ÍNDICE


Introdución

O Instituto Galego de Estatística (IGE) elabora por primeira vez a actividade estatística Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia. O obxectivo desta estatística é ofrecer información relativa á inserción laboral das persoas egresadas do Sistema Universitario público de Galicia (SUGA). Para obter esta información, empréganse os datos de matrícula dos e das estudantes, proporcionados polas Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo (USC, UDC e UVIGO), xunto coa información sobre emprego e desemprego dispoñible na Base de Datos Sociodemográfica, elaborada polo IGE.

A estatística abrangue as persoas que titulan no curso académico considerado nunha das universidades públicas do SUGA, se ben só se poderá estudar a inserción laboral das persoas que figuren nos rexistros administrativos que fan referencia ao mercado laboral galego (ficheiro mensual de altas e baixas de afiliacións á Seguridade Social, ficheiro mensual de demandantes de emprego inscritos nas oficinas do Servizo Galego de Emprego e ficheiros trimestrais de mutualistas pertencentes á “Mutualidad General de Funcionarios Civiles del Estado” (MUFACE), este último con datos a partir do ano 2021); polo tanto, só se vai estudar a inserción laboral en Galicia, isto é, a busca de emprego en Galicia.

Os datos desta edición fan referencia ás persoas tituladas nos cursos 2019-2020 e 2020-2021. Referirémenos ao curso 2019-2020 como ano 2020 e ao curso 2020-2021 como o ano 2021. O periodo de seguimento empeza no ano de egreso e continúa ata catro anos despois. Os datos están referidos ao último día hábil do período de seguimento.


Taxas de inserción laboral en Galicia das persoas tituladas no Sistema Universitario Público de Galicia (SUGA)

No ano 2021 tituláronse 12.467 persoas no SUGA. A taxa de inserción das persoas tituladas un ano despois de egresar (en xuño do ano 2022) foi do 46,12% e tres anos despois de titularse foi do 56,93%.


Taxa de inserción laboral en Galicia para as persoas tituladas nos anos 2020 e 2021

Unidade: Porcentaxe
Período de seguimento 2020 2021
Ano de egreso. Xuño 23,64 28,43
Ano de egreso. Decembro 37,21 40,95
Ano de egreso +1. Xuño 43,39 46,12
Ano de egreso +1. Decembro 48,58 52,00
Ano de egreso +2. Xuño 51,41 53,86
Ano de egreso +3. Xuño 57,21 56,93
Ano de egreso +4. Xuño 59,06 ..

                       Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia (descarga da táboa) Nota: Os datos dun ano correspóndense cos do curso académico que remata nese ano


Se se observan as persoas tituladas nos anos 2020 e 2021 pódese ver que as taxas de inserción laboral das persoas tituladas no ano 2021 son maiores que as das persoas tituladas no ano 2020 ata tres anos despois do egreso, último período de estudo dispoñible para as persoas egresadas no ano 2021, no que as taxas son semellantes. Ademais, a taxa de inserción laboral das persoas tituladas no ano 2021 ao ano seguinte ao da titulación aumentou 2,73 puntos con respecto á taxa de inserción das persoas egresadas no ano 2020.


                       Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia (descarga da táboa) Nota: Os datos dun ano correspóndense cos do curso académico que remata nese ano

Por ámbito de estudo, para as persoas egresadas no ano 2021, as taxas de inserción laboral son maiores no ámbito da Informática e da Saúde e servizos sociais, tanto un ano despois do egreso como aos tres anos do mesmo. Ao terceiro ano de egreso a taxa de inserción laboral das persoas tituladas no ámbito da Informática é de 67,4% e para as persoas tituladas no ámbito da Saúde e servizos sociais sitúase en 66,2%.
O ámbito da Educación é o que presenta unha maior diferenza entre a taxa de inserción ao primeiro ano e ao terceiro ano do egreso, pasando do 40,1% ao 61,0%, 21 puntos de ascenso en dous anos.


                       Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia (descarga da táboa) Nota: Os datos dun ano correspóndense cos do curso académico que remata nese ano

O estudo das taxas de inserción laboral das persoas egresadas no ano 2021 segundo o nivel académico amosa que no momento do egreso, xuño do ano 2021, a taxa de inserción laboral das persoas egresadas nun doutorado xa é do 48,69% mentres que nas persoas egresadas nun grao é do 23%. Pola contra, aos tres anos do egreso a taxa de inserción laboral das persoas egresadas nun grao é superior á das persoas egresadas nun doutorado, 56,33% e 54,08% respectivamente. A maior taxa de inserción laboral aos tres anos do egreso corresponde as persoas tituladas nun máster, cunha porcentaxe do 59%.


                       Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia (descarga da táboa) Nota: Os datos dun ano correspóndense cos do curso académico que remata nese ano



Persoas egresadas do SUGA segundo a situación laboral en Galicia

Ao clasificar as persoas egresadas no SUGA no ano 2021 segundo a súa situación laboral en Galicia, obsérvase que a porcentaxe de persoas afiliadas un ano despois do egreso foi do 46,12% e aos tres anos sobe ata o 56,93%. Atendendo ao xénero, as porcentaxes de ocupación son maiores nas mulleres, tanto un ano despois do egreso (46,75% de ocupación nas mulleres fronte ao 45,19% no caso dos homes) como tres anos despois do mesmo (58,55% de ocupación nas mulleres fronte ao 54,53% no caso dos homes). Con respecto ás persoas paradas rexistradas, apréciase que a porcentaxe descende de 5,29% ao primeiro ano de egreso a 4,55% ao terceiro ano do egreso.


  

                       Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia (descarga da táboa) Nota: Os datos dun ano correspóndense cos do curso académico que remata nese ano

Persoas egresadas do SUGA segundo as características da inserción en Galicia

Se nos fixamos no tipo de traballo das persoas tituladas no ano 2021, pódese observar que só o 7,62% dos titulados que están traballando aos tres anos do egreso realiza unha actividade por conta propia, primando nos dous cursos estudados o traballo por conta allea.


Distribución de persoas egresadas e inseridas no mercado laboral galego segundo se traballan por conta allea ou por conta propia. Ano de egreso 2021

Unidade: Persoas

                       Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia (descarga da táboa) Nota: Os datos dun ano correspóndense cos do curso académico que remata nese ano


Se se considera o emprego obtido aos tres anos de egresar polas persoas tituladas nos anos 2020 e 2021, obsérvase que o 52,83% e o 54,60% delas encontrábase traballando cun contrato de carácter indefinido.


Distribución de persoas egresadas e inseridas no mercado laboral galego segundo o tipo de contrato. Anos de egreso 2020 e 2021

Unidade: Persoas

Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia

O dato de tipo de contrato non ven gravado para os réximes de afiliación correspondentes ao emprego por conta propia (réximes 0521, 0140, 0161 e 0825); nestes casos, a persoa categorízase en “Non procede”. A categoría “Colectivo especial” fai referencia a grupos de traballadores e traballadoras por conta allea onde tampouco procede cubrir este campo, como é o caso do persoal funcionario.(descarga da táboa). Os datos dun ano correspóndense cos do curso académico que remata nese ano


Na táboa seguinte amósase a adecuación entre o nivel de estudos acadado e a inserción laboral da persoa (as persoas que dispoñen dun título universitario e desempeñan un emprego acorde a este nivel de estudos, deben figurar inscritas nos grupos de cotización 01 ou 02 da Seguridade Social). Para as persoas tituladas en Galicia no ano 2021 pódese observar que o 47,48% das que se atopan traballando un ano despois teñen un posto de traballo do grupo de cotización 01 ou 02; esta porcentaxe increméntase ata o 53,84% aos 3 anos de titularse.


Distribución das persoas egresadas do SUGA e inseridas no mercado laboral galego por período de seguimento e grupo de cotización. Ano de egreso 2021

Unidade: Porcentaxe
Grupo de cotización Ano de egreso +1. Xuño Ano de egreso +3. Xuño
Total 100,00 100,00
1 Enxeñeiros e licenciados. Persoal de alta dirección 27,32 31,99
2 Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados 20,16 21,85
3-5 Xefes administrativos e de taller, axudantes non titulados, oficiais administrativos 14,87 17,56
6-11 Axudantes non titulados, oficiais administrativos, subalternos e auxiliares administrativos, etc. 31,20 20,98
Non procede 6,45 7,62

Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia

O grupo de cotización non ven gravado para os réximes de afiliación correspondentes ao emprego por conta propia (réximes 0521, 0140, 0161 e 0825); nestes casos, a persoa categorízase en “Non procede”. (descarga da táboa). Os datos dun ano correspóndense cos do curso académico que remata nese ano


Centrarémonos agora nas bases de cotización mensuais obtidas polas persoas tituladas que están traballando en Galicia e cotizaban ao Réxime Xeral da Seguridade Social. As persoas egresadas en Ciencias da Saúde, Enxeñería e Arquitectura son as que teñen unha maior inserción laboral e ademais teñen unhas bases de cotización máis altas. Así, se nos fixamos nas persoas tituladas do ano 2021, aos tres anos de titularse as persoas egresadas de Ciencias da Saúde teñen unha base media de cotización mensual de 2.610,5€ e as de Enxeñería e Arquitectura de 2.408,0€, un 25,48% e 15,75% superiores á media de Galicia, que se sitúa en 2.080,4€.


Base de cotización media das persoas egresadas do SUGA e inseridas no mercado laboral galego por curso académico de egreso, período de seguimento e rama de coñecemento. Ano de egreso 2021

Unidade: Euros/mes
Rama de coñecemento Ano de egreso +1. Xuño Ano de egreso +3. Xuño
Total 1.612,1 2.080,4
Artes e Humanidades 1.237,0 1.610,4
Ciencias 1.554,8 1.910,9
Ciencias da Saúde 2.101,6 2.610,5
Ciencias Sociais e Xurídicas 1.330,5 1.836,3
Enxeñería e Arquitectura 1.796,4 2.408,0

Fonte: IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia

Só se contabiliza a base de cotización das persoas egresadas que cotizan ao Réxime Xeral da Seguridade Social. No cálculo da base media de cotización contabilízanse as bases mensuais de todas as afiliacións ao Réxime Xeral nas que a persoa egresada estivo en alta laboral ao longo do mes de seguimento. (descarga da táboa). Os datos dun ano correspóndense cos do curso académico que remata nese ano


Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

IGE. Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia