ÍNDICE


Principais resultados

1 Introdución

O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica a actividade estatística Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia, cuxo obxectivo é cuantificar a poboación que soportan os concellos en cada trimestre do ano.

A estimación da carga de poboación concíbese como unha estatística de síntese que aproveita as fontes estatísticas existentes sobre a poboación residente e as persoas que se desprazan por motivos de turismo, estancias en segundas vivendas, estudos, traballo e problemas de saúde.

Nesta estatística, a carga de poboación representa a media trimestral de persoas equivalentes a tempo completo que soporta un concello; obtense a partir da poboación residente, sumándolle a poboación de entrada (non residentes presentes) e restándolle a poboación de saída (residentes ausentes), como se mostra na seguinte figura.


O saldo poboacional defínese como a diferenza entre a poboación de entrada e a poboación de saída. Tal e como se representa na seguinte figura, tamén se pode definir como a suma dos saldos poboacionais entre a poboación de entrada e a poboación de saída por motivos de turismo, estancias en segundas vivendas, estudos, traballo e problemas de saúde.

A taxa de carga poboacional dun concello defínese como a porcentaxe de carga de poboación sobre a poboación residente. Así pois, será superior ou inferior ao 100% segundo o concello soporte máis ou menos poboación da que indica a súa poboación residente; a súa desviación respecto ao 100% mide a porcentaxe de poboación que soporta de máis ou de menos un concello, respecto da súa poboación residente.

2 Carga de poboación

Galicia ten en todos os trimestres unha carga de poboación superior á súa poboación residente, e polo tanto, ten un saldo poboacional positivo dende o 2011. A taxa de carga de poboación sitúase no 101%, o que significa que soporta un 1% máis respecto da súa poboación residente, agás no terceiro trimestre, cando se incrementa, no ano 2023 ata o 106%.

A descomposición do saldo poboacional nas súas compoñentes permite analizar as razóns polas que soporta máis ou menos poboación da que indica a súa poboación residente. Como se pode observar na seguinte táboa, en Galicia, as maiores ou menores contribucións á carga de poboación encontrámolas nos movementos por turismo e segundas vivendas.

Evolución da carga de poboación e as súas compoñentes. Galicia. Anos 2022, 2023 e avance de 2024
Unidade: persoas equivalentes a tempo completo e porcentaxe
2022/I 2022/II 2022/III 2022/IV 2023/I 2023/II 2023/III 2023/IV 2024/I 2024/II
CARGA DE POBOACIÓN 2.705.348 2.718.590 2.827.508 2.733.021 2.718.983 2.736.933 2.862.575 2.738.943 2.740.795 2.742.072
Residentes 2.693.650 2.695.298 2.696.951 2.698.599 2.700.220 2.701.834 2.703.423 2.705.037 2.706.034 2.706.449
Taxa de carga de poboación 100 101 105 101 101 101 106 101 101 101
Saldo de poboación 11.698 23.292 130.557 34.422 18.763 35.099 159.152 33.906 34.761 35.623
  • Turismo
-5.638 4.062 23.764 3.890 -2.900 12.172 28.866 4.489 -1.865 13.466
  • Segundas vivendas
6.661 8.908 98.107 17.778 8.445 12.063 120.827 15.807 22.860 10.509
  • Estudos
3.302 2.201 1.240 3.298 3.502 2.287 1.333 3.590 3.746 2.530
  • Traballo
7.238 7.963 7.257 9.298 9.566 8.423 7.929 9.859 9.868 8.960
  • Saúde
135 158 189 158 150 154 197 161 152 158
Fonte: IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (descarga da táboa).

Se agora observamos os saldos por concellos, vemos que en todos os trimestres de 2023 aparecen as sete grandes cidades entre os concellos con maiores saldos poboacionais. No primeiro trimestre, os dez concellos con maiores saldos poboacionais complétanse con Porriño, Arteixo e San Cibrao das Viñas. No segundo e no cuarto trimestre do ano 2023, Sanxenxo ocupa o lugar de Arteixo entre os dez concellos con maior saldo, mentres que no terceiro trimestre son os concellos costeiros de O Grove e Foz os que, xunto con Sanxenxo, completan os 10 concellos con maior saldo poboacional.

Pola contra, no 2023, os concellos con saldos poboacionais máis negativos son concellos na contorna das grandes cidades, tales como Ames, Oleiros, Teo, Narón, Cambre, Ponteareas ou Barbadás. No terceiro trimestre de 2023, a intensidade do saldo negativo deses concellos redúcese con respecto aos outros trimestres.

Tamén resulta interesante que, mentres no primeiro, segundo e cuarto trimestres de 2023 a maioría de concellos teñen un saldo poboacional negativo (239, 203 e 210 concellos con saldo negativo nos correspondentes trimestres), no terceiro trimestre esta situación invértese, pasando a ter un saldo poboacional positivo (284 concellos con saldo positivo).

Este comportamento diferenciado no terceiro trimestre respecto ao resto do ano pódese observar en todo o período 2011-2023, consecuencia da tempada estival.


Saldo poboacional. Ano 2023

Unidade: persoas equivalentes a tempo completo