ÍNDICE


Principais resultados

1 Introdución

A Enquisa estrutural a fogares (EEF) é unha operación estatística anual dirixida aos fogares galegos co obxecto de obter información sobre as súas características socioeconómicas. O cuestionario consta de dúas partes: unha primeira de carácter xeral que se repite todos os anos, deseñada para recoller información sobre variables básicas, e unha segunda de carácter específico.

O módulo específico de 2024 está dedicado ao estudo do capital social. Este módulo, que xa se realizou nos anos 2014 e 2019, ten como obxectivo coñecer o nivel de benestar da poboación galega. As compoñentes que se investigan son: a satisfacción das persoas con diversos aspectos da vida, as súas relacións persoais, o seu estado de saúde e estado emocional, a seguridade, a solidariedade e comportamento cidadá, a confianza que teñen tanto en persoas coma en institucións e vivenda.

Para a elaboración dos resultados seleccionáronse a 9.216 fogares, enquisando a 19.309 persoas de 16 ou máis anos. A recollida de información realizouse no 2º trimestre de 2024.

2 Satisfacción xeral

En 2024, a valoración que a poboación galega fai do grao de satisfacción coa súa vida na actualidade sitúase en 7,31 puntos, nunha escala que oscila de 0 (nada satisfeito/a) ata 10 (plenamente satisfeito/a). Ademais, o 73,71% desta poboación puntúa a súa satisfacción coa vida actual en 7 ou máis puntos.

Considerando a desagregación espacial, Lugo Oriental (A Fonsagrada, Os Ancares e Sarria) é a área que ten á poboación máis satisfeita coa súa vida, cunha media de 7,73 puntos, seguida da área de Ourense Sur (comarcas da Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana), con 7,69. Pola contra, as áreas coa media máis baixa son Ferrol-Eume-Ortegal, con 7,08 puntos, e Pontevedra Sur (A Paradanta, O Baixo Miño e O Condado), con 7,00 puntos.

Grao de satisfacción coa súa vida na actualidade. Áreas. Ano 2024

Unidade: Nivel medio