ÍNDICE



Introdución

A Conta Satélite da Cultura é unha operación do Sistema de Contas Económicas de Galicia. O seu obxectivo principal é proporcionar un sistema de medición económica do sector cultural, que permita valorar a súa importancia no conxunto da economía galega, así como amosar a contribución das diferentes actividades culturais á estrutura produtiva do sector.

As contas satélite permiten afondar no coñecemento dun determinado aspecto da economía dun territorio, ampliando a información do Sistema de Contas Económicas. A súa elaboración permite responder a algunhas necesidades de información concretas que outras operacións non ofrecen ao usuario. Este é o caso no eido cultural no que esta conta satélite reorganiza a clasificación de ramas de actividade do Sistema de Contas Económicas pero mantén os conceptos macroeconómicos do marco central.

O sector cultural pode delimitarse desde dous puntos de vista complementarios: en función do tipo de actividade cultural falaremos de sectores culturais que agruparemos en seis; e en función da súa situación dentro da cadea produtiva dos bens e servizos culturais falaremos de cinco fases. Para delimitar o sector séguense as recomendacións do ESSnet-Culture e a metodoloxía do Ministerio de Cultura e Deporte que elabora a conta satélite da cultura de España en colaboración co Instituto Nacional de Estatística (INE).

A definición do sector cultural e os métodos utilizados para a estimación das variables económicas do sector pode consultarse na metodoloxía desta operación.


As magnitudes da cultura na economía galega

O sector da cultura achegou o 2,5% do Produto interior bruto xerado en Galicia no ano 2021. A produción das industrias culturais ascendeu a 2.537.383 miles de euros, os consumos intermedios situáronse nos 943.352 miles de euros o que implica que as industrias culturais xeraron un valor engadido próximo aos mil seiscentos millóns de euros en 2021. Isto representa o 2,7% do valor engadido bruto xerado na economía galega (o PIB é igual á suma do valor engadido bruto total e os impostos netos sobre os produtos que non se calculan por rama de actividade).

A remuneración de asalariados situouse nos 699.008 miles de euros, o que supón o 2,4% da remuneración total da economía galega. O volume de traballo das industrias culturais ascende a 30.169 postos de traballo equivalentes a tempo completo; dos que, o 83,2% era emprego asalariado e o 16,8% restante emprego autónomo. Se o comparamos co emprego total da economía, obsérvase que a cultura ocupa ao 3,0% dos traballadores e traballadoras de Galicia.

As magnitudes da cultura en Galicia e peso destas na economía galega. Ano 2021
Unidade: Miles de euros, porcentaxe
Magnitude Miles de euros / Postos de traballo Porcentaxe sobre total da economía (%)
Conta de produción da cultura
     Produción 2.537.383 1,9
     Consumos intermedios 943.352 1,3
     Valor Engadido Bruto (VEB) 1.594.031 2,7
     Produto Interior Bruto (PIB) .. 2,5
Conta de explotación da cultura
     Remuneración de asalariados 699.008 2,4
     Outros impostos sobre a produción netos de subvencións -27.867 -13,0
     Excedente de Explotación Bruto (EEB)/Renda mixta bruta 922.890 3,1
Postos de traballo equivalentes a tempo completo
     Totais 30.169 3,0
     Asalariados 25.095 2,9
     Non asalariados 5.074 3,4
Gasto en consumo final das Administracións Públicas en cultura 444.982 3,1
Gasto en consumo final dos fogares en cultura 751.671 2,0
Nota: o PIB é igual ao valor engadido bruto total máis os impostos netos sobre os produtos. Para o sector cultural, como no resto de estadísticas do Sistema de Contas Económicas de Galicia, calcúlase o valor engadido bruto xerado por ditas actividades pero non os impostos netos sobre os produtos xa que estes non son asignables a un único sector. A porcentaxe referida ao PIB nesta táboa é o cociente entre o VEB da cultura e o PIB de Galicia.
Fonte: IGE. Conta Satélite da Cultura de Galicia. Revisión estatística 2019; IGE. Contas económicas anuais. Revisión estatística 2019 (Descarga das táboas)

Aínda que esta operación estatística se centra no lado da oferta e das rendas, calcúlanse dúas macromagnitudes polo lado da demanda: o gasto en consumo final das administracións públicas e o gasto en consumo final dos fogares.

O gasto en consumo final das administracións públicas é igual á súa produción de non mercado (a provisión de bens e servizos culturais con medios propios) máis o gasto en bens e servizos culturais subministrados aos fogares pero prestados por produtores de mercado. No ano 2021, este gasto situouse en 444.982 miles de euros, que representa o 3,1% de todo gasto en consumo final das administracións públicas.

O gasto en consumo final dos fogares é o realizado polos estes para satisfacer as súas necesidades individuais ou colectivas. En 2021 ascendeu aos 751.671 miles de euros. Isto supón o 2,0% do gasto total dos fogares.


Conta de produción e emprego por sectores

Desde o punto de vista das actividades culturais realizadas e os produtos ou servizos producidos distinguimos seis sectores:

O sector con maior peso na cultura galega é o das ‘Artes visuais’, que achega o 52,5% do valor engadido bruto (VEB) xerado polas industrias culturais en Galicia. Baixo esta denominación agrúpase todo tipo de artes cuxo elemento diferenciador é o uso na súa forma de expresión de materiais tales como a pintura e a escultura; tamén inclúe a fotografía, a publicidade, a arquitectura e as actividades de deseño especializado. Estas últimas son especialmente relevantes na nosa economía.


Ségueo en importancia o sector dos ‘Libros e prensa’, que achega o 16,2% do VEB cultural. A continuación sitúanse o ‘Audiovisual e multimedia’ (radio, televisión, cine, vídeo e música gravada), co 10,3% do VEB. As actividades relacionadas coa educación cultural e a actividade reguladora da administración pública representan o 8,5%. Agrupámolas baixo o epígrafe ‘Interdisciplinar’, ante a imposibilidade de asignalas a un sector en concreto. Finalmente, cun peso similar sitúanse o sector ‘Artes escénicas’ é o que agrupa o ‘Patrimonio artístico e monumental, arquivos e bibliotecas’.

En termos de emprego, a distribución por sectores é moi similar á presentada para o VEB. O sector das artes visuais supera os 11.000 postos de traballo, seguido do sector dos libros e da prensa (7.056 postos de traballo). Estes dous sectores concentran máis do 60% do emprego no sector cultural.


Conta de produción e emprego por fases

Atendendo á situación que ocupan dentro da cadea de produción, as actividades culturais divídense en cinco fases:

A fase de creación e produción supón o 73,7% do VEB cultural. Esta fase comprende as actividades relacionadas coa elaboración de ideas artísticas, desenvolvidas por artistas, autores e intérpretes. Tamén inclúe as actividades de deseño industrial e a arquitectura. En termos de emprego, tamén é a fase que ocupa a maior volume de persoal: 19.546 postos de traballo equivalentes a tempo completo en 2021.

Séguena en importancia, pero a moita distancia, as fases de difusión, distribución e comercialización, co 12,8% do VEB cultural total, e a de promoción, regulación e educación co 8,5%.


A Difusión, distribución e comercialización é a segunda fase que máis emprego xera, e séguenlle as fases de Fabricación e de Promoción, regulación e educación con algo de máis de 2.000 postos de traballos cadansúa.


Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

IGE. Conta satélite da cultura