Principais resultados

1. Evolución das persoas cotizantes e da súa base media de cotización en Galicia


En decembro de 2025, rexistráronse en Galicia 816.664 persoas afiliadas á Seguridade Social con residencia na Comunidade Autónoma e que cotizaban ao Réxime Xeral. A base media de cotización destas persoas situouse nos 2.182,4 euros ao mes por persoa.

A cifra de cotizantes no Réxime Xeral en Galicia aumentou un 0,3% con respecto a setembro do 2025. A base media mensual por persoa creceu un 3,3% neste mesmo período. Con respecto a decembro do ano anterior, a cifra de cotizantes creceu un 1,7% e o valor da base media mensual de cotización, un 4,9%.


Cotizantes e base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia. Decembro de 2025
Unidade: cotizantes, euros/persoa, taxas de variación
Variable 2025/Decembro Variación relativa respecto a 2025/Setembro Variación relativa respecto a 2024/Decembro
Cotizantes 816.664 -1,8 1,7
Base media mensual 2.182,4 3,3 4,9
Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).

A evolución interanual, tanto das persoas cotizantes como da base media mensual por persoa no Réxime Xeral en Galicia, foi positiva dende xaneiro do 2022.

Na cifra de cotizantes obsérvase unha certa tendencia á estacionalidade (gráfico de abaixo, eixe vertical esquerdo); así, a cifra de persoas cotizantes é maior nos meses de verán que no resto dos meses.


Evolución das persoas cotizantes e da súa base media mensual no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia

Unidade: cotizantes, euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).


2. Base media segundo as características da persoa cotizante


O 49% das persoas que cotizaron ao Réxime Xeral da Seguridade Social en Galicia no mes de decembro de 2025, con residencia tamén na Comunidade Autónoma, eran homes e o 51% restante, mulleres. Polo tanto, o xénero feminino supera lixeiramente ao masculino en número de cotizantes.

Pola contra, a base media de cotización por persoa dos homes é significativamente superior á das mulleres: a primeira situouse en decembro en 2.335,8 euros, mentres que a base media para as mulleres se situou nos 2.034,8 euros, 301 euros por debaixo da dos homes.


Cotizantes e base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o xénero. Decembro de 2025
Unidade: euros/persoa
Variable Total Homes Mulleres
Cotizantes 816.664 400.310 416.354
Base media mensual por persoa 2.182,4 2.335,8 2.034,8
Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).

A contía da base media mensual por persoa aumenta coa idade do cotizante.

Os tres primeiros grupos que figuran no gráfico seguinte, por debaixo de 30 anos, de 30 a 34 anos e dos 35 aos 39 anos, contan cunha base media por debaixo da media galega. No caso do primeiro grupo, o de menor base de cotización, esta atópase un 27,7% por debaixo da media de Galicia (1.578,1 para o grupo de idade dos menores de 30 anos, fronte a 2.182,4 euros por persoa de media en Galicia en decembro de 2025).

A partir do grupo de idade de 35 a 39 anos, a base media de cotización por persoa supera xa os 2.000 euros mensuais; en termos xerais, esta sobe lixeiramente de grupo en grupo, ata o de maior idade, o das persoas que contaban con 60 ou máis anos en decembro, que rexistraron de media unha base de cotización de 2.374,4 euros mensuais.


Base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o grupo de idade. Decembro de 2025

Unidade: euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).


3. Base media segundo as características da afiliación


En decembro, o 75,3% das persoas que cotizaron ao Réxime Xeral da Seguridade Social en Galicia e que residían tamén na Comunidade Autónoma, estaban vinculadas á empresa mediante un contrato de tipo indefinido; o 15,6%, mediante un contrato de tipo temporal e o 9,1% son afiliados/as que non teñen contrato, ben por seren funcionarios/as, persoal estatutario ou persoas contratadas mediante programas de formación ou prácticas non laborais. O grupo das persoas afiliadas que non teñen contrato, é o que conta coa base de cotización media máis elevada, que se sitúa nos 3.347,5 euros ao mes por persoa. A base media mensual por persoa para os cotizantes con contrato indefinido no mes de decembro de 2025 situouse nos 2.105,6 euros, e a do grupo de cotizantes con contrato temporal situouse 232 euros por debaixo, en 1.873,6 euros por persoa.

No relativo ao tipo de xornada, o 83,1% dos cotizantes ao Réxime Xeral en Galicia traballa a xornada completa e o 16,9% traballa a xornada parcial. A base media de cotización das persoas que traballaron a xornada completa no mes de decembro en Galicia, cuxa residencia se situaba tamén na Comunidade Autónoma galega, foi de 2.382,9 euros por cotizante. A base media de cotización do grupo de cotizantes a xornada parcial situouse neste mes nos 1.198,1 euros por persoa.


Cotizantes e base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o tipo de contrato e o tipo de xornadaDecembro de 2025
Unidade: cotizantes, euros/persoa
Variable Cotizantes Base media mensual por persoa
Total 816.664 2.182,4
  • Completa
678.437 2.382,9
  • Parcial
138.227 1.198,1
Indefinido 615.318 2.105,6
  • Completa
511.187 2.288,9
  • Parcial
104.131 1.205,6
Temporal 127.133 1.873,6
  • Completa
94.893 2.136,9
  • Parcial
32.240 1.098,9
Sen contrato 74.213 3.347,5
  • Completa
72.357 3.369,3
  • Parcial
1.856 2.498,4
Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).
Nota: A categoría Sen contrato inclúe ás persoas para as que non figura o tipo de contrato no ficheiro (por erro ou omisión), funcionarios e funcionarias, persoal estatutario, programas de formación e prácticas non laborais en empresas (consultar os Reais Decretos 1493/2011 e 1543/2011).

Como se observa na seguinte gráfica, existen importantes diferenzas nas bases medias de cotización segundo a actividade económica que realice a persoa cotizante. O valor máis elevado acádase nas seccións K e L da CNAE-2009, que corresponden coas actividades relacionadas co sector das finanzas e dos seguros, onde a base media mensual por persoa supera nun 51,4% á media galega en decembro de 2025 (acadando os 3.304,8 euros/persoa). As seguintes actividades económicas con maior base de cotización mensual por persoa son as correspondentes a actividades relacionadas coa produción de enerxía, subministración de auga e xestión de residuos (seccións D e E da CNAE-2009, con 2.782,8 euros/persoa), administración pública e defensa (sección O, con 2.758,9 euros) e as actividades relacionadas coa información e as comunicacións (sección J, 2.605,1 euros por persoa).

Pola contra, na sección I da CNAE-2009, que engloba ás actividades relacionadas coa hostalaría, a base media de cotización mensual por persoa sitúase un 43,2% por debaixo da media de Galicia; neste grupo de actividades, a cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social en decembro de 2025 situouse nos 1.239,1 euros por persoa. Nas actividades correspondentes ás seccións N (actividades administrativas e servizos auxiliares), R-S (actividades artísticas, recreativas e de entretemento; outros servizos) e T-U (actividades dos fogares como produtores de bens e servizos para uso propio) da CNAE-2009, a base media de cotización por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social tamén se atopa bastante por debaixo da media galega, arredor dos 1.500 euros por persoa.


Base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo a sección de actividade económica. Decembro de 2025

Unidade: euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).

Nota: A. Agricultura, gandaría, silvicultura e pesca; B, C. Industrias extractivas; industria manufactureira; D, E. Enerxía, subministración de auga e xestión de residuos; F. Construción; G. Comercio por xunto e ao retallo; reparación de vehículos de motor e motocicletas; H. Transporte e almacenamento; I. Hostalaría; J. Información e comunicacións; K, L. Actividades financeiras e de seguros; actividades inmobiliarias; M. Actividades profesionais, científicas e técnicas; N. Actividades administrativas e servizos auxiliares; O. Administración pública e defensa; seguranza social obrigatoria; P. Educación; Q. Actividades sanitarias e de servizos sociais; R, S. Actividades artísticas, recreativas e de entretemento; outros servizos; T, U. Actividades dos fogares como produtores de bens e servizos para uso propio; actividades de organizacións e organismos extraterritoriais


4. Distribución territorial da base media de cotización


As sete grandes cidades galegas e os seus concellos limítrofes concentran as maiores bases de cotización de Galicia; en particular, na conurbación que rodea as cidades da Coruña e Ferrol, a base media mensual por persoa sitúase por riba dos 1.900 euros, como se observa no mapa de abaixo. Oleiros é, de feito, o concello coa base de cotización máis elevada de Galicia en decembro de 2025; as persoas afiliadas con residencia en Oleiros cotizan por unha base que acada os 2.628,6 euros de media.

Tamén é elevada a base media de cotización mensual por persoa en parte dos concellos costeiros que conforman as comarcas da Mariña Oriental, Central e Occidental (en Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro), en Cee (concello da Costa da Morte) e na comarca de Valdeorras, entre outros.


Base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o concello de residencia. Decembro de 2025

Unidade: euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).


Na seguinte táboa preséntanse os 15 concellos con maior base media mensual en decembro de 2025. Santiago de Compostela é, despois de Oleiros, o concello con maior base media de cotización mensual, acadando os 2.446,4 euros de media por persoa no mes de decembro de 2025. A continuación sitúanse Coruña, A, con 2.395,3 euros/persoa, e Ares, con 2.381,9 euros por persoa.

Táboa cos 15 concellos de Galicia con maior base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social. Decembro de 2025
Unidade: cotizantes, euros/persoa
Espazo Cotizantes Base media mensual por persoa Índice da base media (Galicia=100)
15058 Oleiros 12.516 2.628,6 120,4
15078 Santiago de Compostela 34.765 2.446,4 112,1
15030 Coruña, A 82.440 2.395,3 109,8
15004 Ares 1.763 2.381,9 109,1
27013 Cervo 1.180 2.358,9 108,1
15002 Ames 12.732 2.352,7 107,8
15082 Teo 6.708 2.335,8 107,0
15013 Brión 2.727 2.335,5 107,0
15048 Miño 2.253 2.317,3 106,2
15087 Valdoviño 1.817 2.312,4 106,0
15008 Bergondo 2.265 2.311,8 105,9
15091 Vilarmaior 367 2.307,8 105,7
15024 Cerceda 1.601 2.307,3 105,7
15031 Culleredo 11.673 2.295,1 105,2
36038 Pontevedra 25.697 2.283,6 104,6
Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)

As bases medias no Réxime Xeral máis baixas sitúanse, pola súa banda, nos concellos do sur de Ourense; nos concellos situados no límite entre as provincias de Pontevedra e Ourense, e no interior de Lugo (exceptuando a propia capital e os concellos que a bordean). En Quintela de Leirado, por exemplo, a base de cotización media por persoa non supera os 1.600 euros en decembro de 2025 (1.650,6); en Pontedeva situouse nos 1.686,6 euros/persoa e Ramirás, nos 1.726,5 euros/persoa. Na táboa de abaixo complétase o listado dos 15 concellos con menor base de cotización no mes de decembro.

Táboa cos 15 concellos de Galicia con menor base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social. Decembro de 2025
Unidade: cotizantes, euros/persoa
Espazo Cotizantes Base media mensual por persoa Índice da base media (Galicia=100)
32066 Quintela de Leirado 79 1.650,6 75,6
32064 Pontedeva 102 1.686,6 77,3
32068 Ramirás 302 1.726,5 79,1
32016 Calvos de Randín 98 1.729,4 79,2
36022 Grove, O 2.866 1.761,4 80,7
36025 Lama, A 462 1.770,9 81,1
32056 Padrenda 278 1.772,5 81,2
32084 Verea 207 1.788,0 81,9
36027 Meaño 1.422 1.800,3 82,5
32018 Carballeda de Avia 258 1.800,9 82,5
32021 Castrelo do Val 178 1.806,9 82,8
32010 Beade 71 1.813,0 83,1
32005 Baltar 183 1.821,0 83,4
32014 Bola, A 215 1.826,7 83,7
27032 Monterroso 1.008 1.835,8 84,1
Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).

5. Notas metodolóxicas

O principal obxectivo desta actividade estatística é proporcionar información sobre as bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que traballan e residen en Galicia.

Por medio desta estatística caracterízanse ás persoas que cotizan neste réxime, que supón arredor do 75% do Sistema da Seguridade Social, segundo as súas variables persoais (xénero, grupo de idade, nacionalidade e concello de residencia) e laborais (tipo de contrato, tipo de xornada, actividade económica e grupo de cotización) e calcúlase, para cada categoría, a base media mensual de cotización por persoa.

En moitas ocasións, a base de cotización coincide coa retribución mensual bruta da persoa e é o importe que se emprega no cálculo das cantidades que deben ingresar a empresa e o traballador ou a traballadora para ter dereito, no futuro, á percepción dunha prestación do Sistema da Seguridade Social (por exemplo, no momento da xubilación). Polo tanto, coñecer o seu valor, así como a súa evolución e distribución polo territorio, é vital para o estudo do mercado laboral de Galicia.

A poboación obxecto de estudo é o conxunto das persoas que cotizaron ao Réxime Xeral da Seguridade Social polo menos un día no mes de referencia, cuxa conta de cotización na súa afiliación principal se atope inscrita nunha das catro provincias de Galicia e que, ademais, residan na Comunidade Autónoma.

A principal fonte de información da que se nutre esta estatística é o ficheiro de bases de cotización no Réxime Xeral que facilita a Tesourería Xeral da Seguridade Social (TGSS) ao Instituto Galego de Estatística (IGE) con carácter trimestral.

A metodoloxía empregada polo IGE na súa elaboración baséase na establecida pola TGSS na súa publicación, cunha excepción: no seu caso, a clasificación territorial da poboación en estudo vén dada polo lugar de traballo, mentres que na estatística do IGE corresponde co lugar de residencia. De aí que existan pequenas diferenzas nas cifras de cotizantes e base media publicadas polo Ministerio para Galicia e as que derivan desta estatística do IGE. A metodoloxía completa pode consultarse na seguinte ligazón.

Definicións, fontes e máis información

Metodoloxía

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada