Principais resultados

1. Introdución

O mercado laboral cambia con rapidez, con novas profesións e transformación das tarefas tradicionais. Neste contexto, as traxectorias laborais son máis complexas e as estatísticas deben adaptarse para reflectir esta realidade.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) busca complementar os seus datos con indicadores sobre a duración e evolución das afiliacións á Seguridade Social, aproveitando os ficheiros de afiliacións, contas e bases de cotización que ata o de agora se analizaban só de forma transversal.

É importante aclarar que o número de afiliacións non representa directamente o número de persoas traballadoras, senón as diferentes situacións laborais que requiren cotizar á Seguridade Social. Por exemplo, unha mesma persoa pode ter varias afiliacións se traballa en diferentes empregos ou cotiza en varios réximes ao mesmo tempo.

A actividade Análise lonxitudinal das afiliacións ao Sistema da Seguridade Social en Galicia, elaborada por primeira vez polo IGE, ten como obxectivo ofrecer unha visión lonxitudinal das afiliacións. Estúdanse o número e a duración media dos períodos de afiliación, entendidos como períodos de tempo que transcurre entre a data de alta e a data de baixa, ambas incluidas, na que o traballador permanece en situación de alta sen que cambien as características da afiliación. Por exemplo, unha afiliación coas mesmas características que é dada de baixa 3 veces, daría lugar a tres períodos de afiliación. No caso de afiliacións que son dadas de baixa no día x e de alta de novo no día x+1, sen que cambien as características da afiliación, non dá lugar a un novo periodo de afiliación; considérase que esa baixa non sucedeu.

Tamén se estuda a intensidade do traballo, definida como a proporción de días que unha persoa está inscrita en alta laboral á Seguridade Social no ano en estudo. En outras palabras, mide que tan presente está a persoa no mercado laboral durante o ano. Se unha persoa traballa todo o ano, a súa intensidade de traballo será do 100%, mentres que se só traballa uns meses, será unha proporción menor.

Por último, analízase a permanencia temporal das afiliacións dadas de alta no ano de estudo, definida como a proporción de afiliacións que seguen en alta a último día hábil do período de seguimento, en relación a todas as afililiacións que se deron de alta no ano en estudo.

Este traballo fai referencia ás persoas afiliadas que residen e traballan en Galicia.

1. Clasificación das persoas segundo a proporción de días inscritos en alta laboral

Neste apartado estúdanse as persoas segundo a proporción de días inscritos en alta laboral á Seguridade Social no ano 2024, que tamén denominamos intensidade do traballo. Ao longo do ano 2024, 1.163.908 persoas que residen e traballan en Galicia estiveron dadas de alta nalgún momento. Na seguinte táboa pódese observar que o 59,7% destas persoas traballaron todo o ano en Galicia, mentres que o 9,9% traballaron menos da cuarta parte do ano, o que suxire a presenza de empregos de curta duración ou de baixa intensidade temporal.

Persoas segundo a proporción de días inscritos á Seguridade Social no ano. Galicia. Ano 2024
Unidade: Número e porcentaxe
Proporcion de días en alta laboral Persoas en alta laboral Porcentaxe
De 0 a 25% 114.943 9,9
De 25% a 50% 91.444 7,9
De 50% a 75% 116.598 10,0
De 75% a 99% 146.428 12,6
100% 694.495 59,7
Total 1.163.908 100,0
Fonte: IGE.Análise lonxitudinal das afiliacións ao Sistema da Seguridade Social en Galicia (descarga da táboa).

No gráfico seguinte móstrase a mesma información da táboa anterior, pero neste caso desagregada por idade e sexo. Se sumamos todo o tempo traballado por homes e mulleres durante o ano, observarmos que as mulleres teñen traballos de menos duración.

 

Persoas segundo a proporción de días inscritos á Seguridade Social no ano. Galicia. Ano 2024

Unidade: porcentaxe

Fonte: IGE.Análise lonxitudinal das afiliacións ao Sistema da Seguridade Social en Galicia.

3. Número e duración media dos períodos de afiliación

Ao longo do ano 2024 as persoas tiveron de media 2 afiliacións, e cada afiliación durou de media 164,3 días. O número medio de afiliacións foi parecido entre os homes e mulleres, pero a duración media foi maior nos homes (175,1 días) que nas mulleres (154,6 días). Tamén se observa que a medida que pasan os anos a duración media dos períodos de afiliación vai aumentando, pasando de 159,7 días no ano 2022 a 164,3 no ano 2024.

Número e duración media dos períodos de afiliación á Seguridade Social segundo o xénero. Galicia. Anos 2022-2024
Unidade: Número e días
Sexo Tempo Número medio de afiliacións por persoa Duración media dos períodos de afiliación
Total 2022 2,1 159,7
Total 2023 2,0 162,1
Total 2024 2,0 164,3
Homes 2022 1,9 171,3
Homes 2023 1,9 173,3
Homes 2024 1,9 175,1
Mulleres 2022 2,2 149,4
Mulleres 2023 2,2 152,2
Mulleres 2024 2,1 154,6
Fonte: IGE.Análise lonxitudinal das afiliacións ao Sistema da Seguridade Social en Galicia (descarga da táboa).

Na seguinte táboa analizamos o número medio de afiliacións por persoa, segundo idade, para o ano 2024. Pódese observar que a medida que aumenta a idade diminúe o número de afiliacións, pasando de 3 afiliacións nos menores de 25 anos a 1,4 nas persoas de 60 e máis anos. Polo que respecta á duración media dos períodos de afiliación increméntase coa idade: pasa de 67,6 días nos menores de 25 anos a 234,3 días nas persoas de 60 e máis anos.

Número e duración media dos períodos de afiliación á Seguridade Social segundo a idade. Galicia. Ano 2024
Unidade: Número e días
Grupo de idade Número medio de afiliacións por persoa Duración media dos períodos de afiliación
Total 2,0 164,3
Menores de 25 anos 3,0 67,6
Entre 25 e 29 anos 2,8 107,5
Entre 30 e 34 anos 2,4 135,5
Entre 35 e 39 anos 2,1 156,4
Entre 40 e 44 anos 2,0 174,2
Entre 45 e 49 anos 1,9 188,1
Entre 50 e 54 anos 1,8 200,5
Entre 55 e 59 anos 1,6 215,6
60 anos ou máis 1,4 234,3
Fonte: IGE.Análise lonxitudinal das afiliacións ao Sistema da Seguridade Social en Galicia (descarga da táboa).

Por sector económico, observamos que o maior número medio de afiliacións por persoa corresponde ao sector servizos (2,2). Pola contra, o sector da construción presenta o menor número medio, con 1,2 afiliacións. En canto á duración media, os períodos máis longos rexístranse no sector da construción, con 258,8 días de media, mentres que os máis curtos aparecen no sector servizos, con 146,8 días.

Número e duración media dos perídos de afiliación á Seguridade Social segundo o sector económico. Galicia. Ano 2024
Unidade: Número e días
Sector de actividade Número medio de afiliacións por persoa Duración media dos períodos de afiliación
Total 2,0 164,3
Agricultura 1,3 236,7
Construción 1,2 258,8
Industria 1,3 237,5
Servizos 2,2 146,8
Non consta 1,0 321,7
Fonte: IGE.Análise lonxitudinal das afiliacións ao Sistema da Seguridade Social en Galicia (descarga da táboa).

4. Permanencia temporal das afiliacións que se deron de alta

Nesta sección analizamos a permanencia temporal das afiliacións, que se refire á proporción de afiliacións que seguen activas ao final de cada ano. Neste caso séguese a afiliación durante todo o período de seguimento e compróbase se segue de alta ou se xa se deu de baixa. Como a serie comeza no ano 2022, pode calcularse a permanencia ao primeiro ano (Ano 0), no segundo ano (Ano 1) e no terceiro ano (Ano 2). Así, no ano 2022 déronse de alta ao longo do ano 1.355.494 afiliacións, das cales o 22,5% seguían en alta a finais do ano 2022, o 9,9% seguían de alta a finais do ano 2023 e o 7,2% continuaban en alta a finais do ano 2024.

Permanencia das altas de afiliacións á Seguridade Social. Anos 2022-2024
Unidade: Número e porcentaxe
Afiliacións
Porcentaxe de permanencia
Ano de alta Altas Seguen de alta a finais do Ano 0 Seguen de alta a finais do Ano 1 Seguen de alta a finais do Ano 2 Altas Seguen de alta a finais do Ano 0 Seguen de alta a finais do Ano 1 Seguen de alta a finais do Ano 2
2022 1.355.494 304.980 134.792 97.176 100 22,5 9,9 7,2
2023 1.346.253 321.527 155.986 - 100 23,9 11,6 -
2024 1.310.890 320.443 - - 100 24,4 - -
Fonte: IGE.Análise lonxitudinal das afiliacións ao Sistema da Seguridade Social en Galicia (descarga da táboa).
Nota: Na duración das afiliacións, Ano 0 fai referencia ao último día do ano en estudo, Ano 1 ao último día do ano seguinte e Ano 2 ao último día do segundo ano.


Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos