Principais resultados

1. Evolución das persoas cotizantes e da súa base media de cotización en Galicia


En marzo de 2026, rexistráronse en Galicia 816.993 persoas afiliadas á Seguridade Social con residencia na Comunidade Autónoma e que cotizaban ao Réxime Xeral. A base media de cotización destas persoas situouse nos 2.213,2 euros ao mes por persoa.

A cifra de cotizantes no Réxime Xeral en Galicia apenas variou con respecto a decembro de 2025. A base media mensual por persoa creceu un 1,4% neste mesmo período. Con respecto a marzo do ano anterior, a cifra de cotizantes creceu un 1,7% e o valor da base media mensual de cotización, un 4,3%.


Cotizantes e base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia. Marzo de 2026
Unidade: cotizantes, euros/persoa, taxas de variación
Variable 2026/Marzo Variación relativa respecto a 2025/Decembro Variación relativa respecto a 2025/Marzo
Cotizantes 816.993 0,0 1,7
Base media mensual 2.213,2 1,4 4,3
Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).

Evolución das persoas cotizantes e da súa base media mensual no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia

Unidade: cotizantes, euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).


2. Base media segundo as características da persoa cotizante


O 49,2% das persoas que cotizaron en marzo de 2026 ao Réxime Xeral da Seguridade Social en Galicia, con residencia tamén na Comunidade Autónoma, eran homes e o 50,8% restante, mulleres.

A base media de cotización por persoa dos homes é superior á das mulleres: a primeira situouse en marzo en 2.374,4 euros, mentres que a base media para as mulleres se situou nos 2.057,0 euros, 317,4 euros por debaixo da dos homes.

Cotizantes e base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o xénero. Marzo de 2026
Unidade: euros/persoa
Variable Total Homes Mulleres
Cotizantes 816.993 402.049 414.944
Base media mensual por persoa 2.213,2 2.374,4 2.057,0
Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).


A base media mensual por persoa tende a aumentar coa idade.

Os menores de 40 anos presentan unha base media inferior á galega. A diferenza é especialmente elevada entre os menores de 30 anos, cunha base de 1.590,6 euros mensuais. A partir dos 35 anos, a base media supera os 2.000 euros mensuais e alcanza os 2.416 euros entre as persoas de 60 ou máis anos.


Base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o grupo de idade. Marzo de 2026

Unidade: euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).


3. Base media segundo as características da afiliación


Segundo o tipo de contrato, en marzo, o 75,8% das persoas cotizantes ao Réxime Xeral da Seguridade Social con residencia na Comunidade Autónoma tiña un contrato indefinido, o 14,7% un contrato temporal e o 9,4% estaba na categoría sen contrato, que inclúe funcionarios/as, persoal estatutario e persoas contratadas mediante programas de formación ou prácticas non laborais. Esta última categoría presenta a base media mensual máis elevada, con 3.319,4 euros ao mes por persoa. A base media mensual das persoas con contrato indefinido foi de 2.130,7 euros, e a do grupo de cotizantes con contrato temporal situouse 200 euros por debaixo, en 1.930,7 euros por persoa.

Segundo o tipo de xornada, no mes de marzo de 2026, o 83,5% das persoas cotizantes ao Réxime Xeral da Seguridade Social que residían en Galicia traballaba a xornada completa e o 16,5% a xornada parcial. A base media de cotización foi de 2.413,1 euros entre as persoas con xornada completa e de 1.202,5 euros entre as que traballaban a xornada parcial.


Cotizantes e base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o tipo de contrato e o tipo de xornada. Marzo de 2026
Unidade: cotizantes, euros/persoa
Variable Cotizantes Base media mensual por persoa
Total 816.993 2.213,2
  • Completa
682.102 2.413,1
  • Parcial
134.891 1.202,5
Indefinido 619.658 2.130,7
  • Completa
515.077 2.319,4
  • Parcial
104.581 1.201,3
Temporal 120.378 1.930,7
  • Completa
91.980 2.182,5
  • Parcial
28.398 1.115,2
Sen contrato 76.957 3.319,4
  • Completa
75.045 3.338,6
  • Parcial
1.912 2.564,2
Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).
Nota: A categoría Sen contrato inclúe ás persoas para as que non figura o tipo de contrato no ficheiro (por erro ou omisión), funcionarios e funcionarias, persoal estatutario, programas de formación e prácticas non laborais en empresas (consultar os Reais Decretos 1493/2011 e 1543/2011).

Como se observa na seguinte gráfica, existen diferenzas nas bases medias de cotización segundo a actividade económica que realice a persoa cotizante. O valor máis elevado acádase nas seccións K e L da CNAE-2025, que corresponden coas actividades relacionadas co sector das finanzas, dos seguros, as telecomunicacións e a informática, onde a base media mensual por persoa supera nun 37,7% á media galega (3.047,2 euros por persoa). As seguintes actividades económicas con maior base de cotización mensual por persoa son as correspondentes a actividades relacionadas coa produción de enerxía, subministración de auga e xestión de residuos (seccións D e E da CNAE-2025, con 2.796,1 euros por persoa), administración pública e defensa (sección P, con 2.776,7 euros) e as actividades de edición, radiodifusión e produción e distribución de contidos (sección J, 2.705 euros por persoa).

Pola contra, na sección I da CNAE-2025, que engloba ás actividades relacionadas coa hostalaría, a base media de cotización mensual por persoa sitúase un 45,3% por debaixo da media de Galicia; neste grupo de actividades, a base media de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social en marzo de 2026 situouse nos 1.210,2 euros por persoa. Nas actividades correspondentes ás seccións O (actividades administrativas e servizos auxiliares), S-T (Actividades artísticas, deportivas e de entretemento; outros servizos) e U-V (actividades dos fogares como produtores de bens e servizos para uso propio) da CNAE-2025, a base media de cotización por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social tamén se atopa bastante por debaixo da media galega, arredor dos 1.500 euros por persoa.


Base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo a sección de actividade económica. Marzo de 2026

Unidade: euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).

Nota: A. Agricultura, gandaría, silvicultura e pesca; B, C. Industrias extractivas; industria manufactureira [+]; D, E. Enerxía, subministración de auga e xestión de residuos; F. Construción; G. Comercio por xunto e ao retallo; H. Transporte e almacenamento; I. Hostalaría; J. actividades de edición, radiodifusión e produción e distribución de contidos; K, L. Telecomunicacións, programación informática, consultoría, infraestrutura informática e outros servizos de información; actividades financeiras e de seguros; M. Actividades inmobiliarias; N. Actividades profesionais, científicas e técnicas; O. Actividades administrativas e servizos auxiliares; P. Administración pública e defensa; seguridade social obrigatoria; Q. Educación; R. Actividades sanitarias e de servizos sociais; S, T. Actividades artísticas, deportivas e de entretemento; outros servizos; U, V. Actividades dos fogares como empregadores de persoal doméstico e como produtores de bens e servizos para uso propio; organismos extraterritoriais


4. Distribución territorial da base media de cotización


As bases medias de cotización máis elevadas concéntranse principalmente nas áreas urbanas e nalgúns concellos cunha importante presenza de actividades industriais; en particular, nas áreas da Coruña e Ferrol, a base media mensual por persoa sitúase por riba dos 1.900 euros, como se observa no mapa seguinte. Oleiros é, de feito, o concello coa base de cotización máis elevada de Galicia en marzo de 2026; as persoas afiliadas con residencia en Oleiros cotizan por unha base que acada os 2.677,2 euros de media.

Tamén é elevada a base media de cotización mensual por persoa en parte dos concellos costeiros que conforman as comarcas da Mariña Oriental, Central e Occidental (en Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro), en Cee (concello da Costa da Morte) e na comarca de Valdeorras, entre outros.


Base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o concello de residencia. Marzo de 2026

Unidade: euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).


Na seguinte táboa preséntanse os 15 concellos con maior base media mensual en marzo de 2026. Santiago de Compostela é, despois de Oleiros, o concello con maior base media de cotización mensual, acadando os 2.481,0 euros de media por persoa. A continuación sitúanse A Coruña, con 2.431,8 euros por persoa, e Cervo, con 2.411,5 euros por persoa.

Táboa cos 15 concellos de Galicia con maior base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social. Marzo de 2026
Unidade: cotizantes, euros/persoa
Espazo Cotizantes Base media mensual por persoa Índice da base media (Galicia=100)
15058 Oleiros 12.575 2.677,2 121,0
15078 Santiago de Compostela 34.786 2.481,0 112,1
15030 Coruña, A 82.303 2.431,8 109,9
27013 Cervo 1.162 2.411,5 109,0
15004 Ares 1.803 2.391,0 108,0
15002 Ames 12.829 2.384,7 107,7
15008 Bergondo 2.304 2.377,6 107,4
15013 Brión 2.767 2.369,9 107,1
15082 Teo 6.725 2.362,7 106,8
15091 Vilarmaior 368 2.359,3 106,6
15087 Valdoviño 1.839 2.355,6 106,4
15024 Cerceda 1.626 2.346,5 106,0
15048 Miño 2.294 2.343,4 105,9
15031 Culleredo 11.664 2.318,6 104,8
15015 Cabanas 994 2.318,4 104,8
Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)

As bases medias no Réxime Xeral máis baixas sitúanse, pola súa banda, nos concellos do sur de Ourense; os situados no límite entre as provincias de Pontevedra e Ourense, e no interior da provincia de Lugo (exceptuando a propia capital e os concellos que a bordean). En Pontedeva, por exemplo, a base de cotización media por persoa sitúase por debaixo dos 1.700 euros (1.675,7 euros por persoa); en Calvos de Randín situouse nos 1.708,8 euros por persoa e Ramirás, nos 1.739,3 euros por persoa. Na táboa de abaixo complétase o listado dos 15 concellos con menor base de cotización.

Táboa cos 15 concellos de Galicia con menor base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social. Marzo de 2026
Unidade: cotizantes, euros/persoa
Espazo Cotizantes Base media mensual por persoa Índice da base media (Galicia=100)
32064 Pontedeva 99 1.675,7 75,7
32016 Calvos de Randín 97 1.708,8 77,2
32068 Ramirás 308 1.739,3 78,6
36022 Grove, O 2.940 1.751,3 79,1
15037 Fisterra 857 1.757,2 79,4
36025 Lama, A 458 1.768,8 79,9
36027 Meaño 1.472 1.779,5 80,4
32066 Quintela de Leirado 82 1.791,7 81,0
32021 Castrelo do Val 176 1.806,8 81,6
32014 Bola, A 215 1.817,3 82,1
32056 Padrenda 272 1.825,9 82,5
27062 Triacastela 109 1.830,7 82,7
32005 Baltar 184 1.833,2 82,8
32091 Vilardevós 217 1.834,4 82,9
32028 Cualedro 290 1.834,9 82,9
Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa).

5. Notas metodolóxicas

O principal obxectivo desta actividade estatística é proporcionar información sobre as bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que traballan e residen en Galicia.

Por medio desta estatística caracterízanse ás persoas que cotizan neste réxime, que supón arredor do 75% do Sistema da Seguridade Social, segundo as súas variables persoais (xénero, grupo de idade, nacionalidade e concello de residencia) e laborais (tipo de contrato, tipo de xornada, actividade económica e grupo de cotización) e calcúlase, para cada categoría, a base media mensual de cotización por persoa.

En moitas ocasións, a base de cotización coincide coa retribución mensual bruta da persoa e é o importe que se emprega no cálculo das cantidades que deben ingresar a empresa e o traballador ou a traballadora para ter dereito, no futuro, á percepción dunha prestación do Sistema da Seguridade Social (por exemplo, no momento da xubilación). Polo tanto, coñecer o seu valor, así como a súa evolución e distribución polo territorio, é vital para o estudo do mercado laboral de Galicia.

A poboación obxecto de estudo é o conxunto das persoas que cotizaron ao Réxime Xeral da Seguridade Social polo menos un día no mes de referencia, cuxa conta de cotización na súa afiliación principal se atope inscrita nunha das catro provincias de Galicia e que, ademais, residan na Comunidade Autónoma.

A principal fonte de información da que se nutre esta estatística é o ficheiro de bases de cotización no Réxime Xeral que facilita a Tesourería Xeral da Seguridade Social (TGSS) ao Instituto Galego de Estatística (IGE) con carácter trimestral.

A metodoloxía empregada polo IGE na súa elaboración baséase na establecida pola TGSS na súa publicación, cunha excepción: no seu caso, a clasificación territorial da poboación en estudo vén dada polo lugar de traballo, mentres que na estatística do IGE corresponde co lugar de residencia. De aí que existan pequenas diferenzas nas cifras de cotizantes e base media publicadas polo Ministerio para Galicia e as que derivan desta estatística do IGE. A metodoloxía completa pode consultarse na seguinte ligazón.

Definicións, fontes e máis información

Metodoloxía

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada