Principais resultados

1. Evolución das persoas cotizantes e da súa base media de cotización en Galicia


En marzo de 2025, rexistráronse en Galicia unhas 803.010 persoas afiliadas á Seguridade Social con residencia na Comunidade Autónoma e que cotizaban ao Réxime Xeral. A base media de cotización deste grupo situouse nos 2.122,7 euros ao mes por persoa.

A cifra de cotizantes no Réxime Xeral en Galicia de 2025 é similar á de hai 3 meses, en decembro . A base media mensual por persoa creceu un 2% neste mesmo período. Con respecto a marzo do ano anterior, a cifra de cotizantes creceu un 2,1% e o valor da base media mensual de cotización, un 4,4%.


Cotizantes e base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia. Marzo de 2025

Unidade: cotizantes, euros/persoa, taxas de variación

Variable 2025/Marzo Variación relativa respecto a 2024/Decembro Variación relativa respecto a 2024/Marzo
Cotizantes 803.010 0 2,1
Base media mensual 2.122,7 2 4,4

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)


A evolución interanual, tanto das persoas cotizantes como da base media mensual por persoa no Réxime Xeral en Galicia, foi positiva dende xaneiro do 2022.

Na cifra de cotizantes obsérvase unha certa tendencia á estacionalidade (gráfico de abaixo, eixe vertical esquerdo); así, a cifra de persoas cotizantes é maior nos meses de verán que no resto dos meses.

En canto á base media mensual, esta mantívose relativamente estable dende o primeiro mes da serie (gráfico de abaixo, eixe vertical dereito) ata setembro do 2022, mes no que experimenta unha leve caída. A partir dese momento inicia unha tendencia ascendente.


Evolución das persoas cotizantes e da súa base media mensual no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia

Unidade: cotizantes, euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)


2. Base media segundo as características da persoa cotizante


O 49,3% das persoas que cotizaron ao Réxime Xeral da Seguridade Social en Galicia no mes de marzo de 2025, con residencia tamén na Comunidade Autónoma, eran homes e o 50,7% restante, mulleres. Polo tanto, o xénero feminino supera lixeiramente ao masculino en número de cotizantes.

Pola contra, a base media de cotización por persoa dos homes é significativamente superior á das mulleres: a primeira situouse en marzo en 2.279,7 euros, mentres que a base media para as mulleres se situou nos 1.970,4 euros por muller, 309,3 euros por debaixo da dos homes.


Cotizantes e base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o xénero. Marzo de 2025

Unidade: cotizantes, euros/persoa

Variable Total Homes Mulleres
Cotizantes 803.010 395.571 407.439
Base media mensual por persoa 2.122,7 2.279,7 1.970,4

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)


A contía da base media mensual por persoa aumenta coa idade do cotizante.

Os tres primeiros grupos que figuran no gráfico seguinte, por debaixo de 30 anos, de 30 a 34 anos e dos 35 aos 39 anos, contan cunha base media por debaixo da media galega. No caso do primeiro grupo, o de menor base de cotización, esta atópase un 28% por debaixo da media de Galicia (1.528,1 para o grupo de idade dos menores de 30 anos, fronte a 2.122,7 euros por persoa de media en Galicia en marzo de 2025).

A partir do grupo de idade de 40 a 44 anos, a base media de cotización por persoa supera xa os 2.000 euros mensuais; esta sobe de grupo en grupo, ata o de maior idade, o das persoas que contaban con 60 ou máis anos en marzo, que percibiron de media unha base de cotización de 2.331,8 euros mensuais.


Base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o grupo de idade. Marzo de 2025

Unidade: euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)


3. Base media segundo as características da afiliación


En marzo, o 75,8% das persoas que cotizaron ao Réxime Xeral da Seguridade Social en Galicia e que residían tamén na Comunidade Autónoma, estaban vinculadas á empresa mediante un contrato de tipo indefinido; o 15,3%, mediante un contrato de tipo temporal e o 8,9% son afiliados/as que non teñen contrato, ben por seren funcionarios/as, persoal estatutario ou persoas contratadas mediante programas de formación ou prácticas non laborais. O grupo das persoas afiliadas que non teñen contrato, é o que conta coa base de cotización media máis elevada, que se sitúa nos 3.183,2 euros ao mes por persoa. A base media mensual por persoa para os cotizantes con contrato indefinido no mes de marzo de 2025 situouse nos 2.048,7 euros, e a do grupo de cotizantes con contrato temporal situouse 176,7 euros por debaixo, en 1.872 euros por persoa.

No relativo ao tipo de xornada, o 83,3% dos cotizantes ao Réxime Xeral en Galicia traballa a xornada completa e o 16,7% traballa a xornada parcial. A base media de cotización das persoas que traballaron a xornada completa no mes de marzo en Galicia, cuxa residencia se situaba tamén na Comunidade Autónoma galega, foi de 2.318 euros por cotizante. A base media de cotización do grupo de cotizantes a xornada parcial situouse neste mes nos 1.150,3 euros por persoa.


Cotizantes e base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o tipo de contrato e o tipo de xornada. Marzo de 2025

Unidade: cotizantes, euros/persoa

Variable Cotizantes Base media mensual por persoa
Total 803.010 2.122,7
  • Completa
668.742 2.318,0
  • Parcial
134.268 1.150,3
Indefinido 608.537 2.048,7
  • Completa
504.477 2.234,3
  • Parcial
104.060 1.149,1
Temporal 122.924 1.872,0
  • Completa
94.329 2.111,2
  • Parcial
28.595 1.082,9
Sen contrato 71.549 3.183,2
  • Completa
69.936 3.200,9
  • Parcial
1.613 2.419,8

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)

Nota: a categoría “Sen contrato” inclúe ás persoas para as que non figura o tipo de contrato no ficheiro (por erro ou omisión), funcionarios e funcionarias, persoal estatutario, programas de formación e prácticas non laborais en empresas (consultar os Reais Decretos 1493/2011 e 1543/2011).


Como se observa na seguinte gráfica, existen importantes diferenzas nas bases medias de cotización segundo a actividade económica que realice a persoa cotizante. O valor máis elevado acádase nas seccións K e L da CNAE-2009, que corresponden coas actividades relacionadas co sector das finanzas e dos seguros, onde a base media mensual por persoa supera nun 53,6% á media galega en marzo de 2025 (acadando os 3.259,7 euros/persoa). As seguintes actividades económicas con maior base de cotización mensual por persoa son as correspondentes a actividades relacionadas coa produción de enerxía, subministración de auga e xestión de residuos (seccións D e E da CNAE-2009, con 2.688 euros/persoa), administración pública e defensa (sección O, con 2.586,8 euros) e as actividades relacionadas coa información e as comunicacións (sección J, 2.529 euros por persoa).

Pola contra, na sección I da CNAE-2009, que engloba ás actividades relacionadas coa hostalaría, a base media de cotización mensual por persoa sitúase un 44,3% por debaixo da media de Galicia; neste grupo de actividades, a cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social en marzo de 2025 situouse nos 1.182,4 euros por persoa. Nas actividades correspondentes ás seccións N (actividades administrativas e servizos auxiliares), R-S (actividades artísticas, recreativas e de entretemento; outros servizos) e T-U (actividades dos fogares como produtores de bens e servizos para uso propio) da CNAE-2009, a base media de cotización por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social tamén se atopa bastante por debaixo da media galega, arredor dos 1.400 euros por persoa.


Base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo a sección de actividade económica. Marzo de 2025

Unidade: euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)

Nota: A. Agricultura, gandaría, silvicultura e pesca; B, C. Industrias extractivas; industria manufactureira; D, E. Enerxía, subministración de auga e xestión de residuos; F. Construción; G. Comercio por xunto e ao retallo; reparación de vehículos de motor e motocicletas; H. Transporte e almacenamento; I. Hostalaría; J. Información e comunicacións; K, L. Actividades financeiras e de seguros; actividades inmobiliarias; M. Actividades profesionais, científicas e técnicas; N. Actividades administrativas e servizos auxiliares; O. Administración pública e defensa; seguranza social obrigatoria; P. Educación; Q. Actividades sanitarias e de servizos sociais; R, S. Actividades artísticas, recreativas e de entretemento; outros servizos; T, U. Actividades dos fogares como produtores de bens e servizos para uso propio; actividades de organizacións e organismos extraterritoriais


4. Distribución territorial da base media de cotización


As sete grandes cidades galegas e os seus concellos limítrofes concentran as maiores bases de cotización de Galicia; en particular, na conurbación que rodea as cidades da Coruña e Ferrol, a base media mensual por persoa sitúase por riba dos 1.900 euros, como se observa no mapa de abaixo. Oleiros é, de feito, o concello coa base de cotización máis elevada de Galicia en marzo de 2025; as persoas afiliadas con residencia en Oleiros cotizan por unha base que acada os 2.579,7 euros de media.

Tamén é elevada a base media de cotización mensual por persoa en parte dos concellos costeiros que conforman as comarcas da Mariña Oriental, Central e Occidental (en Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro), en Cee (concello da Costa da Morte) e na comarca de Valdeorras, entre outros.


Base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o concello de residencia. Marzo de 2025

Unidade: euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)


Na seguinte táboa preséntanse os 15 concellos con maior base media mensual en marzo de 2025. Santiago de Compostela é, despois de Oleiros, o concello con maior base media de cotización mensual, acadando os 2.379,9 euros de media por persoa no mes de marzo de 2025. A continuación sitúanse Coruña, A, con 2.335,5 euros/persoa, e Cervo, con 2.310,3 euros por persoa.


Táboa cos 15 concellos de Galicia con maior base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social. Marzo de 2025

Unidade: cotizantes, euros/persoa

Espazo Cotizantes Base media mensual por persoa Índice da base media (Galicia=100)
15058 Oleiros 12.145 2.579,7 121,5
15078 Santiago de Compostela 34.191 2.379,9 112,1
15030 Coruña, A 80.432 2.335,5 110,0
27013 Cervo 1.190 2.310,3 108,8
15008 Bergondo 2.120 2.300,0 108,4
15004 Ares 1.784 2.276,6 107,2
15002 Ames 12.636 2.261,4 106,5
15082 Teo 6.647 2.259,2 106,4
15013 Brión 2.706 2.254,9 106,2
15087 Valdoviño 1.786 2.249,5 106,0
15048 Miño 2.212 2.237,0 105,4
15024 Cerceda 1.564 2.233,8 105,2
15091 Vilarmaior 360 2.233,5 105,2
36057 Vigo 95.308 2.233,5 105,2
36038 Pontevedra 25.120 2.233,1 105,2

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)


As bases medias no Réxime Xeral máis baixas sitúanse, pola súa banda, nos concellos do sur de Ourense; nos concellos que se sitúan no límite entre as provincias de Pontevedra e Ourense, e no interior de Lugo (exceptuando a propia capital e os concellos que a bordean). En Quintela de Leirado, por exemplo, a base de cotización media por persoa non supera os 1.600 euros en marzo de 2025 (1.531,8); en Ramirás situouse nos 1.649,9 euros/persoa e Calvos de Randín, nos 1.652,2 euros/persoa. Na táboa de abaixo complétase o listado dos 15 concellos con menor base de cotización no mes de marzo.


Táboa cos 15 concellos de Galicia con menor base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social. Marzo de 2025

Unidade: cotizantes, euros/persoa

Espazo Cotizantes Base media mensual por persoa Índice da base media (Galicia=100)
32066 Quintela de Leirado 92 1.531,8 72,2
32068 Ramirás 284 1.649,9 77,7
32016 Calvos de Randín 110 1.652,2 77,8
32091 Vilardevós 261 1.666,2 78,5
32053 Oímbra 304 1.686,6 79,5
32028 Cualedro 313 1.707,2 80,4
32084 Verea 212 1.709,1 80,5
27055 Samos 237 1.718,2 80,9
32021 Castrelo do Val 166 1.718,2 80,9
32064 Pontedeva 94 1.720,3 81,0
36027 Meaño 1.406 1.724,6 81,2
36025 Lama, A 456 1.724,9 81,3
32005 Baltar 187 1.733,0 81,6
32010 Beade 67 1.734,8 81,7
32078 Sarreaus 208 1.738,4 81,9

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)


5. Notas metodolóxicas

O principal obxectivo desta actividade estatística é proporcionar información sobre as bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que traballan e residen en Galicia.

Por medio desta estatística caracterízanse ás persoas que cotizan neste réxime, que supón arredor do 75% do Sistema da Seguridade Social, segundo as súas variables persoais (xénero, grupo de idade, nacionalidade e concello de residencia) e laborais (tipo de contrato, tipo de xornada, actividade económica e grupo de cotización) e calcúlase, para cada categoría, a base media mensual de cotización por persoa.

En moitas ocasións, a base de cotización coincide coa retribución mensual bruta da persoa e é o importe que se emprega no cálculo das cantidades que deben ingresar a empresa e o traballador ou a traballadora para ter dereito, no futuro, á percepción dunha prestación do Sistema da Seguridade Social (por exemplo, no momento da xubilación). Polo tanto, coñecer o seu valor, así como a súa evolución e distribución polo territorio, é vital para o estudo do mercado laboral de Galicia.

A poboación obxecto de estudo é o conxunto das persoas que cotizaron ao Réxime Xeral da Seguridade Social polo menos un día no mes de referencia, cuxa conta de cotización na súa afiliación principal se atope inscrita nunha das catro provincias de Galicia e que, ademais, residan na Comunidade Autónoma.

A principal fonte de información da que se nutre esta estatística é o ficheiro de bases de cotización no Réxime Xeral que facilita a Tesourería Xeral da Seguridade Social (TGSS) ao Instituto Galego de Estatística (IGE) con carácter trimestral.

A metodoloxía empregada polo IGE na súa elaboración baséase na establecida pola TGSS na súa publicación, cunha excepción: no seu caso, a clasificación territorial da poboación en estudo vén dada polo lugar de traballo, mentres que na estatística do IGE corresponde co lugar de residencia. De aí que existan pequenas diferenzas nas cifras de cotizantes e base media publicadas polo Ministerio para Galicia e as que derivan desta estatística do IGE. A metodoloxía completa pode consultarse na seguinte ligazón.


Definicións, fontes e máis información

Metodoloxía

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada