ÍNDICE


Principais resultados

1 Introdución

O Instituto Galego de Estatística (IGE) elabora por segundo ano a actividade estatística Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia (SUGA), co obxectivo de ofrecer información sobre a súa incorporación ao mercado laboral.

Para iso empréganse os datos de matrícula facilitados polas Universidades galegas —Santiago de Compostela (USC), A Coruña (UDC) e Vigo (UVigo)— e a información sobre emprego e desemprego da Base de Datos Sociodemográfica do IGE.

O estudo abrangue só as persoas tituladas nas universidades do SUGA que residen ou traballan en Galicia. Estudarase a súa situación en relación coa actividade rexistrada cun período de seguimento de ata tres anos desde o momento de egreso, tomando como referencia o último día hábil do período de seguimento. A poboación afiliada refírese ás persoas en alta laboral na Seguridade Social ou na Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís (MUFACE), non inclúe aquelas persoas que exercen a súa profesión e están afiliadas a unha mutualidade do seu colexio profesional.

Os datos desta edición teñen como novidade que se estuda tamén a afiliación no resto de España (dos residentes en Galicia). Neste resumo preséntanse os datos correspondentes ao curso 2021-2022 (ano 2022) por dispor dunha ventá máis ampla, tres anos, para ver a súa relación coa actividade rexistrada.

2 Contexto

No curso que remata no ano 2022 tituláronse en Galicia 11.936 persoas. Delas, arredor do 40 % obtiveron o título na USC, o 32,7 % na UVigo e o 27,4 % na UDC. Neste traballo analízanse unicamente as persoas tituladas que residen ou traballan en Galicia, que no ano 2022 son 11.242 persoas, o que representa o 94,2 % do total de persoas tituladas.

Titulados no SUGA. Curso 2021-2022

Unidade: Persoas
Total UDC USC UVigo
Total 11.936 3.265 4.763 3.908
Egresados que non forman parte do estudo 694 181 312 201
Egresados que forman parte do estudo 11.242 3.084 4.451 3.707

Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia

A distribución dos titulados do SUGA que forman parte do estudo amosa unha clara concentración na rama de Ciencias Sociais e Xurídicas, que reúne preto da metade do total de titulados en ambos os dous cursos analizados. A continuación sitúanse Ciencias da Saúde e Enxeñería e Arquitectura, con arredor de dous mil titulados cada unha. As ramas de Ciencias e de Artes e Humanidades presentan unha menor representación, cun volume que rolda o milleiro de persoas tituladas en cada caso.

Titulados no SUGA que forman parte do estudo segundo rama de coñecemento. Curso 2021-2022

Unidade: Persoas
Rama de coñecemento Curso 2021-2022
Total 11.242
Artes e Humanidades 956
Ciencias 1.132
Ciencias da Saúde 1.872
Ciencias Sociais e Xurídicas 5.366
Enxeñería e Arquitectura 1.916

Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia

3 Persoas egresadas do SUGA segundo a súa relación coa actividade rexistrada

No seguinte gráfico móstrase a relación coa actividade rexistrada das persoas tituladas no SUGA en 2022. Un ano despois de rematar os estudos, o 57,08% estaba traballando, o 4,26% estaba inscrito como parado e o 16,46% continuaba estudando. O 22,2% restante encontrábase noutra situación, por exemplo, seguindo algún tipo de formación non regrada, preparando unha oposición, afiliada a unha mutualidade de colexios profesionais…

Tres anos despois, a situación mellora: o 70,45% xa está traballando, a porcentaxe de persoas paradas mantense case igual (4,08%), o número de persoas que seguen estudando baixa ata o 5,9% e as persoas noutra situación baixan ata o 19,57%.

Distribución das persoas egresadas segundo a súa relación coa actividade rexistrada. Ano de egreso 2022
Unidade: Porcentaxe

Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia (descarga da táboa).

Nos seguintes gráficos amósase a situación das persoas tituladas no SUGA no ano 2022 ao longo do período de seguimento, diferenciando entre grao e máster.

No caso das persoas tituladas nun grao, ao ano de rematar os estudos a maioría xa está traballando (52,99%) ou continúa estudando (20,97%). Tres anos despois, a situación cambia de forma clara: a porcentaxe de persoas traballando sobe ata case o 70%, mentres que a de estudantes baixa ata o 6,65%.

Para as persoas tituladas nun máster, as porcentaxes son máis estables ao longo do tempo. A proporción de persoas traballando aumenta do 64,86% ao 71,46%, mentres que a porcentaxe de estudantes diminúe lixeiramente, pasando do 7% ao 4,77%.

Distribución das persoas egresadas segundo a súa relación coa actividade rexistrada e nivel de estudos. Ano de egreso 2022
Unidade: Porcentaxe

Grao

  

Máster

Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia (descarga da táboa).

Os gráficos seguintes amosan a situación en relación coa actividade rexistrada das persoas egresadas no SUGA no ano 2022, segundo a rama de coñecemento, comparando a situación un ano e tres anos despois do egreso. Pódese observar que a inserción laboral mellora claramente co paso do tempo, independentemente da rama de coñecemento. Un ano despois do egreso, unha parte importante das persoas tituladas xa está traballando, aínda que en ramas como Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas destaca unha maior presenza de persoas que continúan estudando. Pola contra, en Ciencias da Saúde e Enxeñería e Arquitectura a incorporación ao emprego é máis rápida, 75,05% e 71,35% xa traballan ao ano de titularse.

Tres anos despois do egreso, a situación é máis homoxénea entre ramas: a maioría das persoas tituladas está traballando, a porcentaxe de estudantes redúcese de forma notable e o desemprego mantense en niveis baixos e estables. As ramas de Ciencias de Saúde e Enxeñería e Arquitectura seguen destacando pola sua maior proporción de egresados traballando: 81,52% e 81,21%, respectivamente

Distribución das persoas egresadas segundo a súa relación coa actividade rexistrada e a rama de coñecemento. Ano de egreso 2022
Unidade: Porcentaxe

Un ano despois do egreso

  

Tres anos despois do egreso

Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia (descarga da táboa).

Centramos agora a análise unicamente nas persoas que teñen unha vinculación co mercado laboral rexistrado, aquelas que nos gráficos anteriores figuran como afiliadas ou inscritas como paradas rexistradas. Obsérvase que, tanto un ano como tres anos despois do egreso, a gran maioría destas persoas está afiliada (93,05%), mentres que a porcentaxe de persoas en paro rexistrado é reducida en todas as ramas.

Un ano despois do egreso, a afiliación é especialmente elevada en Ciencias da Saúde (97,1%) e Enxeñería e Arquitectura (97,36%), mentres que en Artes e Humanidades (84,36%) e Ciencias Sociais e Xurídicas (90,59%) a proporción de persoas paradas é lixeiramente maior, aínda que segue a ser minoritaria.

Tres anos despois do egreso, a situación mellora en todas as ramas de coñecemento: a porcentaxe de persoas afiliadas aumenta e a de persoas paradas redúcese ou mantense en niveis moi baixos, reducindo tamén as diferenzas entre ramas.

Distribución das persoas egresadas con vinculación co mercado laboral rexistrado segundo a rama de coñecemento. Ano de egreso 2022
Unidade: Porcentaxe

Un ano despois do egreso

  

Tres anos despois do egreso

Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia (descarga da táboa).

4 Persoas egresadas do SUGA segundo as características da inserción

Este apartado describe as características dos postos de traballo das persoas tituladas que traballaron nalgún momento durante o período analizado. Se nos fixamos no tipo de traballo das persoas tituladas no ano 2022, pódese observar que só o 6,15% dos titulados que están traballando aos tres anos do egreso realiza unha actividade por conta propia, primando nos dous cursos estudados o traballo por conta allea.


Persoas egresadas e inseridas no mercado laboral segundo se traballan por conta allea ou por conta propia. Ano de egreso 2022

Unidade: Persoas

Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia (descarga da táboa)

Nota: Os datos dun ano correspóndense cos do curso académico que remata nese ano


Se se considera o emprego obtido ao ano e aos tres anos de egresar das persoas tituladas no ano 2022, obsérvase que o 46,03% e o 56,78% delas encontrábase traballando cun contrato de carácter indefinido.


Persoas egresadas e inseridas no mercado laboral segundo o tipo de contrato. Ano de egreso 2022

Unidade: Persoas

Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia

Nota: O dato de tipo de contrato non ven gravado para os réximes de afiliación correspondentes ao emprego por conta propia (réximes 0521, 0140, 0161 e 0825); nestes casos, a persoa categorízase en “Non procede”. A categoría “Colectivo especial” fai referencia a grupos de traballadores e traballadoras por conta allea onde tampouco procede cubrir este campo, como é o caso do persoal funcionario.(descarga da táboa). Os datos dun ano correspóndense cos do curso académico que remata nese ano


A seguinte táboa mostra a distribución das persoas egresadas e afiliadas, segundo o grupo de cotización da Seguridade Social. Os postos que requiren titulación universitaria sitúanse nos grupos de cotización 1 e 2. Entre as persoas tituladas en Galicia no ano 2022 que traballan un ano despois, o 49,52% ocupan postos deses dous grupos. Tres anos despois da titulación esta porcentaxe sobe ata o 56,39%.


Persoas egresadas do SUGA e inseridas no mercado laboral por período de seguimento e grupo de cotización. Ano de egreso 2022

Unidade: Porcentaxe
Grupo de cotización Ano de egreso +1. Xuño Ano de egreso +3. Xuño
Total 100,00 100,00
1 Enxeñeiros e licenciados. Persoal de alta dirección 28,38 34,94
2 Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados 21,15 21,45
3-5 Xefes administrativos e de taller, axudantes non titulados, oficiais administrativos 16,58 18,12
6-11 Axudantes non titulados, oficiais administrativos, subalternos e auxiliares administrativos, etc. 29,19 19,34
Non procede 4,71 6,15

Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia

Nota: O grupo de cotización non ven gravado para os réximes de afiliación correspondentes ao emprego por conta propia (réximes 0521, 0140, 0161 e 0825); nestes casos, a persoa categorízase en “Non procede”. (descarga da táboa). Os datos dun ano correspóndense cos do curso académico que remata nese ano


Tendo en conta as bases de cotización das persoas tituladas do ano 2022 que traballan e cotizan ao Réxime Xeral, destacan claramente dúas ramas: Ciencias da Saúde e Enxeñería e Arquitectura. Tres anos despois do egreso, as súas bases medias son de 2.651,6€ e 2.516,5€, respectivamente, un 22,01% e 15,79% por riba da media galega (2.173,3€).


Base de cotización media das persoas egresadas do SUGA e inseridas no mercado laboral por curso académico de egreso, período de seguimento e rama de coñecemento. Ano de egreso 2022

Unidade: Euros/mes
Rama de coñecemento Ano de egreso +1. Xuño Ano de egreso +3. Xuño
Total 1.749,9 2.173,3
Artes e Humanidades 1.348,5 1.826,8
Ciencias 1.619,5 2.002,6
Ciencias da Saúde 2.281,6 2.651,6
Ciencias Sociais e Xurídicas 1.440,6 1.908,6
Enxeñería e Arquitectura 1.982,8 2.516,5

Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia

Nota: Só se contabiliza a base de cotización das persoas egresadas que cotizan ao Réxime Xeral da Seguridade Social. No cálculo da base media de cotización contabilízanse as bases mensuais de todas as afiliacións ao Réxime Xeral nas que a persoa egresada estivo en alta laboral ao longo do mes de seguimento. (descarga da táboa). Os datos dun ano correspóndense cos do curso académico que remata nese ano

5 Metodoloxía, definicións, fontes e máis información

Metodoloxía

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia