Principais resultados

1 Introdución

Mediante esta operación estatística, o IGE publica a distribución da poboación de Galicia segundo diversas características nunha malla regular formada por cuadrículas de 1 km2 que cobren todo o territorio de Galicia. As cuadrículas están codificadas cun sistema estándar que segue as directrices europeas da Directiva INSPIRE e foron xeradas polo Instituto de Estudos do Territorio (IET).

Nesta malla regular represéntase a poboación de Galicia segundo diversas características sociodemográficas: sexo, idade, lugar de nacemento, afiliado á Seguridade Social, parado, contratado, pensionista… Con esta información ponse en relación a poboación co territorio, grazas á fusión de rexistros administrativos dispoñibles no IGE que foron xeorreferenciados, partindo da localización da dirección postal onde reside cada un dos habitantes de Galicia.

Para non vulnerar o segredo estatístico, só se vai difundir información das cuadrículas de 1 km2 que conten cunha poboación superior a 20 persoas. Nas celas que cumpren o criterio do tamaño poboacional, censuráronse tamén as cuadrículas que teñen menos de 5 habitantes con algunha das características sociodemográficas estudadas e que serven para clasificar a poboación, así como todas aquelas necesarias para evitar a dedución de datos censurados.

A data de referencia da poboación é o 1 de xaneiro do ano 2024 e a data de referencia da poboación afiliada ou pensionista da Seguridade Social é o 31 de decembro de 2024 . Para o cálculo dos datos do ano 2024 emprégase a suma dos datos mensuais, no caso dos contratos, e a media no caso das demandas de emprego. Os datos son provisionais.

2 Contexto espacial

Das 30.776 celas de 1 km2 nas que se divide o territorio galego, 11.777 non teñen poboación en 2024 (o 38,3% do total de cuadrículas) e 8.631 celas (o 28,0%) teñen menos de 21 habitantes. Polo tanto, o 61,7% das cuadrículas de Galicia están habitadas, unha cifra moi superior ao 21,8% de España en 2021, e máis próxima ao 43,8% de Portugal para o mesmo ano (datos de Eurostat). Debido ao segredo estatístico, só se ofrecerán datos das cuadrículas que superen os 20 habitantes, o que reduce a análise a 10.368 celas de 1 km2, o 33,7% do total e o 97,1% da poboación galega. Isto implica que o 97,1% da poboación de Galicia reside no 33,7% da superficie de Galicia, o que supón un alto grao de concentración da poboación no territorio.

Aínda que as cuadrículas cuxa poboación oscila entre os 21 e 49 habitantes representan o 15,4% da superficie galega e o 45,6% das celas do estudo, concentran a só o 5,7% da poboación total de Galicia. No extremo oposto atópanse as celas máis poboadas, con a 10.000 habitantes ou máis: en 2024 só hai 36 cuadrículas deste tipo (o 0,3% das consideradas no estudo), nas que habita habita o 22,0% da poboación galega.

En 2024, 35 destas 36 cuadrículas con maior poboación sitúanse nalgún dos sete grandes concellos de Galicia. Se ampliamos o límite a 5.000 habitantes, das 80 cuadrículas que o superaron, 59 tamén se atopan nunha gran cidade.

Clasificación das cuadrículas de 1 km2 en función da poboación. Ano 2024
Unidade: Número de cuadrículas, poboación e porcentaxe sobre o total
Intervalo Número cuadrículas 1km2 % cuadrículas totais % cuadrículas estudo Poboación % poboación total % poboación estudo
Total 30.776 100,0 2.705.833 100,0
0 habitantes 11.777 38,3 0 0,0
De 1 a 20 habitantes 8.631 28,0 79.756 2,9
De 21 a 49 habitantes 4.726 15,4 45,6 154.118 5,7 5,9
De 50 a 99 habitantes 2.515 8,2 24,3 174.747 6,5 6,7
De 100 a 499 habitantes 2.417 7,9 23,3 507.020 18,7 19,3
De 500 a 999 habitantes 324 1,1 3,1 224.934 8,3 8,6
De 1.000 a 2.499 habitantes 218 0,7 2,1 349.277 12,9 13,3
De 2.500 a 4.999 habitantes 88 0,3 0,8 315.165 11,6 12,0
De 5.000 a 9.999 habitantes 44 0,1 0,4 305.009 11,3 11,6
De 10.000 ou máis habitantes 36 0,1 0,3 595.807 22,0 22,7
Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1 km2.
Nota: As cuadrículas de estudo comprenden ás cuadrículas de 1 km2 que conten cunha poboación superior a 20 persoas.

O mapa seguinte amosa a distribución da poboación polo territorio; as cores azuis escuras corresponden ás celas de 1 km2 con maior densidade de poboación. Apréciase unha clara concentración da habitabilidade nos sete grandes concellos galegos, isto é, aqueles que superan os 50.000 habitantes (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo), así como na contorna destas grandes cidades. As Rías Altas e as Rías Baixas tamén aparecen coloreadas en azul no mapa, así como as celas correspondentes ao interior dalgúns núcleos importantes de poboación, como Verín, Monforte de Lemos ou O Barco de Valdeorras.

No mapa tamén aparecen pintadas en cores intensas as cuadrículas que bordean ou se sitúan sobre vías de comunicación de gran capacidade, como é o caso da AP-9, que conecta as cidades da Coruña, Santiago e Vigo; a A-52, que conecta Ourense con Vigo ou a AP-53, que une os concellos de Santiago e Ourense. Polo tanto, pódese concluír que unha parte importante da poboación galega concéntrase na contorna das grandes cidades ou ben, próxima a redes de comunicación que conectan estes grandes núcleos.


Distribución da poboación de Galicia en celas de 1 km2. Ano 2024

Unidade: Persoas Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1 km2.

3 Características da poboación

No apartado anterior comprobouse que a distribución da poboación polo territorio de Galicia non é homoxénea, senón que esta tende a concentrarse en determinadas zonas. Obsérvanse as mesmas dinámicas de concentración se se ten en conta a idade das persoas.

Nos mapas seguintes contrapóñense a distribución dos menores de 16 anos fronte á dos maiores de 64 anos. As cuadrículas de 1 km2 con maior porcentaxe de poboación nova atópanse na contorna dos sete grandes concellos de Galicia, ao longo do corredor atlántico (a AP-9) e no litoral das Rías Baixas (non así no litoral da Costa da Morte, onde predominan as cores mais claras, que indican unha porcentaxe de poboación menor de 16 anos baixa). Pola contra, as cuadrículas con maiores porcentaxes de persoas maiores de 64 anos atópanse dispersas polo interior das provincias de Lugo, Ourense e A Coruña.

Porcentaxe de poboación menor de 16 anos. Ano 2024

Unidade: Porcentaxe Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1 km2.


Porcentaxe de poboación maior de 64 anos. Ano 2024

Unidade: Porcentaxe Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1 km2.

4 Afiliación á Seguridade Social

A distribución da poboación afiliada polo territorio galego é moi similar á distribución da poboación que se analizou no apartado anterior: naquelas cuadrículas con maior volume de poboación é tamén onde hai un maior número de traballadores e traballadoras afiliadas ao Sistema.

Nos seguintes mapas represéntase o peso de cada sector de actividade, agricultura e pesca, industria, construción e servizos, nas cuadrículas de 1 km2 consideradas no estudo.

O sector primario ocupa ao 4,7% das persoas afiliadas ao Sistema da Seguridade Social en Galicia. O peso deste sector nas cuadrículas de 1 km2 está moi polarizada: ou o seu peso é reducido, inferior ao 3% das afiliacións totais, ou relativamente elevado, superior ao 10% de afiliacións, o dobre da media galega. De feito, no mapa de abaixo predominan as cores azul máis claro (correspondentes ao primeiro intervalo, cun peso que vai de 0 a 3%) e azul intensa (cuarto intervalo, cunha representación que supera o 10%).

Porcentaxe de afiliacións na agricultura e pesca sobre o total de afiliacións. Ano 2024

Unidade: Porcentaxe Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1 km2.

O 13,7% das afiliacións á Seguridade Social en Galicia no 2024 están vinculadas a algunha rama da industria. A porcentaxe de persoas que traballan neste sector presenta valores máis altos na contorna das sete grandes cidades, en particular na de Vigo, A Coruña e Ourense. Pero as cuadrículas en cores máis intensas non se corresponden co centro desas cidades, senón que se atopan na contorna das mesmas, preto de grandes polígonos industriais. Tamén neste caso se observa, asemade, unha maior porcentaxe de persoas con actividade na industria ao longo do corredor atlántico e tamén preto das vías que comunican Santiago-Ourense e Vigo-Ourense.

Porcentaxe de afiliacións na industria sobre o total de afiliacións. Ano 2024

Unidade: Porcentaxe Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1 km2.

O sector da construción ocupa ao 7,4% das persoas que traballan e residen en Galicia. Neste caso non se observa un patrón claro do peso das afiliacións nesta actividade polo territorio. En ningunha zona este sector está sobre-representado en relación á media galega, agás na Costa da Morte e na Ría de Pontevedra, onde hai bastantes celas en cor azul intenso, o que indica que nestas cuadrículas a construción supón máis do 15% das afiliacións totais, máis do dobre da media de Galicia.

Porcentaxe de afiliacións na construción sobre o total de afiliacións. Ano 2024

Unidade: Porcentaxe Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1 km2.

Por último, o sector servizos que, é o que ocupa a un maior número de persoas, non só en Galicia, senón tamén no resto de España e de Europa. Na Comunidade Autónoma galega o 73,6% das afiliacións están vinculadas ao sector servizos. Agora ben, o peso de este sector destaca especialmente nas cidades da Coruña, Santiago e Lugo e, concretamente, nas cuadrículas correspondentes ao interior das mesmas, nas que as afiliacións no sector servizos supera o 85% das afiliacións totais.

Porcentaxe de afiliacións nos servizos sobre o total de afiliacións. Ano 2024

Unidade: Porcentaxe Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1 km2.

Na seguinte táboa de abaixo amósase un resumo da distribución polo territorio galego das afiliacións á Seguridade Social, clasificadas segundo o sector de actividade. A táboa clasifica as cuadrículas en catro intervalos, en función de que o peso do sector sexa inferior ao 25% das afiliacións totais, estea entre o 25 e o 50%, entre o 50 e o 75% ou sexa superior a este último valor.

O sector con maior peso é, como xa se comentou, o que corresponde á prestación de servizos: no 57,3% das cuadrículas de 1 km2 o sector servizos ten un peso comprendido entre o 50 e o 75% e no 22,8% supérase este valor. No 82,4% das celas o sector primario (agricultura e pesca) non supera o 25% das afiliacións totais. No 83,5% das celas de 1 km2 a industria ten un peso inferior ao 25% das afiliacións, no 15,5% o seu peso atópase entre o 25% e o 50% e só no 1% das cuadrículas se supera esta porcentaxe.

Resumo da distribución polo territorio galego das afiliacións á Seguridade Social, clasificadas segundo o sector de actividade. Ano 2024
Unidade: Porcentaxe sobre o total (cuadrículas con máis de 20 persoas)
Sector Cuadrículas con peso <25% Cuadrículas con peso >=25% e <50% Cuadrículas con peso >=50% e <75% Cuadrículas con peso >=75%
Agricultura e pesca 82,4 13,5 3,8 0,3
Industria 83,5 15,5 0,9 0,1
Construción 93,2 6,3 0,4 0,1
Servizos 2,3 17,4 57,3 22,8
Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1 km2

5 Contratos rexistrados

Neste apartado reflíctense os contratos rexistrados na comunidade autónoma de persoas residentes, agás os que se rexistran en categorías especiais (discapacidade, risco durante o embarazo, penados en institucións penais ou vítimas de violencia de xénero).

No ano 2024, rexistrouse a lo menos un contrato no 94,9% das celas estudadas (celas cunha poboación superior aos 20 habitantes) e só o 8,9% destas celas rexistran 100 ou máis contratos neste ano. Non obstante, estas últimas celas concentran o 78,3% dos contratos rexistrados en Galicia.

No mapa seguinte móstrase a distribución dos contratos polo territorio de Galicia. Se se compara este mapa co da distribución da poboación apréciase que é similar; é dicir, naquelas cuadrículas con maior volume de poboación é tamén onde se rexistran un maior número de contratos.


Número de contratos rexistrados. Ano 2024

Unidade: Número Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1 km2.

6 Paro rexistrado

A información deste apartado refírese a demandantes de emprego inscritos nas oficinas do Servizo Galego de Emprego e residentes na Comunidade autónoma que non se atopan dentro das categorías especiais (discapacidade, risco durante o embarazo, penados en institucións penais ou vítimas de violencia de xénero).

Estudaremos, dentro do colectivo de demandantes de emprego que se atopan en alta, os que están parados, que denominamos paro rexistrado. E calcúlase a dato anual como media dos datos mensuais en cada cela de 1 km2.

No mapa seguinte amósase a distribución do paro rexistrado, este distribúense nas celas de 1 km2 de xeito análogo á poboación. O 1,9% das celas ten unha media de paro rexistrado superior ás 100 persoas. Estas celas localízanse nos núcleos máis poboados, e representan a maior porcentaxe de parados cun 53,3% do total de parados medios. Pola contra, o 55,0% das celas estudadas rexistran unha media anual de paro rexistrado de entre 1 e 5 persoas, e nestas celas rexístranse o 11,5% dos parados rexistrados.

Paro rexistrado. Ano 2024

Unidade: Número Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1 km2.

7 Pensións da Seguridade Social

A información que se presenta neste apartado é a relativa ao colectivo de titulares de pensións contributivas do sistema da Seguridade Social residentes na Comunidade Autónoma de Galicia a 31 de decembro de 2024. Inclúense as seguintes clases de prestacións: xubilación, xubilación procedente de incapacidade, viuvez, orfandade e a favor de familiares.

O mapa inferior amosa a porcentaxe de poboación que recibe unha pensión da Seguridade Social sobre a poboación total da cuadrícula. Obsérvase como este mapa é similar ao da porcentaxe de poboación maior de 64 anos, as cuadrículas con maiores porcentaxes de poboación que recibe unha pensión da Seguridade Social atópanse espalladas principalmente polo interior das provincias de Lugo, Ourense e A Coruña.


Porcentaxe de pensionistas sobre a poboación total. Ano 2024

Unidade: Porcentaxe Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1 km2.

As celas donde o peso dos pensionistas é menor, concentran sin embargo máis da metade dos pensionistas de Galicia. É ademáis nesas cuadrículas donde cobran un importe medio máis alto.

Hai un 9,3% de celas donde os pensionistas representan o 50% ou máis da súa poboación.

Clasificación das cuadrículas de 1 km2 en función da porcentaxe de pensionistas sobre o total da poboación. Ano 2024
Unidade: Porcentaxe sobre o total de cuadrículas, porcentaxe de pensionistas, e importe medio (cuadrículas con máis de 20 persoas)
Tipo de cuadrícula Porcentaxe de cuadrículas Porcentaxe de Pensionistas Importe medio
Cuadrículas con menos do 25% de pensionistas 17,4 51,8 1.215,0
Cuadriculas con máis ou igual ao 25% e menos do 30% de pensionistas 17,8 19,6 1.132,0
Cuadriculas con máis ou igual ao 30% e menos do 50% de pensionistas 55,6 25,7 1.025,6
Cuadrículas co 50% ou máis de pensionistas 9,3 2,9 959,4
Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1 km2

8 Metodoloxía, definicións, fontes e máis información

Metodoloxía

Definicións

Descarga de datos