Resumo de resultados




Conta Satélite da Cultura. Ano 2011

Resumo de resultados. Marzo 2016

Introdución

A Conta Satélite da Cultura é unha operación do Sistema de Contas Económicas de Galicia. O seu obxectivo principal é proporcionar un sistema de medición económica do sector cultural, que permita valorar a importancia deste sector no conxunto da economía galega, así como pór de manifesto a estrutura produtiva das diferentes actividades culturais.

Na elaboración desta operación emprégase, fundamentalmente, a información do Marco Input-Output de Galicia. Os resultados obtidos nesta operación compleméntanse cunha variada gama de fontes secundarias, entre as que destacan as enquisas industriais e de servizos do Instituto Nacional de Estadística (INE), as liquidacións orzamentarias das administracións públicas, e as enquisas elaboradas no seo do propio IGE para completar a información do Sistema de Contas Económicas.

O universo obxecto de estudo son as industrias culturais. Para delimitar o sector séguense as recomendacións do ESSnet-Culture1, o cal estableceu unha clasificación de actividades económicas e produtos que debían considerarse á hora de producir estatísticas culturais. No apartado de “Definicións e máis información” pode consultarse a clasificación completa das actividades culturais empregada na elaboración desta conta, en base á CNAE-2009, así coma dos bens e servizos incluídos dentro do ámbito cultural (en base á CPA-2008).

A partir das fontes de información mencionadas e a delimitación establecida polo ESSnet-Culture, elabóranse a conta de produción e de explotación do sector cultural galego. Isto permite cuantificar a achega do sector ao Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia. Tamén se ofrecen indicadores sobre o volume de emprego, o gasto en consumo final dos fogares e das administracións públicas. Finalmente, o sector cultural divídese en distintos sectores en función do tipo de actividade cultural, así como en fases atendendo a súa situación dentro da cadea produtiva dos bens e servizos culturais. Para cada un destes sectores e fases, calcúlase a conta de produción e o volume de emprego, tanto asalariado como non asalariado. Os resultados presentados corresponden ao ano 2011.

1O ESSnet-Culture (siglas en inglés de European Statistical System Network on Culture) é un grupo de traballo a nivel europeo formado por expertos no ámbito da cultura, cuxo obxectivo é construír un sistema de información coherente e comparable sobre o sector.

Peso da cultura en Galicia

O sector da cultura achega o 2% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia. A produción das industrias culturais en 2011 ascendeu a 2.127.447 miles de euros. Tendo en conta que os seus consumos intermedios se situaron nos 1.023.528 miles de €, isto implica que as industrias culturais xeraron un valor engadido superior aos mil cen millóns de euros en 2011.


A remuneración de asalariados situouse nos 668.629 miles de euros, o que supón o 2,5% da remuneración total da economía galega. As industrias culturais ocuparon a unhas 30.828 persoas en 2011; delas, o 80% era emprego asalariado e o 20% restante emprego autónomo. Se o comparamos co emprego total da economía, obsérvase que a cultura ocupa ao 3% dos traballadores e traballadoras de Galicia.


Polo lado da demanda, o gasto das Administracións Públicas en bens e servizos culturais situouse en 2011 nos 367.627 miles de euros, mentres que o dos fogares ascendeu aos 1.002.728 miles de euros. Isto supón case o 3% do gasto total dos fogares en 2011

As magnitudes da cultura en Galicia e peso destas na economía galega. Ano 2011
Miles de € (prezos correntes), %

Fonte: IGE. Conta Satélite da Cultura (descarga da táboa)
Nota: a segunda columna da táboa reflicte o peso de cada magnitude cultural na correspondente magnitude da economía galega; por exemplo, a produción das industrias culturais representa o 1,9% da produción total da economía galega en 2011. No caso do VEB, a porcentaxe do 2% refírese ao peso do VEB das industrias culturais, non no VEB total da economía, senón no PIB de Galicia en 2011.

Conta de produción e emprego por sectores

O sector con maior peso na cultura galega é o das artes visuais, que aporta o 35,1% do Valor Engadido Bruto (VEB) xerado polas industrias culturais en Galicia. Baixo esta denominación agrúpase todo tipo de artes cuxo elemento diferenciador é o uso na súa forma de expresión de materiais tales como a pintura e a escultura; tamén inclúe a fotografía, a publicidade, a arquitectura e as actividades de deseño especializado, especialmente relevantes na nosa economía.

Valor Engadido Bruto (VEB) por sectores culturais. Ano 2011
Miles de euros (prezos correntes), %

Fonte: IGE. Conta Satélite da Cultura (descarga da táboa)

Ségueo en importancia o sector dos libros e da prensa, que achega o 26,8% do VEB cultural. A continuación sitúanse o audiovisual e multimedia (radio, televisión, cine, vídeo e música gravada), co 16,8% do VEB; as actividades de explotación do patrimonio artístico e monumental, arquivos e bibliotecas, co 9,3%; e, finalmente, as artes escénicas (teatro, ópera, concertos musicais, e outros moitos tipos de espectáculos escénicos en vivo), co 7,8%. O 4,2% restante corresponde ás actividades de regulación e promoción levadas a cabo polas administracións públicas no eido da cultura, que se inclúen no sector “interdisciplinar”, ante a imposibilidade de asignalas a un sector concreto.

En termos de emprego, a distribución por sectores é moi similar á presentada para o VEB, coa salvedade de que, neste caso, o sector dos libros e da prensa ten máis peso no emprego cultural total que o das artes visuais: uns 9.659 ocupados e ocupadas traballan no sector dos libros e prensa, fronte ás 9.517 persoas que prestan os seus servizos no das artes visuais.

Pola contra, se nos centrásemos unicamente nos postos de traballo non asalariados, de novo o sector das artes visuais é o que concentra maior volume de emprego; neste sector; o 34% do persoal traballa por conta propia.

Postos de traballo equivalentes a tempo completo por sectores culturais. Ano 2011
Número de postos de traballo, %

Fonte: IGE. Conta Satélite da Cultura (descarga da táboa)

Distribución dos postos de traballo equivalentes a tempo completo entre asalariados e non asalariados por sectores culturais. Ano 2011
%

Fonte: IGE. Conta Satélite da Cultura (descarga da táboa)

Conta de produción e emprego por fases

Atendendo á situación que ocupan dentro da cadea de produción, as actividades culturais divídense en cinco fases: creación e produción, fabricación, difusión e distribución, promoción e regulación, e actividades auxiliares. De todas elas, a que achega maior valor engadido no eido da cultura é a primeira, que comprende as actividades relacionadas coa elaboración de ideas artísticas desenvolvida por artistas, autores e intérpretes.

A fase de creación e produción supón o 70,6% do VEB cultural. En termos de emprego, tamén é esta fase a que ocupa a maior volume de persoal: o 64,7% dos 30.828 postos de traballo xerados pola cultura en Galicia en 2011. Séguena en importancia, pero a moita distancia, as fases de difusión, distribución e comercialización, co 12,6% do VEB cultural total, e a de fabricación, co 10,9%.

Ao igual que no caso dos sectores, a meirande parte dos postos de traballo no sector cultural están ocupados por persoal asalariado. Non obstante, nas actividades auxiliares obsérvase unha maior prevalencia do traballo autónomo. Esta categoría comprende unha variada gama de actividades nas que se producen bens e servizos necesarios nas fases de fabricación ou distribución (por exemplo, consumos intermedios ou bens de capital necesarios para a fabricación de produtos culturais, coma os instrumentos musicais, ou produtos necesarios para que o consumidor poida desfrutar do ben cultural, coma os reprodutores de vídeo e audio). Nesta fase, o 32,5% dos postos están ocupados por traballadores por conta propia.

Valor Engadido Bruto (VEB) por fases culturais. Ano 2011
Miles de euros (prezos correntes), %

Fonte: IGE. Conta Satélite da Cultura (descarga da táboa)

Distribución dos postos de traballo equivalentes a tempo completo entre asalariados e non asalariados por sectores culturais. Ano 2011
%

Fonte: IGE. Conta Satélite da Cultura (descarga da táboa)

Postos de traballo equivalentes a tempo completo por fases culturais. Ano 2011
Número de postos de traballo, %

Fonte: IGE. Conta Satélite da Cultura (descarga da táboa)

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para optimizar o seu uso. As cookies non se utilizan para recoller información de carácter persoal. Se continúa navegando considérase que acepta o seu uso. Coñeza a nosa política de cookies

De acordo