Principais resultados

1 Introdución

A “Explotación do movemento natural da poboación” proporciona información sobre os principais fenómenos demográficos (nacementos, defuncións e matrimonios). Xunto coa “Explotación dos movementos migratorios”, permite un estudo cronolóxico dunha poboación. Neste caso, a poboación obxecto de estudo son os nacementos de nais residentes en Galicia, as persoas falecidas con residencia en Galicia e os matrimonios que teñen previsto fixar a súa residencia en Galicia.


2 Evolución dos nacementos, defuncións e matrimonios

O número de defuncións en Galicia foi de 33.456 no ano 2025, 707 máis que no ano 2024. Os datos provisionais de 2025 apuntan a unha estabilización dos nacementos tras máis dunha década de descensos continuados, e sitúase en 13.556, un 1,54% por riba dos 13.350 que tiveron lugar no ano 2024.

O saldo vexetativo ou crecemento natural da poboación calcúlase como a diferenza entre o número de nacementos producidos nun ano e o número de defuncións. Un saldo vexetativo negativo indica que se produciron máis defuncións que nacementos. Os datos do último medio século amosan que o saldo vexetativo en Galicia leva tendo signo negativo dende mediados da década dos oitenta. Obsérvase que a diverxencia entre nacementos e defuncións acentúase cos anos, así, os datos provisionais de 2025, -19.900, duplican o saldo vexetativo negativo que se rexistraba fai 25 anos, -9.440.


Evolución do número de nacementos, defuncións e do saldo vexetativo. Galicia

Unidade: Número

                      Fonte: IGE, INE. Movemento natural da poboación. Ano 2025 datos provisionais. (descarga da táboa).



No ano 2025, a práctica totalidade dos concellos galegos, 312 dos 313, presentan un saldo vexetativo negativo.



Saldo vexetativo por concellos. Ano 2025

Unidade: Número

                              Fonte: IGE, INE. Movemento natural da poboación. Ano 2025 datos provisionais. (descarga da táboa).

3 Nacementos

En 2025 houbo 13.556 nacementos en Galicia, un 1,54% máis que en 2024. O 78,12% dos nacementos corresponden a nais con residencia nas provincias da Coruña e Pontevedra. Ourense é a provincia galega que presenta un menor número de nacementos, con 1.337, o 9,86% do total galego, pero é a que experimenta a maior subida respecto ao ano anterior, cun 5,69%.

Nacementos. Galicia e provincias
Unidade: Número, porcentaxe
2024 2025 Taxa de variación 2024-2025 Distribución provincial
Galicia 13.350 13.556 1,54 100,00
A Coruña 5.795 5.922 2,19 43,69
Lugo 1.610 1.629 1,18 12,02
Ourense 1.265 1.337 5,69 9,86
Pontevedra 4.680 4.668 -0,26 34,43
Fonte: IGE, INE. Movemento natural da poboación. Ano 2025 datos provisionais. (descarga da táboa).

Nacementos por concellos. Ano 2025

Unidade: Número

                              Fonte: IGE, INE. Movemento natural da poboación. Ano 2025 datos provisionais. (descarga da táboa).


Os datos dos nacementos segundo a idade da nai constatan o retraso na idade á que as mulleres galegas teñen fillos/as. Así, no ano 2025, os nacementos de nais de 40 e máis anos representan o 14,40% do total de nacementos, fronte ao 2,73% do ano 2000. Paralelamente, o tramo de idade materna no que se concentran o maior número de nacementos foi desprazándose cara a idades máis tardías neste medio século. En 2025, o tramo de 35 a 39 anos concentra a maior proporción de nacementos cun 33,30%. Vintecinco anos atrás, no ano 2000, era o tramo de 30 a 34 anos o que acumulaba a maior porcentaxe de nacementos. E fai medio século, en 1975, correspondía ao de 20 a 24 anos.

Nacementos segundo o grupo de idade da nai. Galicia
Unidade: Número, porcentaxe
Idade 1975 2000 2025 Distribución 1975 Distribución 2000 Distribución 2025
Total 43.850 19.418 13.556 100,00 100,00 100,00
Menos de 20 3.449 542 149 7,87 2,79 1,10
De 20 a 24 13.176 2.517 823 30,05 12,96 6,07
De 25 a 29 12.931 5.649 1.981 29,49 29,09 14,61
De 30 a 34 8.066 7.046 4.137 18,39 36,29 30,52
De 35 a 39 4.057 3.134 4.514 9,25 16,14 33,30
De 40 a 44 1.982 508 1.711 4,52 2,62 12,62
De 45 a 49 175 20 228 0,40 0,10 1,68
50 e máis anos 14 2 13 0,03 0,01 0,10

                              Fonte: IGE, INE. Movemento natural da poboación. Ano 2025 datos provisionais. (descarga da táboa).


                              Fonte: IGE, INE. Movemento natural da poboación. Ano 2025 datos provisionais. (descarga da táboa).

4 Defuncións

No ano 2025, rexistráronse en Galicia 33.456 defuncións. O 52,78% das defuncións corresponden a persoas de 85 e máis anos. A análise da distribución das defuncións en cada un dos sexos permite comprobar que nas mulleres as defuncións prodúcense a idades máis avanzadas que no caso dos homes. Así, o 77,38% das mulleres que faleceron tiñan máis de 80 anos, porcentaxe que se reduce ao 56,74% no caso dos homes.

Defuncións segundo o sexo e a idade da persoa falecida. Galicia. Ano 2025
Unidade: Número, porcentaxe
Idade Total Homes Mulleres Distribución Total Distribución Homes Distribución Mulleres
Total 33.456 16.401 17.055 100,00 100,00 100,00
0-44 494 314 180 1,48 1,91 1,06
45-49 294 179 115 0,88 1,09 0,67
50-54 548 342 206 1,64 2,09 1,21
55-59 909 625 284 2,72 3,81 1,67
60-64 1.290 894 396 3,86 5,45 2,32
65-69 1.744 1.151 593 5,21 7,02 3,48
70-74 2.333 1.536 797 6,97 9,37 4,67
75-79 3.340 2.054 1.286 9,98 12,52 7,54
80-84 4.846 2.679 2.167 14,48 16,33 12,71
> 84 17.658 6.627 11.031 52,78 40,41 64,68
Fonte: IGE, INE. Movemento natural da poboación. Ano 2025 datos provisionais. (descarga da táboa).


A evolución das defuncións por grupos de idade dende 1997 pon de manifesto o paulatino incremento na idade á que se produce o falecemento. Nese ano, o número de falecidos con máis de 84 anos de idade era moi similar aos de 75 a 84 anos. Porén, co transcorrer dos anos, o conxunto de persoas que acadan máis de 84 anos ao falecemento medra con forza, ata representar máis da metade dos falecidos en 2025. Paralelamente, os falecementos a idades máis novas presentan, ao longo da serie de anos considerados, valores similares ou incluso inferiores.



Defuncións segundo a provincia de residencia da persoa falecida. Galicia
Unidade: Número, porcentaxe
Espazo 2025 Distribución provincial
Galicia 33.456 100,00
A Coruña 13.446 40,19
Lugo 4.952 14,80
Ourense 4.829 14,43
Pontevedra 10.229 30,57

  

Fonte: IGE, INE. Movemento natural da poboación. Ano 2025 datos provisionais. Descarga das táboas (Distribución provincial) (Defuncións segundo a idade).


5 Matrimonios

No ano 2025, rexistráronse en Galicia 9.714 matrimonios; 276 do mesmo sexo. Por provincias, A Coruña e Pontevedra foron nas que se rexistraron maior número de matrimonios, 4.257 e 3.414, respectivamente, mentres que en Ourense alcanzáronse os 934 matrimonios no ano 2025.

Matrimonios segundo o tipo de matrimonio. Galicia
Unidade: Número, porcentaxe
2024 2025 Taxa de variación interanual
Total 9.194 9.714 5,66
Home e Muller 8.926 9.438 5,74
Home e Home 139 138 -0,72
Muller e Muller 129 138 6,98


Matrimonios. Galicia e provincias
Unidade: Número, porcentaxe
2024 2025 Taxa de variación interanual
Galicia 9.194 9.714 5,66
A Coruña 3.914 4.257 8,76
Lugo 1.064 1.109 4,23
Ourense 878 934 6,38
Pontevedra 3.338 3.414 2,28

                               Fonte: IGE, INE. Movemento natural da poboación. Ano 2025 datos provisionais. (descarga da táboa).

Nos matrimonios de diferente sexo pódese comprobar un retraso nas idades ás que os homes e as mulleres casan. Así, en Galicia, no ano 2025, o 61,60% das mulleres e o 70,00% dos homes tiñan 35 e máis anos, mentres que fai dez anos estas porcentaxes situábanse no 42,81% e no 55,71%, respectivamente. De feito, no caso dos homes, para o ano 2025 o tramo de idade cunha maior proporción de matrimonios é 50 e máis, cun 23,70%.


  

Fonte: IGE, INE. Movemento natural da poboación. Ano 2025 datos provisionais. (descarga da táboa).


En 2025, o tipo de matrimonio máis frecuente é o civil, cun 88,12%, o que supón un incremento respecto de 2015, no que o 72,10% dos matrimonios eran dese tipo.

Matrimonios de diferente sexo segundo o tipo de celebración

Unidade: Porcentaxe

Fonte: IGE, INE. Movemento natural da poboación. Ano 2025 datos provisionais. (descarga da táboa).

Nota: a partir do último trimestre do ano 2019, debido a un cambio na recollida dos datos de matrimonios, cambiouse o criterio da residencia do matrimonio para os datos provisionais (ver metodoloxía). Os datos de matrimonios do mesmo sexo corresponden aos celebrados a partir do 3 de xullo de 2005, data de entrada en vigor da Lei 13/2005, pola que se modifica o Código civil en materia de dereito a contraer matrimonio.

6 Metodoloxía, definicións, fontes e máis información

Metodoloxía

Definicións

Descarga de datos