ÍNDICE


Principais resultados


1 Introdución

A lonxevidade, entendida como a duración da vida do ser humano, incrementouse de forma espectacular durante todo o século XX e segue avanzando no século XXI. O envellecemento poboacional é un dos temas que máis preocupa nas sociedades avanzadas.

Con esta operación estatística o IGE presenta un conxunto de indicadores sobre as persoas de 65 ou máis anos (máis de 729.000 persoas en Galicia, segundo as Cifras poboacionais de referencia), que pretende ofrecer unha visión da situación actual deste colectivo. Estes indicadores agrúpanse en catro categorías: indicadores demográficos, indicadores sociais e educativos, indicadores sanitarios e indicadores laborais e económicos.


2 Indicadores demográficos

Neste apartado inclúese información demográfica referente á poboación de 65 ou máis anos de idade. O primeiro indicador empregado cuantifica a representación do colectivo no total da poboación: a porcentaxe de poboación de 65 ou máis anos con respecto ao total da poboación galega. O seu valor medra progresivamente, na actualidade supera o 25% (o 26,9% no ano 2025), e as previsións apuntan a que se situará no 33,1% no ano 2039, é dicir, que dentro de 13 anos unha de cada tres persoas residentes en Galicia terá 65 ou máis anos.

No caso de España a porcentaxe actual de poboación de 65 ou máis anos é o 20,7% e as previsións para o ano 2039 son que acade o 26,5%.

Porcentaxe de poboación de 65 ou máis anos
Unidade: porcentaxe
Espazo 2025 2039
España 20,7 26,5
Galicia 26,9 33,1
A Coruña 26,3 32,2
Lugo 30,3 35,8
Ourense 32,3 37,0
Pontevedra 24,7 32,0
Fonte: IGE. Sistema de indicadores de lonxevidade (descarga da táboa).


Complementariamente, outros indicadores miden o peso do colectivo de persoas de 65 ou máis anos con respecto a outros grupos de poboación. Pódese salientar o Índice de envellecemento, que relaciona a poboación de 65 ou máis anos con respecto a cada 100 persoas menores de 20 anos. Mentres que en España este indicador toma valores en torno a 110 (112,7 no ano 2025), en Galicia acadou o valor de 176,7 no ano 2025.

As previsións apuntan a incrementos nos seguintes anos; en Galicia podería chegar a tomar valores superiores a 260 no ano 2039, é dicir, que podería haber máis de 260 persoas de 65 ou máis anos por cada 100 persoas menores de 20 anos.

                    Fonte: IGE Sistema de indicadores de lonxevidade (descarga da táboa).

 

Un indicador que mide a estrutura do colectivo de poboación de 65 ou máis anos é o índice de sobreenvellecemento, que calcula a porcentaxe que representa a poboación de 85 ou máis anos sobre o grupo de 65 ou máis anos; no ano 2025 tomou o valor de 18,3% en Galicia e de 15,4% en España. As previsións apuntan cara a un posible decrecemento deste indicador nos vindeiros anos, seguido de incrementos a partir de 2028, chegando en 2039 a valores superiores aos de 2025, tanto en Galicia (19,3%) como en España (16,2%).

                    Fonte: IGE. Sistema de indicadores de lonxevidade (descarga da táboa).


O Índice de dependencia senil mide o número de individuos de 65 ou máis anos que viven nun territorio por cada 100 persoas en idade potencialmente activa (de 15 a 64 anos). Este indicador en Galicia presenta un incremento continuo nos últimos anos e a previsión de que continúe así no futuro. Cómpre destacar que no caso das mulleres supera en 11,4 puntos ao dos homes en 2025, e que esta diferenza podería incrementarse ata os 14,1 puntos no ano 2039.

                    Fonte: IGE. Sistema de indicadores de lonxevidade (descarga da táboa).



3 Indicadores sociais e educativos

Neste apartado inclúense indicadores sobre as formas de convivencia das persoas de 65 ou máis anos, así como do seu nivel de formación.

No relativo ás formas de convivencia, a maioría dos galegos e galegas de 65 ou máis anos viven en fogares nos que todas as persoas son dese grupo de idade, segundo a Enquisa estrutural a fogares do IGE; no ano 2024 a porcentaxe de persoas nesta situación cifrouse no 60,4%, valor máximo da serie dispoñible.

                    Fonte: IGE. Enquisa estrutural a fogares (descarga da táboa).


Obsérvanse diferenzas entre as provincias galegas: en Ourense máis do 65% dos maiores de 65 anos viven en fogares con todos os seus membros nese grupo de idade, mentres que na provincia de Pontevedra esta porcentaxe está por debaixo do 57%. Con respecto ao ano 2001, as provincias onde máis aumentou foron a de Lugo, na que aumentou máis de 16 puntos porcentuais (pasou do 46,9% en 2001 ao 62,9% en 2024) e a da Coruña, na que aumentou máis de 15 puntos porcentuais (pasou do 45,7% en 2001 ao 61% en 2024).

                              Fonte: IGE. Enquisa estrutural a fogares (descarga da táboa).


A Enquisa estrutural a fogares do IGE clasifica os fogares compostos por persoas de 65 ou máis anos en unipersoais, parellas sen fillos e resto de fogares. Segundo os resultados desta enquisa para o ano 2024, o 49% dos case 281.000 fogares galegos compostos totalmente por persoas de 65 ou máis anos son unipersoais (137.619 fogares), o 45,8% son parellas sen fillos (128.669 fogares) e o 5,2% restante (14.631 fogares) son outros tipos de fogares .

                                              Fonte: IGE. Enquisa estrutural a fogares (descarga da táboa).


Tradicionalmente, a información sobre o estado civil da poboación era utilizada para analizar as formas de convivencia. Aínda que no conxunto da poboación deixou de ser o principal indicador de formación dos fogares, no caso das persoas de 65 ou máis anos aínda mantén ese papel. Neste colectivo o estado civil máis habitual é o de “persoa casada”; esta porcentaxe en 2025 situouse no 57,2% en Galicia e mesmo acada o 61% en España. O segundo estado civil máis habitual é o de “persoa viúva”; en Galicia supón o 29,6% da poboación de 65 ou máis anos e en España o 25%.

Distribución da poboación de 65 ou máis anos segundo o estado civil. Ano 2025
Unidade: porcentaxe

   

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa).


En canto ao nivel educativo alcanzado polas persoas de 65 ou máis anos, a porcentaxe de persoas sen estudos (denominados como “Analfabetos” na clasificación da Enquisa de poboación activa - EPA, fonte desta información) ou con estudos primarios en Galicia é menor que no total de España, practicamente a metade (1,3% en Galicia e 2,6% en España), mentres que é maior en Galicia a porcentaxe de poboación con estudos primarios (42,0% en Galicia e 40,5% en España) ou secundarios de primeira etapa (33,1% en Galicia e 24,3% en España). Nos niveis superiores é maior a porcentaxe de poboación en España que en Galicia: 4,3 puntos porcentuais máis na educación secundaria de segunda etapa e 4,8 puntos porcentuais máis na educación superior.

Distribución da poboación de 65 ou máis anos segundo o nivel de formación alcanzado. Ano 2025
Unidade: porcentaxe

   

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa).


4 Indicadores sanitarios

Outro apartado desta operación estatística inclúe indicadores relacionados coa saúde das persoas de 65 ou máis anos. En concreto, información sobre a estancia media hospitalaria, as causas de defunción e a esperanza de vida.

En primeiro lugar, da Encuesta de morbilidad hospitalaria do INE obtense a estancia hospitalaria media como o número medio de días que os pacientes permanecen ingresados no hospital. No ano 2024, no caso das persoas de 65 ou máis anos esta estancia é inferior en Galicia que en España, en todos os grupos de idade considerados. As persoas que teñen unha estadía máis longa en Galicia son as de 90 a 94 anos, que permanecen no hospital en promedio 9,9 días; no caso de España, son as persoas de 95 ou máis anos, con 10,7 días.

Estancia hospitalaria media de persoas de 65 ou máis anos. Ano 2024
Unidade: días
Idade Galicia España
De 65 a 74 anos 8,3 8,8
De 75 a 84 anos 8,6 9,4
De 85 a 89 anos 8,5 10,4
De 90 a 94 anos 9,9 10,5
De 95 anos e máis 7,9 10,7
Fonte: INE. Encuesta de morbilidad hospitalaria (descarga da táboa).

Por outra parte, a Estadística de defunciones según la causa de muerte do INE, que clasifica as defuncións segundo a Clasificación Internacional de Enfermidades (CIE) 10ª revisión, revela que, no ano 2024, as principais causas de defunción das persoas de 65 e máis anos en Galicia foron as enfermidades do sistema circulatorio (o 28,5%), seguida dos tumores (o 23,0%) e das enfermidades do sistema respiratorio (o 12,8%).

Porén, como sería de esperar, hai diferencias por xénero. No caso dos homes a principal causa de morte foron os tumores (o 28,9%), en segundo lugar as enfermidades do sistema circulatorio (o 26,6%) e en terceiro lugar as enfermidades do sistema respiratorio (o 13,6%). No caso das mulleres, a principal causa de defunción foron as enfermidades do sistema circulatorio (o 30,2%), seguidas dos tumores (o 17,8%) e os trastornos mentais e do comportamento (o 13,3%).

Defuncións de persoas de 65 ou máis anos segundo a causa. Galicia. Ano 2024
Unidade: porcentaxe
Causa Ambos sexos Homes Mulleres
I Enfermidades infecciosas e parasitarias 2,5 2,6 2,5
II Tumores 23,0 28,9 17,8
III Enfermidades do sangue, órganos hematopoiéticos e inmunidade 0,5 0,5 0,5
IV Enfermidades endocrinas, nutricionais e metabólicas 3,5 3,2 3,7
V Trastornos mentais e do comportamento 10,2 6,8 13,3
VI-VIII Enfermidades do sistema nervioso e dos órganos dos sentidos 5,7 5,0 6,4
IX Enfermidades do sistema circulatorio 28,5 26,6 30,2
X Enfermidades do sistema respiratorio 12,8 13,6 12,1
XI Enfermidades do sistema dixestivo 4,8 4,9 4,6
XII Enfermidades da pel e do tecido subcutáneo 0,5 0,4 0,7
XIII Enfermidades do sistema osteomuscular e do tecido conxuntivo 0,4 0,4 0,4
XIV Enfermidades do sistema xénitourinario 4,1 3,7 4,4
XV Embarazo, parto e puerperio 0,0 0,0
XVI Afeccións orixinadas no período perinatal 0,0 0,0 0,0
XVII Malformacións conxénitas, deformidades e anomalías cromosómicas 0,1 0,1 0,0
XVIII Síntomas, signos, achados anormais clínicos ou de laboratorio 0,4 0,4 0,4
XX Causas externas de mortalidade 3,0 3,2 2,9
Nota: (–) Non procede. Fonte: IGE. Sistema de indicadores de lonxevidade (descarga da táboa).


Tamén hai diferenzas nas causas das defuncións segundo a idade. Na comparativa das tres principais causas de defunción en 2024, nos individuos de 65 a 69 anos máis da metade débense a tumores, o 50,2%. Conforme avanza a idade, perde peso esta causa e aumentan as defuncións debidas ás enfermidades do sistema circulatorio e do sistema respiratorio. De feito, no conxunto de persoas de 85 ou máis anos, a principal causa de defunción son as enfermidades do sistema circulatorio.

Defuncións de persoas de 65 ou máis anos por grupo de idade e causa. Galicia. Ano 2024
Unidade: porcentaxe
Idade Tumores Enfermidades do sistema circulatorio Enfermidades do sistema respiratorio Outras causas
65 a 69 anos 50,2 19,1 7,3 23,4
70 a 74 anos 44,6 20,4 9,8 25,3
75 a 79 anos 36,6 22,2 11,0 30,2
80 a 84 anos 27,1 26,4 12,4 33,9
85 a 89 anos 18,3 30,1 12,8 38,8
90 a 94 anos 12,4 32,1 15,3 40,2
95 ou máis anos 8,2 36,2 14,7 40,9
Fonte: INE. Defunciones según la causa de muerte (descarga da táboa).


A partir da información das defuncións calcúlase a esperanza de vida a distintas idades. En concreto neste conxunto de indicadores inclúese a esperanza de vida aos 65 anos, que pode interpretarse como unha estimación do promedio de anos que lle quedaría por vivir a unha persoa desa idade, no caso de que as condicións de mortalidade se mantivesen constantes e semellantes ás do ano de referencia. Segundo os datos dos Indicadores demográficos do IGE, en Galicia situouse en 2024 nos 22,0 anos, 2,2 anos superior á esperanza de vida aos 65 anos do ano 2001, que era de 19,8 anos.

Existe unha fenda de xénero neste indicador, que permanece prácticamente constante no tempo, de aproximadamente 4 anos. Non sucede así no caso da esperanza de vida ao nacemento, indicador no que se reducíu a diferenza entre homes e mulleres nos últimos anos. Mentres que en 2001 a esperanza de vida aos 65 anos era de 17,5 anos nos homes e 21,6 nas mulleres, no ano 2024 cifrouse en 19,9 anos nos homes e 23,9 nas mulleres.

                                Fonte: IGE. Indicadores demográficos (descarga da táboa).


Ademais da esperanza de vida aos 65 anos, tamén se inclúe a esperanza de vida aos 80 anos, que en 2024 tomou o valor de 10,6 anos. Neste caso, a esperanza de vida feminina (11,4 anos) foi aproximadamente 2 anos superior á masculina (9,5 anos). En canto á evolución deste indicador desde 2001, o número de anos que lle quedan por vivir a unha persoa de 80 anos aumentou en torno a un ano e medio.

                                Fonte: IGE. Táboas de mortalidade (descarga da táboa).


5 Indicadores laborais e económicos

O derradeiro apartado do Sistema de indicadores de lonxevidade achega información acerca da actividade laboral e información económica das persoas de 65 ou máis anos.

Desde o punto de vista laboral, inclúese entre os indicadores o peso do colectivo de poboación de 65 ou máis anos no total de poboación activa, ocupada, parada ou inactiva.

Segundo os datos obtidos da EPA correspondentes ao ano 2025, do total da poboación activa en Galicia o 2,5% tiña 65 ou máis anos (en España, o 1,8%), mentres que do total de poboación inactiva en Galicia, o 62,4% tiña 65 ou máis anos (en España, o 56,0%).

Relación coa actividade económica. Porcentaxe que representa a poboación de 65 ou máis anos. Ano 2025
Unidade: porcentaxe
Actividade Galicia España
Activos 2,5 1,8
– Ocupados 2,7 1,9
– Parados 0,9 1,0
Inactivos 62,4 56,0
Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


Entre a poboación de 65 ou máis anos é maioritaria a poboación que recibe unha pensión. Segundo a información da Agencia Estatal de la Administración Tributaria (AEAT), desde o ano 2021, o número de pensionistas en Galicia de 66 ou máis anos supera as 600.000 persoas.

No ano 2024 contabilizáronse un total de 619.209 pensionistas de 66 ou máis anos (288.571 homes e 330.638 mulleres), un 1,2% máis que no ano anterior, no que había un total de 611.612 pensionistas.

                                Fonte: Agencia Estatal de la Administración Tributaria. Mercado de trabajo y pensiones
                                en las fuentes tributarias (descarga da táboa)).


En 2024 a pensión anual media galega foi superior no grupo de idade de 66 a 75 anos (20.564 euros en Galicia) á do grupo de 76 anos ou máis (16.424 euros en Galicia). Continúa a ser, como en anos anteriores, inferior en ambos os dous grupos con respecto ás do total de España.

Nesta variable tamén existe unha importante fenda de xénero: os homes galegos de 66 a 75 anos recibiron en 2024 unha pensión anual media superior en 5.354 euros á das mulleres (a diferenza no total de España foi de 5.449 euros). No caso das persoas de máis de 75 anos, a diferenza a favor dos homes foi de 4.838 euros en Galicia (6.116 euros no conxunto de España).

Importe medio anual das pensións. Ano 2024
Unidade: euros
Espazo Ambos sexos Homes Mulleres
De 66 a 75 anos
-España 22.548 25.107 19.658
-Galicia 20.564 23.153 17.799
Maior de 75 anos
-España 18.775 22.188 16.072
-Galicia 16.424 19.204 14.366
Fonte: Agencia Estatal de la Administración Tributaria. Mercado de trabajo y pensiones en las fuentes tributarias (descarga da táboa).


Segundo se pode comprobar na seguinte gráfica, o importe en euros da pensión media anual en Galicia aumentou nos últimos anos. No ano 2024 a pensión media en Galicia das persoas de 66 a 75 anos foi un 5% superior á de 2023; nas persoas de máis de 75 anos o incremento anual foi do 6,3%.

                                Fonte: Agencia Estatal de la Administración Tributaria. Mercado de trabajo y pensiones en las fuentes
                                tributarias (descarga da táboa).


6 Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos