afíliase cando comeza a súa vida laboral e se dá de alta nalgún dos rexímenes do Sistema da Seguridade Social. Esta situación denomínase alta inicial. Se cesa na súa actividade será dado ou dada de baixa pero seguirá afiliado ou afiliada en situación de baixa laboral. Se retoma a actividade producirase unha alta denominada alta sucesiva a efectos estatísticos, pero non terá que afiliarse novamente, dado que, como xa se indicou, a afiliación é única para toda a vida do traballador.

  • Na Mostra continua de vidas laborais contabilízanse o número de traballadores e traballadoras que estiveron afiliados e afiliadas en alta laboral nalgún momento do ano de referencia.
  • Para as táboas de afiliacións á Seguridade Social facilitadas polo Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones contabilízanse o número de afiliacións. Hai que ter en conta que o número de afiliacións non se corresponde necesariamente co de traballadores e traballadoras, senón co de situacións que xeran obriga de cotizar. É dicir, a mesma persoa contabilízase tantas veces como situacións de cotización teña, xa sexa porque ten varias actividades laborais nun mesmo réxime ou en varios.

Prestacións por desemprego de nivel contributivo

Protexen aquelas situacións de desemprego das persoas que, podendo e querendo traballar, perdan o seu emprego de forma temporal ou definitiva, ou se lles reduza temporalmente a súa xornada diaria por decisión empresarial, coa correspondente perda ou redución análoga de salarios, por algunha das causas establecidas como situacións legais de desemprego. Os requisitos para recibir esta prestación son os seguintes:

  • Estar afiliado ou afiliada á Seguridade Social en situación de alta ou asimilada á alta nalgún dos réximes que contemple a continxencia por desemprego.
  • Atoparse en situación legal de desemprego.
  • Acreditar estar dispoñible para buscar activamente emprego e para aceptar unha colocación adecuada e subscribir un compromiso de actividade.
  • Ter cotizado por desemprego un período mínimo de 360 días dentro dos seis anos anteriores á situación legal de desemprego.
  • Non ter cumprido a idade ordinaria que se esixe para a pensión de xubilación, excepto que non se tivera dereito a ela por falta de cotización ou se trate de situacións de suspensión da relación laboral ou de redución de xornada autorizados por expediente de regulación de emprego.
  • Non realizar unha actividade por conta propia ou traballo por conta allea a tempo completo, excepto:
    • As persoas que teñan contrato por tempo indefinido de apoio a emprendedores, que poderán compatibilizar o 25% da prestación con dito contrato.
    • Cando o determine algún programa de fomento de emprego.
  • Non estar incluído ou incluída nalgunha das causas de incompatibilidade.

Salario

Para a determinación dos salarios dos empregados por conta allea, na Mostra continua de vidas laborais utilízanse as percepcións declaradas na clave A do modelo 190 "Resumo anual de retencións e ingresos a conta do IRPF sobre rendementos do traballo, de determinadas actividades económicas, premios e determinadas imputacións de renda" da Axencia Tributaria. Esta clave inclúe todas as percepcións, monetarias ou en especie, satisfeitas pola persoa ou entidade declarante en concepto de rendementos do traballo. Estas retribucións incluirán, así mesmo, as dietas satisfeitas por desprazamentos e os gastos de viaxe por motivos de traballo exceptuados de gravame. É preciso aclarar, ademais, que se refire a percepcións salariais brutas, isto é, antes do pago de impostos e que estas inclúen, así mesmo, os importes correspondentes ás percepcións en especie.

Na "Enquisa de poboación activa. Decil de salarios do emprego principal" o concepto de salario utilizado é (segundo Regulamento CE núm. 377/2008) da Comisión o de "salario mensual asociado ao emprego principal", sendo este último o que desenvolve a persoa na semana de referencia na que é entrevistada. En caso de ter varios traballos, o principal é o que proporciona os ingresos máis significativos. En particular, se é un traballo eventual de duración inferior a un mes, o salario será unha estimación do que se obtería para unha duración de todo o mes por un traballo similar. En cambio, se é un traballo a tempo parcial, non se transforma no equivalente a tempo completo.

As pagas extras e outros complementos anuais considéranse na definición, dividindo a súa cantidade por 12. Tamén se inclúen os pagos por horas extras regulares, propinas e comisións, referidos neste caso ao mes natural anterior á semana de referencia.

Sistema da Seguridade Social

É un conxunto de réximes a través dos cales o Estado garante ás persoas comprendidas no seu campo de aplicación, por realizar unha actividade profesional ou por cumprir os requisitos esixidos na modalidade non contributiva, así como aos familiares ou asimilados que tivesen ao seu cargo, a protección adecuada nas continxencias e situacións que a lei define.

Situación de afiliación en alta laboral

A afiliación en alta laboral ao Sistema da Seguridade Social é obrigatoria para todas as persoas incluídas no campo de aplicación deste cando se atopen traballando, ben por conta allea, ben por conta propia, e única (no sentido de que o seu número de afiliación non varía) para toda a vida laboral, sen prexuízo das baixas, altas e variacións que se poidan producir con posterioridade á primeira afiliación. É dicir, o traballador ou a traballadora afíliase cando comeza a súa vida laboral e a empresa (ou o/a propio/a traballador/traballadora, no caso do emprego por conta propia) o/a dá de alta nalgún dos réximes do Sistema da Seguridade Social. Esta situación denomínase alta inicial. Se cesa na súa actividade consígnase unha baixa no Sistema, pero o seu número de afiliación segue activo, en situación de baixa laboral. Se retoma a súa actividade, producirase unha alta, denominada alta sucesiva, pero a persoa non terá que afiliarse de novo; simplemente procederase a consignar unha nova alta do seu número de afiliación.

Subsidio por desemprego

É unha prestación asistencial que ten como obxectivo complementar a protección da prestación de carácter contributivo das situacións de desemprego. Consta dunha prestación económica e, no seu caso, do abono á Seguridade Social da continxencia de xubilación. A duración e contía determínanse en función da modalidade de subsidio ao que se teña dereito:

  • Traballadores e traballadoras que esgotaron a prestación contributiva por desemprego e teñen responsabilidades familiares.
  • Traballadores e traballadoras que esgotaron a prestación contributiva por desemprego maiores de 45 anos e que non teñen responsabilidades familiares.
  • Traballadores e traballadoras emigrantes retornados/as.
  • Traballadores e traballadoras que, cando se produce a situación legal de desemprego, non teñen cuberto o período mínimo de cotización para acceder a unha prestación contributiva.
  • Liberados/as de prisión.
  • Traballadores e traballadoras declaradas plenamente capaces ou que perdesen a condición de pensionista de incapacidade por melloría dunha situación de grande invalidez, incapacidade permanente absoluta ou total para a profesión habitual.
  • Subsidio por desemprego para traballadores e traballadoras maiores de 55 anos.
Para acceder ao subsidio por desemprego débense cumprir, con carácter xeral, os seguintes requisitos:
  • Estar desempregado ou desempregada e inscrito/a como demandante de emprego e subscribir o compromiso de actividade.
  • Non ter dereito a percibir unha prestación por desemprego de nivel contributivo.
  • Carecer de rendas, de calquera natureza, en cómputo mensual superior ao 75% do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional das dúas pagas extraordinarias.

Traballadores afiliados por conta allea

Na edición 2011 da explotación da Mostra continua de vidas laborais considéranse traballadores por conta allea todos os afiliados en alta laboral incluídos nalgún dos seguintes réximes de afiliación: réxime xeral, réxime especial de minería do carbón, réxime especial do mar por conta allea, réxime especial agrario por conta allea e réxime especial de empregados do fogar fixos.

Traballadores afiliados por conta propia

Na edición 2011 da explotación da Mostra continua de vidas laborais considéranse traballadores por conta propia todos os afiliados en alta laboral incluídos nalgún dos seguintes réximes de afiliación: réxime especial de traballadores autónomos, réxime especial do mar por conta propia e réxime especial de empregados do fogar descontinuos. Hai que ten en conta que a partir de xaneiro de 2008 desaparece o réxime especial agrario por conta propia, e as súas afiliacións intégranse no réxime especial de autónomos.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo