ÍNDICE


Introdución

O Inventario Forestal continuo de Galicia (IFCG), elaborado pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), a Consellería de Medio Rural (CMR), a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela, é unha ferramenta fundamental de control, planificación e seguimento continuo, que permite visibilizar o mapa forestal adaptado a Galicia. Neste mapa forestal tamén se poden visibilizar as restriccións técnico-legais que poden condicionar a dispoñibilidade dos recursos dos nosos montes.

A partir dun Convenio de colaboración, o IGE e a XERA incluíron no Programa Estatístico Anual 2025 a actividade estatística “Inventario Forestal Continuo de Galicia: caracterización socioeconómica da mostra asociada” que ten por obxetivo obter unha aproximación á caracterización das persoas titulares dos terreos forestais en Galicia con frondosas, eucaliptos ou coníferas, a partir da observación de 52.605 puntos mostrais obtidos do IFCG.

Para os puntos mostrais obtidos do IFCG cóntase con información sobre a clase arbórea que contén (conífera, eucalipto e frondosa), as restriccións técnicas-legais do terreo e a referencia catastral. Esta información combinarase coa base de datos sociodemográfica, dispoñible no IGE.

Distribución das clases arbóreas segundo o tipo de persoa propietaria

Na seguinte táboa preséntase a distribución dos 52.605 puntos mostrais observados nas clases arbóreas de frondosas, eucaliptos e coníferas e segundo o tipo de persoa propietaria. O 44,7% son puntos de mostraxe de frondosas, o 27,3% de eucaliptos e o 28% de coníferas. Tendo en conta o tipo de persoa propietaria, obsérvase que a prevalencia de frondosas é maior entre as persoas titulares de fóra de Galicia (56,1%) e entre aquelas non identificadas (48,8%). A prevalencia de eucaliptos é maior para as persoas traballadoras afiliadas (36,8%) e a prevalencia de coníferas é maior para as persoas xurídicas (51%).


Distribución das clases arbóreas nos puntos de mostraxe segundo o tipo de persoa propietaria. Ano 2022
Unidade: porcentaxe
Tipo de persoa propietaria Total Frondosas Eucaliptos Coníferas
Total 100 44,7 27,3 28,0
Persoas afiliadas 100 45,0 36,8 18,2
Pensionistas 100 45,5 34,4 20,1
Persoas paradas rexistradas 100 43,8 34,5 21,7
Persoas xurídicas 100 31,7 17,3 51,0
Mortos 100 46,3 32,5 21,2
Residente fóra de Galicia 100 56,1 25,2 18,7
Sen identificar 100 48,8 19,9 31,3
Resto 100 46,9 34,7 18,4
Fonte: IGE. Inventario Forestal Continuo de Galicia: caracterización socioeconómica da mostra asociada (descarga da táboa)


Distribución dos tipos de persoa propietaria segundo a clase arbórea


A continuación obsérvase a distribución dos puntos de mostraxe nos diferentes tipos de persoa propietaria e segundo as clases arbóreas. Nas persoas propietarias de frondosas predominan as persoas pensionistas (24,2%) e aquelas que teñen residencia fóra de Galicia (17,7%). Nas persoas propietarias de eucaliptos destacan as persoas pensionistas (30%) e nas persoas propietarias de coníferas a maior proporción corresponde ás persoas xurídicas (38,4%).

Distribución nos puntos de mostraxe dos tipos de persoa propietaria segundo a clase arbórea. Ano 2022
Unidade: porcentaxe
Clase arbórea Total Persoas afiliadas Pensionistas Persoas paradas rexistradas Persoas xurídicas Mortos Residentes fóra de Galicia Sen identificar Resto
Frondosas 100 10,1 24,2 0,5 14,9 9,9 17,7 17,2 5,3
Eucaliptos 100 13,5 30,0 0,7 13,4 11,3 13,0 11,5 6,5
Coníferas 100 6,5 17,1 0,4 38,4 7,2 9,4 17,6 3,3
Fonte: IGE. Inventario Forestal Continuo de Galicia: caracterización socioeconómica da mostra asociada (descarga da táboa)

Distribución das restriccións técnicas e legais do terreo segundo o tipo de persoa propietaria


No seguinte gráfico visualízase a distribución dos puntos de mostraxe nas diferentes categorías das restriccións técnico-legais do terreo (Favorable, Intermedia e Desfavorable) e segundo o tipo de persoa propietaria. Obsérvase unha maior proporción de características técnicas e legais favorables nas persoas xurídicas e unha maior proporción das restriccións técnico-legais desfavorables nas persoas titulares que non residen en Galicia e aquelas sen identificar.

Fonte: IGE. Inventario Forestal Continuo de Galicia: caracterización socioeconómica da mostra asociada (descarga da táboa)


Distribución das persoas físicas propietarias afiliadas nos puntos de mostraxe segundo o sector de actividade


Se nos restrinximos aos titulares persoas físicas afiliadas, no seguinte gráfico pódese observar que o 60,8% traballan no sector servizos, mentres que o 20,6% o fan no sector da agricultura e a pesca. Vense algunhas diferenzas na distribución entre as provincias galegas, destacando principalmente unha maior presenza da agricultura e a pesca en Lugo e unha superioridade do sector servizos na provincia de Ourense.

Fonte: IGE. Inventario Forestal Continuo de Galicia: caracterización socioeconómica da mostra asociada (descarga da táboa)

Distribución das persoas físicas propietarias que perciben unha pensión contributiva da Seguridade Social segundo o réxime de cotización anterior

Neste apartado analízase exclusivamente o colectivo de persoas físicas titulares que perciben unha pensión contributiva da Seguridade Social. Analizarase este colectivo segundo o seu réxime de cotización anterior. Obsérvase que o 55,1% destas persoas cotizaban ao réxime de Autónomos e o 41,5% ao Réxime Xeral. Esta distribución presenta diferenzas entre as provincias galegas. Así, pódese ver como na provincia de Ourense a distribución é diferente, predominando o Réxime Xeral sobre os Autónomos.


Fonte: IGE. Inventario Forestal Continuo de Galicia: caracterización socioeconómica da mostra asociada (descarga da táboa)

Distribución dos persoas xurídicas propietarias segundo a forma de propiedade


Neste apartado restrinxímonos ao colectivo das persoas xurídicas e clasificámolas segundo se a forma de propiedade é monte veciñal ou non. Pódese observar no gráfico seguinte que en Galicia en preto do 70% dos casos trátase dun monte veciñal. Nesta distribución tamén se observan diferenzas entre as provincias galegas. Na Coruña un 52% das persoas xurídicas propietarias teñen como forma de propiedade o monte veciñal, mentres que en Pontevedra este mesmo dato se sitúa no 77%.

Fonte: IGE. Inventario Forestal Continuo de Galicia: caracterización socioeconómica da mostra asociada (descarga da táboa)

Distribución do grupo de idade das persoas físicas propietarias segundo a clase arbórea

Xa por último, neste apartado restrínxese a análise ás persoas físicas propietarias e estúdase a distribución por idade en función da clase arbórea das súas propiedades. No seguinte gráfico pódese observar que máis do 25% das persoas físicas son maiores de 80 anos e que os menores de 40 anos non chegan ao 3%, en todas as clases arbóreas. Tamén se pode ver que a proporción de persoas menores de 65 anos é algo superior entre as persoas propietarias de terreos con eucaliptos, en comparación coas demais clases arbóreas.


Fonte: IGE. Inventario Forestal Continuo de Galicia: caracterización socioeconómica da mostra asociada (descarga da táboa)


Definicións, fontes e máis información

Definicións e metodoloxía

Descarga de datos