ÍNDICE


Introdución

O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica a actividade estatística Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia, cuxo obxectivo é cuantificar a poboación que soportan os concellos en cada trimestre do ano.

A estimación da carga de poboación concíbese como unha estatística de síntese que aproveita as fontes estatísticas existentes sobre a poboación residente e as persoas que se desprazan por motivos de turismo, estancias en segundas vivendas, estudos, traballo e problemas de saúde. No avance dos datos de 2023 inclúense datos de pernoctacións en albergues privados, non incluídos en anos anteriores (ata 2022 unicamente se incluían datos de pernoctacións en albergues públicos).

Esta información sobre a carga de poboación pode ser útil para a toma de decisións en cuestións como a dotación de servizos sanitarios, planificación do transporte público, etc.

Carga de poboación

A carga de poboación representa a media trimestral de persoas equivalentes a tempo completo que soporta un concello; obtense a partir da poboación residente, sumándolle a poboación de entrada (non residentes presentes) e restándolle a poboación de saída (residentes ausentes).


O saldo poboacional entre os non residentes que entran e os residentes que saen mide a diferenza entre a poboación presente e a poboación residente. Galicia ten un saldo poboacional positivo en todos os trimestres desde o 2011.

Fonte: IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (descarga da táboa)

En todos os trimestres de 2022 aparecen as sete grandes cidades entre os concellos con maiores saldos poboacionais. No primeiro trimestre os dez concellos con maiores saldos poboacionais complétanse con Porriño, Bergondo e Mos. Do segundo ao cuarto trimestre do ano 2022 Sanxenxo ocupa o lugar de Bergondo entre os dez concellos con maior saldo. No segundo e no cuarto trimestre o concello de San Cibrao das Viñas completa os dez con maior saldo no lugar de Mos, mentras que no terceiro trimestre son os concellos costeiros de O Grove e Foz os que, xunto con Sanxenxo, completan os 10 concellos con maior saldo poboacional.

Pola contra, no 2022 os concellos con saldos poboacionais máis negativos son concellos na contorna das grandes cidades, tales como Ames, Oleiros, Teo, Narón, Cambre, Redondela, Ponteareas ou Barbadás. No terceiro trimestre de 2022 a intensidade do saldo negativo deses concellos redúcese con respecto aos outros trimestres.

Tamén resulta interesante que, mentres no primeiro, segundo e cuarto trimestres de 2022 a maioría de concellos teñen un saldo poboacional negativo (238, 221 e 212 concellos con saldo negativo nos correspondentes trimestres), no terceiro trimestre esta situación invértese, pasando a ter un saldo poboacional positivo (273 concellos con saldo positivo).

Este comportamento diferenciado no terceiro trimestre respecto ao resto do ano pódese observar en todo o período 2011-2022, consecuencia da tempada estival.


Saldo poboacional. Ano 2022
Unidade: persoas equivalentes a tempo completo

  

  

Fonte: IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (descarga da táboa)


A descomposición do saldo poboacional nas súas compoñentes permite analizar as razóns polas que un concello soporta máis ou menos poboación da que indica a súa poboación residente, xa que representan os saldos poboacionais entre os non residentes presentes e os residentes ausentes por motivos de turismo, estancias en segundas vivendas, estudos, traballo e problemas de saúde.


Evolución da carga de poboación e as súas compoñentes. Galicia. Anos 2021, 2022 e avance de 2023.
Unidade: persoas equivalentes a tempo completo
Medida 2021/I 2021/II 2021/III 2021/IV 2022/I 2022/II 2022/III 2022/IV 2023/I 2023/II
CARGA DE POBOACIÓN 2.706.981 2.711.104 2.810.927 2.710.845 2.705.348 2.718.590 2.827.508 2.733.021 2.718.409 2.734.958
Turismo -3.115 1.094 21.203 779 -5.638 4.062 23.764 3.890 -2.900 11.933
Segundas vivendas 6.459 6.448 87.097 6.352 6.661 8.908 98.107 17.778 8.445 12.049
Estudos 103 97 1.057 3.119 3.302 2.201 1.240 3.298 3.502 2.287
Traballo 7.189 8.465 7.888 8.289 7.238 7.963 7.257 9.298 9.574 8.491
Saúde 150 152 194 165 135 158 189 158 150 154

Fonte: IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (descarga da táboa)

No ano 2022 as compoñentes cunha maior contribución ao saldo poboacional dos sete grandes concellos son as correspondentes aos desprazamentos por motivos de estudos e traballo, destacando a compoñente dos estudos en Santiago de Compostela no primeiro e no último trimestre, e a compoñente do traballo na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. No terceiro trimestre de 2022 destaca o aumento da compoñente das segundas vivendas nos sete grandes concellos, e o aumento da compoñente do turismo en Santiago de Compostela, o único dos sete grandes concellos coa compoñente de turismo positiva en todos os trimestres do ano 2022.


Carga de poboación e as súas compoñentes. Grandes concellos. Ano 2022
Unidade: persoas equivalentes a tempo completo

Primeiro trimestre
Espazo Residentes Turismo Segundas vivendas Estudos Traballo Saúde Saldo poboacional Carga de poboación
Coruña, A 244.801 -404 -2.186 4.024 6.256 885 8.575 253.376
Ferrol 64.218 -214 -279 1.129 788 267 1.691 65.909
Santiago de Compostela 98.140 1.159 -340 10.109 4.461 837 16.226 114.366
Lugo 97.308 -406 380 1.093 1.159 408 2.634 99.942
Ourense 103.799 -371 -750 1.874 927 513 2.193 105.992
Pontevedra 82.679 -457 -369 1.361 1.065 449 2.049 84.728
Vigo 293.680 -732 -2.040 2.174 4.528 640 4.570 298.250
Segundo trimestre
Espazo Residentes Turismo Segundas vivendas Estudos Traballo Saúde Saldo poboacional Carga de poboación
Coruña, A 245.529 960 -1.842 3.098 6.347 884 9.447 254.976
Ferrol 64.157 11 -194 940 778 273 1.808 65.965
Santiago de Compostela 98.305 3.987 -212 7.126 4.672 852 16.425 114.730
Lugo 97.560 -41 493 816 1.105 411 2.784 100.344
Ourense 103.910 -38 -593 1.497 1.006 534 2.406 106.316
Pontevedra 82.654 -82 -279 1.086 1.058 447 2.230 84.884
Vigo 294.031 564 -1.710 1.735 4.562 645 5.796 299.827
Terceiro trimestre
Espazo Residentes Turismo Segundas vivendas Estudos Traballo Saúde Saldo poboacional Carga de poboación
Coruña, A 246.258 -753 1.672 1.334 5.813 777 8.843 255.101
Ferrol 64.096 -471 1.506 355 660 239 2.289 66.385
Santiago de Compostela 98.469 5.113 2.618 3.428 4.362 745 16.266 114.735
Lugo 97.811 -872 5.140 416 1.060 360 6.104 103.915
Ourense 104.021 -1.183 1.784 633 846 455 2.535 106.556
Pontevedra 82.629 -693 1.301 429 1.024 396 2.457 85.086
Vigo 294.383 -1.413 1.828 729 4.073 571 5.788 300.171
Cuarto trimestre
Espazo Residentes Turismo Segundas vivendas Estudos Traballo Saúde Saldo poboacional Carga de poboación
Coruña, A 246.986 863 -1.133 4.087 6.435 754 11.006 257.992
Ferrol 64.035 -175 35 1.181 753 254 2.048 66.083
Santiago de Compostela 98.634 3.226 151 9.640 4.667 781 18.465 117.099
Lugo 98.063 -68 951 1.259 1.112 377 3.631 101.694
Ourense 104.132 -132 -221 2.008 922 451 3.028 107.160
Pontevedra 82.604 -147 -50 1.362 1.186 418 2.769 85.373
Vigo 294.734 683 -1.020 2.369 4.518 618 7.168 301.902

Fonte: IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (descarga da táboa)

Na táboa apréciase, como en anos anteriores, que Santiago de Compostela pasa de ser o cuarto concello con máis poboación residente ao terceiro concello cunha maior carga de poboación, xa que presenta un saldo poboacional superior ao do resto de grandes concellos en todos os trimestres. De feito, en todo o período 2011-2022, Santiago de Compostela está sometido a unha maior carga de poboación que Ourense, a pesar de ter menos poboación residente.

A taxa de carga poboacional dun concello defínese como a porcentaxe de carga de poboación sobre a poboación residente. Así pois, será superior ou inferior ao 100% segundo o concello soporte máis ou menos poboación da que indica a súa poboación residente; a súa desviación respecto ao 100% mide a porcentaxe de poboación que soporta de máis ou de menos un concello respecto a súa poboación residente.

Excepto no terceiro trimestre, os concellos con maiores taxas de carga poboacional en 2022 son Carballeda de Valdeorras, debido á entrada de traballadores, e Mondariz-Balneario, debido á entrada de turistas. Non obstante, no terceiro trimestre de 2022 os concellos con maiores taxas de carga poboacional son Sanxenxo, Barreiros e Mondariz-Balneario, que reciben fundamentalmente a entrada de non residentes por motivos de turismo ou estancias en segunda vivendas. Cabe destacar a taxa de carga poboacional do concello de Sanxenxo no terceiro trimestre de 2022, que cun 166,99% denota que durante o verán está sometido a un 67% máis de poboación da que indica a súa poboación residente.

Pola contra, salvo no terceiro trimestre de 2022, o concello cunha menor taxa de carga poboacional é Barbadás, arredor do 92%, debido especialmente á saída de traballadores residentes con destino aos concellos limítrofes de Ourense ou San Cibrao das Viñas. No terceiro trimestre de 2022 o concello con menor taxa de carga poboacional é Ames, cun valor moi semellante ao de Barbadás e cunha mesma tipoloxía de concello en canto á mobilidade.


Concellos coas maiores taxas de carga poboacional. Ano 2022
Unidade: persoas equivalentes a tempo completo, porcentaxes (%)

Primeiro trimestre
Espazo Residentes Saldo poboacional Carga de poboación Taxa de carga poboacional
Carballeda de Valdeorras 1.430 586 2.016 140,98
Mondariz-Balneario 687 214 901 131,15
Rábade 1.498 251 1.749 116,76
Santiago de Compostela 98.140 16.226 114.366 116,53
Bergondo 6.892 849 7.741 112,32
Segundo trimestre
Espazo Residentes Saldo poboacional Carga de poboación Taxa de carga poboacional
Mondariz-Balneario 694 348 1.042 150,14
Carballeda de Valdeorras 1.422 625 2.047 143,95
San Cibrao das Viñas 5.611 1.092 6.703 119,46
Portomarín 1.365 239 1.604 117,51
Santiago de Compostela 98.305 16.425 114.730 116,71
Terceiro trimestre
Espazo Residentes Saldo poboacional Carga de poboación Taxa de carga poboacional
Sanxenxo 17.805 11.928 29.733 166,99
Barreiros 3.024 1.895 4.919 162,67
Mondariz-Balneario 701 433 1.134 161,77
Carballeda de Valdeorras 1.415 561 1.976 139,65
Parada de Sil 522 205 727 139,27
Cuarto trimestre
Espazo Residentes Saldo poboacional Carga de poboación Taxa de carga poboacional
Mondariz-Balneario 708 341 1.049 148,16
Carballeda de Valdeorras 1.407 526 1.933 137,38
San Cibrao das Viñas 5.676 1.068 6.744 118,82
Santiago de Compostela 98.634 18.465 117.099 118,72
Rábade 1.497 237 1.734 115,83

Fonte: IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (descarga da táboa)

Carga de poboación que pernoita e carga de poboación diúrna

Tamén resulta interesante coñecer a media trimestral de persoas equivalentes a tempo completo que soporta un concello durante a noite (carga de poboación que pernoita) e durante o día (carga de poboación diúrna), xa que poden existir diferenzas importantes entre noite e día.

Neste sentido, destaca o diferente comportamento entre noite e día que amosa o concello de Vigo, xa que nos dous primeiros trimestres do ano 2022, presenta un saldo poboacional nocturno baixo, e incluso negativo no primeiro trimestre do ano 2022 (poboación de entrada menor que a poboación de saída), e notablemente elevado polo día. Este mesmo comportamento repítese no avance de 2023, pero sen acadar taxas negativas no saldo poboacional.


  

Fonte: IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (descarga da táboa para a noite e o día)


Carga de poboación que pernoita

Excepto no terceiro trimestre de 2022, o concello que amosa un maior saldo poboacional que pernoita é Santiago de Compostela, seguido dos concellos da Coruña, Lugo ou Sanxenxo. No primeiro e cuarto trimestre a diferencia entre o saldo de Santiago e do resto increméntase, sendo o motivo fundamental deste elevado saldo poboacional que pernoita a entrada de estudantes universitarios que durante o curso académico pernoitan en Santiago de Compostela. No terceiro trimestre de 2022 o concello que máis poboación gaña pola noite é Sanxenxo, sobre todo como consecuencia das pernoitas en segundas vivendas e establecementos turísticos.

En canto aos concellos que máis poboación perden pola noite, en 2022 a lista está encabezada por Vigo no primeiro trimestre e Ames nos tres seguintes trimestres.


Concellos con maiores saldos poboacionais (noite). Ano 2022
Unidade: persoas equivalentes a tempo completo

Primeiro trimestre
Espazo Residentes Saldo poboacional Carga de poboación
Santiago de Compostela 98.140 9.228 107.368
Lugo 97.308 1.405 98.713
Coruña, A 244.801 1.233 246.034
Sanxenxo 17.763 697 18.460
Carballeda de Valdeorras 1.430 384 1.814
Segundo trimestre
Espazo Residentes Saldo poboacional Carga de poboación
Santiago de Compostela 98.305 9.638 107.943
Sanxenxo 17.784 3.018 20.802
Coruña, A 245.529 2.197 247.726
Lugo 97.560 1.644 99.204
Grove, O 10.892 985 11.877
Terceiro trimestre
Espazo Residentes Saldo poboacional Carga de poboación
Sanxenxo 17.805 11.984 29.789
Santiago de Compostela 98.469 11.459 109.928
Lugo 97.811 5.238 103.049
Grove, O 10.888 3.814 14.702
Coruña, A 246.258 3.400 249.658
Cuarto trimestre
Espazo Residentes Saldo poboacional Carga de poboación
Santiago de Compostela 98.634 11.472 110.106
Coruña, A 246.986 3.411 250.397
Lugo 98.063 2.339 100.402
Sanxenxo 17.826 1.997 19.823
Vigo 294.734 1.675 296.409

Fonte: IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (descarga da táboa)


Na táboa tamén cabe destacar que en 2022 a ganancia de poboación que experimenta pola noite o concello de Santiago de Compostela é maior no terceiro e cuarto trimestre. Estes dous trimestres de 2022 iguálanse dado que a entrada de persoas que pernoitan en Santiago de Compostela por motivos de turismo e segundas vivendas compensa, no terceiro trimestre, o saldo por estudos universitarios que é superior no último trimestre. No avance do 2023 apréciase unha subida nos dous trimestres avaliados.


Fonte: IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (descarga da táboa)


A maioría de concellos presentan a súa maior ou menor taxa de carga poboacional que pernoita no terceiro trimestre de cada ano, xa que as pernoitas en establecementos turísticos e segundas vivendas teñen lugar especialmente durante o verán. Para coñecer o impacto en termos relativos destas pernoitas, resulta interesante avaliar a contribución das compoñentes do turismo e segundas vivendas á taxa de carga poboacional que pernoita no terceiro trimestre.

En termos relativos, no terceiro trimestre de 2022 os concellos onde máis aumenta a poboación que pernoita debido ás pernoitas en establecementos turísticos son Sanxenxo e Mondariz-Balneario con incrementos poboacionais superiores ao 45%. Aínda que en menor medida, o impacto do turismo tamén é importante nos concellos de Portomarín, Parada de Sil, O Grove, Barreiros e A Teixeira, con porcentaxes superiores ao 15%.

Pola contra, no terceiro trimestre de 2022, ningún concello sofre como resultado da compoñente do turismo unha diminución porcentual superior ao 2% na súa poboación que pernoita.


Fonte: IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (descarga da táboa)


En canto á compoñente das segundas vivendas, no terceiro trimestre de 2022 os concellos onde máis aumenta en termos relativos a poboación que pernoita debido ás pernoitas en segundas vivendas son Barreiros, Foz, A Teixeira, Sanxenxo, Castro Caldelas e O Bolo, con incrementos poboacionais superiores ao 15%. Tamén cabe resaltar que a maioría de concellos cun incremento porcentual superior ao 10% pertencen á provincia de Ourense (o 66,5%).

No terceiro trimestre de 2022 ningún concello presenta unha diminución porcentual na súa poboación que pernoita que se poida atribuír ao impacto das pernoitas en segundas vivendas.


Fonte: IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (descarga da táboa)

Carga de poboación diúrna

Nos catro trimestres de 2022 as sete grandes cidades están entre os concellos cun maior saldo poboacional diúrno. Pola contra, os catro concellos que máis poboación perden polo día no ano 2022 son Ames, Oleiros, Cambre e Teo. As razóns fundamentais polas que estes concellos perden poboación polo día son os desprazamentos por motivos de traballo.

Así mesmo, cabe destacar que en 2022 o concello de Ames non só experimenta unha perda importante de poboación diúrna en termos absolutos, senón tamén en termos relativos, xa que a súa taxa de carga poboacional diúrna rolda o 93%. É dicir, Ames polo día soporta aproximadamente un 7% menos de poboación do que indica a súa poboación residente.


Concellos con menores saldos poboacionais (día). Ano 2022
Unidade: persoas equivalentes a tempo completo, porcentaxes (%)

Primeiro trimestre
Espazo Residentes Turismo Segundas vivendas Estudos Traballo Saúde Saldo poboacional Carga de poboación Taxa de carga
Ames 32.144 -166 -267 -991 -1.584 -69 -3.077 29.067 90,43
Oleiros 37.343 -27 -158 -736 -1.201 -93 -2.215 35.128 94,07
Teo 19.009 -112 -138 -556 -981 -49 -1.836 17.173 90,34
Cambre 24.703 -130 -84 -613 -759 -66 -1.652 23.051 93,31
Narón 38.965 -25 -23 -928 -255 -113 -1.344 37.621 96,55
Segundo trimestre
Espazo Residentes Turismo Segundas vivendas Estudos Traballo Saúde Saldo poboacional Carga de poboación Taxa de carga
Ames 32.239 -414 -223 -843 -1.578 -71 -3.129 29.110 90,29
Oleiros 37.482 -211 -122 -593 -1.178 -95 -2.199 35.283 94,13
Teo 19.036 -81 -118 -474 -1.029 -48 -1.750 17.286 90,81
Cambre 24.717 -329 -63 -517 -725 -62 -1.696 23.021 93,14
Narón 38.995 -253 10 -833 -442 -114 -1.632 37.363 95,81
Terceiro trimestre
Espazo Residentes Turismo Segundas vivendas Estudos Traballo Saúde Saldo poboacional Carga de poboación Taxa de carga
Ames 32.335 -485 252 -273 -1.502 -53 -2.061 30.274 93,63
Cambre 24.730 -397 302 -165 -701 -54 -1.015 23.715 95,90
Teo 19.063 113 25 -159 -912 -47 -980 18.083 94,86
Oleiros 37.622 73 501 -218 -1.079 -78 -801 36.821 97,87
Barbadás 11.101 -88 210 -133 -621 -30 -662 10.439 94,04
Cuarto trimestre
Espazo Residentes Turismo Segundas vivendas Estudos Traballo Saúde Saldo poboacional Carga de poboación Taxa de carga
Ames 32.430 -286 -132 -929 -1.565 -60 -2.972 29.458 90,84
Oleiros 37.761 -157 -29 -693 -1.151 -81 -2.111 35.650 94,41
Cambre 24.744 -228 -11 -542 -814 -53 -1.648 23.096 93,34
Teo 19.090 76 -82 -542 -981 -43 -1.572 17.518 91,77
Narón 39.055 -117 112 -854 -313 -98 -1.270 37.785 96,75

Fonte: IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (descarga da táboa)


En 2022 a compoñente dos estudos afecta sobre todo ao saldo poboacional diúrno dos sete grandes concellos, especialmente a Santiago de Compostela. Este aumento de poboación apréciase notablemente no primeiro e cuarto trimestre que son os que teñen maior carga lectiva.

Fonte: IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (descarga da táboa)

Os concellos onde máis aumenta a poboación diúrna en 2022 como consecuencia dos desprazamentos por motivos de traballo son as sete grandes cidades, sobre todo na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, xunto cos concellos do Porriño, San Cibrao das Viñas, Bergondo, Arteixo, Mos, Carballeda de Valdeorras e Padrón, onde existen importantes polígonos industriais.

Pola contra, en 2022 os concellos que máis poboación perden polo día debido á compoñente do traballo son Ames, Oleiros, Cambre, Teo, Cangas, Ponteareas, Barbadás, Moaña, Poio e A Laracha. Nótese que se trata de concellos na contorna daqueles onde máis aumenta a poboación diúrna debido á compoñente do traballo.

Tamén cabe resaltar que a compoñente do traballo non acusa a marcada estacionalidade que si teñen as compoñentes do turismo, segundas vivendas e estudos.

Variación poboacional debida á compoñente do traballo (día). Ano 2022
Unidade: persoas equivalentes a tempo completo

  

  

Fonte: IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (descarga da táboa)


Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

IGE. Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia.