Introdución

A Enquisa estrutural a fogares (EEF) é unha actividade estatística anual dirixida aos fogares galegos co obxecto de obter información sobre as súas características socioeconómicas. Consta de dúas partes: unha primeira de carácter xeral que se repite todos os anos, deseñada para recoller información sobre variables básicas, e unha segunda de carácter específico.

No ano 2023 un dos módulos específicos ten por finalidade recoller información sobre as persoas que se autoclasifican en situación de dependencia e o tipo de apoio que declaran necesitar para a realización de determinadas actividades, así como das persoas que coidan, de forma non remunerada, persoas en situación de dependencia (sexan do seu propio fogar ou non).

É a cuarta ocasión na que o módulo específico da EEF se dedica ao estudo da dependencia en Galicia. As anteriores edicións deste estudo tiveron lugar nos anos 2007, 2011 e 2017.


Persoas con dependencia

No ano 2023 había 111.929 persoas que se declararon en situación de dependencia en Galicia, un -5,04% menos que en 2017. Comparando esta cifra coa poboación de Galicia obtense que o 4,19% das persoas tiveron dependencia en 2023. A indicencia é menor nos homes que nas mulleres. Ademais, e como era de esperar, a incidencia aumenta a medida que se incrementa a idade da poboación.


Persoas con dependencia segundo o sexo. Galicia
Unidade: incidencia (%)

Sexo 2007 2011 2017 2023
Total 3,72 3,45 4,40 4,19
Home 2,92 2,48 3,63 3,18
Muller 4,46 4,36 5,11 5,13

Fonte: IGE (descarga da táboa)


Persoas con dependencia segundo a idade. Galicia
Unidade: incidencia (%)

Idade 2007 2011 2017 2023
Total 3,72 3,45 4,40 4,19
Menos de 50 anos 0,66 0,83 0,97 1,12
De 50 a 64 anos 2,04 1,58 2,14 1,83
De 65 a 74 anos 5,53 3,61 4,49 2,91
De 75 ou máis anos 21,96 19,21 22,90 20,57

Fonte: IGE (descarga da táboa)


As zonas de Galicia con maior porcentaxe de persoas con dependencia son Lugo sur e a Área da Costa da morte. A primeira comprende as comarcas de Chantada, Quiroga e Terra de Lemos; nesta zona o 7,19% da súa poboación ten dependencia. Na Área da Costa da morte (comarcas de Bergantiños, Fisterra, Muros, Terra de Soneira e Xallas) o 6,99% da poboación ten dependencia.

O 42,57% da poboación con problemas de dependencia en Galicia ten unha dependencia moderada, o 26,12% un grao de dependencia severo e no 31,31% dos casos pode catalogarse como gran dependencia.


Persoas con dependencia. Áreas. Ano 2023
Unidade: incidencia (%)

Fonte: IGE (descarga da táboa)


Persoas con dependencia segundo o seu grao de dependencia. Galicia. Ano 2023
Unidade: porcentaxe (%)

Nota: o grao de dependencia constrúese a partir do grao de apoio que precisa a persoa con dependencia en cada unha das actividades básicas da vida diaria (ver metodoloxía).

Fonte: IGE (descarga da táboa)


O 62,54% das persoas con dependencia sinalan que a súa causa é a enfermidade; o 63,60% a idade. No 11,16% dos casos a dependencia orixínase no nacemento e no 6,34% a causa hai que buscala nun accidente.


Persoas con dependencia segundo as causas da súa dependencia. Galicia. Ano 2023
Unidade: incidencia (%)

Causas 2023
Nacemento 11,16
Accidente 6,34
Enfermidade 62,54
Idade 63,60

Nota: unha persoa con dependencia pode ter varias causas de dependencia.

Fonte: IGE (descarga da táboa)


Das 96.057 persoas con dependencia en Galicia no 2023 que responderon a esta pregunta, o 22,49% precisaba de 3 a 6 horas diarias de coidados (unhas 21.602 persoas). Outro 26,74% (25.685 persoas) precisaba de 7 a 12 horas diarias de coidados.


Persoas con dependencia segundo o número de horas que necesitan coidados. Galicia. Ano 2023
Unidade: número de persoas, porcentaxe (%)

Horas Número Porcentaxe
Total 96.057 100,00
Ata 2 horas diarias 13.042 13,58
De 3 a 6 horas diarias 21.602 22,49
De 7 a 12 horas diarias 25.685 26,74
De 13 a 17 horas diarias 17.256 17,96
18 ou máis horas diarias 18.473 19,23

Fonte: IGE (descarga da táboa)


Ademais, unhas 7.890 persoas con dependencia en Galicia recibiron menos horas de coidados das que precisaban no último ano para o que dispoñemos de información (2023). Isto supón o 7,05% da poboación con problemas de dependencia no ano considerado.


Persoas con dependencia que reciben menos horas de coidados das que necesitan. Galicia
Unidade: número de persoas, incidencia (%)

Medidas 2011 2017 2023
Incidencia 4,02 3,60 7,05
Número 3.788 4.248 7.890

Fonte: IGE (descarga da táboa)


As actividades cotiás para as que un maior número de persoas con dependencia precisa apoio son ocuparse das tarefas do fogar, ocuparse das compras e controlar os subministros e servizos e usar o transporte público. En todas elas, a porcentaxe de persoas con dependencia que precisa asistencia supera o 90%.


Persoas con dependencia segundo precisen apoio para a realización das seguintes actividades. Galicia. Ano 2023
Unidade: porcentaxe (%)

Nota: Actividade 1: administrar e controlar as súas medicinas
Actividade 2: asearse e lavarse
Actividade 3: cambiar as posicións do corpo (dunha cadeira a outra, dunha cama a unha cadeira)
Actividade 4: comer e beber
Actividade 5: controlar as necesidades e usar só o baño
Actividade 6: desprazarse dentro do fogar
Actividade 7: desprazarse fóra do fogar
Actividade 8: evitar perigos dentro do fogar (esquecer o lume prendido…)
Actividade 9: evitar perigos fóra do fogar (cruzar a rúa só…)
Actividade 10: levantarse, deitarse e permanecer de pé ou sentado
Actividade 11: ocuparse das compras e controlar os subministros e servizos
Actividade 12: ocuparse das tarefas do fogar
Actividade 13: outros coidados persoais (cortar as uñas, lavar os dentes…)
Actividade 14: pedir axuda ante unha urxencia (chamar por teléfono…)
Actividade 15: relacionarse con outras persoas
Actividade 16: usar e xestionar os cartos
Actividade 17: usar o transporte público
Actividade 18: vestirse

Fonte: IGE (descarga da táboa)


O 40,90% das persoas con dependencia que reciben coidados son atendidas por membros do fogar no que viven; no 36,93% dos casos comparten a tarefa os membros do fogar con persoas de fóra do fogar; e no resto de casos (22,17%) é coidada por membros de fóra do fogar exclusivamente.

Con respecto á edición anterior na que se realizou a enquisa (2017), diminuíu a porcentaxe de persoas con dependencia que son coidadas só por membros do fogar (-5,82 puntos porcentuais); aumentou, pola contra, a porcentaxe de persoas que reciben coidados exclusivamente de persoas alleas ao fogar (3,55 puntos), así como a porcentaxe de persoas con dependencia atendidas tanto por coidadores/as do fogar como de fóra del (2,27 puntos).


Persoas con dependencia que reciben coidados por tipoloxía dos coidadores. Galicia
Unidade: porcentaxe (%)

Tipoloxía do coidador 2017 2023
Total 100,00 100,00
Só membros do fogar 46,72 40,90
Membros do fogar e persoas de fóra do fogar 34,66 36,93
  Membros do fogar e persoas non remuneradas 12,76 13,27
  Membros do fogar e persoas remuneradas 5,83 6,66
  Membros do fogar e servizos sociais 8,50 8,45
  Membros do fogar e outros 7,56 8,55
Só persoas de fóra do fogar 18,62 22,17
  Só persoas non remuneradas de fóra do fogar 6,99 8,54
  Só persoas remuneradas de fóra do fogar 1,76 3,32
  Só outras persoas de fóra do fogar 9,87 10,31

Fonte: IGE (descarga da táboa)


En Galicia hai uns 101.268 fogares con persoas con dependencia. No 68,70% dos casos o coidado das persoas con dependencia supón un gasto para o fogar. No 86,4% dos fogares con gasto é o propio fogar o que debe asumir a totalidade deste.


Fogares que teñen persoas con dependencia segundo se os coidados supoñen ou non un gasto para o fogar. Galicia
Unidade: número de fogares, porcentaxe (%)

Ano 2023
Tipoloxía do fogar Número Porcentaxe
Total 101.268 100,00
Supoñen gasto 69.574 68,70
  • O fogar asume a totalidade dos gastos
60.115 59,36
  • O fogar ten axuda para custear os gastos
9.458 9,34
Non supoñen gasto 31.695 31,30

Fonte: IGE (descarga da táboa)


Persoas coidadoras

En 2023 en Galicia unhas 137.513 persoas realizan tarefas de coidado de persoas con dependencia. Esta cifra diminuíu en -7.026 persoas entre 2017 e 2023 (un -4,86% en termos relativos).

A incidencia é maior entre o sexo feminino que entre o masculino: o 65,6% das persoas coidadoras son mulleres fronte ao 34,4% dos homes. Por idades, o grupo máis numeroso é o de 45 a 64 anos: o 53,95% dos/as coidadores/as teñen unha idade comprendida entre estes dous límites.


Coidadores/as de persoas con dependencia segundo o sexo. Galicia
Unidade: porcentaxe (%)

Sexo 2007 2011 2017 2023
Total 100,00 100,00 100,00 100,0
Home 27,73 31,01 37,24 34,4
Muller 72,27 68,99 62,76 65,6

Fonte: IGE (descarga da táboa)


Coidadores/as de persoas con dependencia segundo a idade. Galicia
Unidade: porcentaxe (%)

Idade 2007 2011 2017 2023
Total 100,00 100,00 100,00 100,00
Menos de 30 anos 4,52 4,85 3,33 4,55
De 30 a 44 anos 22,09 18,96 15,18 12,86
De 45 a 64 anos 50,23 49,18 50,87 53,95
De 65 a 74 anos 13,99 16,87 17,96 17,58
De 75 ou máis anos 9,17 10,14 12,65 11,06

Fonte: IGE (descarga da táboa)


O 73,93% dos coidadores/as de Galicia atenden a persoas con dependencia do seu propio fogar.

O 32,88% das persoas que coidan a membros do seu fogar dedican 70 ou máis horas á semana a esta tarefa; o 32,93% dedican de 30 a 69 horas semanais; o 17,83%, de 15 a 29 horas semanais; e o 16,36%, menos de 15 horas á semana. Se nos fixamos agora nas persoas que se dedican ao coidado de persoas con dependencia de fóra do seu fogar, a distribución cambia considerablemente: así, o 52,18% destas persoas dedican menos de 15 horas semanais a labores de coidado; pola contra, o grupo de 70 ou máis horas semanais é o menos numeroso neste caso (o 4,34% dos coidadores/as de persoas con dependencia de fóra do fogar).


Coidadores/as de persoas con dependencia segundo sexan membros do seu fogar ou non. Galicia
Unidade: porcentaxe (%)

Fonte: IGE (descarga da táboa)


Coidadores/as de persoas con dependencia por número de horas que lles dedican ao coidado segundo sexan membros do seu fogar ou non. Galicia. Ano 2023
Unidade: porcentaxe (%)

Horas Coida a membros do fogar Non coida a membros do fogar Total
Total 100,00 100,00 100,00
Menos de 15 horas semanais 16,36 52,18 25,69
De 15 a 29 horas semanais 17,83 21,56 18,80
De 30 a 69 horas semanais 32,93 21,92 30,06
70 ou máis horas semanais 32,88 4,34 25,44

Fonte: IGE (descarga da táboa)


O 37,26% dos coidadores e das coidadoras de persoas con dependencia de Galicia atópanse con dificultades nesta labor de coidado por faltarlles forza física; o 27% afirma que as dificultades se deben a que a persoa con dependencia non colabora; o 25,89% ten dúbidas sobre como sería a mellor maneira de afrontar esta labor de coidado e o 24,44% recoñece precisar máis formación da que ten.

O 78,67% da poboación galega que se dedica a labores de coidado de persoas con dependencia tivo que reducir o seu tempo de ocio e as súas relación sociais ao comezar a desempeñar as ditas tarefas de coidado; o 41,04% suprimiu tempo dedicado ao traballo doméstico; no 24,44% dos casos viuse afectado o traballo remunerado ou os estudos da persoa coidadora e no 57,51% a súa vida familiar.


Coidadores/as de persoas con dependencia que se atopan con dificultades ou dúbidas nalgunha das tarefas derivadas do coidado. Galicia. Ano 2023
Unidade: incidencia (%)

Nota: Dificultade 1: dificultades por faltarlle forza física
Dificultade 2: dificultades porque a persoa con dependencia non colabora
Dificultade 3: dúbidas sobre como sería a mellor maneira de facelo
Dificultade 4: precisa máis formación especializada da que ten

Fonte: IGE (descarga da táboa)


Actividades ou relacións que os/as coidadores/as de persoas con dependencia tiveron que suprimir ou reducir. Galicia. Ano 2023
Unidade: incidencia (%)

Nota: Actividade 1: actividades de ocio ou relacións sociais
Actividade 2: traballo doméstico
Actividade 3: traballo remunerado ou estudos
Actividade 4: vida familiar

Fonte: IGE (descarga da táboa)



Definicións e máis información

Definicións

Máis información

Persoas con dependencia

Persoas coidadoras