Mediante esta operación estatística, o IGE publica a distribución da poboación de Galicia segundo diversas características nunha malla regular formada por cuadrículas de 1 km2 que cobren todo o territorio de Galicia. As cuadrículas están codificadas cun sistema estándar que segue as directrices europeas da Directiva INSPIRE e foron xeradas polo Instituto de Estudos do Territorio (IET).
Nesta malla regular represéntase unha aproximación da poboación de Galicia segundo diversas características sociodemográficas: sexo, idade, lugar de nacemento, afiliado á Seguridade Social, parado, contratado, pensionista… Con esta información ponse en relación a poboación co territorio, grazas á fusión de rexistros administrativos dispoñibles no IGE que foron xeorreferenciados, partindo da localización da dirección postal onde reside cada un dos habitantes de Galicia.
A maior desagregación espacial da información permite un coñecemento máis exhaustivo do comportamento dos patróns das distintas variables no territorio e con isto preténdese achegar unha mellora na toma de decisións por parte dos axentes públicos e privados. Esta información pode ser útil na toma de decisións en cuestións relacionadas coa poboación que se ve afectada polo risco de inundación, co grao de accesibilidade da poboación ao centro de saúde máis próximo, coa pobación de menores asignada a un centro educativo …
Para non vulnerar o segredo estatístico, só se vai difundir información das cuadrículas de 1km2 que conten cunha poboación superior a 20 persoas. Nas celas que cumpren o criterio do tamaño poboacional, censuráronse tamén as cuadrículas que teñen menos de 5 habitantes con algunha das características sociodemográficas estudadas e que serven para clasificar a poboación, así como todas aquelas necesarias para evitar a dedución de datos censurados.
A data de referencia da poboación é o 1 de xaneiro do ano 2023 e a data de referencia da poboación afiliada ou pensionista da Seguridade Social é o 31 de decembro de 2023. A data de referencia dos contratos rexistrados e as demandas de emprego é o último día do mes, para o cálculo dos datos do ano 2023 emprégase a suma dos datos mensuais no caso dos contratos e a media no caso das demandas de emprego. Os datos son provisionais.
Das 30.776 celas de 1km2 nas que se divide o territorio galego, 11.776 non contan con poboación en 2023 (o 38,3% do total de cuadrículas) e 8.535 celas (o 27,7%) teñen menos de 21 habitantes. Polo tanto, o 61,7% das cuadrículas de Galicia teñen poboación, dato moi superior ao de España que para o ano 2021 se situou no 21,8% e máis próximo ao de Portugal, cun 43,8% para o mesmo ano (datos de Eurostat). Posto que nesta actividade o segredo estatístico se fixa en 20 persoas, só se vai achegar información das cuadrículas que superen esta cifra de poboación, o que restrinxe a análise a 10.465 celas, que supoñen o 34% das celas totais e o 96,9% da poboación de Galicia. Isto implica que o 96,9% dos galegos e das galegas reside no 34% da superficie de Galicia, o que supón un alto grao de concentración da poboación no territorio.
No mapa da dereita amósase a distribución da poboación polo territorio; as cores vermellas corresponden ás celas de 1km2 con maior densidade de poboación. Apréciase unha clara concentración da habitabilidade nos sete grandes concellos galegos, isto é, aqueles que superan os 50.000 habitantes empadroados (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo), así como na contorna destas grandes cidades. As Rías Altas e as Rías Baixas tamén aparecen coloreadas en vermello no mapa, así como as celas correspondentes ao interior dalgúns núcleos importantes de poboación, como Verín, Monforte de Lemos ou O Barco de Valdeorras.
No mapa tamén aparecen pintadas en cores intensas as cuadrículas que bordean ou se sitúan sobre vías de comunicación de gran capacidade, como é o caso da AP-9, que conecta as cidades da Coruña, Santiago e Vigo; a A-52, que conecta Ourense con Vigo ou a AP-53, que une os concellos de Santiago e Ourense. Polo tanto, pódese concluír que unha parte importante da poboación galega concéntrase na contorna das grandes cidades ou ben, próxima a redes de comunicación que conectan estes grandes núcleos.
De feito, aínda que as cuadrículas cuxa poboación oscila entre os 21 e 49 habitantes representan o 15,4% da superficie galega e o 45,4% das celas do estudo, aglutinan a só o 5,7% da poboación total de Galicia. No outro extremo atópanse as celas máis poboadas, cunha poboación igual ou superior a 10.000 habitantes; en 2023 só hai 35 cuadrículas que superen ou igualen este limiar (o 0,3% das celas consideradas no estudo), pero nelas habita o 21,5% da poboación galega.
Distribución da poboación de Galicia en celas de 1km2. Ano
2023
Persoas
Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1km2
En 2023, 34 das 35 cuadrículas con maior poboación atópanse nun dos sete grandes concellos de Galicia. Se ampliamos o rango de poboación a considerar, das 80 cuadrículas con 5.000 ou máis habitantes, 59 atópanse nunha gran cidade.
Clasificación das cuadrículas de 1km2 en función da poboación.
Ano 2023
Número de cuadrículas, poboación e porcentaxe
sobre o total (%)
| Intervalo | Número cuadrículas 1km2 | % cuadrículas totais | % cuadrículas estudo | Poboación | % poboación total | % poboación estudo |
|---|---|---|---|---|---|---|
| Total | 30.776 | 100,0 | – | 2.699.424 | 100,0 | – |
| 0 habitantes | 11.776 | 38,3 | – | 0 | 0,0 | – |
| De 1 a 20 habitantes | 8.535 | 27,7 | – | 82.640 | 3,1 | – |
| De 21 a 49 habitantes | 4.751 | 15,4 | 45,4 | 154.617 | 5,7 | 5,9 |
| De 50 a 99 habitantes | 2.573 | 8,4 | 24,6 | 178.830 | 6,6 | 6,8 |
| De 100 a 499 habitantes | 2.434 | 7,9 | 23,3 | 510.048 | 18,9 | 19,5 |
| De 500 a 999 habitantes | 321 | 1,0 | 3,1 | 222.776 | 8,3 | 8,5 |
| De 1.000 a 2.499 habitantes | 218 | 0,7 | 2,1 | 346.213 | 12,8 | 13,2 |
| De 2.500 a 4.999 habitantes | 88 | 0,3 | 0,8 | 311.303 | 11,5 | 11,9 |
| De 5.000 a 9.999 habitantes | 45 | 0,1 | 0,4 | 312.515 | 11,6 | 11,9 |
| De 10.000 ou máis habitantes | 35 | 0,1 | 0,3 | 580.482 | 21,5 | 22,2 |
Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1km2
No apartado anterior comprobouse que a distribución da poboación polo territorio de Galicia non é homoxénea, senón que esta tende a concentrarse en determinadas zonas. Obsérvanse as mesmas dinámicas de concentración se se ten en conta o sexo ou a idade das persoas. Para elo, clasifícase a poboación de cada cuadrícula de 1km2 en función das súas características persoais (sexo, grupo de idade, nacionalidade, lugar de nacemento, etc.) e calcúlanse unha serie de ratios, indicadores e porcentaxes que permitan medir estes aspectos.
Para analizar a distribución territorial da poboación en función do seu sexo pódese empregar o ratio de feminidade, que expresa o peso relativo do colectivo de mulleres en relacion ao de homes. Cando o seu valor é igual a 100 implica que ambas poboacións están equiparadas en canto a número de efectivos; se está por debaixo de 100, hai máis homes que mulleres e, se está por riba de 100, que hai máis mulleres que homes na cuadrícula considerada. No ano 2023 o 53,5% das celas presentan un ratio de feminidade por riba de 100 (isto é, nelas residen máis mulleres que homes), fronte ao 39,7% das celas cun ratio inferior a 100.
Clasificación das cuadrículas de 1km2 en función do ratio de
feminidade da poboación. Ano 2023
Número de cuadrículas,
porcentaxe sobre o total (cuadrículas con máis de 20 persoas) (%)
| Intervalo | Celas | Porcentaxe |
|---|---|---|
| Total | 10.465 | 100,0 |
| Menor de 50% | 50 | 0,5 |
| Entre 50 e 99,9% | 4.106 | 39,2 |
| Igual a 100% | 708 | 6,8 |
| Entre 100,1 e 150% | 5.211 | 49,8 |
| Máis de 150% | 390 | 3,7 |
Fonte: IGE. Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1km2
Para analizar a distribución por grupos de idade da poboación galega contamos con varios indicadores: a porcentaxe de cada grupo no total, o índice de envellecemento e a idade media da poboación.
Nos mapas de abaixo contrapóñense a distribución dos menores de 16 anos fronte á dos maiores de 64 anos e, no mapa da dereita, amósase o índice de envellecemento das cuadrículas de 1km2; este indicador calcúlase dividindo o colectivo de poboación de 65 ou máis anos entre o colectivo de menores de 20 e multiplícase por 100 para expresalo en porcentaxe.
As cuadrículas de 1km2 con maior porcentaxe de poboación nova atópanse na contorna dos sete grandes concellos de Galicia, ao longo do corredor atlántico (a AP-9) e no litoral das Rías Baixas e Altas (non así no litoral da Costa da Morte, onde predominan as cores amarelas, que indican unha porcentaxe de poboación menor de 16 anos baixa). Pola contra, as cuadrículas con maiores concentracións de persoas maiores de 64 anos atópanse dispersas polo interior das provincias de Lugo, Ourense e A Coruña.
Ambos os dous mapas reflicten realidades opostas: a Galicia “nova”, de cor vermella no mapa da esquerda, fronte á Galicia “envellecida”, de cor vermella no mapa da dereita. Dado que os intervalos empregados en cada mapa difiren, posto que reflicten a distribución de cada unha das dúas variables consideradas, para completar a comparativa destas dúas realidades faise preciso achegar algún dato sobre o volume de superficie do territorio galego que se atopan en cada unha das dúas divisións establecidas, a Galicia “nova” e a “envellecida”.
Índice de envellecemento. Ano 2023
Porcentaxe
(%)