Principais resultados

1 Introdución

A Matriz de Contabilidade Social é unha estatística de síntese de carácter estrutural. O principal obxectivo desta operación é vincular os procesos de xeración de valor engadido coas características socioeconómicas das persoas e dos fogares mediante a unión das estatísticas das contas nacionais coas estatísticas do mercado de traballo e o consumo dos fogares. Isto proporciona unha visión combinada das cifras macroeconómicas e a súa repercusión nas persoas da nosa economía.

A Matriz de Contabilidade Social de Galicia recolle información sobre a remuneración do factor traballo, tanto asalariado (soldos e salarios) como por conta propia (renda mixta), segundo rama de actividade, sexo e nivel de estudos. Tamén ofrece datos das rendas do traballo e do gasto en consumo final por tipo de fogar -clasificados segundo a súa principal fonte de renda-.

A publicación, que subministra datos da serie 2010-2023, é coherente coas operacións estatísticas do Sistema de Contas Económicas de Galicia en Revisión estatística 2024.


2 Remuneración do factor traballo por sexo e nivel de estudos

2.1 Soldos e salarios

No ano 2023 os soldos e salarios aumentan un 6,8% con respecto ao ano anterior, incremento inferior ao do Produto interior bruto (PIB) galego (7,9% en termos correntes). Os soldos e salarios, que son a principal partida da remuneración de asalariados (a outra compoñente son as cotizacións sociais a cargo dos empregadores), supoñen no ano 2023 o 34,0% do PIB e a remuneración de asalariados o 44,0%.

Soldos e salarios. Porcentaxe sobre o PIB e porcentaxe que perciben as mulleres

Unidade: miles de euros, porcentaxe

Ano Soldos e salarios Porcentaxe sobre o PIB Porcentaxe percibido polas mulleres
2014 18.255.308 34,5 42,3
2015 18.840.407 34,5 42,7
2016 19.293.958 34,1 43,3
2017 19.906.109 34,0 42,7
2018 20.878.139 34,0 43,2
2019 22.100.145 35,1 43,7
2020 21.324.079 36,7 43,9
2021 22.603.621 34,9 44,0
2022 24.540.388 34,4 44,9
2023 26.199.243 34,0 44,9

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa).

  

Distribución dos soldos e salarios por sector de actividade, nivel de formación e sexo. Ano 2023

Unidade: miles de euros

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa).

Nivel de estudos: I: Educación primaria ou inferior.II: Primeira etapa de educación secundaria e similar. III: Segunda etapa de educación secundaria e educación postsecundaria non superior.IV: Educación superior.

Sector de actividade: Servizos I: Comercio, transporte, hostalería, información e comunicacións, actividades financeiras e de seguros, actividades inmobiliarias, actividades profesionais, científicas e técnicas, actividades administrativas e servizos auxiliares (CNAE G a N). Servizos II: Administración pública, educación, actividades sanitarias e sociais, actividades artísticas, outros servizos e actividades dos fogares que empregan persoal doméstico (CNAE O a T)

En 2023, as mulleres perciben o 44,9% dos soldos e salarios, unha porcentaxe moi similar á rexistrada no ano 2022. En canto á distribución sectorial das rendas salariais do colectivo feminino, o sector servizos representa o 87,1% dos soldos e salarios percibidos polas mulleres e é o principal proveedor deste tipo de rendas. Dentro do sector servizos, son especialmente relevantes as actividades de administración pública, educación, sanidade, servizos sociais, actividades artísticas, recreativas e outros servizos, que suman máis do 50% das rendas salarias percibidas polas mulleres fronte ao 24,8% dos homes. En cambio, a industria manufactureira e a construción concentran o 31,7% das rendas salariais dos homes fronte a un 10,9% das mulleres.

                    Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa).

No ano 2023, o 57,2% dos soldos e salarios corresponde a traballadores con educación superior, o 20,5% a traballadores coa segunda etapa de educación secundaria e o 22,4% restante a traballadores coa primeira etapa de educación secundaria ou nivel de estudos inferior. No periodo 2010-2023 obsérvase unha diminución continua do peso deste último colectivo, aínda que en 2023 aumenta por primeira vez.

En canto á distribución por sexo e nivel de estudos, no caso das mulleres, o 66,4% das rendas recíbenas mulleres con nivel de estudos superior, e nos homes esta porcentaxe é o 49,7%. Isto está estreitamente relacionado coa distinta distribución por sectores de actividade de ambos os dous colectivos.

                    Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa).

Nivel de estudos: I: Educación primaria ou inferior.II: Primeira etapa de educación secundaria e similar. III: Segunda etapa de educación secundaria e educación postsecundaria non superior.IV: Educación superior.

2.2 Rendas mixtas

No ano 2023 as rendas mixtas aumentan un 14,2% con respecto ao ano anterior e supoñen o 13,0% do PIB galego.

As rendas mixtas xeradas polas mulleres supoñen o 34,9% do total e concéntranse no sector primario e no sector do comercio, transporte, hostalería, actividades profesionais, científicas e técnicas, actividades administrativas e outros servizos (CNAE G a N). No caso das rendas mixtas xeradas polos homes, ademáis dos sectores anteriores, tamén é relevante o sector da construción, de onde proceden o 24,0% das rendas mixtas obtidas polos homes.

Rendas mixtas. Porcentaxe sobre o PIB

Unidade: miles de euros, porcentaxe

Ano Rendas mixtas Porcentaxe sobre o PIB
2014 6.565.639 12,4
2015 6.669.934 12,2
2016 6.958.963 12,3
2017 7.223.675 12,3
2018 7.400.951 12,1
2019 7.651.870 12,1
2020 6.763.718 11,6
2021 7.684.082 11,9
2022 8.780.723 12,3
2023 10.030.348 13,0

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa).

  

Distribución das rendas mixtas por sector de actividade e sexo. Ano 2023

Unidade: miles de euros

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa).

Sector de actividade: Servizos I: Comercio, transporte, hostalería, información e comunicacións, actividades financeiras e de seguros, actividades inmobiliarias, actividades profesionais, científicas e técnicas, actividades administrativas e servizos auxiliares (CNAE G a N).Servizos II: Administración pública, educación, actividades sanitarias e sociais, actividades artísticas, outros servizos e actividades dos fogares que empregan persoal doméstico (CNAE O a T)

3 Gasto en consumo final dos fogares residentes por tipo de fogar e grupo de produtos

Os fogares cuxa principal fonte de renda son as remuneracións do traballo -por conta allea ou propia- concentran o 66,3% do gasto en consumo final. Aqueles cuxa principal fonte de renda son as pensións contributivas representan o 31,1%, mentres que os fogares con principal fonte de renda prestacións non contributivas ou outros tipos de ingresos non laborais supoñen o 2,4% do total.

                              Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa).

O gasto en vivenda, auga, gas, electricidade (grupo de produtos 4) e produtos alimenticios (grupo 1) supón o 36,8% do gasto dos fogares galegos no 2023. Debe terse en conta que no gasto en vivenda tamén se inclúe o gasto en alugueiro imputado dos fogares residentes nunha vivenda en propiedade. A porcentaxe anterior varía en función do tipo de fogar, así para os fogares cuxa principal fonte de ingresos son as rendas do traballo é do 32,7%, mentres que no caso de fogares cuxa principal fonte de ingresos son as pensións, prestacións de desemprego, etc. é o 44,9%.

Outra diferenza importante atópase nos grupos 9 (ocio, espectáculos e cultura) e 11 (hoteis, cafés e restaurantes) cuxo gasto supón, no 2023, o 26,5% do gasto total dos fogares cuxas rendas proveñen principalmente do traballo (grupos I e II) e dez puntos menos no caso do resto de fogares (grupos III e IV).

Distribución do gasto en consumo final por produtos. Fogares cuxa principal fonte de renda son as rendas do traballo

Unidade: porcentaxe

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa).

  

Distribución do gasto en consumo final por produtos. Fogares cuxa principal fonte de renda son pensións, prestacións de desemprego, rendas da propiedade e outras

Unidade: porcentaxe

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa).

4 Metodoloxía, definicións, fontes e máis información

Metodoloxía

Definicións

Descarga de datos