ÍNDICE


Principais resultados

 

1 Introdución

O sector fogares, seguindo a terminoloxía do Sistema Europeo de Contas (SEC), son individuos ou grupos de individuos (familias) cuxa función económica principal é o consumo, ou ben, traballadores por conta propia, que o SEC describe como empresas individuais sen personalidade xurídica que producen bens e servizos. Caracterízanse por percibir rendas de diversa orixe (salarios, prestacións, rendementos do seu traballo por conta propia, etc.) coas que desenvolven a súa función económica principal.

As Contas do sector fogares describen a contribución dos traballadores por conta propia ao proceso de xeración de valor engadido na economía galega; permiten coñecer as rendas primarias que os fogares perciben -principalmente da remuneración do seu traballo por conta allea-, e a distribución secundaria da renda unha vez que o sector público intervén no proceso redistributivo. A sucesión de contas que describe este proceso ten como resultado un agregado relevante: a renda dispoñible bruta do sector fogares. Esta magnitude proporciona información da cantidade que os fogares teñen a disposición para as súas decisións de consumo ou aforro.

A Renda dos fogares municipal proporciona información por concello deste proceso, centrándose na asignación primaria e na distribución secundaria da renda. Isto permite coñecer tanto os niveis de renda por habitante nos 313 concellos galegos como a distribución dos recursos e empregos que conforman a renda dispoñible final.

Entre as utilidades destas operacións estatísticas destacamos as seguintes:

Así mesmo, tamén se inclúen datos da renda dispoñible bruta por habitante. A poboación utilizada neste cálculo é a difundida nas Cifras poboacionais de referencia que elabora o IGE.

Estas publicacións forman parte das operacións estatísticas do Sistema de Contas Económicas de Galicia -Revisión estatística 2024-.

Nota: os datos de 2024 son avance e os de 2023 provisionais.

Para o ano avance só se publica o agregado da renda dispoñible bruta para o total de Galicia.

O termo “bruto” refírese a que non se detrae a depreciación dos activos (consumo de capital fixo) propiedade dos fogares.

 

2 A Renda dispoñible bruta e a súa distribución entre consumo e aforro dos fogares galegos

A renda dispoñible bruta é a renda que os fogares teñen á súa disposición para destinar ao gasto en consumo final ou ben ao aforro. É a magnitude que sintetiza o proceso que comeza co valor engadido xerado polos fogares galegos, continúa coa asignación de rendas primarias recibidas por estes en virtude da súa participación no proceso produtivo e finaliza tras a intervención das administracións públicas co mecanismo de redistribución da renda.

Neste proceso, o “Saldo de rendas primarias bruto” é outro agregado significativo que se calcula como suma de recursos (ingresos) menos empregos (gastos) antes da intervención do sector administracións públicas:

As administracións públicas interveñen no mecanismo de redistribución da renda, achegando uns recursos públicos aos fogares (prestacións sociais) e detraendo da renda destes uns gastos ou empregos (cotizacións sociais e impostos sobre a renda). Ademais, tanto administracións públicas como outros sectores institucionais, interveñen no proceso pagando e/ou cobrando “Outras transferencias correntes”. Neste concepto inclúense as bolsas de estudo, as multas, as primas e indemnizacións de seguro, ou as transferencias entre fogares, entre outras. O saldo desta fase do proceso denomínase “Renda dispoñible bruta”.

 

A sucesión de contas do sector fogares e os agregados

Nota: Os termos “bruto” / “bruta” refírense a agregados económicos dos que non se detrae a depreciación dos activos (consumo de capital fixo) propiedade dos fogares.

Desde o ano 2021, o saldo de rendas primarias bruto medra a maior ritmo que a renda dispoñible bruta e o PIB. Isto significa que as rendas percibidas polos fogares por participaren no proceso produtivo están medrando máis que a xeración de valor na economía.

Fonte: IGE. Contas do sector fogares (descarga da táboa), IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa), IGE. Contas económicas trimestrais (descarga da táboa).

 

En 2024, a renda dispoñible bruta dos fogares galegos foi de 54.386 millóns de euros, un 5,8% superior á do ano 2023, período no que alcanzou o valor de 51.428 millóns e euros, dato un 10,1% superior ao alcanzado no ano 2022. Nos últimos dous anos da serie o crecemento da renda dispoñible dos fogares superou ao crecemento da economía, medida polo Produto interior bruto (PIB).

 

Renda dispoñible bruta, transferencias sociais en especie, gasto en consumo final e aforro. Galicia
Unidade: millóns de euros
Tempo Saldo das rendas primarias bruto Renda dispoñible bruta Transferencias sociais en especie Renda dispoñible axustada bruta Gasto en consumo final Aforro bruto
2015 37.228 36.950 7.884 44.835 35.210 1.601
2016 38.312 37.879 8.027 45.906 35.942 1.789
2017 39.631 38.849 8.302 47.151 37.799 899
2018 41.102 40.033 8.501 48.534 38.764 1.131
2019 43.762 42.474 8.912 51.385 38.130 4.209
2020 41.192 41.681 9.413 51.094 33.775 7.719
2021 43.780 43.175 9.921 53.097 37.210 5.847
2022 48.118 46.694 10.370 57.064 41.889 4.683
2023 53.196 51.428 11.004 62.433 45.945 5.434
2024 .. 54.386 .. .. .. ..
IGE. Contas do sector fogares (descarga da táboa).

En 2023, tal como recolle a táboa anterior, o gasto en consumo dos fogares galegos foi de 45.945 millóns de euros, o que supón un crecemento do 9,7% con respecto ao ano anterior. Non obstante, o consumo medrou menos que a renda dispoñible bruta o que implica un crecemento do aforro do sector fogares en Galicia, que alcanzou neste ano os 5.434 millóns de euros.

A taxa de aforro, definida como o cociente entre aforro e renda dispoñible, foi do 10,6 % no ano 2023. Esta taxa é superior á do ano anterior, e supón un cambio de tendencia nunha serie que diminuía dende o ano 2020 (ano da pandemia).

 

Fonte: IGE. Contas do sector fogares (descarga da táboa)

 

As transferencias sociais en especie son os bens e servizos individuais proporcionados aos fogares, principalmente polas Administracións públicas, de xeito gratuíto ou a prezos economicamente non significativos. Son financiados polos impostos, cotizacións e outros ingresos das administracións públicas. Trátase, principalmente, de servizos de educación, sanidade, servizos sociais e gasto farmacéutico.

No ano 2023, estas transferencias sociais en especie ascenderon a 11.004 millóns de euros. A renda dispoñible axustada dos fogares, que se obtén a partir da renda dispoñible bruta e as transferencias sociais en especie, situouse no 2023 en 62.433 millóns de euros e medrou un 9,4 %.

 

Fonte: IGE. Contas do sector fogares (descarga da táboa)

 

3 Distribución dos recursos e empregos

A descomposición da renda dispoñible bruta, entendida como a diferenza entre unha serie de recursos (ou ingresos) e empregos (gastos) que se recollen na sucesión de contas, permite coñecer a distribución dos recursos e empregos, é dicir, que tipo de ingresos teñen os fogares galegos e cales son os seus gastos.

Segundo a distribución dos recursos amosada no gráfico seguinte, no ano 2023, a remuneración dos asalariados representa un 46,0 % dos recursos totais dos fogares mentres as prestacións sociais acadan un 21,2 %. A terceira fonte de renda son rendas mixtas (13,5 %), seguidas do excedente de explotación (7,5 % dos recursos). As outras transferencias correntes (que inclúen bolsas de estudo, remesas de emigrantes, transferencias entre fogares e outras rendas) e as rendas da propiedade supoñen, respectivamente, un 6,5 % e 5,3 % dos recursos.

Fonte: IGE. Contas do sector fogares (descarga da táboa)

 

No seguinte gráfico, no que se representa a distribución dos empregos, apréciase que o 45,8 % dos empregos totais do sector fogares son cotizacións sociais, isto é, contribucións dos fogares aos sistemas de prestacións sociais. Séguenlle en relevancia os impostos sobre a renda, o patrimonio, etc., cun peso no total do 28,9 %. Este peso incrementouse desde o ano 2010 en 3,8 puntos porcentuais. En cambio, reduciuse a participación das cotizacións sociais no total dos empregos.

Fonte: IGE. Contas do sector fogares (descarga da táboa)

 

4 Renda dispoñible bruta por habitante municipal

A información municipal utiliza como criterio territorial a residencia dos fogares nos concellos galegos. A información difundida é máis reducida que a dispoñible para Galicia: os últimos datos dispoñibles son os de 2023 e non se difunden datos do gasto en consumo final, aforro ou transferencias sociais por concello.

No ano 2023, o valor da renda disponible bruta por habitante para Galicia foi 19.053 euros. Só 27 dos 313 concellos galegos acadaron un valor da renda por habitante superior á media galega. Oleiros é o concello con maior renda por habitante e esta alcanza o valor de 30.879 euros. O concello da Coruña, cunha renda por habitante de 24.327 euros en 2023, é o segundo concello galego con maior renda. Neste ano é un 27,7 % superior a renda media galega.

Outros tres concellos, ademais dos dous anteriores, teñen unha renda media por habitante que supera en quince puntos ou máis á media galega no ano 2023: Santiago de Compostela, Nigrán e Bergondo. Os concellos de Ourense, Teo, Portomarín, Lugo e Pontevedra completan os 10 concellos con máis renda por habitante.

Concellos con maior renda media por habitante. Ano 2023
Unidade: euros por habitante
Espazo Renda dispoñible bruta por habitante Indice (Galicia=100)
15058 Oleiros 30.879 162,1
15030 Coruña, A 24.327 127,7
15078 Santiago de Compostela 23.581 123,8
36035 Nigrán 22.994 120,7
15008 Bergondo 22.774 119,5
32054 Ourense 21.546 113,1
15082 Teo 21.276 111,7
27049 Portomarín 21.187 111,2
27028 Lugo 20.985 110,1
36038 Pontevedra 20.795 109,1
Fonte: IGE. Renda municipal do sector fogares (descarga da táboa)

 

Fonte: IGE. Renda municipal do sector fogares (descarga da táboa)

 

Dos sete grandes concellos de Galicia só dous non están entre os dez con maior renda media por habitante: Vigo (20.061 euros, un 5,3 % superior á de Galicia) e Ferrol (18.354 euros), único dos sete grandes cunha renda menor á galega.

Os maiores niveis de renda por habitante sitúanse a carón dos sete grandes concellos. Tamén se aprecian niveis de rendas superiores á media en moitos dos concellos do eixo Ferrol-Vigo. Porén, hai concellos como Portomarín, As Pontes ou Ribadeo, que non presentan estas características pero teñen unha renda superior á media de Galicia. Pola contra, os niveis de renda por habitante máis baixos sitúanse no interior da provincia de Pontevedra e no suroeste da provincia de Ourense, ademais do concello lucense de Negueira de Muñiz.

 

5 Concentración da renda dispoñible bruta total no territorio

Un 36,8 % dos habitantes de Galicia residen nos sete concellos máis poboados. Esta concentración ten influencia sobre o reparto da renda municipal, non só pola relación entre o número de habitantes e a renda total dun concello, senón tamén porque nos amosa o agrupamento das actividades produtivas en torno aos núcleos máis poboados.

 

Renda dispoñible bruta nos concellos das sete grandes cidades. Ano 2023
Unidade: persoas, millóns de euros
Espazo Poboación Renda dispoñible bruta
15030 Coruña, A 248.255 6.039
15036 Ferrol 64.138 1.177
15078 Santiago de Compostela 99.416 2.344
27028 Lugo 98.657 2.070
32054 Ourense 104.368 2.249
36038 Pontevedra 83.234 1.731
36057 Vigo 294.439 5.907
12 Galicia 2.699.216 51.428
Fonte: IGE. Renda municipal do sector fogares (Renda dispoñible bruta, Renda dispoñible bruta por habitante); Poboación (Cifras poboacionais de referencia)

 

O seguinte gráfico amosa o que representan os sete grandes concellos nas partidas principais que compoñen a renda dispoñible bruta. Así, nestes sete concellos concéntrase o 41,8 % da renda galega. De feito, a renda total dos residentes na Coruña e Vigo supón o 23,2% do total da renda (e o 20,1 % da poboación). No caso dos impostos correntes a relevancia dos sete grandes concellos é aínda máis elevada: de cada 100 euros de impostos sobre a renda e o patrimonio pagados en Galicia 49 euros páganos os residentes nalgúns dos grandes concellos. A concentración das rendas salariais tamén é elevada (44,1 %) e similar á das cotizacións sociais pagadas (42,2 %). Cómpre destacar que todas estas variables económicas teñen unha concentración superior ao dato da poboación, o que indica que, nestes concellos, os cocientes por habitante son superiores aos do conxunto da comunidade autónoma.

 

Fonte: IGE. Renda municipal do sector fogares (descarga da táboa).

 

6 Principal fonte de renda nos concellos galegos

Centrándonos nos recursos dos fogares por concello e sinalando cal é o máis elevado, podemos categorizar os concellos segundo a súa principal fonte de ingresos para os fogares, tanto en 2023 como no conxunto da serie contable.

 

Número de concellos por principal fonte de renda
Ano Remuneración Asalariados Rendas Mixtas Prestacións sociais
2010 238 5 72
2011 226 4 85
2012 205 4 106
2013 199 12 104
2014 201 11 102
2015 207 2 105
2016 212 2 100
2017 227 2 84
2018 232 2 79
2019 237 0 76
2020 225 0 88
2021 235 0 78
2022 239 2 72
2023 245 3 65
IGE. Renda municipal do sector fogares (descarga da táboa).

No ano 2023, a remuneración de asalariados é a principal fonte de renda de 245 concellos galegos (o 78,3 % dos concellos). Con respecto ao 2022 increméntase o número de concellos cuxa principal fonte de renda son os salarios, feito que está moi relacionado co incremento da actividade económica rexistrada en Galicia con respecto ao ano 2022 e co incremento superior no saldo de rendas primarias. En 65 concellos, principalmente das provincias de Lugo e Ourense, son as prestacións sociais as que proporcionan un maior volume de recursos, aspecto moi vencellado ao envellecemento da poboación destes concellos.

Co fin de proporcionar unha visión estrutural da principal fonte de rendas nos concellos galegos representamos no seguinte mapa aquela fonte que, de xeito máis frecuente no período 2010-2023, é a principal fonte de renda do concello:

 

Fonte: IGE. Renda municipal do sector fogares (descarga da táboa)

 

7 A relación entre as cotizacións sociais e as prestacións sociais

A relación entre cotizacións sociais e prestacións sociais indícanos en que cota as prestacións cobradas en cada concello estarían cubertas polas cotizacións sociais pagadas polos fogares de dito concello.

A nivel de toda Galicia, no 2023, as cotizacións sociais pagadas cobren o 67,0 % das prestacións sociais que reciben os galegos. Na maioría dos concellos galegos as cotizacións sociais satisfeitas polos residentes son inferiores ás prestacións sociais recibidas: só en tres concellos (Oleiros, Oroso e Ames) son maiores as cotizacións sociais pagadas que as prestacións sociais recibidas polos residentes. Estes concellos caracterízanse por ter un peso da remuneración dos asalariados na renda dispoñible bruta elevado.

 

Fonte: IGE. Renda municipal do sector fogares (descarga da táboa)

 

No 2023 as prestacións sociais supoñen o 30,8 % da renda dispoñible bruta total de Galicia. Por concellos este peso é desigual, nos concellos máis envellecidos as prestacións sociais chegan a supoñer máis do 50 % da renda do concello. Este é o caso dos concellos de Lobeira, Vilardevós, Calvos de Randín, Laza e Carballeda de Valdeorras. Pola contra, en concellos como Oleiros, Oroso, Ames e Brión non superan o 25 % das rendas.

Fonte: IGE. Renda municipal do sector fogares (descarga da táboa)

8 Definicións, metodoloxía, fontes e máis información

Definicións

Metodoloxía

Descarga de datos