ÍNDICE


Principais resultados


Introdución

A lonxevidade, entendida como a duración da vida do ser humano, incrementouse de forma espectacular durante todo o século XX e segue avanzando no século XXI. O envellecemento poboacional é un dos temas que máis preocupa en Galicia, unha das rexións máis envellecidas de España e Europa.

Con esta operación estatística o IGE presenta un conxunto de indicadores sobre os individuos de 65 ou máis anos que pretende ofrecer unha visión da situación actual deste colectivo.


Indicadores demográficos

A porcentaxe de poboación de 65 ou máis anos con respecto ao total de poboación de Galicia aumenta ano tras ano; na actualidade supera o 25% (o 26,6% no ano 2024), e as previsións apuntan a que se situará no 33,1% no ano 2039.

Porcentaxe de poboación de 65 ou máis anos
Unidade: porcentaxe
Espazo 2024 2039
España 20,4 26,5
Galicia 26,6 33,1
– A Coruña 26,0 32,2
– Lugo 30,1 35,8
– Ourense 32,1 37,0
– Pontevedra 24,3 32,0
Fonte: IGE. Sistema de indicadores de lonxevidade (descarga da táboa)


Un indicador utilizado para medir a evolución deste colectivo no tempo é o denominado Índice de envellecemento, que relaciona a poboación de 65 ou máis anos con respecto a cada 100 persoas menores de 20 anos; mentres que en España este indicador toma actualmente valores en torno a 110, en Galicia acadou o valor de 172,8 no ano 2024. As previsións apuntan a incrementos nos seguintes anos, chegando a tomar en Galicia valores superiores a 263 no ano 2039.

                    Fonte: IGE Sistema de indicadores de lonxevidade (descarga da táboa)

 

Outro indicador é o índice de sobreenvellecemento, que calcula a porcentaxe que representa a poboación de 85 ou máis anos sobre o grupo de 65 ou máis anos; no ano 2024 tomou o valor de 19,0 en Galicia e 16,1 en España. As previsións apuntan cara un posible decrecemento deste indicador nos vindeiros anos, seguido de incrementos a partir de 2029, chegando en 2039 a valores similares aos de 2024 (tanto en Galicia como en España).

                    Fonte: IGE. Sistema de indicadores de lonxevidade (descarga da táboa)


O Índice de dependencia senil mide o número de individuos de 65 ou máis anos que viven nun territorio por cada 100 persoas en idade potencialmente activa (de 15 a 64 anos). Este indicador en Galicia presenta un incremento continuo nos últimos anos e a previsión de que continúe así no futuro. Cómpre destacar que no caso das mulleres supera en 11,3 puntos ao dos homes en 2024, e que no ano 2039 esta diferenza podería incrementarse ata os 14,1 puntos.

Fonte: IGE. Sistema de indicadores de lonxevidade (descarga da táboa)



Indicadores sociais e educativos

Os galegos de 65 ou máis anos viven maioritariamente en fogares compostos unicamente por persoas dese grupo de idade; no ano 2023 a porcentaxe de galegos nesta situación cifrouse no 58,6%, valor máximo da serie dispoñible.

                              Fonte: IGE. Enquisa estrutural a fogares (descarga da táboa)


Hai diferenzas entre as provincias galegas: por exemplo, en Ourense máis do 64% dos maiores de 65 anos viven en fogares con todos os seus membros nese grupo de idade, mentres que na provincia de Pontevedra esta porcentaxe está por debaixo do 54%.

                              Fonte: IGE. Enquisa estrutural a fogares (descarga da táboa)


Por tipoloxía dos fogares galegos compostos por persoas de 65 ou máis anos, o 50,7% son unipersoais e o 44,2% son parellas sen fillos no ano 2023.

                                              Fonte: IGE. Enquisa estrutural a fogares (descarga da táboa)


O estado civil máis habitual das persoas de 65 ou máis anos é o de “persoa casada”; esta porcentaxe aproxímase ao 57% en Galicia e mesmo supera o 60% en España.

Distribución da poboación de 65 ou máis anos segundo o estado civil. Ano 2024
Unidade: porcentaxe

   

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


En canto ao nivel educativo alcanzado polas persoas de 65 ou máis anos, en Galicia é menor que no total de España a porcentaxe de persoas sen estudos (denominados como “Analfabetos” na clasificación da Enquisa de poboación activa (EPA), fonte desta información) ou con estudos primarios, mentres que é maior en Galicia a porcentaxe de poboación con estudos secundarios (1ª ou 2ª etapa).

Distribución da poboación de 65 ou máis anos segundo o nivel de formación alcanzado. Ano 2024
Unidade: porcentaxe

   

Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


Indicadores sanitarios

As principais causas de defunción das persoas de 65 e máis anos en Galicia, segundo a Clasificación Internacional de Enfermidades (CIE) 10ª revisión, son as enfermidades do sistema circulatorio e os tumores.

Defuncións de persoas de 65 ou máis anos segundo a causa. Galicia. Ano 2023
Unidade: porcentaxe
Causa Ambos sexos Homes Mulleres
I Enfermidades infecciosas e parasitarias 3,3 3,3 3,3
II Tumores 23,4 29,6 17,8
III Enfermidades do sangue, órganos hematopoiéticos e inmunidade 0,5 0,4 0,5
IV Enfermidades endocrinas, nutricionais e metabólicas 3,4 3,2 3,7
V Trastornos mentais e do comportamento 8,7 5,9 11,2
VI-VIII Enfermidades do sistema nervioso e dos órganos dos sentidos 4,9 4,0 5,8
IX Enfermidades do sistema circulatorio 27,9 26,0 29,6
X Enfermidades do sistema respiratorio 12,2 12,9 11,5
XI Enfermidades do sistema dixestivo 4,9 5,2 4,7
XII Enfermidades da pel e do tecido subcutáneo 0,5 0,4 0,7
XIII Enfermidades do sistema osteomuscular e do tecido conxuntivo 0,8 0,5 1,0
XIV Enfermidades do sistema xénitourinario 3,8 3,3 4,2
XV Embarazo, parto e puerperio 0,0 0,0
XVI Afeccións orixinadas no período perinatal 0,0 0,0 0,0
XVII Malformacións conxénitas, deformidades e anomalías cromosómicas 0,1 0,1 0,1
XVIII Síntomas, signos, achados anormais clínicos ou de laboratorio 2,3 1,6 3,0
XX Causas externas de mortalidade 3,3 3,7 2,9
Nota: (–) Non procede. Fonte: IGE. Sistema de indicadores de lonxevidade (descarga da táboa)


Por grupos de idade, nos individuos menores de 85 anos os tumores teñen maior incidencia nas defuncións que as enfermidades do sistema circulatorio, mentres que nas persoas de 85 e máis anos son máis frecuentes estas últimas.

Defuncións de persoas de 65 ou máis anos por grupo de idade e causa. Galicia. Ano 2023
Unidade: porcentaxe
Idade Tumores Enfermidades do sistema circulatorio Outras causas
65 a 69 anos 49,0 20,4 30,8
70 a 74 anos 44,9 19,6 35,4
75 a 79 anos 38,0 21,6 40,6
80 a 84 anos 28,7 25,1 46,4
85 a 89 anos 18,6 29,3 52,1
90 a 94 anos 12,6 31,8 55,7
95 ou máis anos 7,5 36,0 56,5
Fonte: INE. Defunciones según la causa de muerte (descarga da táboa)

A estancia hospitalaria media das persoas de 65 ou máis anos é inferior en Galicia con respecto ao total de España en todos os grupos de idade considerados.

Estancia hospitalaria media de persoas de 65 ou máis anos. Ano 2023
Unidade: días
Idade España Galicia
De 65 a 74 anos 9,1 9,0
De 75 a 84 anos 9,8 9,0
De 85 a 89 anos 10,8 8,9
De 90 a 94 anos 10,7 8,6
De 95 anos e máis 10,7 8,2
Fonte: INE. Encuesta de morbilidad hospitalaria (descarga da táboa)


A esperanza de vida aos 65 anos en Galicia situouse en 2023 nos 22,2 anos. Enténdese a “esperanza de vida” como unha estimación do promedio de anos que lle queda por vivir a unha persoa de 65 anos, no caso de que as condicións de mortalidade se mantivesen constantes e semellantes ás do ano de referencia.


                                Evolución da esperanza de vida aos 65 anos por sexo. Galicia
                                Unidade: anos

                                Fonte: IGE. Indicadores demográficos (descarga da táboa)


Indicadores laborais e económicos

O 2,2% da poboación activa galega pertencía no ano 2024 ao grupo de idade de 65 ou máis anos (en España, o 1,6%), segundo os datos extraídos da EPA. Por outra parte, o colectivo de persoas de 65 ou máis anos inactivas representa o 61,7% do total de persoas inactivas en Galicia.

Porcentaxe que representa a poboación de 65 ou máis anos, segundo a relación coa actividade económica. Galicia. Ano 2023
Unidade: porcentaxe
Actividade Ambos sexos Homes Mulleres
Activos 2,2 2,1 2,3
– Ocupados 2,4 2,3 2,5
– Parados 0,8 0,9 0,7
Inactivos 61,7 61,0 62,2
Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


O número de pensionistas en Galicia de 66 ou máis anos supera as 600.000 persoas desde o ano 2021, segundo a información da Agencia Estatal de la Administración Tributaria (AEAT).

                                Fonte: Agencia Estatal de la Administración Tributaria. Mercado de trabajo y pensiones
                                en las fuentes tributarias (descarga da táboa)


A pensión anual media galega é superior no grupo de idade de 66 a 75 anos (19.590 euros en Galicia) á do grupo de 76 anos ou máis (15.444 euros en Galicia). Continúa a ser, como en anos anteriores, inferior en ambos os dous grupos con respecto ás do total de España, segundo a información relativa ao ano 2023.

Importe medio anual das pensións. Ano 2023
Unidade: euros
Espazo Ambos sexos Homes Mulleres
De 66 a 75 anos
– España 21.589 24.141 18.665
– Galicia 19.590 22.172 16.798
Maior de 75 anos
– España 17.666 20.926 15.105
– Galicia 15.444 18.058 13.528
Fonte: Agencia Estatal de la Administración Tributaria. Mercado de trabajo y pensiones en las fuentes tributarias (descarga da táboa)


No ano 2023 a pensión media en Galicia das persoas de 66 a 75 anos foi un 8,1% superior á de 2022; nas persoas de máis de 75 anos o incremento foi do 9,9%.

                                Fonte: Agencia Estatal de la Administración Tributaria. Mercado de trabajo y pensiones en las fuentes
                                tributarias (descarga da táboa)


 

Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos