IGE -

Definicións. Conta satélite da cultura


Asalariados

Nas operacións do Sistema de contas económicas son todas as persoas que, mediante un acordo, traballan para outras unidades institucionais residentes e reciben unha remuneración.

Na información procedente das fontes tributarias defínese coma o número de persoas que reciben unha contraprestación pecuniaria en concepto de rendemento do traballo, contadas de forma única independentemente de que traballasen para unha ou varias empresas ou entidades. Este colectivo está formado polas persoas que reciben percepcións declaradas na clave A do Modelo 190 da "Declaración anual de retencións sobre as rendas de traballo" (empregados por conta allea en xeral).

Na Enquisa aos demandantes de emprego comprende a todas as persoas que na semana de referencia estiveran traballando para un empresario privado ou público a cambio dun soldo, salario, comisión, pagos segundo resultado, gratificación ou calquera outra forma de remuneración en metálico ou en especie. As persoas que traballan na empresa dun familiar percibindo unha remuneración regulamentada deben incluírse nesta categoría. Inclúense tamén como asalariados os socios ou traballadores das sociedades anónimas laborais que teñan unha situación laboral e legal de asalariados. As persoas que cumpran os requisitos para ser asalariados non perden a dita condición aínda no caso de que paguen directamente os impostos por rendemento do traballo persoal e/ou as cotizacións á Seguridade Social. Os xestores, directores ou outros empregados asalariados que non son donos da empresa na que traballan, clasifícanse como traballadores por conta allea, aínda que exerzan as mesmas funcións que os empresarios coma, por exemplo, a contratación ou o despido, en nome das empresas, doutros traballadores.
Como regra xeral, pódese dicir que un asalariado é unha persoa remunerada directa ou indirectamente, en diñeiro ou en especie, en función da cantidade de traballo que realiza (incluído o pago a comisión), con independencia do valor da produción ou da rendibilidade do proceso produtivo. Pode ocorrer que por razóns legais un asalariado teña contrato de autónomo. Neste caso consideraremos á persoa coma asalariada se cumpre as condicións antes descritas. Polo contrario, un traballador independente recibe unha renda que está en función do valor da produción do proceso produtivo do que é responsable, sexa moito ou pouco o traballo aportado.

Na Enquisa de poboación activa os asalariados son persoas con traballo por conta allea ou asalariados todas as que entren nas seguintes categorías:

  • Traballando: persoas que durante a semana de referencia traballaron, incluso de forma esporádica ou ocasional, polo menos unha hora a cambio dun soldo, salario ou outra forma de retribución conexa, en metálico ou en especie.
  • Con emprego pero sen traballar: persoas que, xa tendo traballado no seu emprego actual, estean ausentes do mesmo durante a semana de referencia (por causa de enfermidade, accidente, conflito laboral, suspensión disciplinaria de emprego e soldo, vacacións, licenza de estudos,...) e manteñan un estreito vínculo co emprego. A forza deste vínculo determinase de acordo coa crenza do entrevistado de reincorporarse ou non á empresa e na percepción ou non dalgún tipo de remuneración.
Os membros activos das forzas armadas figuran tamén entre a poboación asalariada. Non se consideran asalariados:
  • Os empresarios e os traballadores independentes, aínda que estiveran contratados como asalariados na súa propia empresa.
  • Os traballadores familiares non remunerados (axudas familiares) e os membros de cooperativas que traballan nelas.
  • As persoas ausentes do seu traballo, con licenza ou suspendidas que estean debilmente vinculadas ao seu emprego.
  • Os traballadores estacionais, ocasionais ou descontinuos por conta allea na época de menor actividade que non estivesen traballando na semana de referencia.
Considérase que os asalariados teñen un contrato ou relación laboral temporal cando o seu remate queda fixado por condicións obxectivas, tales como a expiración dun prazo, a realización dunha tarefa de terminada, etc. Noutro caso, considérase que o contrato, ou relación laboral, é indefinido.

Os asalariados subdivídense en: asalariados do sector público e asalariados do sector privado. Entre os primeiros están incluídos tanto os funcionarios como os contratados laborais, independentemente de que traballen con carácter fixo ou temporal.

Consumos intermedios

Representan o valor dos bens e servizos consumidos como insumos nun proceso de produción (SEC-2010, 3.88 e seguintes). Non se inclúen os activos fixos, cuxo consumo debe rexistrarse como consumo de capital fixo.

Conta satélite

Comprende un conxunto de táboas e de indicadores que permiten afondar no coñecemento dun determinado aspecto da economía dun territorio, ampliando a información proporcionada polo sistema de contas económicas. As contas satélite poden presentar algunha das seguintes características:

Emprego

En Confianza empresarial defínese coma o conxunto de persoas que mediante contrato traballan para a empresa a cambio dunha remuneración.

Nas Contas económicas anuais e nas Contas económicas trimestrais comprende todas as persoas, tanto asalariados como traballadores autónomos, que realizan unha actividade produtiva incluída dentro da fronteira da produción do sistema. Este concepto de emprego definido no SEC difire basicamente do utilizado nas estatísticas de forza de traballo en que inclúe o emprego dos non residentes que traballan en Galicia e exclúe o emprego dos residentes en Galicia que traballan fóra.

Excedente de Explotación Bruto (EEB)/Renda mixta

Corresponde á renda que obteñen as unidades da utilización dos seus propios activos de produción. É o saldo da conta de explotación. No caso das empresas non constituídas en sociedades correspondentes ao sector fogares fálase de renda mixta.

Gasto en consumo final

Nas operacións do Sistema de contas económicas consiste no gasto realizado polas unidades institucionais residentes en bens e servizos que se utilizan para satisfacer directamente as necesidades individuais, ou as necesidades colectivas dos membros da comunidade. Este gasto pode realizarse no territorio económico ou no resto do mundo (SEC-2010, 3.94 e seguintes).

Na Conta Satélite de Produción Doméstica a función produtiva dos fogares amplíase, o que dá orixe a que parte do consumo final deste sector se reclasifique en consumo intermedio ou formación bruta de capital. Deste xeito, a partida incluída nesta operación como consumo final do sector fogares non se corresponde necesariamente coa incluídas nas restantes operacións do Sistema de contas de Galicia. Máis información na metodoloxía da operación.

Na Enquisa de orzamentos familiares, o gasto en consumo final dos fogares corresponde ao gasto efectuado polos fogares co fin de consumir bens e servizos. Comprende:

  • As compras efectuadas de xeito monetario.
  • O valor estimado de certos bens e servizos, tales como:
    • O valor dos produtos procedentes do autoconsumo (tanto se son consumidos polo fogar como se son regalados a outros fogares).
    • O valor de produtos procedentes da autosubministración (cando os consume o fogar).
    • As remuneracións en especie dos empregadores aos seus asalariados.
    • Os alugueiros imputados aos propietarios de vivendas ou aos que as utilizan de forma gratuíta ou semigratuíta.
    • Comidas ou ceas gratuítas ou bonificadas no lugar de traballo ou no establecemento de hostalaría propiedade do fogar.

Horas traballadas

Representa a cifra global de horas efectivamente traballadas durante o período contable, no ámbito das actividades produtivas que se inclúen dentro da fronteira da produción. As horas efectivamente traballadas inclúen as horas extraordinarias, os períodos dedicados ao mantemento, reparación, preparación e limpeza, o tempo en situación de espera por motivos de falta de traballo e o correspondente a períodos breves de descanso no lugar de traballo. Exclúense de ditas horas as remuneradas pero non traballadas, por vacacións, enfermidade, os días festivos, as pausas para as comidas e os tempos de viaxe entre o fogar e o traballo.

Impostos sobre a produción e as importacións

Son pagamentos obrigatorios sen contrapartida, recadados polas administracións públicas, que gravan a produción e as importacións de bens e servizos, a utilización de man de obra, a propiedade ou o uso da terra, edificios e outros activos utilizados na produción. Divídense en:

  • Impostos sobre os produtos: impostos que hai que pagar por cada unidade producida ou distribuída dun determinado ben ou servizo. Pode consistir nunha cantidade especifica por unidade de ben ou servizo, ou pode calcularse como un porcentaxe específico do prezo ou valor do ben. O Imposto sobre o valor engadido (IVE) ou os impostos especiais son os exemplos máis sobranceiros deste epígrafe.
  • Outros impostos sobre a produción: impostos que soportan as empresas como resultado da súa participación na produción, independentemente da cantidade ou do valor dos bens e servizos producidos ou vendidos. (SEC-2010, 4.41 e seguintes).

Posto de traballo

Defínese como un contrato explícito ou implícito entre unha persoa e unha unidade institucional residente, para realizar un traballo a cambio dunha remuneración (inclúe a renda mixta dos traballadores autónomos) durante un período definido ou indefinido de tempo.
O concepto de posto de traballo difire do concepto de emprego, nos seguintes aspectos:

  1. Inclúe o segundo, terceiro,... posto de traballo que ocupa a mesma persoa.
  2. Exclúe ás persoas que non traballan temporalmente, pero que teñen "un vínculo formal co seu posto de traballo", por exemplo, "unha garantía de reincorporación ó traballo ou un acordo sobre a data de reincorporación". Este tipo de acordo entre un empregador e unha persoa en suspensión temporal de emprego ou en permiso de formación non se considera un posto de traballo no SEC.

Postos de traballo equivalentes a tempo completo

Defínese como o total de horas traballadas dividido pola media anual das horas traballadas en postos de traballo a tempo completo no territorio económico.

Produción

En Confianza empresarial defínese como o conxunto de todos os bens e servizos creados por unha unidade económica durante un período de tempo utilizando para isto man de obra, capital e materias primas.

Nas Contas económicas anuais, Contas económicas trimestrais, no Marco input-output e no Seguimento e análise da construción defínese como unha actividade realizada baixo o control e a responsabilidade dunha unidade institucional que utiliza man de obra, capital e bens e servizos para producir outros bens e servizos (SEC-2010, 3.07 e seguintes). A produción inclúe, independentemente de que sexan actividades ilegais ou ocultas, os seguintes casos:

  • A produción de todos os bens e servizos individuais ou colectivos subministrados a unidades distintas dos seus produtores
  • A produción por conta propia daqueles bens que son consumidos polos propios produtores dos bens ou que incrementan os seus activos (por exemplo, a construción de vivendas por conta propia)
  • A produción por conta propia de servizos de aluguer das vivendas ocupadas polos seus propietarios
  • Os servizos domésticos e persoais producidos polo persoal doméstico remunerado
  • As actividades de voluntariado (non remuneradas) que producen bens.
Na Conta Satélite da Produción Doméstica (CSPD) amplíase a fronteira de produción definida polo SEC para os fogares e utilizada nas Contas Económicas Anuais e Trimestrais, así como no Marco Input-Output de Galicia. Desta maneira, as actividades produtivas dos fogares abarcarán os tipos xa incluídos dentro do concepto SEC, isto é:
  • a produción de mercado realizada por empresas non constituídas en sociedade
  • a produción voluntaria de bens realizada polos fogares e a produción de bens para uso final propio (produción agrícola para autoconsumo, a construción da vivenda propia, os servizos de alugamento de vivendas ocupadas polos seus propietarios, etc.)
máis un terceiro tipo de actividades, non consideradas de tipo produtivo segundo a definición do SEC, que inclúe os servizos domésticos e persoais que se producen e consumen no seo dun fogar (a produción doméstiva). Estes servizos abarcan:
  • a limpeza, decoración e mantemento da vivenda
  • a limpeza, mantemento e reparación dos bens duradeiros do fogar
  • a preparación e o servizo de comidas
  • o coidado, a formación e a educación dos nenos
  • o coidado de enfermos, impedidos ou anciáns
  • o transporte de membros do fogar ou dos seus bens

Produto interior bruto (PIB)

É o resultado da actividade produtiva das unidades de produción residentes.Nas contas económicas estímase por tres vías: oferta, demanda e rendas.

  • Suma do valor engadido bruto (VEB) das ramas de actividade, máis os impostos netos de subvencións sobre os produtos (oferta).
  • Suma da demanda final de bens e servizos das unidades institucionais residentes máis o saldo exterior de bens e servizos (demanda)
  • Suma de remuneración de asalariados, impostos sobre a produción e as importacións netos de subvencións, renda mixta e excedente de explotación bruto (rendas).

Remuneración dos asalariados (D.1)

Comprende toda a remuneración en efectivo e en especie a pagar polos empregadores aos seus asalariados como contrapartida do traballo realizado por estes durante o período contable. A remuneración dos asalariados desagrégase en:

  • Soldos e salarios, xa sexan en efectivo ou en especie (D.11)
  • Cotizacións sociais a cargo dos empregadores (D.12)
Na conta de explotación figura a Remuneración de asalariados "inventario" como un emprego dos sectores residentes, mentres que na conta de asignación da renda primaria, aparece a Remuneración de asalariados "rexional" coma un recurso dos fogares residentes.

Subvencións

Son pagamentos correntes sen contrapartida que as administracións públicas ou as institucións da Unión Europea efectúan aos produtores residentes coa finalidade de influír nos seus niveis de produción, nos seus prezos, ou na remuneración dos factores de produción. Divídense en subvencións aos produtos (subvencións que hai que pagar por unidade dun ben ou servizo producido ou importado) e outras subvencións á produción (comprenden as subvencións, distintas das anteriores, que poden recibir as unidades de produción residentes como consecuencia da súa participación na produción).

Traballador autónomo

Defínense como os propietarios ou copropietarios das empresas non constituídas en sociedades na que traballan.

Valor engadido bruto (VEB)

Para cada unidade dedicada a unha actividade produtiva, é a diferenza entre a produción e os consumos intermedios. A suma dos valores engadidos brutos, máis os impostos netos de subvencións sobre os produtos, dan como resultado o Produto Interior Bruto polo lado da oferta.


 

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo