ÍNDICE


Principais resultados

1 Introdución

As Contas económicas anuais son unha estatística de síntese de carácter estrutural. O seu obxectivo é ofrecer ao usuario unha representación cuantificada, completa, sistemática, sinxela e detallada da realidade económica galega.

Ofrece información do cadro macroeconómico de Galicia desde o ano 1995 e información desagregada para 72 sectores económicos. Dentro das súas utilidades están:

Esta operación estatística segue as liñas metodolóxicas establecidas na Unión Europea polo Regulamento do Sistema Europeo de Contas (SEC 2010).

2 Descomposición do produto interior bruto de Galicia

No ano 2023, o Produto interior bruto (PIB) a prezos correntes ascendeu a 77.008,5 millóns de euros. Con respecto ao 2022, o crecemento porcentual foi do 7,9 %. Esta taxa é 2,4 puntos inferior á rexistrada no 2022.

A estimación do PIB pola vía da oferta permite coñecer que sectores produtivos contribúen á xeración de valor engadido en Galicia. No ano 2023, a contribución do sector servizos ao Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia foi do 64,1%. Este sector é cada vez máis relevante: pasou do 55,8% do PIB en 1995 ao 64,1% no ano 2023. O sector industrial e enerxético representa o 16,2%, o sector primario 4,7%, a construción un 6,3% e os impostos netos sobre os produtos un 8,6%.


 

Fonte: IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)

 

Fonte: IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)


A estimación do PIB pola vía da demanda permite coñecer a contribución da demanda interna (gasto en consumo final e formación bruta de capital –investimentos-) xunto coa demanda exterior neta (diferenza entre exportacións e importacións). O gasto en consumo final, que inclúe tanto o realizado polos fogares como polas Administracións públicas e Institucións sen fin de lucro ao servizo dos fogares (ISFLSF), representa o 81,6% do PIB. O investimento representa o 16,9%. No ano 2023, a demanda externa neta é positiva (as exportacións superan ás importacións).


 




Pola vía das rendas, o PIB expresa a remuneración dos factores produtivos: traballo (remuneración de asalariados), capital (excedente de explotación bruto) e o pagamento de impostos. Dentro do excedente de explotación bruto recóllese tamén a renda mixta, que é a remuneración do traballo autónomo. A remuneración dos asalariados representa o 44,0% do PIB no ano 2023, o excedente de explotación bruto o 46,9%, e o restante 9,1% é o peso dos impostos netos sobre a produción e as importacións ao PIB.

Fonte: IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)

3 Desagregación por sectores

As contas económicas anuais ofrecen un alto nivel de detalle sectorial, polo que é posible afondar no coñecemento da economía de Galicia analizando as ramas de actividade.

En termos de emprego, no ano 2023, o 72,6% do emprego da economía galega está centrado no sector servizos. No sector da industria e enerxía concéntrase o 13,2%, no sector primario o 6,8% e na construción o 7,4% restante. Os servizos, que representan o 64,1% do PIB, teñen un valor elevado da ratio remuneración de asalariados sobre valor engadido (49,9%), é dicir, a participación das rendas salariais na xeración de valor é elevada.

A maior produtividade do factor traballo está no sector secundario. Neste sector a participación das rendas salariais é do 46,8%. No sector primario a produtividade do traballo é inferior á media da economía e a participación do traballo asalariado é baixo no valor engadido. Neste sector a presenza do traballo por conta propia é elevada.


Desagregación por sectores. Ano 2023
Sector Distribución do PIB Distribución do emprego (postos de traballo) Produtividade (VEB/Horas efectivas) Remuneración de asalariados/VEB
Sector primario 4,7 6,8 22,2 20,4
Industria e enerxía 16,2 13,2 47,7 46,8
Construción 6,3 7,4 32,3 55,3
Servizos 64,1 72,6 37,0 49,9
Impostos netos sobre os produtos 8,6
Total Economía 100,0 100,0 40,3 44,0
Fonte: IGE. Contas económicas anuais. Descarga das táboas: distribución do PIB, distribución do emprego
(–) Non procede


3.1 Sector primario

As Contas Económicas anuais ofrecen información de catro ramas de actividade dentro do sector primario. Este sector ocupa a 79.115 postos de traballo, dos cales máis da metade son da rama da agricultura e gandaría. Nas ramas da pesca e acuicultura hai 23.394 postos de traballo.

Neste sector a remuneración de asalariados representa o 20,4% do VEB xerado, porque a taxa de asalarización (porcentaxe de emprego asalariado sobre emprego total) é baixa, como se aprecia especialmente na rama R01 “Agricultura, gandaría, caza e servizos relacionados con ela”. Por outra banda, a produtividade do traballo é inferior á da economía.


Estrutura do sector primario galego. Ano 2023
Ramas de actividade VEB (miles de €) VEB (% sobre total sector) EMPREGO (postos de traballo) EMPREGO (% sobre total sector) Produtividade (VEB/Horas efectivas) Remuneración de asalariados/VEB
R01 - Agricultura, gandaría, caza e servizos relacionados con elas 2.716.314 74,3 45.508 57,5 24,6 9,8
R02 - Silvicultura e explotacion forestal 356.406 9,7 10.213 12,9 19,9 42,8
R03 - Pesca e acuicultura 584.001 16,0 23.394 29,6 16,0 56,1
   • R03A - Pesca 425.752 11,6 18.510 23,4 15,1 65,2
   • R03B - Acuicultura 158.249 4,3 4.884 6,2 19,2 31,4
TOTAL PRIMARIO 3.656.721 100,0 79.115 100,0 22,2 20,4
Fonte: IGE. Contas económicas anuais. (Descarga das táboas)


Comparando o ano 2023 co inicio da serie contable, ano 2000, vemos como se incrementa a presenza da agricultura e gandaría no sector primario galego en termos de VEB, pero non en termos de emprego. A “Pesca e acuicultura” evolucionan de forma oposta: perden peso dentro do sector en termos de VEB pero gáñano en termos de emprego. No caso da “Silvicultura e explotación forestal” o máis relevante é o incremento do emprego, tanto en termos relativos como absolutos.


 

Fonte: IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)

 

Fonte: IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)


3.2 Sector industrial

Dentro do sector industrial distinguimos dous grandes bloques: o sector enerxético (que se corresponde coas seccións B, D, E da Clasificación Nacional de Actividades, CNAE-09) e a industria manufactureira. Con respecto a composición interna do sector, no ano 2000 a enerxía representaba o 23,0% do VEB xerado, mentres en 2023 pasa a representar o 25,3% do total. En termos de emprego a industria manufactureira é máis relevante, e en 2023 o 89,9% dos empregos do sector secundario proveñen dela.


 

Fonte: IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)

 

Fonte: IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)


O subsector da industria manufactureira

As Contas económicas anuais desagregan información da industria manufactureira en 26 ramas de actividade diferentes. Isto permite coñecer información de diversos sectores senlleiros da economía galega, como por exemplo, a industria alimentaria, que está formada por seis ramas de actividade.


 


O valor engadido xerado polas seis ramas da industria alimentaria (2.248 millóns de euros) representa o 24,1% do valor xerado pola industria manufactureira. En termos de emprego, supoñen o 25,9% e superan os 35 mil postos de traballo.

 

Dentro da industria alimentaria, a participación das seis ramas que a forman en 2023 queda deste xeito: a contribución da rama da conserva e do conxelado de peixe (R10B) é dun 26,0% do seu VEB, seguida pola fabricación de bebidas (R11) cun 22,8% e a rama das outras industrias alimentarias (R10E) cun 19,7% do VEB.

Fonte: IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)


Resto do sector da industria manufactureira

Tras a industria alimentaria, a fabricación de vehículos automóbiles é a que ten unha maior contribución ao valor engadido xerado pola industria manufactureira de Galicia. Esta rama de actividade acadou un valor engadido bruto de 1.668 millóns de euros en 2023, o que supón o 17,9% do total da industria manufactureira galega. O emprego nesta rama de actividade é de 16.104 postos de traballo.

Outras industrias relevantes son a fabricación de produtos metálicos (cun VEB de 987 millóns de euros); as reparacións e instalación de maquinaria e equipamento (617 millóns de euros, nos que se inclúen os xerados pola reparación naval); a industria da madeira (501 millóns de euros); o refino de petróleo (408 millóns de euros); e a industria téxtil, confección, coiro e calzado (401 millóns de euros).

Con respecto ao ano 2000, a composición do subsector da industria manufactureira presenta algúns cambios. A contribución das industrias alimentarias ao VEB industrial manufactureiro incrementouse en 6,4 puntos. A fabricación de vehículos de motor, que en 2000 representaba o 15,4% do VEB da industria manufactureira, representa o 17,9% no 2023.

A “Fabricación de produtos metálicos, agás maquinaria e equipamento” e a “Reparación e instalación de maquinaria e equipamento” representan no ano 2023 un 10,6% e un 6,6% respectivamente, o que supón un incremento da súa relevancia no subsector con respecto ao ano 2000. Tamén presentan un peso no sector industrial superior ao do ano 2000 a industria da madeira.

A contribución da “Confección de roupa de vestir e industria do coiro e do calzado” e das “Coquerías e refinación de petróleo” diminuíu con respecto a 2000.

                    Fonte: IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)

O emprego da “Industria alimentaria”, que medrou tanto en termos absolutos como relativos, concentra unha cuarta parte do emprego da industria manufactureira en Galicia no 2023.

                    Fonte: IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)

Estrutura da industria manufactureira galega. Ano 2023
Ramas de actividade VEB (miles de €) VEB (% sobre total sector) EMPREGO (postos de traballo) EMPREGO (% sobre total sector) Produtividade (VEB/Horas efectivas) Remuneración de asalariados/VEB
R10A - Procesamento e conservación de carne e elaboración de produtos cárnicos 361.624 3,9 4.976 3,6 37,0 42,3
R10B - Procesamento e conservación de peixes, crustáceos e moluscos 583.590 6,3 12.133 8,8 28,5 63,8
R10C - Fabricación de produtos lácteos 233.388 2,5 2.814 2,0 46,8 43,7
R10D - Fabricación de produtos para a alimentación animal 115.624 1,2 1.707 1,2 41,0 58,1
R10E - Outras industrias alimentarias 442.395 4,8 10.273 7,5 24,3 62,3
R11 - Fabricación de bebidas 511.619 5,5 3.702 2,7 77,6 29,7
R12 - Industria do tabaco
R13 - Industria téxtil 64.715 0,7 1.793 1,3 20,0 71,8
R14_15 - Confección de roupa de vestir e industria do coiro e do calzado 400.753 4,3 8.607 6,3 27,6 45,1
R16 - Industria da madeira e da cortiza, agás mobles; cestaría e espartaría 500.791 5,4 8.035 5,8 35,0 55,2
R17 - Industria do papel 140.274 1,5 2.021 1,5 37,6 66,8
R18 - Artes gráficas e reprodución de soportes gravados 81.476 0,9 2.389 1,7 22,2 88,8
R19 - Coquerías e refinación de petróleo 407.873 4,4 587 0,4 384,7 22,6
R20_21 - Industria química e fabricación de produtos farmacéuticos 354.785 3,8 2.691 2,0 76,2 36,7
R22 - Fabricación de produtos de caucho e plásticos 213.961 2,3 3.444 2,5 38,8 55,8
R23 - Fabricación doutros produtos minerais non metálicos 390.243 4,2 6.775 4,9 34,0 59,5
R24 - Metalurxia; fabricación de produtos de ferro, aceiro e ferroaliaxes 256.806 2,8 4.171 3,0 37,3 84,0
R25 - Fabricación de produtos metálicos, agás maquinaria e equipamento 986.890 10,6 17.244 12,5 34,7 63,9
R26 - Fabricación de produtos informáticos, electrónicos e ópticos 87.550 0,9 1.042 0,8 49,9 58,1
R27 - Fabricación de material e equipamento eléctrico 93.638 1,0 1.121 0,8 68,7 56,4
R28 - Fabricación de maquinaria e equipamento n.c.n. 320.189 3,4 4.447 3,2 42,3 61,9
R29 - Fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques 1.668.258 17,9 16.104 11,7 61,7 49,3
R30 - Fabricación doutro material de transporte 201.550 2,2 4.287 3,1 26,3 99,2
R31 - Fabricación de mobles 197.453 2,1 4.411 3,2 27,6 72,9
R32 - Outras industrias manufactureiras 77.991 0,8 1.867 1,4 23,0 64,3
R33 - Reparación e instalación de maquinaria e equipamento 617.400 6,6 10.826 7,9 34,3 73,2
TOTAL INDUSTRIA MANUFACTUREIRA 9.310.836 100,0 137.467 100,0 39,8 55,7
Fonte: IGE. Contas económicas anuais. (Descarga das táboas)
(–) Non procede


3.3 Sector construción

No ano 2023, o sector ten 85.282 postos de traballo, isto é, o 7,4% do emprego total da nosa comunidade. A súa contribución ao PIB (6,3%) incrementouse con respecto ao 2022.


                      Fonte: IGE. Contas económicas anuais. Descarga das táboas (evolución do emprego, evolución do peso no PIB)


3.4 Sector servizos

As Contas económicas de Galicia ofrecen información de 37 ramas de actividade do sector servizos. Estas ramas poden agruparse, seguindo a CNAE-09, en 14 seccións.

O “Comercio e reparación de vehículos” xerou en 2023 máis de 8.456 millóns de euros e 182.454 postos de traballo. Representa o 17,1% do valor engadido xerado no sector servizos.

As “Actividades inmobiliarias”, que inclúen a valoración do aluguer das vivendas nas que residen os seus propietarios, representan o 15,8% do VEB xerado no sector servizos, pero ten escasa relevancia en termos de emprego. Isto fai que os niveis de produtividade sexan moi elevados e a participación da renda salarial no valor xerado moi baixa.

As “Actividades sanitarias e de servizos sociais” xeraron 5.001 millóns de euros en 2023, cunha elevada participación das rendas salariais (80,7% do VEB). No caso da “Educación” esta participación é incluso superior (86,6%) ao tratarse dun tipo de sectores intensivos en traballo.


Estrutura do sector servizos galego. Ano 2023
Ramas de actividade VEB (miles de €) VEB (% sobre total sector) EMPREGO (postos de traballo) EMPREGO (% sobre total sector) Produtividade (VEB/Horas efectivas) Remuneración de asalariados/VEB
G - Comercio por xunto e ao retallo; reparación de vehículos de motor e motocicletas 8.456.434 17,1 182.454 21,7 26,6 54,1
H - Transporte e almacenamento 3.140.932 6,4 51.240 6,1 34,2 53,0
I - Hostalaría 3.977.369 8,1 73.968 8,8 29,9 30,5
J - Información e comunicacións 2.077.986 4,2 26.319 3,1 45,5 54,1
K - Actividades financeiras e de seguros 3.257.628 6,6 16.580 2,0 115,4 20,8
L - Actividades inmobiliarias 7.806.786 15,8 9.332 1,1 465,1 1,9
M - Actividades profesionais, científicas e técnicas 3.025.814 6,1 57.672 6,9 30,7 54,2
N - Actividades administrativas e servizos auxiliares 1.900.096 3,8 71.026 8,5 19,5 75,5
O - Administración pública e defensa; seguranza social obrigatoria 4.308.892 8,7 59.020 7,0 47,0 72,8
P - Educación 3.667.470 7,4 73.078 8,7 38,1 86,6
Q - Actividades sanitarias e de servizos sociais 5.001.150 10,1 117.095 13,9 28,1 80,7
R - Actividades artísticas, recreativas e de entretemento 1.047.060 2,1 23.379 2,8 34,1 62,1
S - Outros servizos 1.158.100 2,3 43.286 5,2 16,7 50,5
T - Actividades dos fogares como empregadores de persoal doméstico 563.764 1,1 35.205 4,2 14,0 100,0
TOTAL SERVIZOS 49.389.481 100,0 839.654 100,0 37,0 49,9
Fonte: IGE. Contas económicas anuais. (Descarga das táboas)

En termos de VEB, con respecto ao ano 2000, destaca o incremento do peso no sector servizos das “Actividades profesionais, científicas e técnicas” (2,4 puntos porcentuais), das “Actividades sanitarias e de servizos sociais” (2,4) e das “Actividades inmobiliarias” (1,8). A “Hostalería”, que xa recuperara o nivel pre-pandemia en 2022, achega máis VEB ao conxunto do sector servizos en 2023 que no ano 2000.

As seccións que máis reduciron o seu peso son o “Comercio e reparación de vehículos” (-2,9 puntos porcentuais) e a sección “Información e comunicacións” (-2,6).

En termos de emprego, gaña peso especialmente a sección “Actividades sanitarias e de servizos sociais” e perde peso o emprego na sección do “Comercio e reparación de vehículos” e na de “Administración pública e defensa; seguridade social obrigatoria”.


                    Fonte: IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)


                    Fonte: IGE. Contas económicas anuais (descarga da táboa)


4 Sectores característicos da economía galega

No IGE elaboramos desde o ano 2013 estudos referidos a diversos sectores da economía galega, incluídos nos programas estatísticos anuais na actividade de interese estatístico “Análise estatística de sectores produtivos e da estrutura económica en xeral”. Na seguinte táboa resumimos a evolución da súa contribución ao PIB galego e a súa relevancia en termos de emprego1.


Peso no PIB de sectores característicos da economía galega. Anos 2000, 2008 e 2023
Unidade: Porcentaxe
Sectores 2000 2008 2023
Cadea forestal-madeira 2,4 1,9 1,6
Fabricación de vehículos e compoñentes 2,1 1,9 2,2
Ramas características do sector cultural .. 2,2 2,0
Sector agroalimentario 7,5 6,2 7,2
Sector da minaría e fabricación de produtos minerais non metálicos 1,8 1,3 0,8
Sector da pesca 2,4 1,7 1,5
Sector do transporte e da loxística 4,3 3,9 4,1
Fonte: IGE. Contas económicas anuais. (Descarga da táboa)
(..) Non dispoñible


Emprego de sectores característicos da economía galega. Anos 2000, 2008 e 2023
Unidade: Postos de traballo
Sectores 2000 2008 2023
Cadea forestal-madeira 28.932 27.115 24.680
Fabricación de vehículos e compoñentes 18.782 20.579 16.104
Ramas características do sector cultural .. 29.956 34.596
Sector agroalimentario 190.156 120.167 104.507
Sector da minaría e fabricación de produtos minerais non metálicos 20.343 20.509 11.097
Sector da pesca 42.312 35.058 35.527
Sector do transporte e da loxística 44.537 55.667 51.240
Fonte: IGE. Contas económicas anuais. (Descarga da táboa)
(..) Non dispoñible


5 Metodoloxía, definicións, fontes e máis información

Metodoloxía

Definicións

Descarga de datos


  1. O IGE elabora tamén contas satélites sectoriais da Cultura e Deporte cunha metodoloxía específica que permiten ter unha valoración global destes sectores.↩︎